Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Entrevista. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Entrevista. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de maio de 2025

Henrique Monteagudo: "Creo que se debería escoitar máis á Academia"

 Entrevista de Manuel Xestoso a Henrique Monteagudo, presidente da RAG, no Nós Diario:

Henrique Monteagudo (Muros, 1959) non é novo na dirección da RAG. Leva integrado nela desde 2013, mais confesa que a presidencia provoca un nivel de exposición pública e de atención mediática ao que non está afeito. Porén, valórao positivamente como un sinal de que a sociedade demanda a voz da Academia, que se reclama o seu discurso no debate público, especialmente no tema da lingua.

venres, 6 de decembro de 2024

Galego, decretos, enquisas e imposicións varias. Entrevista con Ana Iglesias


Na canle Noticias Dispersas entrevistan a Ana Iglesias. Tratan, entre outras cousas sobre o decreto 79/2010, de prohibición do galego no ensino non universitario. Comenta Ana Iglesias que o PXNLG establecía un mínimo dun 50% de ensino en galego. Porén o decreto establece este valor como teito, ademais prohibe a impartición das matemáticas ou a tecnoloxía en galego. Isto non só incide no mantemento, senón que reforza os prexuízos.

 

sábado, 19 de outubro de 2024

Emerxencia lingüística extrema. O idioma galego á luz dos datos do IGE


Marcos Maceira e Elsa Quintas (Presidente e Vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística) estudan a grave situación da lingua galega despois da publicación dos últimos datos do IGE e antes da presentación en Betanzos do seu libro Liberdade para o galego. Entrevista Daniel Seixo.
Unha entrevista que debería facerse na TVG, mais...

luns, 23 de setembro de 2024

Elisa Fernández Rei: "É un consenso que o decreto do plurilingüismo foi moi perxudicial para o galego nas escolas "


Nós Tv entrevis á directora do ILG, Elisa Fernández Rei nunha serie que está realizando esta canle sobre o debate sobre o papel do PXNL no seu XX aniversario. En concreto ábrese este debate pola 

" intención de actualizar o PXNL por parte da Administración foi anunciada en sede parlamentaria polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, no mes de maio deste 2024. Este anuncio recibíuse con escepticismo polo PSdeG e o BNG ao considerar que o Goberno do PP nestes 20 anos non desenvolveu ese mesmo PXNL."

venres, 31 de maio de 2024

Ramón Lorenzo: esa lei en contra do galego é espantosa


Entrevista de Yolanda Castaño a Ramón Lorenzo, dentro dunha serie de entrevistas a membros da RAG.
Ramón Lorenzo lembra o capítulo de cando se permitira examinar de catalán e o vasco na selectividade pero non de galego. Solicitoulle ao rector a introdución da lingua galega na selectividade pero este respondeulle que: "si aún fuese el inglés! Pero el gallego...". Daquela Ramón Lorenzo dirixiuse ao profesorado de secundaria, que tamén se posicionou en contra. Finalmente presionou ao conselleiro de educación do momento ameazando con armar un escándalo se continuaba prohibíndose o exame de lingua na selectividade.
"Se nós tivésemos un goberno que defendese que a lingua de Galicia é o galego,  ... co que estudásemos castelán como lingua secundaria,, pero non como primaria... pero a política lingüística que levaron estes gobernos foi apoio ao castelán e en contra do galego" (min 22:07)

Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Lorenzo é un dos maiores especialistas no galego medieval e as súas transformacións ao longo da historia deica se converter nunha lingua de seu. As súas obras 'Traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla', 'Crónica Troiana' e 'Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices' contribuíron a iluminar e comprender a situación do galego na Idade Media e as súas diferentes etapas evolutivas. Participou, así mesmo, na creación e promoción de entidades clave na consolidación do galego moderno, nomeadamente o Instituto da Lingua Galega (ILG-USC).

xoves, 30 de maio de 2024

Alonso Montero: "se non hai un goberno comprometido co galego, continuará a redución de falantes"

Con esta, Yolanda Castaño comeza unha serie de entrevistas a membros da RAG. Aquí temos como protagonista a Alonso Montero, quen afirma que "se dentro duns anos non goberna Galicia xente seriamente comprometida coa causa da lingua galega, continuará a redución dos falantes"


A vizosa produción científica e divulgativa do profesor Alonso Montero abrangue os estudos literarios sobre autores galegos e alófonos, a sociolingüística, a creación literaria ou a colaboración na prensa. Merecedor de numerosos premios e recoñecementos ao longo da súa dilatada e polifacética carreira intelectual, é membro de número da Academia desde 1993 e foi o seu presidente entre 2013 e 2017.

xoves, 9 de febreiro de 2023

Francisco Fernández del Riego fala de Álvaro Cunqueiro


 No ano 1991 o Día das Letras estivo adicado a Álvaro Cunqueiro. O 17 de maio dese ano o presentador Xosé Ramón Gayoso fíxolle esta entrevista a Francisco Fernández del Riego en Mondoñedo, centrada na figura do homenaxeado naquela altura

domingo, 18 de setembro de 2022

Manuel Portas: "Necesitamos reintegrar o galego no seu sistema orixinario"

Manuel Portas, profesor e director do Instituto Xelmírez 1, en Compostela, sociolingüista e militante da lingua galega, é o protagonista deste progrma de Nós Televisión.

martes, 12 de xullo de 2022

Entrevista con Miguel Rodríguez Carnota

 Daniel Seixo entrevista para Nueva Revolución TV a Miguel Rodríguez Carnota, autor do libro Lingua, poder e adolescencia (Xerais 2022) que trata sobre os mecanismos de represión da lingua galega na actualidade entre os adolescentes. Trátase dun estudo cualitativo, fundamentado en entrevistas con mozos que sofriron acoso e discriminación lingüística no ensino secundario nestes últimos anos. 

O poder infíltrase en todos os escenarios e todas as capas sociais. Controla e distribúe tempos e espazos. Os pares, os propios compañeiros, tragan o discurso do poder de discriminación das linguas e aplican ese discurso aos seus propios compañeiros forzándoos a que abandonen a lingua galega. 

domingo, 22 de novembro de 2020

Unha trabe de Carvalho

Ricardo Carvalho Calero entrevistado no programa 'A trabe de ouro' da TVG (1987) from Multimedia on Vimeo.

Estamos no estraño ano das Letras Galegas a Carvalho Calero. Bo momento para lembrar esta entrevista que o actual presidente da Academia lle fixo ao homenaxeado no ano 1987 no programa "A trabe de ouro"

 

venres, 14 de decembro de 2018

Sociolingüística a pé de mesa



O alumnado do CPI Mosteiro-Meis tiña que facer un traballo de sociolingüistica e houbo quen (Mathías, Laura, Fátima e Lara) tivo esta, simple e excelente idea: xuntar a un rapaz que non fala outra cousa que galego, Jose, e unha muller de idade e galego-falante, Pitusa, a compartiren ideas e, moitas veces prexuízos, sobre a lingua galega. É de agradecer que estes catro rapaces tivesen o acerto de amosar a descarnada realidade sociolingüística galega.
Así, tal e como a vemos neste vídeo, é terrible é a situación que desde a SXPL queren tapar manipulando os datos dunha realide que pode ver o máis tonto. Só intereses políticos espúrios que teñan como obxectivo o asasinato programado da lingua galega poden levar aos mesmos culpables da situación que se reflicte no vídeo a gabarse no eido da normalización lingüística do

éxito do modelo educativo galego, así como aos esforzos que realiza a Administración autonómica na formación de adultos

Chámanlle éxito á redución de uso do galego no ensino, á aniquilación da lingua galega en infantil, á prohibición do galego nas materias de maior prestixio social? Estamos en boas mans, díxolle a galiña ao raposo.
Gostaríame saber en que consisten eses esforzos da Administración na formación en galego dos adultos. Alguén sabe dalgún programa de acollemento de inmigrantes que partira da SXPL?
Como exemplo do panorama que temos que soportar, basta poñer de manifesto que ao titular de Política Lingüística pouco ou nada lle importan as prohibicións e destrozos na normalización no ensino, o cal lle afecta a uns 360.000 alumnos cada ano, pois para destacar un tema en relación con este eido ante os Comité de Expertos do Consello de Europa non tivo outra saída mellor que
 destacar tamén o incremento do alumnado de galego que se vén producindo no Bierzo e Sanabria
 Realmente penoso.

martes, 23 de outubro de 2018

Forever in Galiza



Non creo que haxa que explicar o que significa o "Sempre en Galiza" de Castelao. Hoxe este libro, que debería formar parte do imaxinario de calquera galego digno de cualificarse con este adxectivo, pode consultarse en inglés grazas ao traballo de tradución feito por Craig Paterson.
Grazas ao blogue da biblioteca do IES  Ollos Grandes (Lugo), tiven coñecemento do vídeo que comparto ao inicio da entrada no que se informa da presentación da tradución na terra natal de Castelao. Unha segunda presentación tivo lugar no IES Félix Muriel, da mesma localidade.
Posiblemente a mellor introdución a este traballo será a que acharemos nesta entrevista de Marcos Pérez Pena para o dixital Praza Pública. Destaco dela algunhas palabras de Craig Paterson:


Optamos á mantenta por non buscar ou aceptar calquera subvención por parte dunha Xunta de Galicia que, dende 2009, por medio das súas políticas lingüísticas, educativas e culturais, fixo o maior dano á lingua galega dende a morte de Franco. En particular, eu creo que sería unha falta de respecto ao legado de Castelao vincular o proxecto con semellante filisteísmo, sendo a obra unha defensa magna dos dereitos insubornábeis e humanos de Galicia e os galegos. Colaborar con semellantes forzas representaría, para min, unha incoherencia hipócrita, contraproducente e destrutiva, que de paso lexitimaría os feitos inefábeis do goberno de Feijoo en contra da cultura e lingua galega.

 Velaquí que me pareceu ésta unha excelente oportunidade de lembrar aquela iniciativa do Consello da Cultura Galega para conmemorar o 70 aniversario da obra, #sempreengz

domingo, 29 de abril de 2018

Freixanes: "a situación da lingua galega é mala"

Xosé .Mexuto entrevista a Víctor Freixanes para o Sermos Galiza:

Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) é un conversador torrencial e manexa con destreza todos os rexistros. Domina a frase curta, mais tamén a sintaxe máis alambicada. É sempre un escritor, até cando fala. É tamén unha personalidade poliédrica, non reductíbel a un arquetipo. Novelista, ensaísta, xornalista, editor, presidente da Real Academia Galega. Nesta entrevista falamos sobre a iniciativa da RAG a favor da restitución dos apelidos á súa forma orixinaria, galega, mais tamén acerca do estado en que se acha o galego ou a propia institución que el preside, coa inevitábel figura de Ferrín a se recortar no horizonte. "Son partidario das políticas de inmersión lingüística", afirma.
Continúa a me impresionar o edificio da faculdade de Xornalismo, na USC, obra de Álvaro Siza, arquitecto multi-premiado. Si, mais apenas deixou espazo para os despachos dos profesores, verdadeiramente pequechos. "Son como as celas dun mosteiro", brinca Freixanes, cando nos franquea a porta do seu minúsculo gabinete. Case que non hai sitio para as estanterías. É cuarta feira. Cóntolle que Sermos leva uns días a publicar textos, quer no semanario, quer no dixital, sobre o proceso de restitución dos apelidos galegos á súa forma patrimonial e xenuína, a galega. A Real Academia Galega deu un pouco a pistolada de saída a ese debate coa publicación do seu estudo Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización. Damos comezo por aí á conversa.


-Que está a facer a RAG para que o seu traballo sobre os apelidos en galego resulte nunha efectiva recuperación dos patronímicos orixinarios do país?

luns, 29 de xaneiro de 2018

Entrevista a Xosé Miranda para o Día da Ciencia en Galego


Esta entrevista xa ten máis de 7 anos, pero batín con ela nestes días. O escritor Xosé Miranda, autor, entre moitas outras, da celebrada Morning star (Xerais,1998), fala aquí como profesor de bioloxía sobre o que daquela era recente decreto do plurilingüismo.
Sobra dicir que o que nos transmite Xosé Miranda é hoxe tan actual como daquela.
O idioma natural dos galegos é o galego, polo tanto o idioma natural da ciencia galega é o galego
Deliberadamente o goberno do PP fai que no ensino medio a ciencia non se dá en galego [...] parece que queren darnos a entender que a ciencia debe ser en castelán. Isto é insistir nunha superstición e nun absurdo.
O atraso da ciencia en Galicia está motivado polo atraso xeral do país.[...] Cando hai un atraso económico tan grande o que se deduce inmediatamente é que todas as ramas estarán atrasadas. Para facer ciencia necesitamos laboratorios, necesitamos universidades, necesitamos diñeiro en definitiva. Pero tamén hai que dicir que nun país alfabetizado nun idioma estranxeiro só acceden ao coñecemento unhas capas mínimas da poboación mentres que nun país normalizado accederían ao coñecemento máis persoas. Deste xeito persoas con capacide quedan fóra porque o idioma no que se explican as cousas non é o seu. 

venres, 26 de xaneiro de 2018

Xohán Cabana: "O galego está en declive, pero pode dar unha volta"

Jorge Casanova entrevistou a Darío Xohán Cabana para La Voz:


Darío Xohán Cabana (Cospeito, 1952) aínda ten o susto no corpo despois dunha inesperada operación cirúrxica. O académico convalece na acolledora casa que ten nunha aldea lucense, onde a conversa podería ser infinita á calor da estufa e das súas lembranzas.

-Na «Wikipedia» pon que tivo vostede unha educación comunista...

-Para min é un sinal de identidade porque me condicionou para toda a vida. En contra do que dicía moita xente, eu sempre souben que Franco era malo. Lembro a meu padriño, quen, naquelas noites frías de inverno, ás veces quedaba pensando e dicía: «Asasino, asasino...». E non dicía máis.

xoves, 14 de decembro de 2017

Vídeo-entrevista a Miro Villar




O escritor Miro Villar, autor do blogue As crebas, foi entrevistado por Noelia Casas, Silvia Criado e Nazaret Fernández alumnas da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña.
Cal é o verdadeiro estado da lingua galega na actualidade? Que podemos esperar do futuro do noso idioma? Que se pode facer desde as aulas para frear a perda de falantes? E desde as institucións? Como pode implicarse a mocidade na defensa da lingua? Todas estas cuestións, xunto coa valoración do papel da RAG na normalización ou da súa propia obra literaria, foron tratadas por Miro Villar nesta máis que interesante entrevista que debeu ser feita no medio dos peores momentos dun temporal ben forte.
Puxen o vídeo ao comenzo da resposta sobre o papel das institucións en relación co que debería ser o seu papel fundamental, o da  recuperación de falantes porque dá unha resposta clara, unha resposta que hoxe non se pode escoitar nos medios controlados e contaminados pola maquinaria institucional.
Para rematar, unha frase dun optimista: "Moita xente pequena, de lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo"

xoves, 18 de maio de 2017

Memoria da represión lingüística: Luz Fandiño



Luz Fandiño fala de máis cousas, pero especialmente, e na primeira parte do vídeo preséntanos as súas lembranzas sobre a represión lingüística. 
Esta entrevista tráeme á memoria aquela outra das Candongas do Quirombo para o documental A memoria da lingua