Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta integración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta integración. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de febreiro de 2021

A integración lingüística: un exemplo de mala praxe da política lingüística

No pasado mes de novembro celebráronse as XXII Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega. Nesta ocasión estiveron adicados á "Integración lingüística como ferramenta de cohesión social". Despois dun par de xornadas virtuais cargadas de achegas e propostas, obtivéronse unhas conclusións finais que certifican que se está a desenvolver unha mala praxe na política lingüística tamén no tratamento do acollemento lingüístico. Calquera que teña un par de ollos ou un mínimo de contacto con estes aspectos sábeo. 
Como experiencia propia podo comentar varios casos de alumnos lusófonos ( un 21% do total) que como método de integración teñen a exención da materia de lingua galega, e só desa materia. No ensino regrado non hai ningún plan para a atención de alumnado estranxeiro. A solución é sempre a acción esmagadadora do poder do castelán e o seu corolario da aprendizaxe de prexuízos lingüísticos.
Do documento de conclusións vou extraer algúns parágrafos:
 
A realidade amosa que en Galicia non se están aplicando as políticas necesarias para que a poboación inmigrante poida adquirir competencias lingüísticas en galego.

 As carencias na planificación son evidentes no ámbito educativo, onde a Administración establece un marco lexislativo que só proporciona unhas directrices xenéricas [e sen planificación]

Ese traballo de planificación debe concretarse nunha oferta maior e máis diversificada de actuacións formativas, superando o escenario actual, basicamente limitado a uns cursos CELGA que, tal e como están formulados, non serven para garantir o acollemento, a integración e a cohesión social destas poboacións. 

Ademais desa planificación “vertical”, cómpre tamén fomentar outra “horizontal”, que promova a colaboración e a coordinación entre diferentes administracións, entre departamentos da mesma Administración, e entre administracións e entidades públicas e privadas (ONG, asociacións de inmigrantes, profesionais, deportivas, culturais...). Dentro do sistema educativo, ese labor debería vertebrarse arredor do CAFI
 
A formación non se debe limitar a transmitir habilidades comunicativas, senón que ten que traballar tamén sobre os prexuízos lingüísticos presentes tanto na poboación estranxeira coma na poboación galega.
 
O que coñecemos como CELGA é un sistema de avaliación, e non un sistema de formación en lingua galega para adultos. É o sistema de formación en lingua galega para adultos o que presenta numerosas eivas á hora de garantir o acollemento, a integración e a cohesión social.


Na Consellería de Educación e na Política Social  e na de Turismo (á que pertence a cousa da política lingüística), seguen mirando para outro lado. Esta é a sociedade que queremos?

venres, 9 de maio de 2014

Desde o mundo a Forcarei



Gustoume moito esta entrevista a Nicoleta Rasuceanu, alumna de 1º de bacharelato do IES Chano Piñeiro (Forcarei), que leva oito anos en Soutelo de Montes.
No blogue do ENDL coméntase que éste pretende ser o primeiro dunha serie de vídeos que realizarán dando protagonismo ao alumnado procedente doutros países tratando a cuestión da relación que manteñen coa nosa lingua e as reflexións que realizan sobre a situación da mesma.
Cómpre escoitar a Nicoleta con atención e decatármonos da importancia da lingua ambiental. Na súa estancia en Pontevedra  falaba en castelán, pero ao chegar a Forcarei enganchouse á lingua dos seus compañeiros.

domingo, 13 de xaneiro de 2013

Integración lingüística en Carballo



Persoas que chegan a Carballo desde diversos lugares e con diversas nacionalidades manifestan algunhas das súas motivacións para aprenderen galego. Xente que non naceu en Galicia, mais á que lle gusta coñecer os nosos costumes ao mesmo tempo que dá a coñecer os seus. Persoas que queren saber o que é un carballo, o agarimo, o Antroido ou a choiva. Mulleres e homes aos que lles gusta coñecer a lingua e cultura galegas, para saber máis, para integrarse mellor ou para intentar acceder mellor a un traballo aquí. Por iso participan no Obradoiro de integración lingüística e cultural que anualmente organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo. Vídeo feito en decembro de 2012

"Aprender galego para ser máis de aquí" en Galicia Confidencial
“GÚSTAME O GALEGO CON ACENTO VENEZOLANO, MEXICANO OU ROMANÉS” en Compás da Costa