O relator desta intervención no LGx15 da CTNL é Bernardo Penabade Rei, un dos fundadores do Modelo Burela, primeiro proxecto de planificación lingüística aprobado por unanimidade nunha vila galega. Desde 2012 coordinou en Radio Burela o programa radiofónico @ProxectoNeo, centrado nas experiencias de persoas neofalantes do noso idioma.
Conversa de Bernardo Penabade e Valentina Formoso da serie "Ensino formal de galego. O que está a faltar? "
Despois duns requilorios sobre o ensino do portugués nos centros dos dous protagonistas da conversa, comeza unha análise profunda e moi interesante sobre a normalización da lingua desde o ensino.
Cando hai uns días recollía un debate sobre o ensino da nova canle de televisión Nós TV xa osmaba que non sería a última vez que faría referencia ás achegas desta nova emisora radicada en Lalín. O que non esperaba era esta explosión, a do pasado 28/06/16 coa emisión do espazo Rabela, cun especial pola a lingua, con varias horas de emisión e cargado de contidos, dos que se teño tempo irei dando noticia neste espazo.
O primeiro que vou destacar é esta mesa de debate moderada por Pablo "Chichas"e na que interveñen profesores de recoñecida experiencia no mundo da normalización: Séchu Sende, escritor e toda unha referencia, Hortensia Bautista con experiencia como concelleira de normalización e Bernardo Penabade, o ideólogo do "Modelo Burela", xunto á presidenta da CTNL, Anxos Sobirño, falan da perda de falantes na mocidade galega e por onde deben camiñar as prácticas normalizadoras.
Ademais do faladoiro, o programa contén moitas entrevistas, sobre todo a rapaces.