Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Salvador Bará. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Salvador Bará. Amosar todas as publicacións

mércores, 31 de marzo de 2021

Balea Vermella: Contaminación luminosa


Hai pouco que Javier Balea e Iria Veiga (A rainha vermella)abriron unha canle de Twich, Balea Vermella, de divulgación científica. Xa levan un feixiño de gorentosas emisións que despois van colgando na canle de You Tube asociada.
Cando vin que adicaban unha das súas emisións á contaminación luminosa, xa me vin na obriga de recollelo aquí. Non se pode perder nada da conversa con Salvador Bará, profesor da USC e autor dun libro que glosou con moito acerto Javier Balea, E fixemos a luz (USC 2015).

mércores, 10 de outubro de 2018

A lingua do Pórtico

por Luís Bará, no Sermos Galiza:

Nestes días Galiza e o mundo enteiro gozan da beleza policromada do excepcional conxunto escultórico do Mestre Mateo: o Pórtico da Gloria. Convén lembrar que esta obra magna da arte universal foi o froito dun tempo de esplendor no que Galiza era un reino soberano, nos séculos XII e XIII. Mais non foi un produto illado, canda o Pórtico o noso país alumeou a arte do románico e do gótico e unha vizosa literatura en galego na que brillan con luz propia as cantigas de amigo, de amor e de escarnio e maldicer.

xoves, 3 de maio de 2018

Lecturas astronómicas en galego

No Departamento de Matemáticas do IES Antón Losada proxectaramos o curso pasado impartir durante este a materia de Astronomía como optativa do centro para 1º de bacharelato (1 hora lectiva semanal). Incomprensiblemente non nos deron o permiso desde a inspección.
Con todo, nesa materia estaba previsto recomendar a lectura dalgúns libros para achegarse a distintos aspectos da astronomía. Propúxoselle a parte do alumnado que lesen e traballasen con estes libros como actividade extraescolar, do estilo dos clubs de lectura. Alén da extensa anotación de Damián Campos, quizais os traballos que ofrecen os resumos máis sintéticos e visuais son os realizados por outra alumna de 2º de bacharelato, Laura Rey Vigo. Aquí os comparto, ao tempo que presento os libros en cuestión.
Esta entrada ten un punto triste: preséntanse tres libros de divulgación científica en galego, será prácticamente imposible dar con outro que non se mencione aquí. Estamos ante o panorama dunha cultura arrasada.

O primeiro, o que é para min o mellor libro de divulgación científica escrito en galego, e un dos mellores que lin nunca. Trátase de E fixemos a luz! (USC 2015), de Salvador Bará. Forma parte da colección Biblioteca de divulgación. Serie científica, con poucos, pero gorentosos exemplares.




O segundo libro ten unha excelente edición, ¿A que altura está o ceo? (Alvarellos, 2016). Debido á proxección mediática do seu autor, Jorge Mira, é quizais o máis popular dos tres. Relata os fitos máis importantes na medición do universo. Laura escolle nesta presentación algúns dos que máis lle chamaron a atención.



Por último, un clásico, o Sidereus Nuncius, de Galileo Galilei. Premendo na ligazón pódese acceder á publicación en galego realizada polo MUNCYT no ano 2011. Esta obra foi a que impulsou o debate sobre o heliocentrismo. Cando se publica, no 1610, xa pasaran máis de 60 anos da edición do De Revolutionibus de Copérnico, pero non foi ata a aparición do texto galileano que comenzou o verdadeiro tirapuxa entre o xeocentrismo e o heliocentrismo. Dunha banda: o poder da Igrexa, da outra, o talento e os argumentos de Galileo.
O Sidereus Nuncius é un texto curto, de doada comprensión, o cal é moi de agradecer nun escrito de índole científica. Lévanos á cerna do debate científico que acabaría na cualificación de herética á proposta copernicana e á conseguinte prohibición dos libros que a defendesen. É fundamental para comprender a dicotomía ciencia-relixión e para adentrarse no estudo da historia da ciencia.

sábado, 1 de xullo de 2017

E fixemos a luz!

Andaba á procura dalgún libro para ler no verán. Así que din un paseo polos andeis da biblioteca do centro. Fun botar a man a un libriño (non chega aos 20 cm de altura) sen moita confianza. Estiven por devolvelo ao seu lugar, pero finalmente leveino conmigo. Posiblemente non chegara a lelo. Con todo, boteille un ollo; as primeiras liñas:
A noite do 7 de xaneiro de 1610 á cambiar o mundo. Ninguén o sabía daquela, mas non tardarían en notarse as consecuencias. Galileo Galilei, profesor de xeometría mecánica e astronomía da Universidade de Padua, dirixiu o sue telescopio ao ceo...
e o libro non chegou ao verán. Remateino antes do claustro de final de curso.
E fixemos a luz! (USC, 2015), escrito polo profesor da Área de Óptica da USC, Salvador Bará, preséntase como unha peuena contribución ás celebracións do Ano Internacional da Luz 2015 pero é moito máis, é unha relucente alfaia do baúl da divulgación científica.
E de que trata o libro de Bará? Se dixeramos que só trata da luz, estariamos dando unha afirmación verdadeira, pero moi incompleta. No primeiro capítulo, por exemplo, céntrase na luz como fonte esencial do descubrimento científico, en particular do astronómico. Chámanlle revolución copernicana, pero deberían chamarlle revolución galileana. Bará relata con pericia os primeiros descubrimentos feitos co telescopio debidos a Galileo, e que cargaban de argumentos e evidencias un xeocentrismo que ata o momento era permitido por declararse como ferramenta imaxinaria que garantizaba un moi bo axuste nos cálculos astronómicos. Aquí enxergamos unha característica de todo o libro de Bará pois nótase que o autor leu as fontes orixinais e sabe contarnos o máis interesante das mesmas.
Tamén se relata como se chegou a medir a velocidade da luz, todo un fito na historia da ciencia. Neste punto, e nalgún outro, botei en falta algún esquema. Non porque non se expliquen as cousas o suficientemente ben, senón porque se menoscaba a capacidade divulgativa da obra. Con todo, a narración é esplendorosamente clara. Velaquí unha segunda característica da obra que quería destacar.
O que segue é o experimento de Young, a análise espectrográfica e a sorprendente posibilidade de poder determinar a composición das estrelas mediante a luz que emiten, a luz como onda electromagnética, a luz vista desde a perspectiva da mecánica cuántica... Unha aventura histórica apaixonante. Canto máis avanzamos cara o momento actual a linguaxe cárgase cada vez máis con referencias matemáticas. Así conséguese un relato sen analoxías que poden despistar. Estamos ante unha obra de divulgación moi fiel ao coñecemento científico, sen inexactitudes. Isto é moi difícil de conseguir, mas en E fixemos a luz! temos un exemplo maxistral de como facelo. Velaquí  outra calidade deste texto.
Hai un capítulo adicado ás aplicacións terapéuticas da luz, especialmente para tratamentos oftalmolóxicos. E, como non!, tamén hai un lugar para tratar a contaminación luminosa, que esborralla os ceos nocturnos, é moi  onerosa, innecesaria, síntoma de incultura e con efectos negativos demostrados na saúde e na ecoloxía. Reivindícase, xa que logo, tanto poder ver un ceo estrelecido ao mirar cara arriba como unha terra chea de lucecús cando miramos para abaixo.
Estamos fronte a unha cousa realmente rara. Non é rara por ser unha publicación de divulgación científica, senón que o é pola lingua na que está escrita. Vén sendo como os lucecús nas nosas noites.
No relato bíblico do Xénese o mundo comenza a existir cando "Deus dixo: fágase a luz; e fíxose". Nestroutro pequeno manual cóntasenos como a inventiva, o traballo e o esforzo humanos foron os que realmente fixeron a luz.