Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Nerea Costa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nerea Costa. Amosar todas as publicacións

sábado, 28 de maio de 2016

Os pallasos e o galego

por Nerea Costa no Sermos Galiza:

Esta semana mentres comía cunha amiga, laiábase pola probable desaparición do galego. Dicíame con pesadume que despois da súa xeración ninguén ía falalo, que por moito que ela llo inculcase aos seus fillos, sabía que cada día seríamos menos galegofalantes até que non quedase ningún. Naquel momento sentinme como un dos últimos exemplares de mamut do mundo buscando alguén máis da súa especie para sentarnos a espera do final.
Dicía Castelao que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma. O día que morra xa non seremos nada. O galego é a lingua da nosa terra, do noso pobo, por mal que lles pese a moitos, unha lingua que sobreviviu ao longo do tempo, malia que non foron poucos os intentos por facela desaparecer. Despois de ser asoballada durante a súa historia, parece mentira que sexa agora cando menos falantes ten. Agora que se ensina nas escolas, agora que se escriben máis libros en galego que nunca, agora que é a língua de moitos medios de comunicación, parece mentira que sexa este momento cando a vexamos esmorecer. Con dor, ollo cara á miña xeración, perdida entre teléfonos intelixentes e redes sociais que ironicamente nos volven pailáns e asociais. Asisto á morte electrónica do galego por mor do despego á língua e á cultura galega dos mozos e mozas