Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta comercio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta comercio. Amosar todas as publicacións

domingo, 11 de abril de 2021

Na Estrada, en galego... a pesar de todo


Andrea Mosteiro, a protagonista deste vídeo, foi alumna miña. Por fortuna para ela, xa escapou das gadoupas ameazadoras das aulas de matemáticas e agora, desde a súa admiración por Rosalía de Castro, tece proxectos como a páxina de facebook Na Estada en galego. Trátase dunha iniciativa con perspectiva normalizadora desde a que dar acompañamento aos comercios da vila que apostan polo galego. 
Andrea puido abrir este espazo porque o SNL do concello da Estrada ficou reducido ao ámbito culturalista. O seu labor fundaméntase nunha restra de premios a distintos tipos de actividades artísticas ou literarias. Esta é a razón de que quen se ocupara de outorgar premios á normalización  ao comercio fose o IES nº 1. Agora foi Andrea quen herdou este espazo. Resulta moi significativo que unha rapaza de 17 anos sexa quen de arrombar nas súas costas o traballo que nunca tivo por seu o SNL do concello. Debémoslle dar grazas por esta oportunidade a Valentín García, o actual secretario xeral da cousa da lingua, que segundo se dá a entender neste mesmo audiovisual, foi e segue a ser o alfa e o omega da dinamización na Estrada. 
Aproveitando a circunstancia, Nós Televisión tamén entrevistou a Anxos Sobriño, presidenta da CTNL 

domingo, 13 de decembro de 2020

A fala do Morrazo


O Comercio do Morrazo puxo en marcha unha campaña con vídeos nos que a protagonista é a fala propia desa área xeográfica denominada Eu tamén #SonDoMorrazo que poder ver aquí [Eu tamén #SonDoMorrazo 1, Eu tamén #SonDoMorrazo 2, Eu tamén #SonDoMorrazo 3
O aire humorístico dos vídeos fundaméntase na esaxeración das características propias da fala do Morrazo, que presuntamente a fai incomprensible a calquera que non sexa autóctono, ou incluso aos que sendo dalí, renunciaron dalgunha maneira a selo. Toda unha crítica ao auto-odio. Tamén unha aposta pola revindicación das falas nunha época de uniformización. Non pode haber unha lingua viva se non acolle a unha boa manchea de falas.

 

sábado, 9 de febreiro de 2019

#galegoempresas




#galegoempresas é unha plataforma dos concellos de Santiago, Ames e Teo que achega información sobre os negocios que ofrecen produtos e servizos en galego. Ademais serán doados de identificar mediante un logo como o que se presenta no portal desta campaña. Este portal funciona como buscador de empresas que ofrecen os seus servizos en galego e permite tamén ás empresas inscribirse no listado.
Unha excelente iniciativa dos SNL dos concellos de Santiago, Ames e Teo.

luns, 14 de xaneiro de 2019

App Abertos ao galego



A Mesa lanzou unha App para acceder a centos de estabelecementos e para que poidas opinar e valorar o seu uso do galego.
Que raro que á Secretaría Xeral de Política Lingüística non se lle ocorrira lanzar unha app semellante!. Quizais prefiren vetar propostas para garantir os dereitos do uso do galego no ámbito socioeconómico.

luns, 4 de xuño de 2018

Mar de Sangenjo

Recollo esta imaxe de Carlos Rodríguez Pérez, e que tivo certo "éxito" estes días na arañeira virtual por motivos obvios.
O triste do caso é que este produto xa leva anos comercializándose e que personaxes públicas de moita relevancia espallan a mesma deturpación do topónimo.

mércores, 17 de xaneiro de 2018

"De rebajas" pola Estrada



Tardei menos de dous minutos en tomar todas estas fotografías. Había máis, pero farteime. Como mostra de que o comercio na Estrada lle virou, en moi boa medida, as costas ao galego serve esta escolma. Supoño ademais que o caso da Estrada pode trasladarse a prácticamente todo o país.
Deberían saber os comerciantes locais, que para iso que están a facer, para ver como desprezan o galego, case prefiro ir ao Corte Inglés, que teñen máis experiencia no asunto.
Lembro, hai moitos anos (no século pasado), ter colaborado nas campañas da Mesa repartindo carteis de para as Rebaixas. A primeira vez fóra acompañando a alguén -non recordo a quen- que estaba máis metido no allo. Ao acabar o reparto dos carteis comentáralle con bastante pesimismo:
- Os carteis están repartidos, o malo é que seguramente non os poñan.
- Pois aí estás esquivocado. Xa verás como os colocan case todos. A resposta dos comercios é normalmente moi boa. É unha mágoa que a Xunta ou os concellos non tomen a iniciativa
Puiden comprobar que tiña razón. Incluso había comercios que gardaban os carteis dun ano para outro, para que A Mesa puidera divulgar as Rebaixas por outros locais.
Esta paisaxe que lle vira as costas ao galego non era habitual hai uns anos. Está claro que houbo unha regresión. O principal culpable desta volta atrás está nas políticas antigalegas do PP. É imposible non poñer en relación este panorama o recente bloqueo do PP á ILP que buscaba impulsar a lingua galega no ámbito económico.
Non quixera rematar esta entrada sen recoñecer que segue habendo comercios que non expulsaron o galego da súa cartelería, aínda que sexan cada vez menos. Na Estrada podemos ver como algúns imprimiron a súa propia campaña de rebaixas e moitos outros anúnciana cun póster da asociación local de comerciantes, ACOE. Beizóns a éstes últimos, aínda que hoxe non lles gardei a eles espazo neste andel virtual.













































luns, 25 de decembro de 2017

Ikea, galego e sentido común

por Marcos Maceira no Sermos Galiza:

A opción de consulta na páxina web de Ikea en todas as linguas cooficiais do Estado agás o galego na información xeral da web, atención á clientela online ou telefónica, provocou, máis unha vez, un grande movemento a través da redes sociais, reclamándolle á compañía sueca que poña a nosa lingua ao mesmo nível que calquera outra, e en consecuencia que dea a posibilidade de escolla de galego como opción.

martes, 19 de decembro de 2017

Un novo xeito de facer Galicia



Gústame De Vacas, gústame Nova Galega de Danza, de aí que tamén me guste o spot de Vegalsa Eroski. Unha aposta orixinal, innovadora e que se enorgullece, promociona e visibiliza proxectos culturais da terra. Tamén me gusta desta cadea que teña a rotulación en moitos dos seu comercios en galego e que tamén sexa a súa lingua base no seu perfil de facebook
Mágoa (por que sempre ten que haber unha?) que o portal desta cadea de supermercados exclúa o galego, mágoa que a política de rotulación non se estenda a todos os comercios nin a todas as súas publicacións.

Velaquí a carta de presentación desta campaña:
Todos os que formamos a gran familia de Vegalsa-Eroski queremos desexarvos un bo nadal. Gústannos estas festas, e este ano ímolas a celebrar con De Vacas, Nova Galega de Danza e, por suposto, con todos vós.
En Vegalsa-Eroski apostamos pola cultura, por unha creatividade que propoña e cultive novas formas de ser, de facer e de entender Galicia e o mundo.
Únete á festa! #déixatelevar Vegalsa Eroski, un novo xeito de facer Galicia
A ver se fora certo. Espero que apostedes por iso.

luns, 16 de outubro de 2017

Merca en Xove. Merca en galego


Nun principio estaba moi ben esta campaña do Concello de Xove do ano 2015, na que se podía participar desde o facebook cos cancelos #EuMercoEnXove #EuMercoEnGalego. Estaba moi ben porque promovía o comercio local visibilizando como valor positivo que o galego sexa a lingua de relación comercial.
Pola contra, a campaña non está tan ben por outras razóns. A primeira, se prememos o play do vídeo o primeiro que vemos é a Demetrio Salgueiro, o alcalde de Xove facendo unha declaración institucional, o que lle pode quitar as ganas a calquera de seguir vendo o que realmente importa, o vídeo da campaña. En segundo lugar, despois do alcalde temos os discurso da axente de desenvolvemento local. Despois de tanto preámbulo quítasenos as ganas de ver o contido substancioso do vídeo, onde aparecen os veciños dando as súas razóns para mercar en Xove e para facelo en galego. En terceiro lugar, se temos en conta que a campaña está sustentada polo concello, a asociación local de empresarios e a
Secretaría Xeral de Política Lingüística, os escasos premios que outorgaban (un vale de 150 €. un de 100 € e outro de 50 €) desprestixiaban por completo a iniciativa, e de paso, a lingua que se pretendía potenciar. Precisamente nestes días vanse repartir 1.5000 € en premios noutra campaña comercial na que o galego xa non é protagonista. Finalmente vemos que aquela proposta do 2015 foi un foguete pouco vistoso que nin tan siquera fixo pum. A iniciativa acababa xusto onde comenzaba, feita únicamente para maior gloria do rexedor e das institucións que presuntamente facían algo pola lingua cando só o facían por si mesmos.


xoves, 15 de xuño de 2017

Coa lingua conectas


Ata o 30 de xuño está aberto o prazo para a V edición do concurso Coa lingua conectas, co que se pretende impulsar esa coherencia entre a publicidade e o trato directo. Efectivamente, moitos establecementos comerciais ofrecen a súa atención en galego, porén cartelería e publicidade coa que se dan a coñecer, renega da lingua galega. Para abrir unha fenda nesta práctica prexuizosa, desde o  Departamento de Desenvolvemento Económico do Concello de Santiago, convocan este xuizoso concurso. 

martes, 13 de xuño de 2017

Co galego non se xoga

por Xabier Vila, na sección de Cartas ao Director do Faro de Vigo:

"Si quiere la atención en castellano pulse 1. Si quiere la atención en inglés pulse 2. Si quiere la atención en catalán pulse 3".

luns, 31 de outubro de 2016

Coñécesme?

Orixe da imaxe
Cando visitei Pontevedra este pasado venres comencei a ver uns enormes retratos por todas partes. En total colocaron 104 nunha excelente campaña de promoción do comercio local.
En cada cartel podemos ver a un (ou varios) comerciantes que nos atenden nos locais da cidade. Visibilízase así un comercio próximo e destácase a fiabilidade desa persoa que leva o negocio fronte á frialdade das grandes áreas comerciais e das multinacionais. Éstas non teñen cara.
A campaña dá no albo.
Pero aquí quería destacar outra virtude máis da campaña Coñécesme?: ten a virtude de pasar desapercibida. Si, é unha virtude que ao vela non non decatemos que nos están enviando esta mensaxe de confianza en galego; e isto faise nunha actividade promocional dun sector tan desgaleguizado como é a do comercio das cidades.
Por se isto non fose suficiente, as fotos, de Miguel Vidal, merecerían por sí mesmas unha visita. A exposición permanecerá colgada ata o mes de xaneiro. Non desaprovietedes a oportunidade.

Máis
E ti, coñécesme? Pontevedra Viva
Pontevedra. Capital Shoping [web]


domingo, 15 de maio de 2016

#fotolingua



O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela organiza o concurso #fotolingua, que ten como obxectivo darlle visibilidade aos establecementos comerciais que fan uso do galego nese concello.
Para participar hai que facerse seguidor da conta de Facebook ou Instagram da iniciativa e subir unha fotografía na que se evidencie o uso do galego nos establecementos comerciais, hostaleiros ou empresas de Santiago (cartelería, escaparates, elementos decorativos, letreiros, etiquetaxe, sinalética...). endadindo unha explicación do lugar no se se fixo a foto e a etiqueta #fotolingua e/ou #ogalegovende.
Pódense consultar aquí as bases completas do concurso. Non hai dúbida de que é unha moi boa iniciativa.
Hai tres anos, desde o ENDL do IES Pintor Colmeiro fixéramos un estudo sobre a paisaxe lingüística da vila  (Silleda) que lle presentáramos á asociación de comerciantes e ao concello. Unha mágoa que finalmente non saíra nada de proveito de todo aquel esforzo, algo como esta iniciativa do concello compostelán.

xoves, 24 de decembro de 2015

Nadal vs. nada

Web da CGENDL adicada ao nadal
Cando se achegan as datas do nadal póñense en movemento unha serie de iniciativas normalizadoras que teñen por obxectivo galeguizar todo o que se move arredor destas festas. A cousa non é fácil xa que o nivel de afastamento da lingua, especialmente no mundo comercial, é cada vez maior. Con todo, nin a CGENDL, nin A Mesa, nin a CTNL deixan de achegarnos novas propostas todos os anos.
A Coordinadora Galega de ENDL volveu a traernos a súa recompilación de recursos para celebrarmos o nadal en galego: cancións, contos, refrán, concursos,.... unha chea de materiais para usar e divulgar desde as aulas.
A iniciativa Abertos ao galego, promovida pola Mesa, achéganos un ano tras outro unha boa monlla de oportunidades para margullarse nun consumo responsable coa nosa lingua:



Pola súa parte a CTNL ten en funcionamento unha proposta ben intersante, unha plataforma virtual chea de posibilidades de compra en galego. Trátase de Agasallo.eu, que este ano mesmo ofrece a posibilidade de crearmos un catálogo personalizado como este que fixen eu collendo algúns produtos ao chou.



De todo este panorama o máis rechamante é a enorme ausencia da Xunta. A Dirección Xeral de Comercio está muda fronte a todas estas iniciativas. Pola súa banda non existe ningunha campaña, ningún tipo de acción que intente tinxir de galego un sector, o comercial,  que se desenvolve fóra dos prarámetros normalizadores (nota aparte: significativamente a Xunta eliminou toda referencia á normalización de toda a súa política).
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL)  anunciou no primeiro trimestre deste ano que se estaba a desenvolver un presunto Plan de dinamización (non de normalización) da lingua galega no tecido económico. Polo que podemos comprobar, a cousa quedouse en presunto. De consultarmos as novas dos dous últimos meses do propio portal da SXPL, non veremos nin unha soa referencia a este (insisto) presunto Plan. Se o contas por aí fóra non cho cren. O certo é que a Xunta non fixo nada para impulsar  este nadal o comercio en galego. Pero é que tampouco o fixo o nadal anterior, nin o outro, ... e así durante todos os anos de goberno de Feijóo.

xoves, 5 de novembro de 2015

O efecto Gadis

por Marcelino Fernández Mallo, no Galicia Confidencial:

Gadis presenta novo anuncio, unha sorte de acontecemento no país. Coincide a súa emisión co peche das negociacións fallidas para unha candidatura unitaria galega ao Congreso. Algo terá que ver.

xoves, 2 de xullo de 2015

Entrega de premios do uso do galego nos comercios estradenses



O veciño e compañeiro de loita na lingua, David Otero, como primeiro motor desta inciativa, fai a presentación da entrega do  3º premio do IES nº 1 da Estrada ao uso do galego no comercio no concello. Nesta ocasión o comercio que recibe a homenaxe é Copistrada pero na entrega do premio tamén están os representantes das outras dúas empresas premiadas nas dúas primeiras edicións, a liberería Marxe e a tenda de roupa Treixa.
A asociación local de comerciantes, ACOE, tivo a boa iniciativa de gravar o acto e divulgalo polas redes sociais, velaquí pois unha outra nova iniciativa construída por particulares, asociación de comerciantes, centro de ensino, e co agradecemento da veciñanza por facer visible aquelo que debería ser normal, pero que aínda é unha heroicidade no eido comercial. Iso si é facer cousas na boa dirección, outras cousas cheiran a propaganda para ocultar o puro baleiro.

sábado, 7 de marzo de 2015

A lingua é un compoñente esencial da marca Galicia

por Xosé Manuel Baamonde no noticieirogalego.com:

O galego é un compoñente esencial da marca Galicia. Do mesmo xeito que unha persoa debe ter autoestima para saír adiante, igual sucede cos pobos, existe unha autoestima colectiva que reforce a súa personalidade e carácter.

martes, 23 de decembro de 2014

Silledagasalla. Por un comercio que axude a transmitir os afectos en galego.

Na iniciativa silledagasalla do ENDL do IES Pintor Colmeiro e a  Concellería de Normalización Lingüística en colaboración co colectivo ECOS e os Equipos de Normalización dos centros educativos do concello houbo unha gran participación. Presentáronse máis de 400 lemas e máis de 200 debuxos, realizados polo alumnado dos centros educativos de Sillleda(CEIP Bandeira, CEIP Silleda,
IES Pintor Colmeiro e o C. P.  María Inmaculada).
O proxecto desenvolveuse en varias fases. En primeiro lugar en cada centro escolar o ENDL convocou un concurso de lemas e outro de debuxos. Houbo exposicións dos traballos elaborados nos centros e unha selección dos que máis gustaron. No centro escolar premiamos os traballos máis engaiolantes.
Desde o pasado día 17 o Concello expuxo na Casa da Xuventude o debuxos realizados.
Como resultado dos concursos de lemas elixíronse 30 deles para a confección de pegatinas. Con esta escolla o Concello un total de  1.000 exemplares para colocar nos regalos de Nadal que utilizarán os comercios asociados de ECOS.

Un proxecto de moitos para todos
Este proxecto colaborativo no que participan 6 entidades diferentes ten o obxectivo de de concienciar ao comercio e á cidadanía da importancia de asociar a valores positivos o uso da lingua galega e poñer en evidencia a restricción de espazos que sofre o galego xa que o usual é que as pegatinas dos agasallos veñan todas en castelán.
Por fin este nadal en Silleda podes agasallar aos teus seres queridos na vosa lingua, así o regalo multiplica o seu valor pois preséntase na lingua de noso. O noso mellor agasallo na lingua que máis queremos.

mércores, 10 de decembro de 2014

Como estragar unha boa campaña normalizadora


"Bicos a moreas" foi unha feliz idea do ENDL do CEIP do Foxo (A Estrada) que, en colaboración coan ACOE (Asociación de Comerciantes da Estrada) ,e a ACE (Asociación Comarcal de Empresarios da Estrada) se puxo a andar o ano pasado. No colexio a rapazada argallaba debuxos e lemas para aloumiñar os agasallos de nadal: Quérote un mundo, desexo que sexas feliz, grazas por estares ao meu carón,... e os empresarios e comerciantes usaban estes traballos nas pegatinas dos envoltorios de regalo. Tan ben foi a cousa que este ano non deberon ter que darlle moitas voltas para repetir a experiencia, e velaí que se celbrou a segunda edición pero... desta volta a ACOE quixo destrozar a campaña repartido polos comercios da Estrada sobres postais para os Reis Magos co seguinte enderezo:
A sus Majestades de Oriente
 Melchor, Gaspar y Baltasar.

A campaña está subvencionada pola Xunta e o Concello da Estrada. Espero que desde todos estes organismos se lle faga unha chamada de atención á asociación de comerciantes.
Póñome no pelexo dos membros do ENDL do CEIP e vexo o problema que lles botaron enriba. Eu pensaría moito o de volver a colaborar con esa xente, que se ve que considera ao galego como lingua estranxeira pois xa non é a primeira vez que demostran este desprezo desde o cambio de directiva. Estaba claro que para esta viaxe non se precisaban alforxas.

martes, 15 de xullo de 2014

Eu etiquetados en galego, e ti?


Xa o ano pasado por estas datas se desenvolvera unha campaña cun lema moi semellante: "eu etiquetados en galego". E nunca está de sobras volver a insistir na necesidade dun tecido empresarial comprometido coa nosa lingua. Mágoa das institucións, que non tardan en sumarse ao carro dests iniciativas cando a relidade indícanos que hai 500 disposicións legais, a gran maioría facendo referencia precisamente á obrigatoriedade do etiquetado de produtos en español, porén a Lei do Comercio Interior de Galicia non ten ningunha referencia  á normalización lingüística. Desde o punto de vista empresarial isto é un desprezo directo a estas empresas que sí etiquetan en galego, e desde o punto de vista dos consumidores é un desprezo aos seus dereitos.