Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta CELRM. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CELRM. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de decembro de 2024

A Real Academia Galega, un calculado silencio á espreita

 


por Xosé Luís Axeitos no Faro de Vigo:

O pasado martes, 3 de decembro, algúns xornais publicaron unha nota da Real Academia Galega que consta de 170 palabras que cabalgan confusamente entre a crónica, a noticia e a reportaxe debaixo deste titular: «La RAG llevará ante el plenario un informe de la situación lingüística».

mércores, 16 de outubro de 2024

STEM galega


por Manuel Bragado no Nós Diario:

A pesar de que non se realizou avaliación anual ningunha, prevista na disposición adicional quinta do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo, que tronzou o consenso acadado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), todos os datos coinciden en que dende a súa entrada en vigor o coñecemento e uso do galego minguou no alumnado do ensino non universitario, impedindo que ao remate do período obrigatorio contase con idéntica competencia en ambas as dúas linguas cooficiais. Modelo de plurilingüismo que prescribiu a imposibilidade de empregar, dende o inicio da Primaria, o galego como lingua vehicular das matemáticas e do resto das materias científicas e tecnolóxicas, coincidindo coa posta en marcha do modelo STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), enfoque curricular interdisciplinario orientado á resolución de problemas prácticos. Aberración educativa que as expertas do Consello de Europa acaban de reclamar fose emendada pola Xunta de Galicia de forma inmediata coa intención de que se cumpra coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

luns, 7 de outubro de 2024

Europa esixe máis galego


 por Xoán Antón Pérez Lema, no Nós Diario:

En 1992 a meirande parte dos Estados do Consello de Europa (que definen un perímetro ben máis alargado ca o da Unión Europea) asinaron a "Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias". A definición convencional considera "lingua minoritaria" toda lingua que non fale a meirande parte da poboación dun Estado asinante. Velaí que o galego ou o catalán, que non son linguas minoritarias en Galicia e Catalunya, senón ilexitimamente minorizadas, si fiquen inseridos neste concepto.

 

sábado, 5 de outubro de 2024

Incumprimentos

 


por Marta Dacosta en Nós Diario:

No Día Europeo das Linguas, o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Minorizadas fixo público o seu informe sobre a situación do Estado Español. A información que transcende zumega corrección. Tanta que non utiliza a palabra "incumprimento". Fala de que hai que "redobrar os esforzos", e mesmo así, non di iso sen antes colocar a venda para a ferida: "España conta cun sistema ben desenvolvido de protección e fomento das súas linguas rexionais e minoritarias". Vaites.

 

martes, 1 de outubro de 2024

A falsa harmonía

 Editorial de Nós Diario:

Cantas veces escoitamos o presidente Alfonso Rueda, e previamente Alberto Núñez Feixoo, enarborar a bandeira dese suposto "bilingüismo harmónico" que, segundo os dirixentes do PP, existe na Galiza? O discurso da Xunta bateu onte unha vez máis coa realidade a través do informe publicado polo Consello de Europa advertindo do incumprimento de diferentes compromisos adquiridos polos Gobernos galego e estatal en materia lingüística no marco da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas nas súas relacións coa xustiza, na sanidade ou no ensino. O documento saca as cores á Administración e urxe "eliminar as limitacións" que impiden, entre outros aspectos, que a lingua propia do país —só o galego, malia que no pasado Rueda outorgara tamén esta distinción ao castelán— poida usarse cando se imparten as materias de ciencias. O uso do galego tampouco está garantido na atención sanitaria ou nos servizos sociais, algo que xa sabiamos pero que agora constata o Consello de Europa.

 

luns, 17 de xaneiro de 2022

A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias




 por Henrique Monteagudo na Tribuna da RAG:

A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM) é un código para a protección das comunidades minorizadas promovido polo Consello de Europa (CE). Este organismo, do que forman parte a práctica totalidade dos estados europeos, ten como obxectivo promover a democracia, os dereitos humanos e a identidade cultural europea. A Carta foi asinada e ratificada pola maior parte dos membros do CE e ten carácter de tratado internacional, polo que a súa ratificación debe ser aprobada polo Parlamento de cada Estado, adquirindo así carácter de lei, cun rango xurídico superior á lexislación ordinaria do propio Estado. A CELRM contempla uns compromisos de carácter xenérico sobre o recoñecemento das linguas e o respecto dos dereitos das e dos seus falantes, e outros máis concretos no ensino, as administracións e os servizos públicos, os medios de comunicación, as actividades culturais e a vida económica e social. Todos os estados signatarios se obrigan a aplicar os compromisos xerais, mentres que os concretos están graduados por niveis, do mínimo ao máximo e, no momento da ratificación, os estados deciden cales asumen e a que nivel, ademais das linguas a que se aplica a Carta.

 

mércores, 28 de abril de 2021

Que foi da lingua en 40 anos de Estatuto?


Van alá 40 anos do Estatuto. Como valorar a situación da lingua galega despois destas catro décadas?
Nesta conversa organizada pola Voz de Galica participan Mª Pilar García Negro, Henrique Monteagudo e Malores Villanueva.

 

martes, 27 de abril de 2021

Plurilingüismos


 por Gonzalo Constenla en Nós Diario:

Non era preciso que nolo viñeran dicer os de fóra, xa nós o levábamos pregoando por activa e por pasiva. Porén, para contentamento, ou, nos máis dos casos, desgusto de quen non confía en si proprio, mais outro ano o Consello de Europa emitiu un relatorio que dá conta do retroceso do galego, que ten ocorrido no ensino desde a promulgación do mal chamado Decreto do plurilingüismo. Unha normativa que visaba o progresivo desaparecimento do idioma proprio do país no ámbito educativo, como as estatísticas confirman ano após ano, a pesar do tal decreto definir como meta a plena competencia bilingüe galego/español do alumnado. Fracaso das súas proprias mentiras. Non. Plurilingüismo non é iso, maltrato da lingua nacional con base na imposición das vellas tácticas do imperialismo lingüístico. Apor unha lingua para extinguir outra, máxime cando esoutra é a xenuína dun territorio.

 

martes, 20 de abril de 2021

A lingua galega, Peter Pan?


por Pilar García Negro, en Nós Diario:

A política lingüística española ten un amplo historial hexemonista, con moi pouca orixinalidade a respeito do modelo lingüicida francés.

sábado, 17 de abril de 2021

Herdeiros de Nebrija


por María Obelleiro en Nós Diario:


Un recente informe do Consello de Europa vén de evidenciar a continua perda de galegofalantes entre as franxas máis novas da sociedade, até o punto de que só 23,9% das e dos menores de 15 anos son capaces de expresarse na lingua propia da Galiza. A situación tórnase máis preocupante nos grandes núcleos urbanos, onde se concentra o groso da poboación de menos idade, con cifras residuais de persoas que falan galego. Eis os efectos do Decreto de Plurilingüismo, aprobado por Feixoo tras chegar á presidencia da Goberno galego. Unha normativa, Martxelo e Vicent, que, ao contrario do que acontece en Euskal Herria e Catalunya, exclúe o galego de determinadas materias escolares como as matemáticas, a física, as ciencias e a tecnoloxía.

 

A calada por resposta

 


por Marta Dacosta en Nós Diario:

Neste mes de abril, o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas publicou tres informes en que analiza as situacións das linguas do Reino Unido, a República eslovaca e o Estado español. Neste mesmo xornal puidemos ler esta semana un resumo das conclusións e tamén a valoración dalgúns docentes sobre a situación da lingua entre os máis novos. A Mesa faise eco do informe e reclama da Xunta e do Estado diálogo e acatamento das recomendacións do Comité. A CIG-Ensino demanda a derrogación do Decreto en vigor, norma legal que sustenta as limitacións ao uso da lingua que o Comité insta a eliminar: “Recomendación para unha acción inmediata: a. Eliminar as limitacións do ensino en galego en todos os niveis educativos”. A Xunta cala, tanto que, se non houbese esoutras informacións que cito, podería pensarse que o tal informe non existe, que ninguén fixo recomendación ningunha. Coma quen que o galego vai ben.

  

martes, 16 de marzo de 2021

Linguas libres

por Marcos Maceiras en La Voz de Galicia:

Se buscarmos un aspecto común respecto ás linguas na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos, na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou na Carta Europea das Linguas Rexionais e minorizadas, acordos internacionais cos que está comprometido o Estado español, veremos como os pobos e as comunidades lingüísticas son iguais no seu dereito a realizaren todas as actividades humanas na súa lingua propia e, por tanto, a usala con plena validez xurídica, en todo e para todo. 

domingo, 13 de setembro de 2020

La documentación estará en castellano o en gallego con traducción al castellano

 Cando me chegou o aviso desta monstruosidade, o primeiro que fixen foi pensar que era un fake. Simplemente non o podía crer. Todo veu deste chío:

Imposible, pensei. Con todo, polo si ou polo non fun consultar no portal do concello da Estrada para comprobar que o que se dicía aí non era certo. Efectivamente, había un anuncio para a humanización (sexa o que sexa isto) da praza da Feira. Non me estrañou xa que xa oíra falar pola vila que se pretendía facer unha nova reforma nesa praza. O que me non me gustou nada era que o prego de condicións estaba feita exclusivamente en castelán. Así e todo, sería certo o que poñía o chío? 


Pouco máis había que buscar, si, apartado 1.12

E así unha vez máis o galego fica excluído co concurso dunha administración pública, neste caso, o concello da Estrada, para vergoña de todos os seus veciños.

Apunte aparte para despistados. Non me vale a desculpa de que "son fondos europeos" pois, entre outras cousas eses fondos non poder ir en contra da CELRM. Se nos FEDER esixen a documentación nalgunha das poucas linguas oficiais da Unión Europea, esta esixencia non pode trasladarse aos cidadáns e así establecer un novo mecanismo de exclusión do galego. O concello da Estrada obrou mal, e eu avergóñome de vivir nel.



 

martes, 11 de febreiro de 2020

A ocultación do informe do Consello de Europa na TVG sometido a control no parlamento



O colectivo Defende a Galega, que denuncia os recortes na CRTVG así como a manipulación informativa desta entidade, publicou este vídeo no que a deputada do PSdeG Noela Blanco pon en evidencia a ocultación do crítico informe do Consello de Europa sobre a situación do galego. A nova só se emitiu no informativo con menos audiencia e nun corte de só 30 segundos.
A lectura da resposta do director xeral Alfonso Sánchez causa vergoña e remítenos a pensar como é posible que personaxes deste calibre estean ocupando (e cobrando) postos de responsabilidade cun soldo parello pagado por todos nós. Non o merecemos

sábado, 1 de febreiro de 2020

Pilar Ponte: 21 día co galego

por Marilar Aleixandre, no Nós Diario:


Teño a convicción de que, cando algo nos desgusta, o camiño a tomar non é tanto laiarnos, senón actuar para mudalo. O pasado martes Pilar Ponte, profesora no IES da Pobra do Caramiñal, recibía o Premio da Cultura Galega, modalidade lingua, por unha actuación excepcional: iniciar en 2013 21 días co galego –desde 2019 e +–. Pilar preocúpase, como todos nós, pola situación do galego, a perda de falantes sobre todo nas idades máis novas, as consecuencias do decreto de trilingüismo de 2010. Problemas tan visíbeis que levaron mesmo ao comité de ministros do Consello de Europa, na súa xuntanza do 11 de decembro de 2019, a recomendar ás autoridades españolas "Eliminar as limitacións do ensino do galego en Galicia".

venres, 17 de xaneiro de 2020

Mariló Candedo: o decreto 79/2010 fai que a escola sexa un axente desgaleguizador




Mariló Candedo, de Nova Escola Galega, achéganos desde Rede Galega de Vídeoblogues de Nós-TV sobre a preocupante escaseza de aulas en galego posta de manifesto polo Comité de Expertos do Consello de Europa no V Informe no que se determinou o incumprimento da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM).
Candeo destacou o informe do Instituto Galego de Estatística no que se indicaba que a cuarta parte dos cativos non saben falar en galego, o cal nos remite a unha falta de competencias na nosa lingua coa agravante de que as estratexias lexisladoras non conseguiron a súa finalidade. Tamén acusou ao decreto do plurilingüismo como punto fundamental para as restriccións para o galego.
O pasado mes Nova Escola Galega difundiu un boletín  co título Igualdade, lingua e tempos escolares, no que profundiza sobre o actual estado do galego na escola.




sábado, 11 de xaneiro de 2020

Váisenos o galego?

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicaé:

EU, VAIA isto por diante, non son alarmista, nin mesmo pesimista. Gosto, iso si, de dubidar, de inquirir, de interpelar. E acredito, por outra banda, na reacción social e política, na activación dunha conciencia crítica, tamén colectiva, fronte á realidade. Que acontece co idioma galego? O Consello de Europa, do cal o Reino de España forma parte dende o ano 1977, acaba de pronunciarse sobre o proceso de desgaleguización idiomática que sufrimos, porque "a transmisión da lingua de pais a fillos xa non está garantida" e porque "a proporción de alumnos con dominio do galego como idioma ten diminuído significativamente".

domingo, 5 de xaneiro de 2020

O galego e as fronteiras

por Xosé Luís Santos Cabanas,nas Voces de ProLingua:


A Sociolingüística achegouse (e achégase aínda) ás relacións entre os idiomas falados nun mesmo territorio, ben estudadas polo valenciano Rafael Ninyoles, que faleceu a finais de outubro deste 2019 que está rematando. É mágoa que a wikipedia galega non lle dedique unha entrada a este destacado científico social, pois nesta terra somos moitas as persoas que descubrimos nos seus libros, algúns deles traducidos ao galego, como desde a análise psicosocial ou socioloxía do coñecemento se describen conflitos lingüísticos nos que medran vizosos prexuízos que levan a que unha lingua sexa considerada como de segunda ou terceira categoría no que vou chamar, para entendérmonos, imaxinario colectivo.

sábado, 28 de decembro de 2019

Matar unha lingua

por Henrique Harguindey Banet, no Sermos Galiza:

Resulta irónico ver a Xunta de Galiza reunirse con responsabeis da política lingüística doutras comunidades autónomas con lingua propia (Euskadi, Nafarroa, Catalunya, València e Illes Balears) e esixir do goberno do Estado (o que veña agora, non os anteriores gobernos do PP) o cumprimento da “amplia e elemental batería de obrigas e deberes recollidos na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias subscrita e ratificada polo Estado Español”. Foi moi rápida a Xunta en subscribir esa Declaración de Bilbo o mes pasado e pedirlle ao Estado “coa coherencia esixible a todo Estado democrático, a salvagarda dos dereitos lingüísticos e as medidas necesarias para cumprir as recomendacións que reiteradamente recollen os informes do Comité de Expertos e as recomendacións adoptadas polo Comité de Ministros do Consello de Europa, para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía”.