Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta TIC. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta TIC. Amosar todas as publicacións

xoves, 20 de xuño de 2019

A táboa periódica prohibida do IES de Melide

Unha xenialidade do IES de Melide foi esta de argallar unha táboa periódica interactiva en galego.
Como o galego está prohibido para o ensino da química (cousas da Xunta), quixen contribuir ao seu espallamento con esta entrada.
Debeu ser un traballo enorme. Mil parabéns.




Tamén os meus agradecementos a GCiencia, polo enorme labor divulgador da ciencia na nosa lingua. Grazas á súa nova foi como me enterei desta impresionante contribución.

luns, 14 de xaneiro de 2019

App Abertos ao galego



A Mesa lanzou unha App para acceder a centos de estabelecementos e para que poidas opinar e valorar o seu uso do galego.
Que raro que á Secretaría Xeral de Política Lingüística non se lle ocorrira lanzar unha app semellante!. Quizais prefiren vetar propostas para garantir os dereitos do uso do galego no ámbito socioeconómico.

sábado, 3 de novembro de 2018

¿por qué hacer un vlog en gallego?



A Lobeira Today é unha canle de You Tube no que o autor trata temas do máis diverso, mais nese par de vídeos dou co tema deste blogue, a normalización.
Parabéns polos vídeos, e moito coidado ao gravar montado na bici!




sábado, 14 de abril de 2018

Como poñer o contestador telefónico en galego


Moi boa iniciativa da Mesa que nos insta a poñer o contestador telefónico en galego. Cun vídeo de pouco máis dun minuto explica como facelo en cada unha das operadoras telefónicas.
Lémbrannos que aínda que a comunidade de galegofalantes vai medrando, tamén medran os nosos obxectivos.

luns, 15 de xaneiro de 2018

C(r)oma galeg@s: Castelao



Todos os galegos temos algo de Castelao. Así o quixeron demostrar na EEI Barrionovo (Arteixo) retratando a todo o alumnado coma se fosen o rianxeiro.

martes, 5 de decembro de 2017

A Carta Xeométrica da EEI Barrionovo de Arteixo



O alumnado da EEI Barrionovo, da Pastoriza (Arteixo) cóntanos quen foi Domingo Fontán e como elaborou a chamada Carta Xeométrica, o primeiro mapa elaborado cun método matemático en Galicia, e un dos primeiros de Europa.
Parabéns aos rapaciños, e ao seu profesorado, que tivo que traballar non pouco para montar o vídeo.

mércores, 25 de outubro de 2017

Premios OUFFEscola 2017

Onte premiáronse as seis curtas gañadoras na a Gala do #OUFFEscola 2017! que foron escollidas entre as 74 realizadas por máis de 2.000 rapaces e rapazas participantes. Velaquí as pezas premiadas


Categoria de infantil e primaria


22 OUFF | QUERO UN PATIO NOVO | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.
do CEIP Coirón-Dena de Meaño pola peza “Quero un patio novo” (1º premio)



22 OUFF | CONVERSAS EN LATA | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.
do CEIP Torre-Illa da Illa de Arousa pola peza “Conservas en lata” (2º premio)


22 OUFF | ÁRBORES NO CAMIÑO | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.
do CEIP Eduardo Pondal de Vigo pola peza “Árbores no camiño” (mellor guión).


Categoría de “outros niveis”

22 OUFF | VERBA | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.
o IES Macías o Namorado de Padrón, polo traballo “Verba”, un traballo contra a violencia de xénero.



22 OUFF | ALGO PASA EN GUITIRIZ | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.
o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz polo traballo “Algo pasa en Guitiriz”, traballo ao que xa fixeramos referencia neste mesmo blogue



22 OUFF | O RUMOR | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.
o IES Santiago Basanta Silva de Vilalba pola peza “O Rumor”.

O xurado, ademais decidiu concederlle unha mención especial ao traballo presentado polo IES de Arzúa.

luns, 24 de abril de 2017

Matemáticas en galego, tamén coa LOMCE

Hai uns días publicouse a versión galega da unidade didáctica Xeometría analítica do plano. Como todas as outras 68 unidades, pode facerse un uso non comercial dela, incluso se pode modificar e adaptar. Trátase do último chanzo na edición de material didáctico de matemáticas en galego, que se pode consultar, traballar on-line, ou descargar do portal de materiais ed@d en galego para a LOMCE e que forma parte do excelente e xeneroso Proyecto Descartes, unha web en continua renovación e chea de recursos.

Título: Xeometría analíca do plano
Fonte: Proyecto Descartes
Licenza: Creative Comons BY- NC-SA

Ao premer na icona da impresora obtemos, en formato PDF, un libro de texto adaptado a esta unidade didáctica dixital. Tamén temos un caderno de traballo, tanto en formato PDF, como en formatos editables (.doc e .odt). A proposta metodolóxica asociada a estes cadernos de traballo consiste en que o alumnado os use como guía para ir realizando as actividades da unidade.
Premendo nas frechas da parte inferior, ou navegando polo índice da esquerda, podemos acceder a cada un dos apartados da unidade. En todos eles temos actividades en xanelas emerxentes e unha escena interactiva especialmente preparada para a aprendizaxe da cuestión tratada en cada momento.
No menú superior temos os seguintes apartados: Antes de empezar, Contidos, Exercicios [1] e [2], Auto-avaliación, Para enviar ao titor, Para saber máis. Invítovos a premer nos dous listados de exercicios (un de vectores e outro de rectas) ou no último apartado, no que se trata un tema algo máis avanzado, neste caso o da circunferencia dos nove puntos.
E así, podemos repetir isto ata nun total de 69 unidades didácticas. Unha pequena fenda na que furar contra o funesto decreto do plurilingüismo, que forza a desligar as matemáticas, e en xeral o saber científico, do emprego da lingua galega.
Matemáticas en galego do Proxecto ED@D

Velaquí o listado de todas as unidades. Que as desfrutes.

1º ESO
Os números naturais
Múltiplos e divisores
Os números enteiros
Números decimais
Fraccións
Proporcionalidade
Expresións alxébricas
Rectas e ángulos no plano
Polígonos, perímetros e áreas
A circunferencia e o círculo
Taboas e gráficas
Estatística e probabilidade


2º ESO
Potencias e raíces con números enteiros
Fraccións
Decimais
Proporcionalidade
Expresións alxébricas
Ecuacións
Sistemas de ecuacións
Semellanza. Teorema de Pitágoras
Corpos xeométricos
Áreas de corpos xeométricos
Volume dos corpos xeométricos
Funcións
Estatística

3ºESO. Orientación ás Ensinanzas Académicas
Os números racionais
Polinomios
Ecuacións de segundo grao
Sistemas de ecuacións
Progresións
Figuras planas. Propiedades métricas
Movementos no plano
Corpos xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións lineais e cuadráticas
Estatística
Probabilidade


3ºESO. Orientación ás Ensinanzas Aplicadas
Os números racionais
Polinomios
Ecuacións de segundo grao
Sistemas de ecuacións
Progresións
Figuras planas. Propiedades métricas
Movementos no plano
Corpos xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións lineais e cuadráticas
Estatística

4ºESO. Orientación ás Ensinanzas Académicas
Os números reais
Potencias e radicais
Polinomios
Ecuacións e sistemas
Inecuacións
Semellanza
Trigonometría
Xeometría analítica do plano
Funcións e gráficas
Funcións polinómicas
Funcións racionais, exponenciais e logarítmicas

4ºESO. Orientación ás Ensinanzas Aplicadas
Números enteiros e racionais
Os números reais
Problemas aritméticos
Polinomios
Ecuacións e inecuacións
Sistemas de ecuacións
Semellanza e trigonometría
Problemas xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións elementais

domingo, 29 de xaneiro de 2017

O mapa dos medios galegos

O mapa que aquí aparece foi recollido de mediamapa.gal, un portal elaborado pola xornalista Cruz Regueira ao abeiro da bolsa Nacho Mirás para novos titulados. Ademais do mapa, neste traballo temos acceso a esta folla de cálculo con todos os datos recompilados e que nos permite facer un estudo do panorama mediático galego. Ao consultala veremos que 29 medios se editan en castelán, 58 en galego, 43 nas dúas linguas, e hai un non etiquetado. Se cando queremos ofrecer o estado das linguas no ámbito dos medios ofrecésemos únicamente estes datos, estariamos manipulando a realidade. Deses 120 medios, cales son os que teñen máis presenza e influencia social? Sucede que boa parte dos medios en galego son de ámbito local e que teñen como púbico obxectivo todo o territorio galego, non representan máis que unha pequena fracción do impacto. Isto é o que fan a SXPL e a Consellería de Educación cando destacan que o coñecemento do galego é moi alto pero ocultan que o seu uso e presenza pública descenden alarmantemente.



Vía Galicia Confidencial

mércores, 21 de decembro de 2016

'As linguas do mundo' do IES Otero Pedrayo



Usando a app touchcast, no ENDL do IES Otero Pedrayo (A Coruña), realizaron este audiovisual interactivo sobre as linguas do mundo.
A rapazada do Otero Pedrayo fálanos do nushu, unha lingua do sur da China que tiña a peculiaridade de que só a falaban as mulleres; do caló, unha variante do romaní falada principalmente na península ibérica, en acusada recesión. Tamén fan referencia ás linguas yupik faladas en Alasca e Sibeira ou o cabardiano, unha lingua chea de consonantes e escasa de vogais. Con este percorrido confímase unha enorme variedade de linguas, un mundo de formar de entender o mundo, faise unha distinción ben clara entre países e linguas e preséntanse casos de linguas mortas ou moribundas e algunhas das causas deste estado de cousas. Todo isto axudado dunha ferramenta innovadora, unha pasada.
Vía Gasta a lingua

mércores, 30 de novembro de 2016

Youtubeiras vs. Rede de Dinamización Lingüística


YOUTUBEIR@S, Concurso de vídeos na Rede from Illa Bufarda on Vimeo.

Youtubeir@s  nace coa vontade de fomentar a creación de vídeos en galego, tanto de opinión (vídeo-opinarmos) como videotitoriais (vídeo-facermos), para a súa difusión en Internet. As bases explícanse neste mesmo vídeo que compartimos aquí. Ademais ofrécese a posibilidade de formación para a vídeocreación.
Trátase dunha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos a Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; ademais das universidades galegas. Cada vez que se pon en funcionamento unha destas propostas faise máis evidente o contraste coa inanición da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A posta en escea das Youtubeir@s é alegre, enérxica, a toda cor. Pola contra, na RDL só atopamos tristes PDFs baleiros completamente de contido. Se desde Youtubeir@s se proxecta unha imaxe dunha sociedade dinámica e activa, paradoxalmente a chamada Rede de Dinamización susténtase nun tipo de organización pesada, inamovible e anticuada e que se dirixe a unha socidade que comparte os mesmos adxectivos. A RDL quer retratarse como un ente para a formación permanente (sic) cando hai 5 anos que non convoca ningún tipo de actividade formativa. O bo criterio das Youtubeir@s fixo que non se nos presentaran como un simple concurso audiovisual, senón que na xenética do mesmo está a formación na videocreación.
En definitiva, a escura  RDL está sustentada co orzamento da política lingüística da Xunta e resulta ser máis ben un elemento de freo á normalización, mentres que as Youtubeir@s que revalorizan a lingua co achegamento ás TIC, tiveron que traballar cun complexo entramado de SNL de entidades locais e universidades para financiar un proxecto ilusionante e cheo de luz.

luns, 17 de outubro de 2016

As linguas do mundo


Cunha ferramenta que crea vídeos moi vistosos, Xano Cebreiro argallou este audiovisual ecolingüista.

martes, 11 de outubro de 2016

O xardín das linguas bifurcadas

Foto do Queens Museum
Queens é o máis grande dos cinco distritos que compoñen a cidade de Nova York. Ten unha poboación de 2.300.000 habitantes e estímase que falan case 500 linguas das que moitas están en vías de extinción. Este é o tema que a artista Mariam Ghani desenvolveu nun proxecto que é a un tempo un mural que se pode ver no Queens Museum e un mapa interactivo accesible nesta ligazón.
A elaboración deste proxecto bebe en distintas fontes. Unha delas á a locución inglesa “s/he speaks with a forked tongue”que fai referencia a quen fala cun dobre sentido. Cando nos referimos á expresión "lingua bífida" pensamos na lingua das serpes. Ademais de estar partida en dous, unha outra característica do órgano destes animais é a de estar en continuo movemento. Mariam Ghani transpón a idea de movemento ao do cambio continuo de lingua propio dos inmigrantes, así a ofrece a locución con outro significado. Os inmigrantes viven nun mundo que se move continuamente entre dúas linguas, a súa propia e a do lugar no que residen. Especial atención merecen as linguas que corren perigo de morte. Mariam Ghani identificou 59 delas en Queens e a elas fai referencia este proxecto, nunha  homenaxe aos procesos de revitalización e do despertar da conciencia política que precisan.
No mundo fálanse unhas 6000 linguas. Segundo a UNESCO hai máis de 2500 en perigo de extinción., 574 deles en estado crítico. En contraposición a un triste panorama de uniformización a artista reclama que o futuro non está escrito. Así sucedía no conto de Borges "El jardín de los senderos que se bifurcan", de onde recolle o título e o concepto fundamental do proxecto "O xardín das linguas bifurcadas".
Retallo do mapa
Se alguén con certos coñecementos matemáticos ve a obra, seguro que pensa nos diagramas de Voronoi. Para quen non os coñeza, o artigo Voronoi no Courel, é unha excelente introdución ao tema. Pois efectivamente, estes diagramas foron unha fonte e inspiración da artista á hora de confeccionar a obra. E está ben dicir inspiración porque de ningunha maneira o resultado pode tomarse como unha teselación de Voronoi. Basta ver que algunha fronteira entre dúas rexións non é un segmento recto, senón unha liña quebrada, imposible nun diagrama de Voronoi stricto sensu.
As matemáticas foron empregadas na confección do mapa noutro sentido. Para determinar a área correspondente a cada unha das rexións do mapa utilizouse unha fórmula:
$$e\cdot ln\left( p \right) $$
onde e representa o número que o Ethnologue lle outorga á vitalidade da lingua. É unha cantidade entre 0 e 10. O 0 asignaríaselle a unha lingua de uso internacional e o 10 significa que a lingua está morta. p indícanos o número total de falantes que se estima ten a lingua. Na fórmula emprégase o seu logaritmo neperiano, quizais para ter un número máis manexable. As 59 linguas representadas no xardín de Mariam van do livoniano (con 5 falantes) ao guaraní (case 5 millóns de falantes). Ao calcularlle o logaritmo neperiano o rango oscila  entre o 1.61 e o 15.42. A fórmula usada non parece ter ningún significado claro. Trátase do produto de dous números, onde o primeiro crece a medida que empeora a vitalidade da lingua e o segundo crece co número de falantes da mesma. Teñamos presente que para obter o número e da escala do Ethnologue tivo que terse en conta o segundo parámetro.
As cores de cada polígono foron escollidas segundo un criterio de xenética das linguas. Aquelas linguas próximas estarán próximas na paleta de cores. Por exemplo, o ladino e o romanche aparecen en tonalidades de laranxa. Unha lingua como purépecha, sen parentesco coñecido con ningunha outra, como o euskera, aparece en cor grisácea.
Cando accedemos ao mapa interactivo podemos ver información sobre cada unha das 59 linguas recollidas neste proxecto: a familia lingüística á que pertence, os lugares nos que se fala, o número de falantes, o seu número de vitalidade do Ethnologue, un barrio de Queens no que se fala esa lingua e un recurso audiovisual da mesma, normalmente un vídeo.  Por exemplo, no caso da lingua istrio-romanesa e nalgún outro, tivo que conformarse cunha ligazón a un portal con audios . Un bonito xardín para visitar.

mércores, 15 de xuño de 2016

QR Manuel María en Vilalba



Neste mapa podemos ver a ubicación de distintos códigos QR que levan a vídeos e outros recursos feitos polo alumnado dos centros de ensino de Vilalba arredor da obra e a figura do escritor chairego Manuel María.
A organización dos contidos, a creación dos códigos QR e o mapa son un traballo da biblioteca do IES Lois Peña Novo (Vilalba) e o seu alumnado. Colaboraron neste proxecto o CEIP Insua Bermúdez, CEIP Mato Vizoso, CEIP Monseivane, CEIP Terra Chá, CEP Castelao, Centro Ocupacional, Escola de Educación Infantil de Vilalba, Escola Infantil A Galiña Azul, e o IES Basanta Silva.
Son un total de 28 recursos que, ademais de pola arañeira virtural, tamén se difundiron por Vilalba en paneis informativos. O alumnado destes centros realizou diversos traballos sobre Manuel María e nos locais comerciais e de hostelería houbo exposicións dos mesmos. Deste xeito sacouse a escola pola vila e espallouse coma nunca a figura do poeta chairego por Vilalba.
Entre os recursos aos que podemos acceder está esta orixinal contrución dunha gaiola para os soños do alumnado do IES Los Peña novo.que fixeron no Departamento de Automoción.
Non se pode pedir máis.

domingo, 7 de febreiro de 2016

"As nosas letras", un blogue colaborativo

Cabeceira do blogue "As nosas letras"
Traio aquí este estupendo blogue colaborativo. Aínda que se anuncia como un espazo para compartir actividades centradas no Día das Letras, ao remexermos un pouco nel vemos que é moito máis. Neste blogue acubíllanse entradas de todo tipo, desde o entroido á celebración do Día Contra a Violencia de Xénero ou o Día da Paz.
Outra característica do blogue é que non se pecha a ningunha das etapas educativas non universitarias. Nel podemos achar anotacións de actividades do alumnado de infantil, primaria e secundaria. Os centros participantes, aínda que a maioría son CEIPS, son moi variados na súa procedencia xeográfica: desde Ferrol a Vigo, Ourense ou Tui.
A participación está aberta a calquera que queira compartir o traballo realizado na aula. Unha sensacional idea que pode multiplicar a visibilidade do traballo na normalización lingüística nas escolas.
Chamoume a atención que despois de levar remexendo seis anos no ámbito da normalización no ensino, ata estes días non batera con este blogue, que xa ten unha longa traxectoria. Isto significa que necesitamos de proxectos coma este para procurar unha mellor conexión e coñecemento entre os que partillamos os mesmos obxectivos.
O proxecto ten unha conta Twitter para facilitar o acceso aos seus contidos, así como un correo no que poñerse en contaco cos organizadores.


venres, 29 de xaneiro de 2016

Escritores de Tabeirós-Terra de Montes

No blogue dos ENDL da Estrada atopei este mapa que nos pode servir como exemplo do aproveitamento conxunto de diversas ferramentas tecnolóxicas.
Preséntase o recurso como un percorrido polos autores da comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Así atopamos referencias de Manuel García Barros, Marcial Valladares,  pero tamén de autores como Daniel Varela Buxán, quen volvera no 1950 á súa terra natal despois dunha longa estancia na Arxentina. Tamén atopamos a persoas como Xosé Neira Vilas ou Roberto Blanco Torres, que aínda non sendo da comarca, stricto sensu, tampouco son alleos.  Fermín Bouza Brei, por exemplo é natural de Ponteareas, pero fora xuiz na Estrada, onde realizou un labor moi importante salvándolle a vida a moitos represaliados da Guerra Civil. Caso semellante é o de Castelao, quen sendo de Rianxo veu casar á Estrada. Tamén hai unha refencia ao agrarismo na Estrada.
O recurso ofrécenos unha breve nota de cada un dos escritores, pero ademais faise uso do dropbox onde se almancenan relatos biográficos de todos os personaxes. Unha forma orixinal de combinar os recursos tecnolóxicos para crear unha ferramenta didáctica, dinámica e orixinal.





sábado, 19 de setembro de 2015

Xuventude Galicia Net ou Juventud Net?

Xuventude Galicia Net anúnciase como a maior party informática de Galicia. Estase a celebrar estes días na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda. Pódese comprobar que o seu portal exclúe por completo o galego. As normas do encontro non existen en galego, tampouco no formulario de inscrición, nin en apartado nin noticia algunha.
O evento recibiu o apoio da Xunta coa visita o pasado xoves 17 do vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Ademáis da Xunta, Xuventude Galicia Net está patrocinado pola Deputación de Pontevedra, o Concello de Silleda, ABANCA, e Coca-Cola.
Nas redes sociais facebook e twitter dáse o caso de que a lingua galega desapareceu por completo, pero se buscamos polo time-line comprobaremos que en edicións anteriores si que era a lingua de referencia. Malas novas.

venres, 13 de febreiro de 2015

O mapa dos xacementos arqueolóxicos de Silleda



Un dos piares do proxecto premiado co Antonio Fraguas no IES Pintor Colmeiro (Silleda) é a xeolocalización da toponimia do Concello de Silleda. Ao introducir no mapa da microtoponimia de Silleda os xacementos arqueolóxicos do concello polo que superáronse os 1000 topónimos identificados.
Neste mapa que presentamos nesta entrada están identificados  petróglifos, mámoas e castros. De consultardes o mapa da microtoponimia tamén os acharedes. Hai que agradecerlle ao arqueólogo Israel Picón a súa colaboración para a localización destes importantes xacementos.
Para facer un breve percorrido por algún destes lugares pódese consultar esta entrada do blogue do instituto público de Silleda. É enorme o traballo que está a realizar Xoán Carlos García Porral xunto co Departamento de Lingua (Fe Fernández, Xesús Cociña, Mª Xosé Ledo e Mª Luz Núñez ). Agora ademáis contamos coa colaboración dun bo grupo de alumnos de 2º de bacharelato que están engadindo novas entradas no mapa; eles son  David Varela Salgado, Samuel Rodríguez López, Carlos Mato Rodríguez e Jorge Méndez Bértolo.

mércores, 14 de xaneiro de 2015

Poesía dixital

Algunhas veces aparecen recursos tan extraordinarios que non facer referencia a eles significaría que este blogue non é merecente de seguir na arañeira dixital.
 Feito por Noelia Gómez Calvo, alumna de Xornalismo esta alucinante xeografía poética. Ai! se Fontán puidera velo!



Vía Linguas próximas

luns, 29 de decembro de 2014

Un paseo polo mapa de microtoponimia de Silleda



O maior proxecto do Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro deste curso,  é o Proxecto Antonio Fraguas. Baixo a dirección de Xoán Carlos García Porral e coa colaboración do profesorado do Departamento de Lingua Galega, vai medrando a relación de topónimos e lendas e que poden consultarse no  mapa de arriba.
Fgo aquí unha invitación a dar un paseo polo mapa cunha relación de topónimos que me axudou a escoller Xoán Carlos.  Como guía vai de seguido un percorrido por algúns dos centos de lugares que están xa referenciados.
Recomendamos premer na ampliación de pantalla do mapa e despois introducir o topónimo no buscador para ir directamente. Velaquí unha escolla de lugares para consultar:

Toponimia maior
Neste apartado podemos consultar información sobre a procedencia dos topónimos de todas as parroquias do concello de Silleda.

Siador: O nome da parroquia vénlle dado polo dunha aldea da mesma, que foi posuída inicialmente por un home chamado Senator -oris.

 LENDA: O milagre da Virxe de Siador (Siador, Lara Diéguez Troitiño): Na aldea de Siador existe unha imaxe da Virxe da Saleta. A súa festividade celébrase o 19 de setembro. No pobo do Marco hai unha caixa para botar esmola para a xente que pasa. Un mozo de 26 anos tiña necesidade de marchar para gañarse a vida, e non tiña cartos para a viaxe, Pediullos a uns compañeiros e dixéronlle que non tiñan. Viuse tan apurado que recordou algo: pensou en ir roubalos a caixa da Virxe da Saleta. Despois das doce da noite, cando toda a xente estaba durmindo, foinos roubar. Ninguén sabe a cantidade. Marchouse para a viaxe con eses cartos. Despois de dous anos o mozo volveu, e despois das 12 da noite foinos devolver. Botou as súas contas para deixarlle os réditos que lle pertencían segundo o que antes lle collera. Meteu os cartos e cerrou a caixa, e cando quixo marchar non se deu movido, e pensando un pouco dixo: “ Metinlle poucos cartos polos réditos que tiña que pagar”, e meteulle máis; cerrou a caixa e tampouco se puido mover. Entón volveu pensar e meteulle os cartos xustos que roubara e volveu cerrar a caixa e empezou a andar ata lonxe. A Virxe no quería réditos…



Augas

Fontes, lagoas, ríos, regatos, pozos, lavadoiros,... Seguramente o lugar máis máxico sexa a coñecida Lagoa Sacra. O curso pasado xa se realizara un vídeo sobre esta paraxe que non se pode deixar sen ver. Dentro do proxecto final esperamos engadir moitos outros vídeos recollendo o patrimonio inmaterial.

Lagoa Sacra  [buscar: Brañas de Xestoso]:  Dise que antigamente recollíanse destas brañas plantas medicinais que servían para curar persoas con algunhas enfermidades. Foron declaradas zona protexida. Están asulagados de auga. Forman parte da Rede Natura 2000. Nelas atópase a coñecida Lagoa Sacra, un embolsamento de auga que se produce en épocas de inverno e chuvia por mor das capas freáticas da terra. Conta a lenda que na Lagoa Sacra apareceron enterrados numerosos cadáveres. Estes eran de xente que participara nunha gran loita. Debido a isto só hai herba e pedras, sen árbore, para non profanar os mortos.

Penedos

Pendos, rochar, árbores... soen ser elementos cargados de simboloxía e, polo tanto, dun nome referente dunha taradición ou dunha lenda explicativa e valorativa dese topónimo.

Polo territorio adiante hai ben de pedras asociadas a contos e tradicións, como por exemplo o caso da Peneda de Santa Isabel, na parroquia de Escuadro.

Cova dos Mouros (Oleiros): Na zona norte do Castro Montaz existe unha cova na que segundo a tradición se agochaban os mouros habitantes dos castros. Hai décadas, cando os veciños ían co gando para o Castro, resgardábanse das inclemencias nesta cova.

Camiños
Os nomes dos camiños, das congostras, dos carreiros van servirnos para ampliar os topónimos relacionados coas aldeas. Algúns deles tamén terán lendas e tradicións que nos informarán do seu significado.

O Camiño da Feira (Ponte): Con este nome coñecíase a ruta comercial (e tamén relixiosa) que unía as terras do Corpiño e as de Sillleda ao seu paso por Ponte. Unha das historias que aínda se recordan en relación con este camino, relata o caso que aconteceu cun boi vendido na feira de Silleda. O animal fora criado por un veciño de Ponte e, ao alcanzar unha certa idade, decidiu vendelo. Os seus compradores foron uns tratantes arzuáns, que tiñan que pasar por Ponte para continuar cara a súa terra. O animal, criado nos montes que atravesaba o Camiño, emprendeu a fuga monte arriba sen que os homes fosen quen de termar del, aínda que finalmente foron quen de atrapalo. Pasada unha tempada, cando viron de novo ao home que llelo vendera, preguntáronlle se era de preto do lugar onde acontecera a fuga do boi, pero o home non lles contestou ao caso. Dise que desde entón, os comerciantes de gando procuraban non mercar animais que puidesen coñecer esta zona de Ponte, para evitar novos incidentes.



Terras

Neste apartado contabilizamos o maior número de topónimos recollidos. Prados, leiras, montes, agros,... aportan unha gran riqueza toponímica e lendaria. Aquí é onde o alumnado das aldeas terá un maior protagonismo xa que o porvir dunha familia agro-gandeira, ao ter unha relación directa co territorio, facilita a recompilación deses topónimos. Consideramos de gran importancia esta recollida pois as parcelarias están levando ao esquencemento dos nomes destes espazos.

Toxal da Malata: Chámanlle así porque alí viviu unha muller enferma de lepra e antigamente aos enfermos de lepra chamábanlles malatos.