Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xosé González. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé González. Amosar todas as publicacións

luns, 6 de maio de 2013

Don Roberto González Pastoriza

por Xosé González, no Faro de Vigo e en Galeguizar Galicia:

Que o futuro da lingua galega non se xoga unicamente nos ámbitos da cultura e menos aínda no da literatura está máis que constatado. Hai ben tempo que algúns vímolo dicindo e procurando novos espazos sociais.

mércores, 6 de outubro de 2010

Día de Defuntos

por Xosé González, presidente do foro Enrique Peinador, no Xornal:

Polo verán e nadal insistimos, aproveitando que son meses de moito cosumo familiar, para que se elixan produtos etiquetados en galego, nomeadamente os viños, como unha maneira de apoiar a difusión da nosa lingua e galeguizar a economía. E nos primeiros meses do ano facemos outro chamamento para buscarmos a mesma fin nas máis de oito mil festas que se celebran en Galicia. As propostas resúmense nun decálogo baixo o rubro Mil festas máis para a lingua galega.
Ambos os dous chamamentos van dirixidos aos sectores máis conscientes da sociedade galega; a aqueles aos que máis lles preocupa a preservación dos nosos sinais de identidades: lingua e cultura. A eles compételles a tarefa de regaleguizar o país con innovadores métodos pedagóxicos.
Ben están as mobilizacións sociais, pero estas deixarán de surtiren o efecto desexado no momento en que os seus participantes se crucen de brazos o resto do ano sen practicaren esa galeguización silandeira, tan necesaria en tempos complexos, marcados, ademais, pola remuda xeracional. As tradicionais celebracións do Día das Letras Galegas e da Patria non teñen de seu efectos taumatúrxicos. Cómpre que acentuemos a responsabilidade que desde a esfera privada e familiar nos é propia para procurarmos outros ámbitos de uso.
A celebración do próximo Día de Defuntos é unha boa ocasión para poñermos en práctica esa actitude individual e responsable. A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística vai dar a coñecer, por enésima vez, a convocatoria En galego,agora e sempre, destinada a sensibilizar a opinión pública da necesidade de reparar a memoria cultural e lingüística dos nosos devanceiros.
Os cemiterios son espellos que ofrecen unha imaxe distorsionada da nosa identidade. E a iso temos que poñerlle remedio. Só unha de cada mil lápidas está redactada en galego; e únicamente un 2% das esquelas se publican no noso idioma. Coa agravante, moi frecuente, de que as esquelas publicadas polas familias dos falecidos están en castelán cando a carón delas se publican outras en galego por inicitiva dos compañeiros de traballo. Sorprenden estas porcentaxes se se contrastan coas que a cotío ofrecen as páxinas necrolóxicas dos xornais editados noutras nacionalidades do Estado. Alí é ao revés: o 98% das esquelas publícanse en catalán ou euskera. Algo está a fallar na transmisión do galego no eido familiar, e a responsabilidade hai que asumila de vez.
A proposta da AFNLG vai dirixida aos concellos e particulares. Aos concellos, para que rehabiliten a memoria cultural de “todos os que aquí dormen o sono eterno, porque grazas a eles Galicia segue a ter lingua e cultura de seu”, colocando unha placa na porta do cemiterio, parroquial ou municipal.
Sería tamén oportuno substituír algunhas lápidas en castelán por outras en galego dos falecidos que na vida foron defensores do noso patrimonio. Tamén é precisa que esta iniciativa a asuman os particulares. Non ten moito xeito que unha lápida en castelán identifique o nicho ou tumba dalguén que sempre foi monolingüe, sobre todo nas relacións familiares.
A unión dos afectos e o sentimento patrio, a querencia por aqueles elementos que conforman a nosa identidade, non debe ser disociables. É certo que os poderes públicos teñen a obriga de protexer e fomentar o noso idioma. Pero no ámbito privado a decisión é nosa. Cos defuntos nós temos a palabra.

venres, 9 de xullo de 2010

Dereito e lingua galega

por Xosé González, presidente do Foro Enrique Peinador, no Xornal de Galicia:

O Concello de Poio vén de nomear Fillo Adoptivo ao fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra, don Benito Montero Prego. Unha distinción que amais de oportuna téna ben merecida. A acta que recolle o acordo plenario recoñécelle o seu deciviso labor para mellorar a situación da lingua galega no ámbito do Dereito, e nomeadamente no da Xustiza. Un eido no que están chantados os prexuízos lingüísticos que teñen as súas orixes nas facultades de Dereito nas que os futuros xuristas non teñen a oportunidade de coñeceren a historia dunha tradición xurídica que ten as súas raiceiras no século XVIII con personalidades tan sobranceiras como Villa-Amil e Castro, López de Lago, Pérez Porto, Fuenmaior ou Herbella de Puga, que fora Fiscal de Penas da Cámara e Intendenza e Relator da Real Audiencia, e que continúa, séculos despois, con Alfredo Brañas, Porteiro Garea, Peña Novo, González Pastoriza, Bouza Brey… unha escola que se moveu, no devalar do tempo, entre a defensa do dereito propio de Galicia e a lingua galega, que tiveron como sobranceiros valedores a Xoán Manuel Pintos e Portela Valladares, tamén fiscais.
Don Benito Montero, que se autoproclama herdeiro desa tradición xurídica galega, ten dedicado nos últimos vintecinco anos os seus esforzos a crear un movemento de xuristas comprometidos coa lingua galega; unha escola no sentido grecolatino da palabra, que ten na Irmandade Xurídica Galega, da que el é un dos máximos dirixentes, a expresión máis xenuina desa escola.
Grazas ao seu exemplo hoxe son moitos os xuíces, fiscais e avogados, que se están a sumar á galeguización da actividade xudicial. A súa semente non caeu en ermo. Velaí como unha nova fornada de xuristas seguidores do seu exemplo está a agromar no País. Admiran de don Benito Montero ese profundo coñecemento que ten da antropoloxía galega tan necesaria para entender mellor as actitudes humanas sobre as que debe aplicarse a lei. Eses coñecementos servíronlle para revisar o proceso penal a Curros Enríquez, magnificamente exposto nun orixinal relatorio que presentou no Congreso convocado polo Consello da Cultura Galega no ano 2000.
Don Benito Montero é un referente na historiografía da lingua galega. Participou en tódolos foros e congresos aos que foi convocado para presentar os seus estudos sobre o réxime xurídico das linguas; propiciou a publicación dos códigos penal e civil na nosa lingua por consideralos ferramentas imprescindibles para que os profesionais do Dereito se avezasen no uso da lingua; e respondeu con prontitude ás solicitudes que lle fixeron para elaborar informes xurídicos para unha mellor comprensión do alcance da cooficialidade lingüística, e animou a outros a elaboraren propostas galeguizadoras.
A Corporación municipal de Poio atinou nomeando Fillo Adoptivo do Concello a este fiscal. Con tal distinción ráchase o vello costume de concederlle tales honores a persoas que nada teñen feito pola cultura galega e nomeadamente pola súa lingua. Don Benito Montero ten ben merecida esta distinción, e o Concello de Poio hónrase por terlla concedida. Hoxe, día 9 de xullo, estaremos no Casal de Ferreirós para sumarnos á homenaxe.

mércores, 16 de xuño de 2010

Lingua galega: memoria do noso

por Xosé González, presidente do foro Enrique Peinador, no Xornal de Galicia:
O que non queda escrito corre o risco de ser esquecido. Eses baleiros son aproveitados polos manipuladores dos feitos históricos para faceren interpretacións oportunistas, cando non para varreren pro domo sua. As apropiacións indebidas da propiedade intelectual son boa mostra desas perversidades na reconstrución da memoria. O asunto é botar terra sobre os auténticos protagonistas dalgúns feitos que, relevantes ou non, son en todo caso fitos importantes para o coñecemento do proceso histórico.
O remate do mes de maio, período do ano dedicado á exaltación da nosa cultura, pode ser unha boa ocasión para rememorarmos aspectos decisivos para a normalización da lingua galega no ámbito administrativo. Voume referir a catro deles que teñen a súa orixe remota na interpretación xurídica que fixera sobre o alcance da cooficialidade lingüística o ministro adxunto á Presidencia e catedrático de dereito administrativo Sebastián Martín- Retortillo, cando aínda non se promulgara ningunha das leis de normalización lingüística. Afirmaba o ministro que as linguas cooficiais terían validez de seu para a publicación de normas legais sen teren que ir acompañadas do texto castelán. Efectivamente o Boletín Oficial da Xunta de Galicia –o número 0 é do mes de nadal de 1978– editábase a dobre columna.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, que se constituíra formalmente en 1983 pero que viña funcionando embrionariamente con anterioridade, atopou nas argumentacións de Martín-Retortillo razóns para solicitar da Xunta de Galicia dúas edicións distintas: ­unha, integramente en galego, e outra menor en castelán, para distribuír fóra das nosas lindes. E iso aconteceu grazas ao protagonismo decisivo que un asociado noso tivo na construción da nova administración galega: Xosé Antón García Cotarelo, que por entón era o secretario xeral técnico da Vicepresidencia. Despois de moito insistir reunímonos Cotarelo, Xoaquín Monteagudo e un servidor nun coñecido restaurante situado nos aledaños do campus universitario e de alí saíu a decisión. O primeiro DOG redactado integramente en galego é o número 126, correspondente ao 3 de xullo de 1984. Unha decisión oportuna e de gran transcendencia para a regaleguización da Administración.
O seguinte obxectivo era facer outro tanto co Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. Lembro o encontro co presidente da Cámara Galega: “Don Antonio” –inquerín–, “leu o DOG de hoxe?”. “Non –respondeume– que trae logo?”. “Léao”, díxenlle entregándollo. Pasou as páxinas e non se decatou de que estaba publicado totalmente en galego. Axiña que o descubriu, como se todo fose normal, ollando para min díxome: “Isto é moi importante”. Como eu calei e el non dicía nada, preguntoume se había outro motivo máis para a visita. “O que lle veño propor é que o Parlamento faga outro tanto co seu boletín”. “Acabáramos!”, exclamou. O Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, número 321 correspondente ao 15 de decembro de 1984, é o primeiro publicado unicamente en galego.
Con estes dous antecedentes acometemos outro de maior alcance: conseguir que o BOE se publicase nas catro linguas do Estado. Puxemos mans á obra e enviamos senllas propostas aos grupos parlamentarios do Congreso de Deputados e do Parlamento de Galicia. Así foi como naceron os suplementos mensuais do BOE con cadansúa edición en galego, euskera e catalán. O número 0, en galego, é do 15 de xuño de 1998.
Pero aínda hai máis neste labor de galeguismo silente, imaxinativo, sempre abríndolle novos horizontes a nosa lingua. Despois de catrocentos anos de proscrición, a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña ditaba unha sentenza en galego, a número 248 no rexistro de 1985. O seu relator fora o amigo Claudio Movilla. Gardo a copia e unha carta súa caligráfica na que me di: “Esperemos que nun próximo futuro o que agora é un acontecemento –que triste considerar isto como un acontecemento!– se convirta nunha rutina-”. Por certo, a sentenza refírese a un contencioso presentado por unha veciña de Redondela na que o Concello perdeu o preito. Velaquí algúns fitos históricos, apenas coñecidos, e que a historiografía da lingua galega debera rexistrar.