Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Vila de Cruces. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vila de Cruces. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de xuño de 2021

A escola das avoas

 

A recuperación da memoria histórica da xeración dos avós e bisavós que foron escolarizados durante o fanquismo é a protagonista deste documental realizado polo alumnado de 2º e 3º da ESO do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). O propio alumnado entrevistou e gravou cos seus teléfonos móbiles a máis de 25 persoas que narran as súas vivencias na escola franquista, tamén as relacionadas coa represión lingüística.

O documental inclúe a colaboración póstuma de Xosé Neira Vilas, que tamén reflexiona sobre esta etapa histórica.

domingo, 7 de xuño de 2020

O nº 3 do "Marco Numérico"

Marco Numérico é a revista de matemáticas que publica o IES do Marco do Camballón (Vila de Cruces) desde hai tres anos. O primeiro número publicouse en xuño do 2018 e a súa novidosa proposta fixo que fose noticia en varios medios como GCiencia ou Praza Pública. Neste último destacaban que a publicación nacía nun marco e prohibicións establecido polo funesto decreto 79/2010 segundo o que nin se pode impartir docencia de matemáticas en galego nin usar materiais desta materia nesa lingua. O proxecto partira das aulas dunha materia optativa de 2º de bacharelato, Métodos Estatísticos e Numéricos.
Un ano despois aparecía o segundo número, no que se lle abriu a porta a que colaborasen outros centros de ensino. Finalmente, e con puntualidade britática, temos acceso ao terceiro volume, que saiu do prelo a pesar das dificuldades derivadas da pandemia da COVID-19. Na súa presentación destácase que esta revista
quere recoller traballos de investigación realizados por alumnado de secundaria e bacharelato de centros de ensino galegos que teñan as matemáticas como eixo central

Velaquí o seu carácter distintivo entre a curta, pero gorentosa, tradición de revistas de matemáticas dos centros de ensino, (por certo, todas elas en galego; boa mostra do compromiso social do mundo do ensino fronte ao radicalismo dunha Xunta racista coa lingua de noso e os seus utentes)
Neste terceiro número, entre outros artigos, volveremos a encontrar un traballo que contribúe ao proxecto MARUMASAT, hai unha nova achega sobre a lei de Bendford, e varios estudos estatísticos sobre a distribución dos números primos.
Non quería finalizar sen darlle as grazas ao promotor deste proxecto, Xosé Díaz, non só por poñelo en pé e mantelo, senón por unha razón máis persoal que non é outra que a de que me invitara a prologar o terceiro volume do Marco Numérico.

domingo, 8 de xaneiro de 2017

Noticias sobre a normalización nos concellos de Silleda e Lalín e Vila de Cruces

Durante as últimas semanas a canle Nós Televisión fixo varios reportaxes arredor da normalización lingüística en varios concellos.
O primeiro deles vai sobre actividades realizadas en Lalín arredor da escrita creativa, narracións e contos. Recoñécese que hai unha situación problemática xa que é moi raro que a lingua habitural dos nenos sexa o galego. Invito a ver o vídeo xa pois entre outros entrevistan a Celso Fernández Sanmartín, que sempre é un gusto escoitalo.



O segundo vídeo que recollo trata sobre actividades nun concello ao que lle collín moito cariño por ter traballado alí durante 13 anos, Silleda. Neste caso trátase de sesións en familia de contacontos e manualidades e de orientación para os pais de lecturas co fin de manter a tranmisión xeneracional. O concello de Silleda tamén lle regalará unha "caixa finlandesa" aos nacidos no municipio, aínda que neste caso non será como a da Xunta, que cacarexada como un alicerce máis do seu aparente galeguismo, traía un CD de cancións en castelán. Polo menos as de Silleda veñen en galego.



A última das reportaxes está centrada en Vila de Cruces. Neste caso temos unha reportaxe sobre a sinalización da toponimia das parroquias e os lugares. Con esta campaña queren comenzar a corrixir algunhas deturpacións. O maior interese deste vídeo é o de poder ver como o concelleiro de obras e servizos, que non dubida en aceptar a única prescripcións existente no relativo ao emprego do galego tal como é o do relativo aos topónimos, revela os seus prexuízos con frases como "á xente cóstalle adaptarse ao galego normativo que teñen agora os lugares como por exemplo Xordedo, Mosteiro ou Igrexa". Aínda bo é que informa que contan con técnicos no concello que lles indican cal é a forma non escangallada do topónimo.

mércores, 11 de novembro de 2015

Boina style



Hai xa unha temporadiña que no muro do Clube da Lingua, unha páxina de facebook do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), estamos vendo unha chea de xente levando vestida cunha boina. Trátase do máis cool do momento, levar boina é estar á última.
Tamén é unha maneira lúdica de promover a lingua galega. Aquel ou aquela que a levan non só falan en galego, son ademais defensores activos da nosa lingua.
Neste vídeo incluso se atreveron a remedar ao Gangnam Style e ben se ve que o pasan de marabilla. Non hai nada mellor que celebrar a normalización con festa e alegría.


P.S.: parece que xa se está a divulgar esta moda

luns, 15 de xuño de 2015

Toma lumiño, este dentiño



Audiovisual feito polo alumnado do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), recuperando unha tradición que agora se ve esmagada polo Ratoncito Pérez.
Vía CGENDL