O conto foi así. Recebín hai uns días aviso dunha mensaxe oral no meu telemóbel. Ao descoñecer o número, fixen a comprobación oportuna e verifiquei que se trataba dunha das pesadísimas –e consentidas– compañías telefónicas, dedicadas á caza e captura de clientela. O gravado di así: "Sale ahí... un contestador en portugués". O dito non era para min, obviamente, senón un comentario con algún compañeiro ou compañeira de traballo telefónico. A voz masculina tiña sotaque nativo. Cal, a miña mensaxe gravada?: "Deixe, se quixer, a súa mensaxe. Obrigada". Galego puro. En fin, o comentario tróuxome á memoria a gargallada descomunal da miña nai cando lle perguntaron nunha tenda (de que eu era clienta habitual) se a súa filla (servidora) era portuguesa. Galega coma min!!, exclamou ela. Hai moitos anos disto. Vese que a consideraban a ela fonte fiábel da información que a min non ousaran perguntar. En resumo: falar galego sempre, falar galego formal, público = portugués. Neles, nos portugueses, enténdese, porque non teñen máis remedio: é o seu. No noso caso, xa sabemos que se entende por "normal": mudar do galego ao español cando convén. Tamén me veu á memoria a afirmación do responsábel dun parque de campismo no Algarve (1978): ao ouvirnos falar a catro amigos, identificounos como galegos, para alegría nosa, mais aclarounos que se refería ao "galego" deles, isto é, o portugués setentrional, o sul da antiga Gallaecia, diríamos hoxe.
1. A forma latina MĒLĒS, -ĬS designaba o mamífero carniceiro da familia dos mustélidos de pelo longo e espeso, agrisado no lombo, negro nas patas e no ventre, e abrancazado con dúas listas negras do fociño ata detrás das orellas, que vive en tobos profundos e ten costumes nocturnos. De MĒLĚ(M) debeu crearse en galego o termo mel, co e fechado, semellante a mel, co e aberto, do lat. MĚLLĚ(M), que designa a substancia doce e espesa que elaboran as abellas co néctar das flores e que tan gorentosa lle resulta ó devandito mustélido.
Carlos L. Medrano, que acaba de publicar o libro Gramática Xeroglífica, é o autor dun gorentoso blogue de ludolingüismo, Xogos de Lingua. Por unha publicación súa en Aulas Galegas soubemos deste Genialy - Trivial que nos propón algúns retos sobre a historia da lingua
Documental da AGAL dos 40 anos do galego como lingua oficial,
Participan neste audiovisual José Luís Rodríguez, Elvira Souto, María Xosé Queizán, Martinho Montero Santalha, Tiago Peres, Víctor Freixanes, Bernardo Penabade, María Solar, Pilar García Negro, Elias Torres, Manuel Portas, Ana Miranda, José Ramom Pichel, Eduardo Maragoto, Henrique Monteagudo, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Alba Nogueira, Carlos Callón, Uxia, Susana Sánchez Arins, Ramón Villares, Ângelo Cristóvão, Valentín García e Beatriz Bieites
'Risco de giz' é un documental no que Xarda viaxa pola fronteira entre Galiza e Portugal, desde o Castromil da provincia de Zamora ata a desembocadura do Miño. Parando e facendo vida nas vilas dos dous lados da raia, falamos con veciñas e expertas sobre as súas culturas, da lingua, do despoboamento, da covid ou lembrando como era a vida nos tempos das ditaduras e do contrabando.
A catástrofe da pandemia da COVID 19 obrigou a que a programación de conferencias presenciais, reservadas para o público da localidade, multiplicase un tipo de charlas paradoxalmente máis próximas, máis cara a cara e máis preparadas para poder ver en vídeo. Presento aquí a conferencia que M. Victoria Otero Espinar impartiu telemáticamente para o Ateneo de Santiago baixo o título "Matemáticas, linguas e outros asuntos"
Na conferencia explícanse varios modelos matemáticos que desenvolven a dinámica entre dúas linguas en conflito. Botei en falta unha perspectiva normalizadora. Fálase da morte de tal forma que parece natural e non se incide en que o declive dunha lingua vén dado pola implantación dunha política lingüística co obxectivo do asasinato lingüístico.
As matemáticas poden sintetizar a evolución lingüística nun territorio? O problema consiste en cuantificar a dinámica lingüística
Pártese das seguintes hipóteses: o uso da lingua aumenta cando aumenta o número de falantes e tamén cando aumenta o seu prestixio.
Establécese o cambio lingüístico dunha lingua X a outra lingua Y en función das hipóteses anteriores. A partir de aquí establécese unha ecuación diferencial
onde tanto s coma o resto dos parámetros, toma valores no intervalo [0,1] e mide o estatus da lingua X fronte a 1-s que nos daría o estatus da outra lingua. O parámetro a pondera a fracción de membros dun grupo para atraer novos falantes. Demostrouse que este parámetro a é prácticamente igual independentemente das linguas que estean en competición.O primeiro sumando representa os falantes de Y que cambian a X e o segundo o dos falantes de X que pasan a falar en Y.
Este modelo, publicado por Daniel M. Abrahams e Steven H. Strogatz en Nature no 2003 predice a morte dunha das linguas. O problema deste modelo é que considera linguas moi diferentes como o éuscaro e castelán e considera unha dinámica entre grupos estrictamente monolingües. Por iso introduciuse outro parámetro, k, que cuantifica a proximidade entre dúas linguas e tamén se introduce un grupo B de bilingües.
Este novo modelo, de Otero Espinar, Seoane, Nieto e Mira, axustouse para Galicia atendendo á evolución do galego e o castelán entre os anos 1875 a 1975. O seguinte paso consistiría en empregar este modelo para predecir a evolución da dinámica lingüística no futuro e establecer simulacións segundo cambien as condicións iniciais.
Partindo dunha alta similaridade entre galego e castelán: k=0.8 (o 1 sería a coincidencia), e dunha medida para o estatus do galego s=0.26 (versus un prestixio do castelán de 1-s=0.74) situariamonos onde está marcado o punto vermello. Como vemos está na zona verde, isto indica que as dúas linguas coexistirían pero cun claro declive do uso do galego. Como referencia, ao final do vídeo coméntase que os valores do éuscaro eran k=0,22 e s=0,4.
Este modelo de Otero Espinar et al é máis elaborado que o de Abrahams-Strogatz, pero desde o meu punto de vista ten aspectos cuestionables. Introdúcese mediante o parámetro k o concepto de "similaridade lingüística" pero isto pode ocultar un fenómeno cada vez máis presente en casos como o galego e o catalán. Resulta que a lingua minorizada, por ser semellante á dominante e tamén por esa minorización, vai recollendo como propias as estruturas da lingua A. Así temos un galego cada vez máis inzado de castelanismos, pero tamén, e isto é moito máis perigoso para a supervivencia da nosa lingua, a sintaxe galega está perdendo forza e converxendo cada vez máis cara a española. Neste sentido a similaridade entre linguas ten un efecto de dilución da lingua B que non vexo tratado neste modelo e que aceleraría a súa decadencia nun aspecto aínda máis preocupante que a da simple perda de falantes. Como se ve, hai campo para seguir elaborando modelos. O que teño claro é que en todos eles, unha perspectiva social normalizadora de defensa sen ataduras da lingua minorizada dará prediccións con perspectivas de crecemento e afianzamento da lingua ameazada nas condicións iniciais.
Pero, pódese medir a similitude entre linguas? Como se fai? Neste artigo do GCiencia divúlgase o traballo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) e, entre outras cousas coméntase un estudo de Xulio Sousa no que se mide mediante un índice a proximidade da fala de cada lugar co estándar. Entre outras cousas desmóntase o mito da enorme diferenza entre o galego falado e o normativo. Este tipo de estudos dialectolóxicos inclúen mapas tan fermososos como o seguinte, elaborado con diagramas de Voronoi ,como o deste chío do ILG sobre a denominación do derradeiro día do ano
Día tras día, chegamos hoxe ao 31 de decembro, o último día do ano. Despedímonos do 2018 e desexámosvos o mellor para o 2019! pic.twitter.com/xUo4o0Zg1t
Na última parte da conferencia Victoria Otero toca fala do uso do big-data, supuxo un cambio moi importante na análise da evolución das linguas. Están a crearse mundos virtuais no que o sofware pode crear linguas novas. Conta o caso duns investigadores de facebook que deixaron a dúas máquinas manter unha conversa entre elas. O resultado foi que crearon unha nova lingua, máis eficiente que o inglés.
Finalmente tamén se fala do problema da escaseza de licenciados en matemáticas que teñan como perspectiva profesional o ensino.
Son das que pensan que as aulas de lingua galega gañarían moito se o seu obxectivo principal fose a adquisición e mellora do uso dela mesma, na procura de asociacións que vaian para alén da materia e dunha gramática mal entendida. O galego que falamos e escrebemos é, tantas veces, pobre de solemnidade. Seco como unha folla de bacallau, influído semántica e lexicalmente polo español, sen o recordo de millenta usos fraseolóxicos e enfáticos que a nosa lingua posúe. Se a isto sumamos a tendencia a ‘apopularar’ falsamente a fala, mantendo nela o que a corrompeu historicamente, o resultado é penoso: non só combatemos a doenza, senón que a alimentamos. Demagoxia, non democracia.
Cando a TVG comezou a emitir os programas de #Dígocho Eu, non me parecía que fose a ter nin moito nin moi bo percorrido porque nun principio parecía unha restra de tiróns de orellas por falarmos mal a lingua. Ficou claro que a miña apreciación estaba errada. Co tempo os vídeos foron diversificándose, pero sobre todo, contan cunha xornalista, Esther Estévez, cunha moi boa dicción e desenfado diante das cámaras. Todo apunta non só cara unha lingua de calidade, senón, por esta vía, cara a normalización.
O éxito do programa fixo que se meteran na aventura do Tik Tok, onde alcanzaron novas cotas de éxito. Neste vídeo resúmese o máis visto
No día de onte a Consellaría de Educación reuniuse cos sindicatos para tratar as condicións de volta aos centros de ensino. No encontro a administración presentou unha proposta. Un, que a pesar dos anos segue sendo un tanto iluso, quixen lela para ter coñecemento, sen intermediarios, do que se estaba cocendo. Digo que quixen porque non fun quen de o facer. Intenteino varias veces, pero despois de varios esforzos vans, o resultado foi un completo fracaso. Non puiden albiscar o que propoñían as cúpulas educativas. Rendinme fronte á imposibilidade de entender o texto
Ben se ve que nas oficinas da Consellaría redactaron o texto en castelán e que posteriormente lle pasaron, moi por enriba, un tradutor. Despois, se houbo revisión, foi daquela maneira. O resultado, que non recomendo ler a ninguén, foi o dunha zaragallada incomestible. O que envorcou a conselleira sobre a mesa ante os representantes sindicais non é galego, é un insulto ao galego. Unha máis das múltiples mostras dunha política lingüística de desprezo á lingua de noso.
Podemos permitirnos seguir mantendo eses zunantes levando o temón da educación galega?
Como mostra da prea que sae desas cabezas, deixo aquí algúns retallos. Conste que, nin con moito, quixen ser exhaustivo. O seguinte vén dunha lectura en diagonal, e da que non saquei nada en limpo.
Para coñecermos máis (a) música en galego actual velaquí unha selección de 30 grupos/artistas de todos os estilos, especialmente pensada para xente moza feita por Nel Vidal. Ademais do vídeo temos en Edupuzle unha proposta para traballalo, unha ruleta de palabras en Educaplay e, como non! un Kahoot!
Unha actividade gorentosa e moi, moi completa.
Teño presentes aínda na memoria algúns comentarios da miña nai verbo de determinadas expresións e palabras no uso do galego. Ela recuperou con normalidade o galego da infancia (que lle fora, como a todo o mundo, proscrito e expulso da vida social xeral), cando as súas fillas o practicaron como lingua única. A lingua filial, de que falaba Carvalho Calero. Era moi prudente nas súas observacións, mais para min todas elas moi valiosas. O meu uso de “Obrigada” como fórmula de inicio e de remate de intervencións parlamentares suscitou nalgúns membros da Cámara os correspondentes comentarios irónicos ou burlescos (nada inusual: fillos da ignorancia e do autodesprezo). Lembro que daquela ‑hai xa tantos anos!‑ ela comentara: “Pois non debían rir, pois antes dicíase, por exemplo, “estoulle moi obrigada polo favor que me fixo”. Aquí debo introducir unha precisión importante. Nos primeiros tempos da reincorporación ao galego, miña nai non nomeaba o idioma senón que se refería a el como un locativo (“na aldea”) ou como o pasado (“antes”, “daquela”), isto é, como o proprio dunha época superada pola “normalidade” posterior (o proprio visto como anómalo, e o estranxeiro, como normal, signo da deriva histórica de nós, na lingua e no resto). Cando llo eu advertín, ela mudou decontado, e todas as súas referencias pasaron a ser ao galego e ao que a ela lle parecía correcto ou máis enxebre, repito, con toda a mesura. Noutra ocasión, como quen non quer a cousa, díxome: “Botades todo o día crendo, mais en galego dise “Eu coido...” ou “Eu penso...” (expresión de crenzas / pensamentos ou ideas). Claro, aí lembreime do meu querido e admirado profesor de Filosofía do bacharelato, cando me corrixiu a resposta a unha súa pergunta: “Usted no cree nada; dígame si piensa que este silogismo es verdadero o no”. Outros tempos, outra pedagoxía, outra atención á semántica.
Non é o mesmo falar ben que falar mal.Con esta premisa os da TVG tiveron unha boa iniciativa para o presente 2020 que estamos comenzando a andar. Trátase das pílulas audiovisuais #DígochoEu, que parten coa intención de "falarmos e escribirmos en galego un pouco mellor cada día"
Velaquí as dúas primeiras pezas. Esperamos que teña éxito e a iniciativa continúe a bo ritmo durante todo o ano.
Nesta pequena peza audiovisual explícanse as principais características diferenciadoras da fala ourensá. Forma parte do proxecto ...3 ,4 , 5, 6 pasos para falar o galego de..., argallado polo alumnado de lingua galega da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense, coas profesoras Reyes Rodríguez e Ana Iglesias detrás de todo o proceso. Ademais este vídeo é só un dos 9 que se elaboraron en total.
Velaquí os audiovisuais desta iniciativa:
Pacto de irmãos é un documental sobre os manuscritos máis antigos coñecidos escritos en galego-portugués que reflixte acerca das orixes da lingua a partir da descomposición do latín da vella Gallaecia, mais tamén sobre o papel da escrita na conformación social e cultural da comunidade de falantes.
Encontraremos á romanista Lídia Jorge, o escritor Rui Zink, o filólogo José António Souto Cabo (especialista no manuscrito que dá nome ao documental) ou à paleógrafa Maria José Azevedo Santos.
Doa a Doa foi un programa da TVG que se emitiu entre os anos 2007 e 2010. A idea que o sostiña era a proxección da transmisión oral. En cada capítulo, de 13 minutos de duración, varias persoas relataban ideas ou feitos arredor dun tema. No vídeo que se presenta aquí o tema era "o tesouro da lingua"
O proceso de estandarización do galego, que principiou de modo institucional por volta de 1970, áchase na actualidade nun relativo estado de definición. A normativización centrouse na ortografía, na morfoloxía e algo menos na fonética, de forma que determinados aspectos doutras disciplinas gramaticais se encontran, no día de hoxe, sen propostas equivalentes de referencia, como é o caso da sintaxe. Neste ámbito, aínda que as persoas galegofalantes dispoñen xeralmente dunha serie de coñecementos que lles permite distinguiren o que é válido do que o non é ou do que é admisíbel ou tolerábel do que non se pode aceptar, a polivalencia de posibilidades é notábel. Hai que notar que a propia sintaxe favorece a existencia de diversas hipóteses de selección por parte do conxunto de utentes dunha lingua. Pensando en termos fonolóxicos, non se pode acrecentar nin diminuír o número de fonemas do idioma, nin, acudindo aos dominios da morfoloxía, tampouco seremos capaces de mudarmos a cifra das unidades morfemáticas flexionais do verbo. Mais na sintaxe, quen fala ou escribe escolle entre diferentes tipos de estruturas, pois a comunidade de falantes ten a posibilidade de producir, en número infinito, frases novas e comprensibeis ou repetir outras