Natalia Sequeiro entrevistou a Marcos Maceira para o Galicia Hoxe:
Marcos Maceira preside desde o pasado sábado a Mesa Pola Normalización Lingüística. Licenciado en Historia e xestor cultural, presentou unha candidatura de continuidade co labor realizado durante doce anos polo seu predecesor Carlos Callón. As mobilizacións en defensa do galego e as denuncias polas discriminacións que seguen a sufrir os seus falantes centrarán o seu traballo nos próximos anos. Maceiras, malia recoñecer os avances que ten acadado a lingua galega, denuncia que nos últimos anos o retroceso é claro.
En que situación está o galego tras cinco anos do Goberno de Núñez Feijóo?
A situación do galego hoxe é a peor con diferenza de tódalas linguas que hai no Estado español. Vemos como o catalán ou o eusquera soben en falantes e como o galego está en retroceso. A política do goberno de Feijóo ten moito que ver con esa situación. Os dereitos dos galegos falantes non existen. No ensino é o único sitio do Estado no que está prohibido impartir determinadas materias en galego.
