Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Rafael Cuíña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rafael Cuíña. Amosar todas as publicacións

xoves, 19 de maio de 2011

Castelao e a thermomix

por Rafael Cuíña, quen introducindo un novo termo sociolingüístico, o do logaritmo neperiano, explica quen non foi e que non representa Castelao, no Xornal:

Se non escribise un artigo do tenor deste, non podería considerarme unha persoa coherente, nin ser eu mesmo. Desculpe o lector habitual desta columna se falo en primeira persoa para tentar facerlles chegar a opinión dun modesto/molesto militante dun partido que en ocasións saca os pés do testo para denunciar situacións traxicómicas producidas dende as salas de máquinas da súa organización.
Unha ofrenda floral na tumba de Castelao en Bonaval non pode ser un exercicio de cinismo partidista, mantendo unha calculada equidistancia entre o que un afirma e o que un fai. Sempre digo que sen dúbida o rianxeiro é un dos máis importantes símbolos de Galicia, pero está lonxe de representar, tristemente, moitos posuidores da veciñanza civil galega. Castelao non pode representar a un “logaritmo neperiano” político artificial, chamado “galeguismo cordial”. No Partido Popular militamos unha morea de militantes de sentimento galeguista, uns con base máis ideolóxica, outros con pouso máis populista. Militantes que veneran a figura de alguén fundamental para entender esta terra e aos que causa proídos a sistemática prostitución da súa figura por distintos persoeiros situados ideoloxicamente na beira contraria á que pretenden conquistar. Sería moi curiosa unha hipotética visita do Dalai Lama á tumba de Mao Tse Tung, a de Madoff á de Karl Marx, ou a mesma de Quevedo á de Góngora, para encomiar o contrario do que todos os días estou representando.
O pensamento político do rianxeiro é incompatible coa diglosia funcional escondida debaixo do “bilingüismo harmónico”, como o é con calquera medida que produza unha descompensación funcional entre un idioma que parte dunha posición de inferioridade e outro que se potencia, cando a súa superioridade cuantitativa tende a aumentar exponencialmente a costa do propio de Galicia. Mais se engadimos a concepción nacional de Galicia que tiña un e a relación rexión-Estado, que fomentan gran parte dos outros, atoparémonos nun galimatías existencial no que se o minuendo é Galicia e o sustraendo determinadas políticas con filia centralista, o resultado non pode ser outro que o cinismo calculado.
Pretender que Castelao sexa unha thermomix que valga para un roto e para un descosido é, cando menos, perigoso. Porque a calidade do produto pode parecer boa, máis o sabor pode ser en ocasións rexeitado por ser insoportablemente artificial… Ou non?

sábado, 22 de xaneiro de 2011

O erro co galego no Senado foi meu

por Rafael Cuíña, nun artigo no que fala do caso do uso do galego no senado e fai referencia a outro seu artigo, como sempre desde as páxinas do Xornal:


Debo recoñecelo, estou profundamente arrepentido de ter baixado a garda, ante o que as circunstancias demostran que nunca o podes e debes facer.
Escribía nesta mesma columna sobre o meu posicionamento ao respecto da utilización do noso idioma no Senado do Estado. Os meus argumentos básicos falaban da non necesidade de esixilo na “Cámara alta”, por coherencia, cando algúns o esiximos como único na Cámara galega. Engadía o custe por sesión de 12.000 euros, e o ridículo da utilización de aparatos de tradución existindo un idioma común castelán –o que se fala entre todos nos corredores–, xunto coa miña opinión da necesidade de desaparición do Senado, e a súa suposta función de cámara de representación interterritorial, por inútil e custosa.
Equivoqueime profundamente, e pido desculpas. Dinme conta do meu monumental erro –un non se cre un oráculo– cando sentín unha profunda vergonza ao observar a actitude de dúas senadoras do meu partido, nominalmente galegas. O seu desprezo pola nosa lingua, adornado de excusatio non petita sobre o seu amor a nosa cultura e a nosa lingua, resultoume un bochorno inasumible, para calquera que na súa alma albergue o máis mínimo sentimento de galeguidade. É evidente que non podes dar argumentalmente o máis mínimo indicio, para que a inmundicia atope acomodo. A actitude cos que danan o noso patrimonio, debe ser a de “nin un paso atrás”.
Estou aínda por ver unha soa medida, nestes tempos de convulsión cultural no país, na que en caso de dúbida, o galego non sexa o grande prexudicado. Se as senadoras Sáinz e Pan, e quen lles manda ter esa actitude, consideran que deben facer un limiar da súa inmundicia, asegurando un respecto e amor por algo que seguidamente desprezan, é que ou ben “non lles dá para máis”, ou ben obedece a estratexias nas cales, o obxectivo final –gobernar a calquera prezo–, debe estar por riba do futuro da terra á que eles cren representar –outra cousa é que o fagan.
Lémbrolles a esas representantes “nominais” da nosa terra, que militan nun partido de 100.000 afiliados, que na súa inmensísima parte aman un idioma co que se criaron, e que non cren en complexos co que forma parte da súa esencia. O que foi, pode volver a ser, e das voltas que en política da a vida, dou fe…
Non volverei a cometer ese erro de condescendencia. A miña palabra queda empeñada. Hoxe, se mo permiten, non hai “ou non?” que valga…

sábado, 9 de outubro de 2010

O 'L' para os de prácticas

por Rafael Cuíña, no Xornal:

Para dominar un auto, e poder dirixilo entre a densidade do tráfico, a lei obriga a sinalizar cun “L” ben visible, ante o potencial perigo de levar entre as mans unha máquina que non dominas de todo. En política acontecen situacións similares ás veces, xa que cando algúns tentan entrar en terreos farragosos, desviando atencións dos problemas reais da cidadanía, utilizan o recurso primitivo da chamada in pectore á polémica estéril, en troques de mostrar á sociedade a súa capacitación para liderala.
De verdade que fago auténticos esforzos para tentar entender aos políticos populares e socialistas da cidade de A Coruña, e a súa obsesión coa toponimia oficial. Establecen regras de tres un tanto curiosas con resultado diverso, en función do seu interese electoral do momento. Se a teima do galego é un tema menor para algúns, poñendo como escusa a preocupación maior da nosa sociedade pola actual e fonda crise, por que si é relevante para eles o debate sobre o topónimo da cidade herculina? Fala coma sempre de xeito intelixente Manuel Rivas, describindo o termo de “cosmopaletismo”, perfectamente aplicable á gran parte da clase política coruñesa, no que o afloramento dos complexos de inferioridade, son directamente proporcionais á obsesión por tapar unha realidade galega, como feito diferencial, coa vangarda do noso idioma nai.
En A Coruña, e tamén en gran parte da clase dirixente da cidade de Vigo, estase a xogar cos sentimentos da cidadanía utilizando como arma lanzable unha lingua que din querer, mais non respectan. A provocación de abrir un debate sobre a eliminación da Lei de Normalización Lingüística, coa lamentable inspiración dos instintos baixos de conseguir os votiños de galeófobos iracundos, retrata o problema existencial dunha sociedade que antepón os valores do pragmatismo e o utilitarismo, cando non do relativismo cultural. Se os responsables políticos elixidos por unha sociedade libre son inducidos a dar as costas aos seus valores culturais e sociais entroncados na raíz da súa concepción como pobo, este pode chegar co tempo á conclusión final de que o modelo de sociedade que propoñen algúns, terá que mudar por incapacidade súbita dos elementos distorsionadores.
Claro que de seguir por ese vieiro de indignidade co país dos uns e os outros, a moitos non lles quedará máis remedio que pedirlle ao condutor do auto co “L”, que pare alí mesmo, “que eu me baixo...” Ou non?

martes, 3 de agosto de 2010

A RAG si está no seu sitio

por Rafael Cuíña, no Xornal de Galicia:

Poderíamos falar de perigosa “regra de tres” á afirmación do presidente do goberno galego cando fala referíndose á Real Academia Galega como institución pouco útil se é o brazo dunha ideoloxía. E falo de perigosa, porque ese concepto sería perfectamente aplicable a determinadas actuacións do executivo galego, que poden vir viciadas polo erro de crer, de xeito irrefutable, que representan a ese falso concepto chamado “maioría silenciosa”.

Do mesmo xeito que afirmabamos hai uns días que Feijoo é un político de capacidade moi por riba da media do que se ve na política galega, o xusto é denunciar que neste caso erra estratexicamente ao criticar a unha institución autónoma como é a Real Academia, que ten todo o dereito a non compartir os postulados do presidente galego e, no seu caso, denunciar un decreto sobre a lingua galega que non considera axustado á legalidade vixente.
O camiño debera ser que esa proposta que o titular de San Caetano afirma estar encima da mesa do chamado pacto “polo galego” deixase de ser unhas etéreas verbas baleiras e se concretase en necesarias realidades.
Se algúns pensan que o “pensamento único” debe ser o “único dos pensamentos”, atoparanse enfronte institucións como a que garante e vela polas nosas letras, ás que os seus membros non teñen pinta de tremerlle o pulso, ante presións pouco xustificadas.
Probablemente, o presidente da Real Academia chegase moito máis lonxe na súa denuncia contra o decreto que esta Xunta promove, e que tantos sectores sociais están soldando na súa contra, mais a moderación e espírito de consenso que precisa o cargo, fai que Ferrín, que non é precisamente un calquera das nosas letras, exerza de equilibrista sobre unha corda á que algúns queren pringar de escorregadizo aceite.
O bilingüismo cordial protéxese tamén exercendo en liberdade –esa famosa liberdade da que tanto falan os promotores do monolingüismo– a defensa e promoción do idioma galego, dende responsables e racionais teses académicas, por riba do interese partidario.
Teño a plena certeza de que así o fai a institución presidida por Méndez Ferrín, mais en ocasións, e lamentándoo moito, non o teño tan claro, no caso de Núñez Feijóo... Ou non?

sábado, 22 de maio de 2010

E xira a nora

por Rafael Cuíña, no Xornal de Galicia. O pobre Cuíña vaise marear con tanta contradicción.
Un síntese ás veces coma un deses burros –e son plenamente consciente do que estou a dicir, para satisfacción dos sectores máis ultras– que pasan o día empurrando a nora, nunha camiñada interminable, que sempre volve ao mesmo punto de partida.
Debo recoñecer que o xoves cando chegaron as primeiras informacións sobre a eliminación da consulta aos pais, levei unha alegría, e felicitei tanto ao conselleiro de Educación como ao secretario xeral de Política Lingüística, cos que coincidín nunha homenaxe ao gran pintor lalinense Antón Lamazares, pola aceptación neste eido da resolución do Consello Consultivo de Galicia por parte do Goberno galego. Hoxe, tras analizar polo miúdo este acordo final –aínda recorrible_, quixera matizar algunhas cousas.
Se ben o avance é significativo, penso que non é suficiente. Considero modestamente que a busca do equilibrio entre as dúas linguas oficiais é xusto, mais por enésima vez reitero que existe un idioma que parte dunha clarísima posición de desvantaxe, co cal a única solución para chegares ao devandito equilibrio no chamado “bilingüismo harmónico”, non é outra que a discriminación positiva da lingua nai desta terra, que non é outra co galego. Non estou falando de inmersión; nun país no que os estudios estatísticos falan da perda dende o ano 2003 do 13% de galegofalantes, temos un problema evidente que só non o ve o que agocha a cabeza coa mesma táctica do avestruz, para non recoñecer a evidencia.
Claro que son significativos os bramidos contra o presidente Feijóo, dos impositores do castelán liderados por “Xoana de Arco”, por non aceptar unhas teses coas que eles consideran –erroneamente_ que lle deron a Xunta aos populares. O Goberno galego deulle as costas a eses impostores-impositores, o cal non é suficiente para contentar a todas as partes en conflito. Porque o que leva trampa, sen dúbida, é a posibilidade de elección por parte dos pais na etapa de infantil, nun momento clave do desenvolvemento intelectual dos nenos, e o anuncio da reforma lexislativa para poderen ser posible a maldita consulta no futuro, tamén en primaria e secundaria.
O que si me consta é a vontade do Goberno galego de acadar un pacto pola lingua, mais este para poder poñer uns piares sólidos ten que partir dunha suspensión, cando non retirada, do decreto aprobado no último Consello da Xunta, e un tenor de declaracións diferentes tanto do portavoz do Partido Popular, Rodriguez Miranda, insistindo de xeito pouco afortunado na teima da imposición, discurso afastado da posibilidade de calquera consenso, como dunha maior predisposición ao necesario diálogo por parte da oposición.
E como observo a algunha xente un pouco obsesionada coa militancia deste modesto columnista, dicir que na defensa do galego no único partido que milito e naquel no que non se me poida considerar nin por asomo un traidor á nosa cultura. Ou non?

venres, 14 de maio de 2010

17 de maio, percorrendo o mar de pedra

por Rafael Cuíña, empresario, en Vieiros
Alí estaremos, percorrendo as rúas dese mar de pedra estremecido polo vento que Celso Emilio cantou a Compostela, como unha masa inxente que dende a diversidade dos seus compoñentes, provén da fariña pura moída nos muíños do orgullo da gran nación galega.
E iremos en positivo, dende os que de sempre utilizan o idioma nai desta terra porque así o mamaron dos tetos existenciais dos seus ancestros, ata os que dende a utilización a cotío da lingua de Cervantes, respectan e teñen en valor a súa lingua irmá, semente da esencia da condición de galego.

Hoxe non quero que a política manche as miñas verbas cargadas de sentimento cara a nosa cultura. Hoxe é un día para convidar a todos aqueles que sintan esta terra, a camiñar xuntos na defensa da tradición herdada dos nosos pais e que queremos que sintan coma nós os nosos fillos. Un día para a exaltación da nosas letras, para a denuncia dos nosos temores polas ameazas latentes cara o noso idioma, para a reivindicación que non tiña que ser necesaria da figura de Novoneyra e o seu compromiso con Galicia, para mostrar ao mundo a sabedoría do poeta do Courel, terras que tanto admiro e nas que un perde no seu percorrido a noción do espacio-tempo, como fuxida perfecta dos problemas de tódolos días. Pero tamén é unha data para mostrar firmeza no compromiso, ante a falla de sensibilidade e as viles intencións dos liberticidas do bilingüismo, que choran polos recunchos escuros da alma negacionista debido aos seus complexos, e braman dende tribunas de intencións ignotas, tentando impor realidades ao chan onde pacen, sen apreciar o alimento vital que proporciona, nin considerar a riqueza cultural que atesoura.

É necesaria a asistencia de familias enteiras, de diferentes xeracións de galegos, e de xentes doutros pobos irmáns, que son conscientes da absoluta certeza de que todo o que suma, nunca resta, e todo o que pretenda restar ten que saber que somos dignos minuendos dispostos a enfrontarnos aos sustraendos do rancor e o acomplexamento culturalmente insustancial, que non os deixa durmir a pesares das súas conciencias valeiras.

Vémonos pois polos labirintos composteláns, que desembocan na arcadia do sentimento de pobo sinxelo, pero rexio e forte, ao que os furacáns negadores non poden bater, porque o enraizamento é tan sólido, que remata destruíndo todo intento contra el dos posuidores das ferramentas que amolan corazóns que latexan na terra de Novoneyra.

Ou non?


SE o pasado é pasado
i o presente é o urgente
por qué inda busca a xente
aquil soño clausurado?
Vido visto ben Santiago
i esa cuestión non resolta
fago camiño de volta
camiño de volta fago.
Camiño de volta fago
volvo do cabo do Mundo.
Terra sólo en ti me fundo:
é a certeza que trago.

UXÍO NOVONEYRA

luns, 3 de maio de 2010

O galego no senado

por Rafael Cuíña, empresario, en Vieiros

Teño na miña mente un debate estes días, entre o que me gustaría que fose unha realidade, e a coherencia ideolóxica dese pensamento.

Miren, con sinceridade considero que a institución do Senado do Estado é absolutamente innecesaria na súa concepción actual, pola súa evidente inutilidade e falla de practicidade, aínda que non tanto dende un punto de vista constitucional, como cámara de representación interterritorial. Se o gran problema para admitir a utilización do galego na chamada “cámara alta” é o custe financieiro, entón é cando empezan a aflorar no debate matices.

Sen ir máis lonxe, penso que é moito máis necesaria a promoción do galego, artellando unha rede similar ao Instituto Cervantes, aínda que proporcional, co galego no exterior, especialmente naqueles países nos que maior concentración de emigrantes temos, e que os seus descendentes por non estar en contacto directo coa Galicia dos seus pais, poden correlo risco de perdela posibilidade de coñecer e utilizar a súa lingua nai. Sempre será unha medida moito máis interesante que gastar 600.000 euros en que unha aeronave leve o nome “Galicia”, ou nin lles conto sobre a absoluta dilapidación da cifra de un millón de euros, na campaña explicativa do chamado “decreto do galego”. Se algúns buscan unha austeridade necesaria para o conxunto das políticas económicas, o que teñen que facer é ter claro o que é loxicamente prioritario, e o que non.

Por iso non teño claro a necesidade de incorporar no Senado o servizo de tradución ao galego, euskera, catalán e valençiá, nunha cámara na que todos se entenden no idioma castelán situada xeograficamente na capital do Estado, aínda que recoñezo que é perfectamente discutible esta tese. Se eu son dos que non tolera que no Parlamento galego, algúns deputados utilicen o castelán de xeito provocador, máis que por unha suposta liberdade pola cooficialidade dos dous idiomas, non sei ata que punto é coherente esixir a posibilidade da utilización do galego en unha institución situada en Madrid. En cambio, si considero necesario a posibilidade de utilización no Parlamento europeo do galego, xa que nesta asemblea non existe un entendemento idiomático común como si sucede no Senado, porque estarán de acordo vostedes comigo, que sería curioso ver a Iñaki Anasagasti utilizando o servicio de traducción castelán-euskera ao non dominar esta lingua, coño recoñeceu nunha recente entrevista.

Pero o que é, dende un punto de vista de estatutario, unha obriga, é a promoción da lingua galega nas distintas institucións. De aí que teña no meu interior un debate entre o que considero lóxico e racional, e o que me gustaría, que non é outra cousa que a liberdade de utilización do galego no Senado, de xeito ideoloxicamente egoísta. De forma que quero deixar aberto o debate para o lector sobre este artigo, considerando necesaria a desaparición do Senado por custoso e inútil, e non necesariamente por ese orde; e afirmando que o PSOE trata de abrir un debate para desviar atencións sobre problemas actualmente máis graves, convertendo en oportunista o que non debería ser. Pero o certo é que incoherentemente o que me gusta é a posibilidade de utilizar o galego tamén naquelas terras, e que me fai lembrar cando sendo cativo meu pai dábame a paga que me correspondía, e despois chegaba a madriña co agasallo “extra” de vinte pesos máis por detrás...

Ou non?

martes, 16 de marzo de 2010

Cando caen as máscaras, comenza o baile...

por Rafael Cuíña, empresario e militante do PP, no Xornal de Galicia



Inspirábame o título deste artigo unha conversa coa deputada autonómica Carme Adán, especialmente sensibilizada coa lea lingüística que estamos a sufrir nesta terra, e cuxo compromiso coa nosa cultura cualificaría de exemplar.
Resumiría todo o que sinto nestes momentos de decepción, cunha frase cuxa autoría é nin máis nin menos que do presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín: “Os inimigos do galego apresúranse a evitar que a lingua sexa útil”. E así é...
O decreto do galego non é máis que unha “santa bárbara” chea de foguetes negacionistas, polas presións de sectores absolutamente obsesionados con reducir a presencia do galego na sociedade. Acomplexados pola pouca –segundo eles– practicidade do idioma desta terra, camiñan por un universo paralelo á súa Historia, tentando, como xinetes da apocalipse cultural galega, que se impoña progresivamente o monolingüísmo castelanista, escondido detrás de grandilocuentes verbas, prostituídas por saír dos beizos de quen veñen, como liberdade.
Repito, unha vez máis, que esta teima lingüística que algúns demostran día tras día, intentando buscar equilibrios inxustos entre o castelán e o atacado galego, non fan máis que reflectir unha triste situación de división social, á que debería dar fronte un goberno convenientemente concienciado da necesidade, e obriga moral, de gobernar para todos.
Penso, custe o que me custe, que o partido do Goberno, do que son militante e votante, debe facer unha reforma nos seus estatutos, e recoñecer que os actuais dirixentes decidiron deixar de ser un partido galeguista, pola súa lexítima concepción da política galega, e recoñecer que tentan facer un “rexionalismo” para non enfrontarse a sectores duros montados aos lombos dos poderes fácticos, a pesares que na súa organización, existan persoas de corazón profundamente galeguista, ao cales os medos á imposibilidade a acceder a determinadas poltronas fagan que calen publicamente o que din sentir por esta teima. Chegou o momento que dende as entrañas do partido máis importante de Galicia, por decisión soberana dos seus cidadáns, xurdan voces autorizadas e valentes que recoñezan abertamente o seu desacordo co texto do decreto, e que rebatan como fan tralas sombras, de xeito pouco comprometido, que este é o decreto “co que está de acordo todo o PPdeG”, que non só non é certo, senón todo o contrario. O PPdeG é un partido profundamente democrático no que se pode disentir, sen medo a reprimendas dos seus dirixentes, sabendo que opinar diferente está dentro das regras do xogo político, porque do contrario, estarían vostedes comigo, do que estaríamos falando sería doutra cousa...
Eu nunca tería o atrevemento de chamar a rebelión civil polo decreto, como si fai Esperanza Aguirre co tema da subida do IVE, máis si pediría por enésima vez reflexión aos nosos dirixentes, para non quedar marcados para a Historia desta terra como persoas que en troques de amala e promocionala, puxeron paos nas rodas do seu orgullo identitario.
O Goberno buscou a “cuadratura do círculo” e non contentou a ninguén, mais como di a canción do mesmo nome de Vetusta Morla, que escribo en castelán para que entendan algúns dirixentes acomplexados das nosas cidades:

“Cuadrar el círculo de esta obsesión
asumir que rendirse no es una opción
saber que no os puedo aniquilar
no es suficiente para firmar la paz”

Ou non?

mércores, 24 de febreiro de 2010

Rosa Díez, patriota galega

por Rafael Cuíña, empresario, no Xornal de Galicia

Probablemente, se dixera no que nestes momentos estame a pasar pola mente, podería chegar a ter un serio problema legal. Se a miña conciencia o permitise, calaría mirando cara outro lado en sinal de desprezo, mais esta non o fai. Se a condición de orgulloso galego, non fose máis que unha etiqueta sen visos de concreción vital, escaparía dese lume que agora mesmo ferve no meu interior. Debe ser que non remato de aturar as ofensas dos “imbéciles e escuros” á terra dos meus pais.
Rosa Díez, vergoña do pensamento socialdemócrata, musa de Galicia Bilingüe e evidente impositora do castelán de xeito recalcitrantemente antigalego, tenta desacreditar –cando non insultar– ao presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, e ao líder da oposición, Mariano Rajoy, co termo “gallego”, sen ningún tipo de rubor, cando non da máis exquisita falla de educación. Non quero caer na demagoxia ao afirmar que de xeito probable, no subconsciente desta “elementa”, os galegos sexamos unha raza inferior que necesitemos dunhas directrices marcadas dende outras terras, polo gran risco de non podermos decidir por nós mesmos o noso futuro como pobo, nin por suposto sobre a nosa cultura “ameazada” por hordas de intolerantes galeguistas que só buscan “impoñer” un idioma diferente ao da gran nación española.
Deben os políticos desta terra rexeitar duramente estas afirmacións gratuítas da líder dun partido que en Galicia non representa a ninguén, aínda que a algúns gustaríalle que rematase sendo a bandeira da apoloxía de liberdades lingüísticas pouco cribles, representativas de colectivos marxinais de fondo pensamento antigalego, que pululan polas cidades da nosa terra chorando pola imposibilidade de que os seus fillos descoñezan o idioma nai desta terra. Non quero dar a sensación de pouco demócrata ao afirmar que esta señora e a súa forza se non se retractan, –aínda que xa sabemos o que en realidade pensa–, non están eticamente lexitimados para intentar representar a ningún galego dos que só entenden que as palabras que nos identifican como pobo, son motivo de orgullo de sentirmos diferentes a entes represores da nosa cultura.
Señora Díez: eu en ningún caso utilizarei ningún termo “pexorativo” para describila a vostede, o meu será meramente descritivo para chamala indecente.
Ou non?

mércores, 3 de febreiro de 2010

O “erro” de Vilariño de Conso

E para rematar coas críticas polo asunto do decreto, aquí chegan as do PP.

por Rafael Cuíña, empresario, en Vieiros

Sucede que en ocasións non hai maior cego, que o que non quere ver. A dirección do PPdeG tenta vender mediaticamente o rexeite ao borrador do decreto do galego, coma un erro dun alcalde e concelleiros do partido “indocumentados”, e polo tanto, non aptos para emitir en liberdade un xuízo de valor, sobre un decreto que remitíndonos aos feitos, evidentemente non comparten.
O “erro” de Vilariño de Conso, pode chegar a ser tan famoso como aquel estraño caso que tan ben relatara Camilo José Cela no tardofranquismo, do
“Cipote de Archidona” se fixeramos caso da valoración da dirección galega do partido a tamaña rebeldía ourensán. Os que temen unha revolución galeguista no Partido Popular, comezando por este digno concello ourensán, non deben temer a aquelas persoas e institucións que amosan un compromiso galeguista firme na defensa da nosa cultura, senón apoialo en sinal de respecto á historia desa organización en Galicia. O portavoz do PPdeG, na súa enfermiza obsesión de asemellarse ao papel que desempeñaba Xaime Pita noutros tempos, sae a palestra para defender o indefendible ao respecto da toma de posición dun Concello soberano. Rodríguez Miranda debe aplicar nas súas declaracións a recomendación destes días do Presidente Feijóo do “manual do home sensato”, para non rematar sendo algún día próximo –dito sexa con todo o respecto-, un potencial personaxe do “Celebrities” do programa televisivo “Muchachada Nui”, máis que un representante da militancia do partido co que en ocasións disentimos das súas proclamas.

A valentía dos populares de Vilariño de Conso non é máis que o reflexo do que pensan outros alcaldes, deputados e militantes, que non saen aos medios por temor a perder moito máis do que poidan gañar. Hai un movemento claro de galeguismo no PPdeG máis activo ca nunca ao que non lle gusta que un partido que nos seus estatutos se autodefine como “galeguista” poida dar un só paso atrás na defensa e implantación do noso idioma. Somos herdeiros da tradición galeguista de Risco, e ao mesmo tempo, dende posicións críticas nesta teima, leais co Presidente do partido, ao que respectamos por riba de diferencias que cando son deste calado non poden ser consideradas puntuais. Dicía Napoleón que el o que quería eran xenerais con sorte. As veces dá a sensación que esa fortuna abandona a aqueles que están na comodidade de non buscala, por estar seguros que o devir dos tempos seralle favorable, utilizando a vella táctica “marianista” de mirar cara outro lado e agardar que escampe. Asemade non perdemos o tempo en rebater as críticas que chegan por opinar nun dixital de suposto corte nacionalista como “Vieiros”, no que só atopei liberdade para dicir o que quero, e xente comprometida con Galicia, aínda que algúns lle chamen Galiza.

Aos que din dende o anonimato que só “causamos problemas”, dicirlle que eu a iso chámolle decencia e coherencia. E aínda que algúns consideren que é doado facer proclamas estando supostamente no cumio da pirámide de necesidades de Maslow, -que tan ben relata o compañeiro Marcelino Fernández Mallo no seu espléndido libro “Klásicos”-, non pararemos de dicir que coa cultura deste pobo non se xoga, e reclamar o dereito a disentir sendo fieis a unha estructura coa que nun momento dado podemos non compartir determinadas cuestións.

Ou non?