Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Álvaro Cunqueiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Álvaro Cunqueiro. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de maio de 2024

Mil primaveras máis


Por Manuel Bragado no Faro de Vigo:

Por coñecida que fose, sempre emociona ler, e aínda moito máis escoitar, a apoloxía que en defensa de Galicia e da súa lingua fixo o escritor Álvaro Cunqueiro o 24 de abril de 1980 na histórica homenaxe que recibiu no hotel Samil de Vigo. Un texto oral, pronunciado de forma improvisada e emocionada, sen mediar apunte escrito ningún, concibido como manda do seu epitafio, que un ano despois se convertería en extraordinario legado ao futuro da lingua e patria galegas. Homenaxe que lembra moi ben o editor Bieito Ledo, entón xerente da editorial Galaxia, onde se argallou e presentou como iniciativa dun grupo de amigos, coincidindo coa aparición no catálogo da editora de Reconquista 1 do primeiro volume da obra en galego completa, o de poesía e teatro, e dun disco (elepé) con poemas do mindoniense recitados na voz de Xohana Torres e acompañamento da arpa de Emilio Cao. Iniciativas promovidas coa intención de subirlle o ánimo a don Álvaro, entón moi baixo, fose polas súas penalidades de saúde como pola aldraxe que o 28 de xaneiro moito o amolara, no acto de investidura como doutor honoris causa da Universidade de Santiago de Compostela, xunto a Camilo José Cela e o filólogo alemán Joseph M.Piel, tras unha protesta estudantil dirixida, sobre todo, contra o reitor José María Díaz Suárez Núñez.

 

xoves, 9 de febreiro de 2023

Francisco Fernández del Riego fala de Álvaro Cunqueiro


 No ano 1991 o Día das Letras estivo adicado a Álvaro Cunqueiro. O 17 de maio dese ano o presentador Xosé Ramón Gayoso fíxolle esta entrevista a Francisco Fernández del Riego en Mondoñedo, centrada na figura do homenaxeado naquela altura

xoves, 28 de maio de 2015

1000 primaveras +.1


Prolingua lanzou o primeiro dos seus vídeos da campaña argallada sobre esa frase de Cunqueiro, da que se cumpren 30 anos. Un mundo de persoas parcipan nesta peza audiovisual, entre eles o autor deste blogue.
Velaquí o texto de Cunqueiro:
Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis".

sábado, 12 de abril de 2014

Noivado IV



Canción e Nacho Mora, recollida desta entrevista en Disquecool na que o músico comenta que "o galego, culturalmente, é case underground"
Nesta canción musícase un poema de Cunqueiro da súa obra Poemas do si e do non
Se Cunqueiro volvese á vida e vise a este barburdo cantando unha creación súa de hai case un século, escaparía escorrentado cara a súa tumba.

mércores, 19 de xaneiro de 2011

Cunqueiro 2011

Este ano tamén é o de Cunqueiro, así que aquí vai este artigo de Anxo tarrío Varela, no Galicia Hoxe:

Polo que din os medios onte, no programa de Faladoiros que o CCG vai desenvolver neste ano cunqueirián, non se explicita intención de afondar directamente na complexa faceta narrativa do escritor, que aglutina moito máis que os topicsenunciados como "A cultura popular" e "O mundo céltico e bretón" na obra de Cunqueiro, cando o certo é que o feito de contar e escoitar historias deveñen no pensamento antropolóxico e filosófico de Cunqueiro exercicios absolutamente necesarios para que o ser humano non sucumba ao desespero existencial.
Falouse moito, de vinte anos acó, do Cunqueiro trangresor en momentos en que a narrativa en España atravesaba máis polos enlordados camiños do realismo social ca polos vieiros da experimentación, tal e como viñan ensaiando dende as primeiras décadas do século XX Proust, Joyce, Kafka, Romains, Dos Passos, Huxley, Faulkner... ou aquelotros que estaban por eses anos 50 a revolucionar o xénero expoñéndose á incomprensión do público, que non outra cousa facía, por exemplo, o nouveau roman ou en Galicia a nova narrativa.
Pero esa escritura elaborada a contrafío valeulle a Cunqueiro unha serie de reproches que atrasaron o seu recoñecemento público e mesmo o obrigaron a se defender das acusacións de escapismo estetizante, cando el non concibía as súas novelas máis que como un enfiado de episodios con valor diexético de seu, é dicir, como unha serie de pequenas unidades, case sempre lírico-dramático-narrativas, que podían lerse autonomamente pero que postas en ringleira ían constituíndo mundos que non se circunscribían directamente ás necesidades de denuncia dunha sociedade que se debatía entre o escurantismo político, a falla de liberdade e de horizontes de esperanza de varias xeracións de españois que medraban e desenvolvían as súas vidas nas máis duras condicións. Cunqueiro non se centraba en levar á superficie do papel o que xa de seu ofrecía a realidade cotiá, senón a realidade humana profunda que se transmite a través dos mitos, sempre encapsuladores de verdades incontestábeis, de constantes sobre os desacougos e as ilusións humanas nunca realizadas. El quixo agasallar ao lector cunha síntese da literatura universal. Un sincretismo espazo-temporal polo que atravesasen os grandes mitos e as grandes creacións do espírito humano, dende a Odisea até a poesía vangardista, pasando pola Biblia, Virxilio e Dante, polas lendas artúricas e as Mil e Unha Noites, François Villon, Shakespeare e os grandes renacentistas italianos, por Stendhal, Eliot e Lord Dunsany, en fin por todos aqueles que axudaron a configurar o que chamamos tradición occidental, e iso sen esquecer a paisanaxe galega, que el retratou mellor que ninguén.
O que non aceptou Cunqueiro foi a derrota sen loita do ser humano ("doado é dicir que non hai Cotovías"), nin a desesperanza traída da man da filosofía e da literatura existencialistas, contra as que foi belixerante, opoñéndolles ás súas negatividades a pulsión de Ícaro voando cara ao sol con azas de cera, aínda na certeza de que o seu soño vaia ser derrubado. El non aceptou o verso de Dante no III canto do Inferno n"A Divina Comedia: "Lasciate ogni speranza, voi ch"entrate". Sempre Cunqueiro nos ofrece unha Ariadna, a nosa propia imaxinación, portadora do fío que nos distraia do labirinto cego, sen saída, que ao final é a vida humana..