Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Euskadi. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Euskadi. Amosar todas as publicacións

domingo, 12 de marzo de 2023

A política lingüística, baixo a toga


 por Marcelo Otamendi, en Nós Diario:

Algún día, e tal como imos non teremos que esperar moito, os cruzados que a xustiza española ten na maxistratura en Hego Euskal Herria decidirán, como no seu día decidiron en Catalunya, que nas escolas do modelo D, 25% das materias deberán impartirse en castelán. E entón será tarde, xa que non aprobamos os exames que nos impuxeron anteriormente eses mesmos maxistrados, e, nalgúns casos, porque non nos presentamos ao exame. 

mércores, 24 de marzo de 2021

Ikastolas, un berce para o éuscaro


 Vin que este informativo de Nós TV estaba a ter moito éxito, así que decidín espallalo tamén por aquí. Tratase dunha entrevista a Koldo Tellitu, presidente da confederación de Ikastolas

mércores, 3 de xuño de 2020

Sobre políticas lingüísticas

por Nicolasa Castro en Nós Diario:

Para unha acertada orientación no camiño á normalidade do noso idioma, convén seguirmos os avances e retrocesos que se producen noutras linguas minorizadas e estarmos atentas ás prácticas que en materia de política lingüística poden contribuír ao aumento de falantes. Por proximidade e polo acerto nas políticas lingüísticas aplicadas, os procesos de normalización do catalán e euskara son dignos de interese.

venres, 22 de febreiro de 2019

Día Internacional da Lingua Materna



A Cátedra UNESCO de Patrimonio Lingüístico Mundial (MHOUK) da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), co apoio da Fundación AZKUE, creou esta animación dixital para o Dia Internacional da Lingua materna e para lemvrar que o 2019 é o Ano Mundial das Linguas Indíxenas.

luns, 16 de xaneiro de 2017

Conferencia de Sés na Universidade de Deusto



Neste vídeo Sés non canta. Trátase dunha conferencia que impartiu unha conferencia na Universidade de Deusto e na que fala  de música, da súa introdución no mundo da música, do papel da muller, pero sobre todo, especialmente na primeira parte do vídeo, da lingua, da identidade e do orgullo de sermos galegos.

venres, 21 de outubro de 2016

A situación sociolingüistica do galego dentro e fóra de Galicia


Para ver esta fin de semana.
Xosé Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo, impartía hai tres anos (concretamente o 03/10/13) esta conferencia na Facultade de Letras da UPV/EHU na que fai un repaso da situación sociolingüística do galego, primeiro en Galicia, mais tamén noutros territorios. A conferencia é un moi bo resumo da situación do galego na actualidade. Ademais explícase moi claramente como os gobernos do PP impuxeron unha política de ataque radical á nosa lingua. Outra cualidade é que a pesar do tempo transcorrido, todo o que se di segue tendo plena vixencia na actualidade.
Un atractivo engadido que ten a conferencia é o de explicar cal é a situación alén dos Ancares. Quique Costas afirma, por expemplo, que  "fóra de Galicia hai 100.000 falantes de galego que non ten ningún dereito lingüístico" (min 28). De seguido fai un exhaustivo repaso da situación en distintos lugares. Isto ten moito que ver coa avaliación que cada tres anos fai un comité de expertos sobre o nivel de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM),

venres, 16 de setembro de 2016

A política lingüística na campaña electoral



Este vídeo da Mesa explica que “todos os datos amosan como o uso do galego está a diminuír a un ritmo alarmante, que só se comprende ao vermos como a posibilidade real de uso do galego está claramente limitada na práctica”. Aínda que preferiría que se divulgase o contido nun formato de presentación dixital (ver abaixo), se seguimos atentamente o vídeo veremos como se debuxa con claridade as principais liñas da enfermiza situación do galego, derivada dunha política lingüística agresiva contra a lingua debilitada. Co fin de reverter esta situación A Mesa propón seis propostas urxentes que o vindeiro goberno debería tomar.
Partindo dunha análise da realidade moi semellante, a Coordinadora Galega de ENDL elaborou tres decálogos de propostas para os partidos que concorren ás eleccións do 25-S centrados respectivamente nos ámbitos do ensino, os ENDL e a sociedade. O primeiro punto é a derrogación do funesto decreto do plurilingüismo.
Finalmente a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) tamén fixo a súa achega indicando cales deben ser as directrices para o traballo na normalización.
Con todo, a cuestión da lingua segue sendo residual no debate político da campaña electoral, o que fai sospeitar da existencia de tal debate. Onde si o hai é en Euskadi, aínda que iso non significa nada positivo. Alí tamén teñen eleccións, e un par de vídeos elaborados para a campaña xeneraron unha gran polémica que curiosamente non aparece nos medios das nosas latitudes. Saber delas  pode darnos pistas onde pode ir o (terrible) futuro do discurso supremacista. Quen tirou a primeira pedra foi o PSE, cun vídeo no que identifica ao euskera como un obstáculo para acceder á función pública, dá a entender que é unha barreira contrapoñéndoo á igualdade. Por suposto que esquecen toda referencia a políticas normalizadoras e de garantía de atención, non só na adminstración, do cidadán na lingua vilipendiada.
Pouco despois foi o PP vasco quen susbscribiu o mesmo discurso, reactivando o "discurso da imposición" no que os discriminados aparecen como discriminadores, a normalización é un pozo sen fondo de gastos, a lingua segregada é excluínte, unha barreira. A politítica lingüística que se potenciará consiste en cercala nun gueto ao seu final natural: a desaparición.
En Galicia o PP esconde este discurso baixo unha capa de galeguismo baleiro. Porén a súa política segue os pasos enunciados no vídeo do PP vasco. Onte mesmo o presidente en funcións anunciou que a Xunta deixará de usar o galego como lingua preferente na atención ao cidadán cun decreto que forzará á administración a responder en castelán a aqueles que lle presenten demandas nesta lingua. Lembremos que unha das primeiras medidas do primeiro goberno de Feijóo foi pechar as liñas de galego, aquelas que consistían na inmersión en galego naqueles centros das cidades que así o solicitaban para os pais que querían que os seus fillos se socializaran nesa lingua. Velaí que non se trata de respectar, nin tan siquera con restricións, a suposta escolla da lingua do cidadán, o obxectivo é a redución de espazos da lingua galega.

P.S.: A Mesa tamén puxo á nosa disposición unha presentación coa que se pode seguir mellor o desenvolvemento do contido do vídeo:


venres, 29 de abril de 2016

Regueifeiros e bertsolaris


Os bertsolaris son algo así como os regueifeiros vascos. Podemos ver con envexa como organizan un campionato nacional de bertsolaris e a emoción con que o viven, emoción derivada do orgullo polo propio.Velaquí unha excelente idea: poñer en contacto o espíritu bertsolari co espíritu regueifeiro, e con boas doses de humor abrir un espazo común entre ambas culturas. De aí o neoloxísmo regueibertso, que ata nos leva a pensar na poesía.
Quen o fixo? Pois o IES Marco co Camballón (Vila de Cruces), o IES Xulián Magariños Negreira (Baio) e o IES de Arratia. Parabéns a todos.
Co rexeitamento que me produce o fútbol aínda fun quen de dar visto o vídeo. Así que se o vin eu, debe velo todo o mundo. Non é o único desta collección. Polo momento hai un par deles máis: Ligando e Nomes galegos


Esta entrada permíteme ademais compartir un vídeo que vin hai tempo, e que non tivera ocasión de insertar por aquí:


BERTSOLARI PILOTO SPANISH SUB. from txintxua on Vimeo.

xoves, 31 de marzo de 2016

O Protocolo de Garantía dos Dereitos Lingüísticos



O Protocolo de Garantía dos Dereitos Lingüísticos será un documento que recollerá as medidas concretas para garantir os Dereitos Lingüísticos dos falantes . O Protocolo confeccionarase sobre a base da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, asinada en 1996 en Barcelona. Un Comité Científico composto por dezasete expertos, intelectuais e investigadores, con experiencia en diversas disciplinas e procedentes de diversos ámbitos. Unha das funcións deste comité será garantir a incorporación de todas as perspectivas no Protocoloserá o último responsable de redactar o Protocolo. O documento contrastarase con numerosos axentes e institucións sociais e presentarase en decembro de 2016 en San Sebastián, no marco do Cume Europeo da Diversidad Lingüística.
Para facerse unha idea do proxecto pódese consultar a súa páxina web ou ler este documento

P.S.: O pasado mes de decembro A Mesa informaba que o Comité Científico contaría con participación galega. En concreto coa profesora da Universidade da Coruña, Pilar García Negro.

xoves, 3 de decembro de 2015

Os neofalantes, protagonistas do Día Internacional do Euskera



Cunha campaña de visibilización do euskera, o goberno vasco celebra este ano o Día Internacional do Euskera. Ofrécenlle a rúa aos euskaldun berris,aos neofalantes, que son os que fan que o euskera siga latendo. Esta xornada vese potlenciada porque tamén se celebra o 30 aniversario da promulgación da súa  Lei de Normalización
Entre as accións previas para a celebración realizouse a lectura, en voz alta, dun comunicado no que se pedía que se levara o euskera do corazón aos beizos.
Na campaña destacan que o número de euskaldun berris era de 255.900 persoas, o 36,6% da poboación. Fronte a un 0,5% da poboación euskaldun zahar, isto é, falantes de euskera desde cativos, a cantidade de neofalantes é enorme. A chamada que se fai desde esta campaña é a que mostren orgullosos o seu coñecemento da lingua vasca pois con estas cifras está claro que o futuro desta lingua está nos incorporados nos últimos anos. Isto tamén nos recorda que o galego é a única lingua peninsular que perdeu falantes. Velaí que, se noutros territorios se aplicaron políticas normalizadoras, en Galicia o que houbo foi unha política exterminadora da lingua da terra.
A Lei de Normalización Lingüística galega tamén fixera 30 anos no 2013 cun destacado silencio institucional. O Sermos Galiza fixera unha pedira un balance a varios especialistas que non estaría mal recordar: [1] e [2]

venres, 20 de marzo de 2015

A meirande iniciativa en prol dun idioma ten lugar en Euskal Herria: Korrika

por Lander Arbelaitz, no Sermos Galiza:

O 19 de marzo, os cidadáns e as cidadás vascas porán en marcha a iniciativa máis multitudinaria que calquera pobo do mundo leve a cabo en prol do seu idioma. Participarán nela centos de milleiros de persoas, entregándose de man en man, sen interrupción, un testemuño que simboliza a propia lingua. Ao longo de once días e dez noites, nunha festa de 210 horas de duración, correrán aproximadamente 2.300 kilómetros, unindas a maioría das vilas e cidades de Euskal Herria entre si. Euskal Herria está en Europa, entre o sur do Estado Francés e o norte do Estado Español.
No seguinte vídeo pódense ver imaxes das últimas edicións de Korrika

domingo, 18 de xaneiro de 2015

Outra traizón da Xunta á lingua galega

denuncia dun novo desprezo do galego feito pola política lingüística da Xunta, en Prolingua:

A Xunta silencia unha proposta de edición multilingüe de obras literarias galegas, catalás e vascas

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
X. M. Díaz Castro
Aproveitando a presentación da edición bilingüe en galego-éuscaro da obra de Díaz Castro Nimbos/Argi-koroak, o goberno vasco anunciaba unha proposta (https://www.irekia.euskadi.net/es/news/23710) conxunta coa Generalitat de Cataluña e a Xunta de Galicia para instar o Goberno de España a poñer en marcha unha iniciativa para a edición multilingüe (catalán-castelán-éuscaro-galego) de obras literarias representativas das linguas minorizadas.

luns, 25 de novembro de 2013

#mundiala



O vindeiro 3 de decembro é o Día Internacional do Euskera. O Goberno Vasco puxo en marcha unha campaña desde un novo portal www.mundiala.net animando á cidadanía a enviar un chío co hastag #mundiala co obxectivo de que o euskera ocupe espazos non formais.
No seguinte spot dous xaponeses podemos ver a dous xaponeses que xa hai tres décadas aprenderon a falar en euskera. O anuncio forma parte da campaña #mundiala.
E nós aquí a velas vir. Cun goberno que só chega a producir mentiras querendo colgarse medallas que non lle corresponden no proceso da tradución do Twitter ao galego.



domingo, 16 de xuño de 2013

Contos do que non hai



Actuación da música e contacontos galega Maria da Pontragha, dentro das xornadas "Contadas & Musicadas. Oralidade, música e literatura en Galiza" que tiveron lugar en Deusto o pasado mes de novembro do 2012

venres, 1 de marzo de 2013

Un idioma entra na casa: un discurso para pais castelán-falantes



Un discurso para pais castelán-falantes por Paula Kasares, onde invita aos pais a acompañar aos nenos na aprendizaxe dunha lingua que non usa, ou como neste caso (o euskera), que non domina. Este discurso sería moito máis fácil de establecelo en Galicia, pero para iso compriría unha actitude completamente diferente por parte da Xunta. A un tempo podemos comprobar o radicalismo do noso goberno
A tese central do que nos di Paula Kasares é que os pais poden transmitir unha lingua que non usan, incluso máis, poden transmitir unha lingua que non coñecen:
No mundo hai máis de 6000 linguas e 200 estados. Polo menos 30 linguas por estado. O raro é unha sociedade cunha soa lingua.
Os vosos fillos van ter o castelán, que é a lingua socialmente forte, como lingua materna. Teñen o castelán asegurado. Non hai que ter ese medo porque é infundado.
Escola e fogar non poden ser mundos lingüísticos separados. O euskera non se pode reducir só ao ámbito escolar. Para iso as actitudes e os valores e actitudes que poden transmitir os pais son fundamentais. No caso do que se fala no vídeo, o euskera, os pais son descoñecedores da lingua, pero iso non impedirá que xoguen un papel fundamental e activo na aprendizaxe da nova lingua para os seus fillos.
Paula Kasares explica aos pais que os nenos na escola traballan un 15% do uso da lingua. A lingua apréndese tanto dentro como fóra da escola.
Os nenos introducen unha nova lingua na casa. Para eles non haberá nada máis estimulante que ensinarlla aos seus pais. Velaquí unha conferencia moi clara e coherente que, entre outras cousas, demostra que a política lingüística da Xunta vai directamente contra a integración e a suma

Vía Marlou

sábado, 9 de febreiro de 2013

Itziar Idiazabal: 'Concordo con que a Lei Wert serve para "financiar a ignorancia"'

Miguel Pardo entrevista a Itziar Idiazabal para Praza:

Itziar Idiazabal é a coordinadora da Cátedra Unesco de Patrimonio Lingüístico Mundial da Universidade do País Vasco (UPV). Catedrática do Departamento de Lingüística e Estudos Vascos e experta en adquisición da linguaxe de nenos bilingües e en ensino bilingüe, fala con Praza a poucos días da celebración do Día Internacional da Lingua Materna, o vindeiro 21 de febreiro. Desde a cátedra, traballa para "difundir a idea de que é importante manter, fortalecer e preservar todas as linguas, que son fonte da diversidade" e para loitar tamén "contra os prexuízos" que hai arredor da diversidade idiomática.
Como ve a visión que no Estado español hai da diversidade lingüística?
No Estado español, ao igual que en moitas partes de Occidente, aínda prevalece a idea de que o monolingüismo é a opción ideal, tanto desde o punto de vista individual como social. Do Ebro para abaixo, no caso de Euskadi, aínda se segue a falar do “problema” do bilingüismo cando o verdadeiro problema é o monolingüismo. Queda moito por facer, tanto nas comunidades bilingües como, sobre todo, nos territorios monolingües.