Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Terra e Tempo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra e Tempo. Amosar todas as publicacións

mércores, 29 de decembro de 2021

Calar e tragar. A familia de Canet e as familias de aquí

 


por Manuel Rodríguez Carnota en Terra e Tempo:

Non hai moito tempo unha xove profesora da Universidade da Coruña programou un experimento co seu alumnado da Facultade de Educación. As e os futuros mestres habían participar nunha experiencia chamada de “travestismo lingüístico”. Mozas e mozos, castelanfalantes de ambiente urbano ou semiurbano, debían someterse á proba de falaren en galego con normalidade as vinte e catro horas do día durante unha semana, fose quen fose o seu interlocutor. Nunca os participantes deberían revelar a causa da súa nova conduta. Era falar galego porque si, e a ver que pasa.

 

mércores, 2 de xuño de 2021

Villares, o galego, a política e a mocidade


 por Ramón Rodríguez Carnota en Terra e Tempo:

Opinar é tratar de acoutar unha illa de certezas nun mar de dúbidas. Hoxe opinarei para interpretar alguén que non coñezo persoalmente; velaquí a primeira das incertezas. Sei, por outra banda, que unha cousa é o que unha persoa pensa, outra o que esa persoa di nunha entrevista, outra o que recolle un medio escrito e outra o que ese medio escrito escolle para titular unha nova. Até aquí as inseguridades, que todo o relativizan. Imos logo coas que entendo como certezas.

 

Villares, o galego, a política e a mocidade


por Miguel Rodríguez Carnota en Terra e Tempo:

Opinar é tratar de acoutar unha illa de certezas nun mar de dúbidas. Hoxe opinarei para interpretar alguén que non coñezo persoalmente; velaquí a primeira das incertezas. Sei, por outra banda, que unha cousa é o que unha persoa pensa, outra o que esa persoa di nunha entrevista, outra o que recolle un medio escrito e outra o que ese medio escrito escolle para titular unha nova. Até aquí as inseguridades, que todo o relativizan. Imos logo coas que entendo como certezas. 

luns, 5 de abril de 2021

Sobre "A muda lingüística na xuventude"(2020)

 por Miguel Rodríguez Carnota no Terra e Tempo:

Hai poucas semanas a Real Academia Galega publicou nos seus Cadernos de Lingua un informe chamado A muda lingüística na xuventude: momentos e factores que non pode pasar inadvertido. A súa autora é Lidia Gómez Martínez e o seu obxectivo é analizar cando, como e por que as mozas e mozos mudan de lingua ao longo da súa vida.

 

xoves, 16 de xullo de 2020

Negacionismo enxebre

 


por Miguel Rodríguez Carnota, en Terra e Tempo:

Negacionismo é a arte de rexeitar unha parte da realidade contra toda evidencia racional. Os negacionismos cumpren unha dupla función: unha de carácter social, a moi evidente de resultar útil aos poderosos, pois fai desaparecer da vista realidades patentes que os poidan incomodar ou cuestionar. A outra, a moi reconfortante función psicolóxica de trocar verdades inquietantes por crenzas confortábeis, moito máis doadas de asumir esobrelevar.

 

martes, 5 de novembro de 2019

Máis unha vez. A lingua decide

por Manuel Cabada Castro en Terra e Tempo:


“Erguer unha patria asoballada,
reconstruír unha lingua escarnecida”
(Méndez Ferrín, Crónica de nós, p. 34)

A insistente gota que unha e outra vez se esnafra na rocha pode chegar a fendela. Ocorre outro tanto coa velaíña creación de conciencia da transcendental valía da lingua comunal no xurdimento e afianzamento do ser dos pobos. Galicia é sen dúbida un pobo de seu, con secular lingua, cultura e historia propias. Por deformadas, ameazadas e agachadas que en si mesmas estas poidan estar. Cómpre, pois, sermos gotas. Ou, mellor, sermos, cadaquén e todas a unha, podente cachoeira que destrúa os obstáculos que se opoñen á liberación da nosa lingua, da nosa cultura, do noso propio ser.

martes, 6 de agosto de 2019

Odio el gallego

por Robert Neal Baxter en Terra e Tempo:

Hai cousa dun mes fun facer os exames de español para estranxeir@s, obrigatorios para quen queira solicitar a nacionalidade española. Durante a pausa, aproveitei para falar un pouco con algunhas das outras persoas inscritas e fiquei francamente abraiado coa actitude dunha delas, que xa levaba varios anos asentada en Lugo.

xoves, 18 de xullo de 2019

Sociolingüística hospitalaria, un novo campo de pesquisa para a lingua galega

por Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo:

O ser humano, desde que hai 140.000 anos comezou a desenvolver a linguaxe articulada, leva opinando sobre temáticas lingüísticas en situacións e en auditorios moito diferentes. Posibelmente, unha das primeiras reflexións que fixo o obrigase a reparar en que algunhas comunidades humanas xeograficamente próximas empregaban un linguaxar non exactamente coincidente co propio, o que, nalgúns casos mesmo implicaría que a intercomprensión nin sempre se caracterizase por se facer efectiva. É tamén probábel que, co andar do tempo, a figura dunha persoa que puidese servir como intérprete se fixese imprescindíbel en determinados casos, de forma que, talvez, o primeiro oficio de verdadeiras dimensións sociais e comerciais que existiu, en vez dos dous tan reiteramente citados e coñecidos, fose o de tradutor ou tradutora. Naqueles tempos tan lonxincuos, o ser humano quizais tamén puido cavilar en que había linguas que as empregaban as clases dominantes para exerceren o poder e que existían outras, contrastivamente, que eran as utilizadas por persoas que vivían na escravatura ou que pertencían ás camadas sociais más desfavorecidas. En fin… Estas son suposicións que facemos, apelando á comprensión do público lector, non verificábeis cientificamente, mais si, a noso ver, cando menos suxestivas.

luns, 3 de xuño de 2019

A lingua no ensino. Unha proposta urxente

por Marta Dacosta Alonso no Terra e Tempo:

A solución potencial do problema (o uso público do galego) é cada vez máis patente, pero todo vai depender da marcha da vida política canto á participación das forzas de resisténcia.” F. Rodríguez (1991): Conflito Lingüístico e ideoloxia na Galiza, Santiago de Compostela: Ed. Laiovento, páx. 75.

venres, 22 de marzo de 2019

Dani non pode falar galego. Historias certas e apariencias falsas

por Miguel Rodríguez Carnota no Terra e Tempo:


Daniel existe e é un rapaz vilego que vai en primeiro de ESO. Hoxe ten como tarefa participar nun programa de radio que el e as súas compañeiras fan en galego nun instituto onde o alumnado utiliza o español na súa práctica totalidade. Soño, chámase a actividade do día. Nela, os rapaces e as rapazas deben expresar con poucas palabras precisamente iso, cales son os soños que ocupan as súas mentes, que é un xeito de dicir como é o mundo que lles gustaría ocupar nesa vida completa que os agarda.

martes, 19 de marzo de 2019

Sintaxe e calidade da lingua: a colocación dos pronomes

 Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo:


O proceso de estandarización do galego, que principiou de modo institucional por volta de 1970, áchase na actualidade nun relativo estado de definición. A normativización centrouse na ortografía, na morfoloxía e algo menos na fonética, de forma que determinados aspectos doutras disciplinas gramaticais se encontran, no día de hoxe, sen propostas equivalentes de referencia, como é o caso da sintaxe. Neste ámbito, aínda que as persoas galegofalantes dispoñen xeralmente dunha serie de coñecementos que lles permite distinguiren o que é válido do que o non é ou do que é admisíbel ou tolerábel do que non se pode aceptar, a polivalencia de posibilidades é notábel. Hai que notar que a propia sintaxe favorece a existencia de diversas hipóteses de selección por parte do conxunto de utentes dunha lingua. Pensando en termos fonolóxicos, non se pode acrecentar nin diminuír o número de fonemas do idioma, nin, acudindo aos dominios da morfoloxía, tampouco seremos capaces de mudarmos a cifra das unidades morfemáticas flexionais do verbo. Mais na sintaxe, quen fala ou escribe escolle entre diferentes tipos de estruturas, pois a comunidade de falantes ten a posibilidade de producir, en número infinito, frases novas e comprensibeis ou repetir outras

luns, 25 de febreiro de 2019

Fraguas

por Xoán Carlos Garrido Couceiro, no Terra e Tempo:

Dicir Fraguas na comarca de Tabeirós-Terra de Montes pode que xa non diga nada para a maior parte da xente. Morreu a case totalidade do seu alumnado daquel Instituto de Segunda Ensinanza da República na que el exerceu de mestre na Estrada. Non hai moito dicir Fraguas era motivo de vergoña colectiva de toda aquela xeración. Unha xeración que tratou de resarcir a súa pasividade atemorizada coa homenaxe que lle tributou anos despois en 1960 (vodas de prata do Instituto) e 1984 (vodas de ouro). Dicir Fraguas era lembrar o agarimo polas nosas cousas, a investigación pola nosa historia e cultura, a divulgación das nosas tradicións e un ensino innovador que rachaba os límites das aulas, saía dos balados do instituto para percorrer co alumnado os castros da bisbarra na procura dos rastros do que nalgún tempo fomos. Pero o pago que tivo foi a humillación pública logo do 36 pola súa militancia galeguista.

martes, 22 de xaneiro de 2019

Adolescentes: o sorprendente e inquietante parecido entre falar en galego e saír do armario

por Miguel Rodríguez Carnota en Terra e Tempo:

“Esta é a miña!”, repetiron por separado Amaro, Olalla e Helena cando lles tocou ir para Santiago estudar. Amaro, Olalla e Helena, dezaoito anos cumpridos, falaban galego na casa mais xa non se atrevían a falalo con normalidade no instituto. Aos poucos foran claudicando, renunciando a ese hábito e adoptando o español como lingua habitual cos compañeiros. Polo que puidese suceder, o galego foi mellor deixalo para as clases de lingua, para algún profe comprensivo ou para o Día da Letras Galegas. E punto. E grazas.

venres, 18 de xaneiro de 2019

Algunhas reflexións sobre a necesidade de aprimorarmos o uso da lingua

por Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo:

Durante o século XIX, cando o idioma galego comeza a ser estudado e reivindicado con certo rigor, un dos debates que se produciu asentou na necesidade de recuperar a autenticidade lingüística. Así, perante a relativa diversidade local, reparábase en que galego podería ser o máis xenuíno ou onde se debería ir procurar un “galego enxebre” ou até en que escritoras e escritores posuían o estilo máis recomendábel. Ao mesmo tempo, moitas das persoas que nesa época se ocuparon das dificultades sociais que tiña a lingua identificaron unha boa parte deses problemas nas influencias que o galego sofría a respecto do español, as cales, en moitos casos, chegaban a xerar unha variedade hibridizada. E quen realmente se preocupaba polo futuro do idioma fixo ás veces chamadas de atención para que ese estado de cousas non progredise ou, no mellor dos casos, para que recuase, pois percibíase con total clareza que unha das ameazas máis serias para a sobrevivencia do galego consistía precisamente na constante erosión a que estaba sometido: colectores de literatura tradicional, gramáticos, intelectuais comprometidos coa lingua, poetas etc. subliñaron, con maior ou menor acerto, con menor ou maior intensidade, e cadaquén desde as súas propias concepcións ideolóxico-lingüísticas, que o idioma se achaba nunha situación de perigo por esas perennes beliscadelas da, na altura, única lingua oficial. O compromiso coa recuperación real do galego, pois, confluía en todo o momento coa súa necesaria estilización, xa que se entendía que non se podía recuperar a forma cando a substancia tiña serias problemáticas internas.

xoves, 22 de novembro de 2018

Microespañolismos (e 3): Prezados agresores

por Miguel Rodríguez Carnota no Terra e Tempo:

Disposto a rematar esta serie de artigos dedicados a dar conta das agresións exercidas sobre alumnas e alumnos galegofalantes nos nosos centros escolares, debo revelar a fonte de información que serve de base tanto e este escrito como aos dous anteriores, publicados nos pasados meses de xullo e setembro. Trátase dos primeiros resultados dunha pesquisa en curso na que se estudan en profundidade os testemuños dun número de informantes e se comparan cunha observación directa exercida en primeira persoa durante anos. Non é un traballo no que falemos de porcentaxes ou de evolucións estatísticas sobre o uso da lingua. Esta pesquisa vai dirixida a relatar as experiencias, moitas delas terríbeis, de galegofalantes adolescentes en situación de singularidade, de descubrir as razóns últimas e máis íntimas do abandono da lingua galega por parte de moitos adolescentes vilegos e de desvelar as desiguais relacións de poder que se ocultan detrás de cada comportamento lingüístico.

sábado, 22 de setembro de 2018

Microespañolismos (2): como axudares a túa crianza galegofalante a sobrevivir nun medio hostil

por Miguel Rodríguez Carnota, no Terra e Tempo:


Nas rexións máis poboadas de Galiza falar normalmente en galego é case imposíbel para un neno ou unha nena, e para unha persoa adolescente pode ser un exercicio de risco 

domingo, 22 de xullo de 2018

mércores, 18 de xullo de 2018

xoves, 5 de outubro de 2017

Lonxe de ser unha lingua como calquer outra que se pode aprender, o galego sería unha anomalía lingüística que seica hai que mamar desde o berce porque –como teño escoitado– “el gallego de verdá lo hay que mamar”. Este retrouso que se ouve amiúdo forma parte da mitoloxía que se erixe ao redor da figura da ‘falante nativa’, un ser mítico que tivo a boa sorte de zugar a ambrosía lingüística directamente da teta de súa mai, dando todo o seu significado ao termo ‘lingua materna’. Máis adiante, poderá cuspilo e renegar del, pasando a falar sempre a lingua do imperio que nos coloniza, por obriga directa ou por coerción, pois ninguén abandona a súa lingua por vontade propria na súa terra. Mais, sexa como for, sempre será unha ‘paleofalante’, á diferenza desta subespecie inferior que o tivo que aprender nos libros, a denominada ‘neofalante’. Antes de máis, convén lembrar que, debido ao proceso de substitución lingüística que deriva da doma e castración do País, non todas as persoas que viven na Galiza tiveron a sorte de nasceren e seren criadas nun ambiente galegofalante. Certamente, ten o seu mérito a falante nativa que mantén a súa lingua nun ambiente lingüisticamente hostil, empapado de español na escola, nos medios... Mais non menos mérito ten aquela persoa que, veña de onde viñer, chega a unha tomada de consciencia lingüística que a empurra a aprender e a utilizar o galego como lingua, adoptando unha práctica monolingüe nun entorno onde apenas se ouve falar galego, sobretodo entre a mocidade. Pois, encanto que a adquisición espontánea se pode vivir sen cuestionala ou mesmo valorala, podéndose aceitar ou rexeitar como calquer dádiva, a tomada de consciencia que implica para un neofalante pasar a ser galegofalante na práctica diaria estriba nun compromiso que tende a levar habitualmente a un activismo lingüísticos, o que non significa que non haxa tamén moitos e moitas falantes nativas activistas. Infelizmente, acontece que nos núcleos máis urbanos, xa en 1998, varias investigadoras alertaron que “a situación do galego no ámbito urbano ou semiurbano é case agónica, encanto que no ámbito rural perde posicións cunha rapidez alarmante”. Os datos máis recentes que recolle o Mapa Sociolingüístico de Galicia (2004) non só confirma esta tendencia, mais indica que se exacerba de xeito alarmante. O quid do problema radica en que hoxe por hoxe, sen renegarmos do rural, cumpre recoñecer que a populación se vai concentrando nas urbes. Apoiándose en La lengua materna en los espacios urbanos gallegos (M.A. Fernández, 1993), as mesmas investigadoras indican que “87 % do crescimento demográfico no século actual corresponde às cabeceiras urbanas. A populación radicada nas sete áreas urbanas galegas representa máis de 40 % do total, encanto que en 1900 representaba só 9,8 %. Portanto, [...] o facto de que nos ámbitos rurais existan aínda altas percentaxes de galegófonos habituais non supón unha grande esperanza a respeito do futuro mantemento da lingua.” Sen unha recuperación do galego nas cidades, pois, o fado do galego fica claro. E quen alza a bandeira do galego nos centros urbanos son, na maioría, neofalantes. Por esta razón, calquer mostra de neofalantofobía divide as falantes e non fai máis do que facer o xogo à penetración do español, debilitando a xa de por si precaria presenza do galego, axudando a facelo desaparecer, en vez de reforzalo para se voltar a tornar a lingua nacional da Galiza inteira: de todas e todos. As únicas persoas que merecen ser obxecto de censura e burla son aquel@s profisonais –entendido como quen cobra polo seu traballo, independentemente da súa capacitación ou capacidade...– que viven do galego ou que teñen o deber de o dignificar e promover, ante todo determinad@s persoeiros do CRTVG (que non tod@s) ou determinados cargos políticos, a comezar polo proprio Presidente da Xunta, que non son quen de colocar un pronome onde corresponde ou que se dedican a espallar unha imaxe deturpada dun galego maltratado como algo aceitábel e mesmo loábel: máis xenuíno... É verdade que unha falante nativa e unha neofalante tenden a non dispor das mesmas destrezas e recursos lingüísticos, mais o galego pode aprenderse como calquer outra lingua, cunha dedicación e empeño a aprenderse ben e procurar mellorar sempre, embora é moi fácil caír nos estereótipos, ao caricaturizar tanto as unhas como as outras. Por un lado, o tópico do paradoxo da ‘falante nativa’ como depositaria dun galego verdadeiro dun tempo dourado, mais que recorre a españolismos como abuelo, calle ou ghuevos como mostras de autenticidade, dun ghallegho auténtico. Polo outro, a neofalante incapaz de pronunciar o ene velar característico do galego, nen de distinguir máis que as cinco vogais do español. A realidade é máis complexa e rica. Non todas as falantes nativas castrapean e son moitas as que aman, coidan e cultivan a lingua, sen por iso renegaren do ‘seu’ galego de orixe (nen falta que fai!). Mesmo hai reintegracionistas no bastión rural do galego ‘enxebre’... Do mesmo xeito, tamén hai neofalantes competentes que gostan de mellorar e de aprender de quen fala mellor. O futuro do galego – se futuro ha de haber – pasará ineludibelmente polo encontro das diferentes falantes e as súas diferentes variantes, evitando sempre que se dilúa no mare magnum do español até o ponto de acabar sendo engulido. Talvez (ou mesmo moi probabelmente) o galego do futuro non será unha cousa pura e incorrupta, como nunca o son as linguas à medida que evolúen ao longo do tempo mediante o inevitábel contacto coas outras linguas do entorno, quéirase ou non. Ora, o que si cabe preservar é unha lingua viva e dinámica, fiel a si mesma, non unha peza de museu que se contempla mais non se toca. Temos moito a aprender as unhas das outras. A unión fai a forza e, e en vez de nos dividirmos segundo a sorte de onde nos tocou nascer, xuntas venceremos. Hai que reivindicar o galego como a inalienábel heranza de todas as galegas, incluídas aquelas a quen foi arrebatado mesmo antes de saíren ao mundo. Chegou o momento de superarmos a división entre neofalantes e paleofalantes para falarmos de galegoamantes. Porque non sobra ninguén na defensa do País e da súa lingua

por Robert Neal Baxter no Terra e Tempo:

Lonxe de ser unha lingua como calquer outra que se pode aprender, o galego sería unha anomalía lingüística que seica hai que mamar desde o berce porque –como teño escoitado– “el gallego de verdá lo hay que mamar”.

martes, 19 de setembro de 2017

Música e lingua galegas como obxecto de análise conxunta

por Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo: 

Para alén do seu traballo diario, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza anualmente varios eventos e actividades centrados na promoción, estudo e análise da lingua galega. Así, xunto ao Curso de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras que se celebra durante todo o mes de xullo, o citado organismo pon en andamento, igualmente nesa época, o monográfico Traballando en lingua. Curso de verán sobre dinamización lingüística, xornadas de dous ou tres días en que se analiza ao pormenor o estado do idioma galego nun ámbito moito concreto e as medidas que se poden adoptar a fin de melloraren esa situación. A actividade conta co apoio do Concello de Carballo –que é onde ten lugar, concretamente no Forum– e da Cooperativa de Traballadoras/es pola Normalización Lingüística. Noutros anos, o tema central asentou na transmisión xeracional, nas relacións entre lingua e tecido socioeconómico, nas interseccións entre o galego e o traballo colaborativo e a mudanza social etc.