Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xornal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xornal. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de maio de 2012

Réquiem polo "xornal" de Galicia (e epílogo esperanzado)

por Jorge M. de la Calle, no Praza:

A prensa en galego deixounos o último ano máis orfos coa desaparición de cabeceiras fundamentais e históricas, para sempre exterminadas do ecosistema mediático en papel e incluso das hemerotecas web, liñas sobre as que quereríamos voltar e xa non poderemos, pero que nunca deberán borrarse da nosa memoria. Porque toda publicación, todo vestixio escrito dunha lingua e dunha comunidade transmite a súa historia (información), o seu pensamento (opinión) e, con eles, a identidade, a esencia e a existencia dun pobo con personalidade de seu; é por todo iso polo que, con cada xornal morto, morre tamén algo de si.

martes, 18 de outubro de 2011

martes, 20 de setembro de 2011

Busco medio en galego de información xeral

Até sempre!, foi a despedida de Vieiros (24/07/2010)
chuza! tamén pecha as portas, foi un titular do Xornal (25/07/2010). Afortunadamente despois resucitou.
'A Nosa Terra' manterase na rede despois de desaparecer como semanario impreso, en culturagalega.org (1/09/2010 faise o anuncio )
Galicia Hoxe sae mañá á rúa por derradeira vez, no propio Galicia Hoxe (o último número é o do 28/06/2011)
Adeus e grazas, vémonos na rede, era a mensaxe da última portada en papel do Xornal, era o 4/8/2011 e anuncíabase unha nova etapa deste medio que pasaba a ser Xornal.com, mais
Xornal.com tamén pecha na rede, no Galicia Hoxe
Así  que:



mércores, 14 de setembro de 2011

Nel Vidal: 'Nun ano dramático para a normalización Anxo Lorenzosó pode dimitir'

Entrevista a Nel Vidal, presidente da CTNL, no Xornal:


Nel Vidal (Ribeira, 1980) é dende 2007 o presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL). Esta asociación enviou a semana pasada un comunicado no que esixía a dimisión inmediata de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, tras coñecerse que o seu departamento suspendía as axudas para a promoción e fomento da lingua nos concellos. Para Vidal, o secretario xeral xa non ten "credibilidade" e considera que a súa marcha é a única saída que lle queda. Ademais, Vidal afirma que o ano 2011 está a ser "un ano dramático para a normalización lingüística" e que as axudas para o fomento do galego nos concellos pasaron de 800.000 euros en 2008 aos 420.000 euros de 2011, ano no que por vez primeira en dúas décadas estas subvencións quedan anuladas.
No comunicado que enviou a Coordinadora a semana pasada sinalábase que a suspensión destas axudas podía supoñer a desaparición dos servizos de normalización lingüística en varios concellos. De cantos técnicos podemos estar a falar?
Non podemos precisar a cifra exacta, pero esperamos que sexan os mínimos posibles e que, a poder ser, non haxa ningún despedimento. Pero as consecuencias son moi graves. Por un lado, aXunta anunciou que van sacar as axudas de novo con cargo a 2012, pero como é lóxico os concellos non investiron este ano os cartos que aínda non lles concederon. Facelo sería unha irresponsabilidade. Irresponsabilidade que, por outro lado, cometeu a Xunta co Fondo de Compensación do Estado. Esa irresponsabilidade foi a que nos levou a esta situación. Se neste 2011 non se van conceder esas axudas para a normalización, os propios concellos non van levar a cabo actividades de normalización  con cartos que lles vaian dar, supostamente, en 2012. É totalmente imposible. Aínda que a Xunta lles deixe xustificar gastos a cargo de 2012, xa é tarde. O ano está perdido. Toda esta situación lévanos a que moitos concellos estivesen agardando pola resolución das subvencións para levar a cabo actividades de normalización e mesmo para contratar técnicos. Se non hai resolución, como non vai haber neste ano, nin haberá actividades nin contratación. Os concellos mantiveron contratos de técnicos de normalización esperando que chegasen estas axudas que, finalmente non vai haber. É posible que moitos consistorios acaben por prescindir dos técnicos. Dende a Coordinadora, pedímoslles aos concellos que fagan un esforzo para manter estes postos de traballo
No seu comunicado, a Coordinadora denunciaba que esta liña de axudas descendera considerablemente nos últimos dous anos, dende que o PP chegou ao Goberno. De que cifras estamos a falar?
Os cartos que lle dedicou a Xunta en 2008 foron 800.000 euros e agora falamos de 420.000. O ano pasado foran 600.000 euros. Agora estamos xa coa desaparición total destas axudas. As consecuencias que podemos ver é que agora hai menos concellos con servizos de normalización lingüística que en 2008 e os que hai son financiados en moitos casos pola Deputación da Coruña, non pola Xunta. Nestes momentos non sabemos que vai pasar o ano que vén coas axudas da Deputación, polo que as consecuencias poden ser aínda máis dramáticas.
A Coordinadora pedíralle a Política Lingüística nas últimas semanas información ao respecto destas axudas cuxa convocatoria se fixo en marzo. Vostedes acusan a Xunta de negarse a facilitar información ao respecto. Que pasou?
Non contestaron as nosas preguntas, nin sequera nos deron respostas de cordialidade. Reclamamos información ao correo xeral de Política Lingüística. Ao ver que non respondían, decidimos comunicarnos coa xefatura de gabinete, coa subdirectora xeral de Política Lingüística e tamén co propio Anxo Lorenzo. Isto dende o mes de xullo. Nin sequera tivemos unha mínima contestación de cordialidade. É incrible e inaudito, xa que sempre houbo un contacto normal. Un contacto como o que ten que haber  entre o departamento de Política Lingüística, responsable de coordinar os servizos de normalización, e a entidade que aglutina os traballadores de normalización lingüística.
É o 2011 un ano perdido no ámbito da promoción da lingua nos concellos?
Poderíase definir directamente como un ano dramático. Oxalá fose simplemente un ano perdido! Pero cando os retrocesos son tan grandes e non se toman un mínimo de medidas, estase a producir un  grave retroceso. É un ano dramático con consecuencias que estamos vendo e sufrindo. Neste sentido, hai que engadir que tamén resultou vergonzoso e impresentábel que o señor Anxo Lorenzo estivese dous anos presentando a Rede de Dinamización Lingüística ao mesmo tempo que se reducían as axudas aos servizos de normalización. Ao final mesmo chegamos á suspensión total das axudas. É incoherente que se presente esa rede e que se fomente que pechen os servizos de normalización, porque iso é o que está a pasar. Ademais, os concellos foron chantaxeados por Política Lingüística coas axudas deste ano que finalmente non se van dar. Foron chantaxeados, porque nunha das bases se recollía que aqueles concellos que se unisen á rede ían recibir máis cartos. E agora suspéndense as axudas! Os concellos que caeron nesa chantaxe deberon quedar con cara de parvo. Anxo Lorenzo perdeu xa a escasa credibilidade que tiña, xa non é o interlocutor válido para representar a administración autonómica neste eido. Só ten unha saída: dimitir. Se está de acordo con que a Xunta anule estas axudas, ten que marchar. Se non estaba de acordo e as anularon, ten que marchar. Lorenzo só pode dimitir.
Precisamente Anxo Lorenzo cualificou de "noticia lamentable" que o seu departamento tivese que eliminar esas axudas e culpou o Estado. Válelle esta explicación?
É unha explicación ridícula. A competencia de normalización lingüística e a responsabilidade de fomentar a lingua na administración local son do Goberno autonómico. Se a Xunta non soubo facer ben as contas ou incluíu no apartado de ingresos cartos que non tiñan, é culpa dos malos xestores da administración galega. Que non lle boten a culpa a ninguén e, sobre todo, que non llo fagan pagar a lingua

xoves, 18 de agosto de 2011

Sete ao caldeiro e unha de polbo

por Xosé María Lema, acertadísimo, coma sempre; contestando a un zunante (un tal F. Fernández Buján)  no Xornal:


Vaia sorte a de algúns! Nun artigo titulado Demasiado gallegas, publicado o pasado día 12 nas páxinas de opinión dun xornal galego, un colaborador contaba que estando el nunha casa de comidas tomando unha cervexa “y unas apetitosas raciones” cadrou que na mesa contigua había dous matrimonios que falaban en inglés. Cando lle comunicaron en castelán ao camareiro as racións que desexaban tomar, este desaprensivo, para amolar, vai e repítelles en galego o nome das racións para confirmalas, e, para máis inri, aínda proclama –supoño que berrando a viva voz- "unha de polbo", cando os británicos seica pediran "una de pulpo". Mecachis! Canto sinto non ter estado co articulista tomando esas cañas; mesmo convidaba eu, pois mira ti que non levo anos buscando esa xoia de camareiro, xa que a min na maior parte dos bares, cafeterías e restaurantes pásame xustamente ao contrario: cando pido “un (café) con leite”, tradúcenmo simultaneamente a “con leche” para confirmar, non vaia ser que o queira con gasosa ou con cloruro sódico; e cando pido “un (viño) ribeiro” vólvenme preguntar “¿un rivero?”, non sei se o din con –v- ou con –b- (de certo que aínda non dei localizado esa denominación de orixe Rivero, tan coñecida en Galicia e tan descoñecida no resto de España, onde só se sabe da do Ribeiro). Hai que ver: cando incluso os máis galeguistas dos galeguistas seguen tendo reparos en pedir unha ración de polbo, polas consabidas connotacións da palabra homófona, que non homógrafa, en castelán (polvo), o articulista atopa un douto e espelido camareiro que lla espeta con toda naturalidade a uns ingleses e en público. É de supoñer que fose despedido ipso facto polo seu xefe; non se pode admitir un camareiro tan lido e culto, córcholis.
Ben aclara o articulista os motivos de contarnos tan “insignificante anécdota”: por unha parte lavarlle a cara a esa eminencia que parece ser a nova concelleira de Cultura da Coruña (que seica debera criticar as festas do anterior goberno municipal non por seren "demasiado gallegas", senón por teren "demasiadas cosas gallegas": veleno puro, seguro), e pola outra tentar convencernos de que “el turista foráneo no se siente cómodo por dificultades idiomáticas” e igual escapa correndo a fume de carozo. Dificultades idiomáticas ocasionadas, ¡como non!, polo galego, ese idioma estraño case tan arrevesado coma o suahili que os estudantes estranxeiros dominan en menos de quince días, entre outras cousas porque como mínimo no cincuenta por cento das palabras coincide co castelán. E falando de foráneos, non sei se o articulista aplicaría a súa mesma receita da comodidade idiomática ás queixas de non poucos alumnos do último curso de galego para estranxeiros da USC, defraudados porque en certos comercios adoitaban responderlles en castelán as preguntas que eles lles facían en galego.
En fin, que estamos unha vez máis ante a consabida táctica xa ensaiada hai meses por outros galegófobos cando se trataba de ridiculizar as clases de matemáticas en galego: lembro un colaborador dun xornal compostelán que contaba que alguén lle dixera que nun instituto de alá do norte de Lugo (canto máis lonxe mellor) un profesor de matemáticas dicía “sete ao caldeiro” en vez de “sete ao cubo”. Obviamente, nunca se deu identificado nin ese instituto nin ese profesor, pero iso non importaba, pois os inimigos do galego apenas teñen outro argumento que a repetición obsesiva das súas propias mentiras, coma aquela da suposta imposición. Agardo impaciente que se nos dea a coñecer o nome do camareiro de léxico tan impecablemente normativo, pois sería eu o primeiro asinante en solicitar para el unha cadeira de honra na Real Academia Galega.

domingo, 14 de agosto de 2011

A concelleira “demasiado gallega”

por Miguel Pardo, dándolle outra volta ao tremendo caso da concelleira coruñesa,  no Xornal:


Seguro que a concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández, nunca pensou ocupar tanto espazo nos medios de comunicación. E iso que ben o avisou na mesma entrevista que a lanzou ao estrellato. “Lo que peor llevo de mi nuevo cargo son los titulares de los periódicos”. Dito e feito. Abondoulle cunha ampla conversa para aparecer neses sitios que tanto detesta. E iso que as súas mellores frases houbo que rebuscalas entre as letras.
Por desgraza, a xa famosa cita non tiña a intención de ocupar titulares, chamar a atención ou acadar a popularidade que non tiña. É o que pensa. “Hasta ahora se estuvieron programando cosas demasiado gallegas”, dixo Ana Fernández para referirse aos actos culturais e festeiros do anterior goberno local. A continuación, converteuse en trending topic (tema del momento, para seguir a recomendación da concelleira e escribilo nun idioma “que entiendas”) e en foco de polémicas nas que incluso a xornalista Julia Otero lle tirou das orellas.
Pero seica se entendeu mal o sentido de tal afirmación. Galicia Bilingüe, ese colectivo que foi recibido no Concello só un día antes que os peregrinos católicos, descubriunos o significado real. “Se refería a demasiados contenidos nacionalistas”, aclararon. E aí vimos a luz.
Porque supoñemos que Ana Fernández non considera “demasiado gallegos” a Isabel Pantoja, Sergio Dalma, Maldita Nerea, Pitingo, Raphael... Só por citar algúns dos últimos concertos estrela da súa cidade. Hai que ter de todo e ela deixouno ben claro na mesma entrevista: “Hay mucha gente a la que le gusta la Feria Taurina, que la sigue y que tiene derecho a verla”. E incluso avanzou a súa aposta para o futuro cultural da Coruña, que non son outros que “los espectáculos de danza contemporánea, de un flamenco fussion muy original”.
“Fusión y mestizaje” son os seus obxectivos nunha Coruña farta de tantas gallegadas. Farta de tantos alcaldes namorados da súa lingua, de tantos topónimos e rúas honrando a esencia galeguista da urbe, de tantos carteis en galego nos abondosos centros comerciais ou de tantos coñecidos empresarios enchendo dese idioma minoritario as súas campañas publicitarias. Xa está ben.
Ana Fernández xa advertiu que na súa casa “se habló gallego siempre”, aínda que ela non o fale nunca, e que pensa en “contar con Galicia”, malia que non o pareza. Porque o galego está ben para a intimidade, como Aznar, pero sen pasarse. Está ben cantar a Rianxeira de vez en cando, comer unha boa mariscada, beber licor café, bailar unha muiñeira ou incluso dicir algunha “gallegada desas” para sorprender os teus amigos foráneos. Pero sen abusar.
E é que o autoodio si que é unha cousa “demasiado gallega”. Igual que esa permanente tradición enxebre de aproveitar a desgraza do veciño para cebarse con el e presumir dos teus ferrados. Como os que meten no saco de todos os coruñeses as palabras insultantes dunha concelleira. Os mesmos que intentan ver nun único lugar unha eiva global de Galicia. País!

venres, 12 de agosto de 2011

Levan o galego cara ao cadaleito?

por Antonio Campos, ex-deputado socialista, no Xornal:


Isabel, raíña de Castela simboliza no século XV a nosa decadencia política, social e cultural no marco dun proceso de castelanización e desnaturalización do pobo galego, no que tras esmagar aos restos da nobreza galega, substitúese o idioma polo castelán tanto en actos civís como eclesiásticos. Zurita o relata como “a castración e doma do pobo galego” e a súa aniquilación cultural e idiomática. Actuacións nas que se contempla coacción, estimulación de complexos, e suplantación da nobreza e burguesía autóctonas por outras de orixe foránea que moldeará o país á súa imaxe alzando unha brutal barreira entre o autóctono e o foráneo á vez que masacra o idioma relegándoo a categoría dialectal impropia das clases cultas ou podentes.
Será esta, a famosa imposición do galego? Esa na que abondan faladoiros vencellados a dereita máis extrema e que son a Gloria do bilingüismo. A administración autonómica, -non sería exacto  dicir administración galega-, a mantenta dilúe con actos e comportamentos a nosa identidade, obtendo logros significativos como presenciar desde a indiferenza a desaparición do galego na prensa escrita. Mesmo anímanse polo éxito, e o próximo paso sexa castelanizar a TVG.
A perda dun xornal en papel en galego é dramática. Por ser un ben escaso. Pero sobre todo, polo capital humano. O seu primeiro activo. Profesionais que este país non pode estragar. E cuxo futuro ponse en risco, aínda que sexa temporalmente. A prensa escrita está en crise en calquera idioma, e dende a lóxica do mercado e correcto que peche un xornal, se non ten lectores ou subscritores abondo. O que sería tamén de aplicación, salvo estrañas razóns, nas publicacións tanto no estado como no país galego, con perdas millonarias. Lóxica que tamén chía no caso de xornais en castelán que aparentan moi robustos, e que apenas subsistirían de non ser apuntalados con incribles axudas nada inocentes. A sensación e que as regras non son homólogas.
É case imposible que moitos dos xornais escritos en castelán se manteñan á boia exclusivamente coas súas vendas ou subscricións. Nos escritos en galego, nun país que fala e entende o idioma pero ten severas dificultades en léelo froito do lastre dunha sistemática alfabetización en castelán, a situación sería aínda máis complexa. En cada caso reviste moita importancia na conta de resultados os ingresos por subvencións públicas, publicidade institucional ou algunhas outras actuacións de carácter graciable. As subvencións requiren moito rigor e cautela. Mais no caso do galego, en Galiza e por un goberno galego, terían razón de ser en orde a protexer o idioma como patrimonio común.
Os gobernos conservadores, case todos nestes trinta anos, foron pouco sensibles cos medios en galego. Pode non ser alleo a isto, a independencia do poder destes e a belixerancia coa defensa de Galiza entendida como espazo diferenciado con idioma propio. Tales gobernos agasallaron con escaso pudor os medios en castelán, que entendían máis próximos ou poderían serlles máis útiles. Fóra das súas consideracións quedaban as referidas a amparar un idioma que non pelexaba no mercado con ferramentas equitativas. Nos escasos anos de goberno diferente, aínda habendo sensibilidade distinta, pouco se alterou tal comportamento. Feijóo, co galo da crise e a necesidade de recortar gastos, deixa na intemperie absoluta aos medios en galego. Pero non así aqueles cos que se sente comprometido, sobre os que seguen manando suculentas axudas con sospeitosa prodigalidade. Feijóo ten a dubidosa honra de asistir ao laminado da prensa escrita en galego durante o seu mandato. En troques certo foro estará en “a Gloria” ollando o pago dos servizos prestados nas eleccións autonómicas. Ou se cadra, aínda esperan máis. Son tempos que anticipaba Castelao en Cousas da Vida. “Eu nunca sentín a necesidade de saber galego”... “E que esa necesidade non se sinte no bandullo”… Pois será por iso.

xoves, 11 de agosto de 2011

Claudio Rodríguez Fer: 'Seremos universais se non renunciamos a ser galegos'

Anaco da entrevista ao escritor Claudio Rodríguez Fer no Xornal, (premer para a entrevista completa):


Se falamos de Galicia, hai un discurso de poder belixerante coa lingua e a cultura do país. Estes días escoitamos, na boca da concelleira de Cultura da Coruña, unha frase que, quizais, resume un discurso de poder moi claro: hai actividades culturais "demasiado galegos". O espírito libertario pódenos valer para superar este discurso?
Evidentemente hai que superar estes discurso porque é unha forma de autoodio racista. Non podemos opoñer o galego ao universal. O universal é universal porque inclúe o galego. O galego non nega o universal, porque forma parte del. Iso foi unha gran tradición do galeguismo, que foi esencialmente universalista. Penso que o mellor do galeguismo foi o universalismo, porque o Partido Galeguista vía en Galicia unha célula de universalidade. Opoñer unha cousa e outra é mostra de ignorancia. Seremos universais se non renunciamos a ser galegos. Do mesmo xeito que seremos galegos se non renunciamos a ser universais. Neste volume que veño de presentar na Coruña hai todo un libro, Os paraísos eróticos, que está escrito fóra de Galicia. Vivín en Nova York e en Bretaña e viaxei por outros lugares con estancias de traballo. A maioría dos contos dese libro están escritos neses lugares, pero todos están escritos en galego. Aínda que eu estea fóra de Galicia, no mundo, estou nese mundo como galego. Non podo evitalo

domingo, 7 de agosto de 2011

O idioma e a ideoloxía

por Xosé A. Gaciño, no Xornal:


Parece que non é só cuestión de idioma, aínda que quizais sexa a causa principal. Despois de todo, en Xornal de Galicia (agora de novo só xornal.com), coexisten harmonicamente galego e castelán, pero parece que tampouco iso é suficiente. Tamén conta a ideoloxía: a restra de publicacións que veñen desaparecendo total ou parcialmente (do papel a dixital) en Galicia desde hai pouco máis dun ano (o dixital Vieiros apareceu por última vez o 24 de xullo de 2010) teñen en común o emprego do idioma galego e a súa orientación progresista.
De acordo cos principios do capitalismo puro e duro, o da libre competencia no libre mercado da oferta e da demanda, a conclusión lóxica sería que non hai mercado para produtos xornalísticos con ese perfil ou que están mal feitos. Non parece que outros xornais teñan unha calidade superior (algúns dos de máis vendas son do máis aburrido) e pode que os lectores progresistas teñan desenvolto certa tendencia masoquista, despois de tantos anos de soportar unha gran maioría de medios conservadores.
Pero o caso é que o mercado non é tan libre como se di, que tampouco os medios conservadores e castelán-falantes poden sobrevivir só coas súas vendas, e que a publicidade e as subvencións se reparten con criterios subxectivos e, por suposto, idiomáticos e ideolóxicos.

sábado, 6 de agosto de 2011

Consumir galego

por Elías Pérez Sánchez no Galicia Hoxe:


Agora tocoulle ao Xornal de Galicia. Esta é a estratexia feijoniana. Non regar a árbore da cultura galega co fin de que lentamente, polo seu propio peso e coa seca, as ramas debilítense e provoquen o esborralle do froito caendo como froita madura ou podrecida, aos poucos, provocando un ruído xordo no chan. Antes foi o programa Onda Curta no que se proxectaban curtametraxes de realizadores galegos; despois Flocos.tv, filmoteca on-line gratuíta que ofrecía parte da produción cinematográfica de Galicia; no seu momento tamén desapareceu Destino Galicia, unha canle dedicada ao turismo galego que facía as delicias de calquera que se puxese diante da televisión; todos recordamos Vieiros, A Nosa Terra ou Galicia Hoxe. Tanto o audiovisual galego como os xornais, semanais ou revistas de pensamento en galego están lentamente, sen présas pero sen pausas, desaparecendo dos quioscos, da rede internet e das ofertas televisivas.
O que lles une a todos eles é o feito de ser produtos galegos e en galego, algúns con liñas editoriais diferentes ás ortodoxas demostrando o que xa é unha obviedade: que o goberno da actual Xunta detesta o pluralismo e o respecto cara ás raíces e manifestacións culturais dun pobo que é o seu. Moito se escribiu sobre este tema e, francamente, un servidor pouco máis pode achegar ao debate. Noutras ocasións tratei estes asuntos con rabia e indignación. Con todo, convén recordar que esta dereita e a cultura nunca mantiveron unha relación moi estreita. A cultura en xeral e a galega en particular é demasiado para esa xente. Non son capaces de dixerila.
Dicía arriba que a árbore da cultura galega está a perder as súas ramas e os seus froitos pola desidia e o desinterese patolóxico da Xunta. Pero convén ser coidadoso xa que hai un punto no asunto dos recortes orzamentarios no que un gobernante pódese pasar da raia e chegar a cortar as raíces culturais dun pobo, a súa lingua, os seus sentimentos e a súa historia. E renegar diso é como renegar de nós mesmos e dos nosos antepasados. E quedan aínda sectores sensibles á desaparición como son as editoriais galegas. Ao tempo.
Coñecida xa a aposta do PP pola cultura galega, convén que a cidadanía aposte decididamente polo consumo da cultura galega e en galego se desexamos que sobreviva ante a indolencia gobernamental. E é que nos xogamos nada menos que a perda da nosa riqueza cultural. Porque, entre outras cousas, tampouco a globalización axuda a preservala.

venres, 5 de agosto de 2011

Menos mal que Marilyn Monroe está no museo de cera de Madrid

 Os medios de comunicación adican espazos destacados ás noticias principais, lugares menores ás que consideran de menor importancia e deixan ficar na escuridade aqueloutras que nunca chegan a difundirse neles.
O 4 de agosto do 2011, no Telexornal do mediodía, despois de informar sobre os temas de máis importancia por fin nos contan que no Museo de Cera de Madrid vén de ser instalada a seductora figura de Marilyn Monroe. A pobre muller leva morreu un 4 de agosto do 1962, hai exactamente 49 anos.
Hoxe tamén é o día do falecemento da edición do  Xornal de Galicia. Segundo a TVG esta nova é de menor importancia para os televidentes galegos pois só é comentada, moi brevemente, xusto antes dos deportes; e desaparece do Telexornal da noite.

O peche da edición en papel do Xornal é un triste titular co que deberían abrir todos os medios galegos hoxe. Como non deben quedar medios galegos, o único que destaca a nova é o propio Xornal. Velaí a razón fundamental do seu peche.
Menos mal que nos podemos consolar, ... visitando en Madrid a figura de cera de Marilyn

null

luns, 25 de xullo de 2011

Cara e cruz das medallas galegas

por Xulián Maure, no Xornal:


Este vello Reino de Galicia, que, segundo as estatísticas oficiais dos últimos quince anos, no seu movemento vexetativo vén perdendo máis de sete mil nativos por ano, celebra hoxe o Día da Patria cunha serie de actos, cerimonias e festexos. Este ano, o presidente da Xunta e outros servidores públicos que temos decidiron distinguir coa Medalla de Galicia o Instituto da Lingua Galega e o profesor Ángel María Carracedo Álvarez.
As caras destas dúas medallas non poden ser máis dignas de celebración e recoñecemento colectivos. Todos os habitantes de Galicia podemos sentir orgullo e maior estima despois dos 40 anos de traballo arreo do Instituto da Lingua Galega, que levou o noso idioma ós máis altos niveis dos estudos lingüísticos e promoveu a produción masiva de instrumentos de aprendizaxe da nosa lingua, mediante o asesoramento xeneroso a investigadores, escritores e editores.
Todos os habitantes de Galicia somos e podemos sentirnos máis universais como galegos ó sabermos que o profesor Carracedo, na vangarda da xenómica clínica, dirixe un equipo internacional no que traballan centos de investigadores pertencentes a dezaseis nacionalidades.
Este profesor é o mesmo que apadriña unha promoción de alumnos da universidade da capital de Galicia; é o mesmo que vai de pregoeiro na I Festa Celta de Santa Comba; o mesmo que dá unha conferencia e comparte ­unha cea no Instituto de Estudos Miñoranos. Este galego universal, doutor honoris causa por varias universidades, e o Instituto da Lingua Galega pertencen á cara máis fermosa simbolizada na mellor medalla institucional e pública que poidamos outorgar os galegos.
Outra cousa é a cruz das nosas medallas nestes últimos anos. Os criados públicos que escollemos os galegos e que Galicia contratou para este cuadrienio non saben o que é a fidelidade ó noso.
Prepotentes na súa ignorancia lingüística negan nos primeiros anos da escola a unión entre a nosa lingua, as ciencias e matemáticas, tan compatibles na mente do profesor Carracedo. Cun decreto de falso plurilingüismo desprezan 40 anos de traballo de mestres, artistas, escritores, tradutores, xornalistas e investigadores que tiñan e seguen tendo o Instituto da Lingua Galega como referencia segura da nosa lingua.
Esta cruz dos negativistas do noso patrimonio, que tan destemidamente denunciou o escritor galego e universal, Agustín Fernández Paz, é un coitelo envelenado para todos aqueles que queremos celebrar co ILGA e con Carracedo este Día da Patria coa esperanza de que nesta terra naza e medre xente nova sen que teñan que renunciar á propia fala deste vello Reino de Galicia

mércores, 13 de xullo de 2011

Xavier Rodríguez Barrio: 'Non facer caso da RAG ou da AELG non resulta comprensible'

Anaco da entrevista que Alberto Ramos lle fai a Xavier Rodríguez Barrio para o Xornal:


Vostede é coordinador dos Servizos de Normalización Lingüística da Deputación de Lugo. Dende ese traballo e coa que está a caer, o galego está nunha situación de escribir testamento?
Non quero pensar nun calado testamento para a lingua. Se cadra estou equivocado e é produto do optimismo. Penso que o que toca facer, e xa digo que non sei moi ben como, é quitar todo os matices políticos da lingua. Aínda que iso é moi complicado, porque todos os idiomas teñen eses labirintos da política polo medio. Que está pasando con Galicia? Pois mira, con respecto a cando eu comecei a escribir, houbo un avance grandioso. Tamén penso que, a estas alturas, o galego tiña que estar afianzado na sociedade dunha forma máis intensa e cun compromiso claro de todo o mundo. Que a cousa vai lenta? Pois si. Aquí pasa o que dicía Díaz Castro no seu poema "Penélope": “Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move”. Hai que pensar moitas cousas nestes momentos e buscar un clima de unión para impulsar en todos os eidos o idioma que nos fai ser un pobo.

Pode existir ese clima con esta Xunta de Galicia?
Neste momento non hai clima. Houbo un clima propicio noutros tempos. Eu vivín escenarios máis propicios. Todo este tipo de acusacións e de non facer caso a propostas tan marabillosas de entidades como a Academia ou a AELG non resulta comprensible. Coido que hai que acelerar a implantación do idioma e conseguir que a implantación sexa real.

sábado, 9 de xullo de 2011

Cultura galega en castelán

por Cris Moss, no Xornal:
A promoción da cultura non sempre é fundamental para os políticos, pero nestes tempos tras as eleccións os novos concelleiros intentan dar pulo aos artistas galegos para ocuparse de temas felices antes de comezar cos recortes. É o caso do edil de Cultura en Santiago, Ángel Currás, que hai uns días inaugurou unha exposición.
O popular achegouse á sala de exposicións Zona C, anexa ao convento de San Domingos de Bonaval e creada polo anterior goberno local de Compostela como espazo para amosar o traballo dos creadores novos e modernos da comunidade, para inaugurar unha mostra do artista galego Iván Prieto.
En contra da lóxica que imporía o galego como lingua oficial nun acto cultural en Santiago para dar a coñecer a un creador da terra, Currás presentou a exposición en castelán, o que molestou a algúns representantes da oposición. Será que o PP de Gerardo Conde Roa non está convencido do potencial da cultura en galego?

luns, 4 de xullo de 2011

'Galicia Hoxe', e tamén mañá?

por X. L. Rodríguez Pardo, no Xornal:

Hai poucos días enterámonos da morte do xornal Galicia Hoxe e, quéirase ou non, un lembra case todos os tempos do nacemento de El Correo Gallego e, logo, daquel seu fillo galego que se chamou La Noche, todo xunguido á dirección do noso gran amigo, e mestre en tantas cousas, que se chamou Borobó aínda que o seu nome fose o de Raimundo García Domínguez. Mais claro é: aquel tempo xa pasou e o que primeiramente se chamou O Correo Galego, fillo de La Noche, logo pasou a ser o Galicia hoxe, que acaba de morrer de fame, por non ter cartos para seguirse editando.
Até aquí poida ser que pouco máis se podería dicir, a non ser a mágoa que a súa desaparición produce en xeral e, moito máis, a todos aqueles que temos plena conciencia de que para conservar a nosa lingua, unha das maiores axudas que poidamos ter é precisamente a da educación e a existencia de medios de comunicación a lo menos, podendo ser, en galego enteiro; agradecendo aqueles outros que, ademais do castelán, tamén usan en boa medida o galego, coma fai o actual no que se publica este artigo, baixo do título en galego: Xornal e tamén sen título en lingua o vello El Correo Gallego, ao cal hai que lle agradecer sempre o moito que loitou a favor da nosa terra, coa lingua e a literatura galegas como elementos básicos e, logo, todos os demais, coa política cecais en primeiro termo.
De todo isto temos que facer unha acusación clara contra da actual Xunta de Galicia que, sen axudar nunca, deixou morrer aínda hai pouco o semanario A Nosa Terra e agora o Galicia Hoxe, permitíndose dicir, como acaba de facelo o seu presidente, que “o galeguismo do século XXI ha de ser global”, deixando morrer os medios de comunicación coma os citados que tiñan coma principal obxectivo o do uso corrente da nosa lingua e como tiña de facer a Xunta de Galicia en todas as súas actividades, cando menos para cumprir a obriga xenérica que contén o actual Estatuto de Autonomía, no seu artigo 5 ao dicir que “a lingua propia de Galicia é o galego”, obrigando ao goberno, coma tal “poder público” que, a potenciaren “o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa”. Onda se compre este mandato coa morte de Galicia Hoxe? Non debemos esquecer que non nos atopamos diante da defensa puramente empresarial dun medio de comunicación, senón na defensa do galego e se tamén perdemos aquí xa logo haberá que chorarmos pola nosa lingua.

domingo, 3 de xullo de 2011

Existe a galegofobia?

por Xosé A. Perozo, no Xornal:

Cando nos comezos dos anos setenta, acabado de instalar en Galicia, decidín falar e escribir en galego nos medios de comunicación, a decisión viña precedida por unha reflexión cultural e un compromiso político moi habitual na xente da miña xeración. A percepción era que a cultura galega tiña no idioma o principal territorio de identidade, unha identidade maltratada pola historia e a burguesía foránea instalada na terra, e de que os seus valores só terían proxección no futuro se a lingua progresaba universalizándose en todos os ámbitos da sociedade.
O compromiso político de esquerdas non necesitou moito para camiñar parello con aquela ollada á realidade. Aínda que tiven a fortuna de trabar unha amizade enriquecedora con galeguistas de dereitas como Álvaro Cunqueiro ou Filgueira Valverde, por mencionar dous intelectuais conservadores defensores do galego, a xente moza non tardamos en darlle ao uso da galeguidade un significado progresista e de oposición á ditadura franquista. Seguramente foi unha apropiación indebida pero necesaria. Chegado o tempo das liberdades e a implantación da España das autonomías, moitos consideramos que manter a bandeira política de esquerdas como sinal da lingua resultaba improcedente para o seu progreso e normalización. Ninguén debería ser depositario monopolista dos valores lingüísticos e culturais de Galicia e, aínda que seguiron en pé redutos defensores daquela ortodoxia, a man aberta deu resultados e froitos mesmo no longo goberno de Manuel Fraga. Pensamos que a nosa sementeira, aquela que versificou Luís Álvarez Pousa e cantou Milladoiro, non coñecería o agosto da seitura. O soño de ter escola en galego, medios de comunicación en galego, leis en galego... estaba cumprido.
Pero as magnolias tamén murchan e coa escusa da crise vemos como pechan as voces galegas, Vieiros, A Nosa Terra, A Peneira, Galicia Hoxe... e nas aulas calan os mestres. É unha casualidade? Correspóndese cunha galegofobia natural do PPdeG? Non, no partido conservador tamén hai quen chora pola lingua. A análise da catástrofe está por facer, pero eu coido que deberemos ver a situación tendo en conta dous puntos importantes. Un, a instalación natural dos actuais dirixentes do PPdeG no castelán, aínda que contan con maiores e mellor coñecemento da lingua galega que os seus antecesores. Falar galego, por imperativo legal, resúltalles incómodo. Semella unha simpleza pero é unha realidade poderosa. Contra o que acontecía con persoeiros como Pepe Cuíña, Portomeñe, Baltar..., nos que a súa lingua de instalación real era o galego, Feijóo e a súa cuadrilla sente a lingua como unha lousa imposta. E dous, probablemente nin sexa unha manobra consciente, pode que a ruptura informal co galego teña moito que ver co derradeiro capítulo da loita entre a boina e o barrete dentro do PPdeG. Ademais, para desgraza da cultura galega, e polo tanto para a identidade de Galicia, de novo a lingua volve ter atributos de posicións de esquerdas. Retrocedemos, como comunidade, catro décadas en dous anos. Digo eu que moito traballo van ter os psiquiatras no futuro inmediato.

A escola que perdemos

por Iago Martínez, no Xornal:
“Mira no Galicia Hoxe”. Dixémolo un mundo de veces dende que empezamos a traballar en Xornal de Galicia hai case tres anos. Sobre todo na sección de Cultura, unha das áreas nas que o diario que dirixía Caetano Díaz até esta semana era verdadeiramente competitivo, pero tamén no resto da redacción. En serio. Porque máis alá da perda colectiva que supón o peche do xornal –un xornal, ao cabo–, pola lingua e pola pluralidade e porque si, os que cremos que o xornalismo cultural existe, cando menos como hipótese, perdemos un marco de referencia. E os que ademais temos a inmensa fortuna de poder ensaiar todos os días esa hipótese en lingua galega –unha minoría ridícula no campo dos medios de comunicación neste país, malia a ser esa fortuna un dereito amparado pola santísima Constitución española e o non menos santo Estatuto de Autonomía de Galicia–, perdemos ademais unha escola.
Non me vou ocupar dos culpábeis do peche do Galicia Hoxe neste artigo. Nin de Feijóo nin dos que pensan por Feijóo nin dos lectores e as lectoras que non mercan prensa en galego nin dos responsábeis da liña editorial e a xestión económica do Galicia Hoxe. En absoluto. Xa se escribiu arreo estes días, e máis que han dicir. Haberá cabodanos, informes, hermenéutica. Nin sequera pretendo compartir aquí a rabia e a impotencia polos despedimentos. Lean a Fran P. Lorenzo no seu blog –procuren facelo decote, non só esta semana–, que ademais está fóra dos dominios do Arcebispado de Santiago. Estas liñas son, en realidade, de agradecemento. Escríbeas un coleccionista de papel prensa con ducias de exemplares da “Revista das Letras” na casa e un aprendiz de xornalista que tiña no Galicia Hoxe unha escola e un competidor dos que pagan a pena. Vaia, daquela, por todos os almorzos que me amargaron os compañeiros e as compañeiras do diario cunha reportaxe que eu non vira, unha información á que non tivera acceso ou un titular que eu nunca sería capaz capaz de escribir no tempo no que se escriben os titulares.
O xornalismo en galego está por facer. Claro que temos antecedentes, pero non é abondo. Son, na súa maioría, experiencias abortadas prematuramente. Escribimos con sacho mentres na leira do lado producen páxinas e páxinas en castelán con tecnoloxía do século XXI. Diso, de darnos as ferramentas, nunca se ocupan as axudas da Xunta de Galicia nin os medios que se benefician delas. Por iso era tan importante para nós ter a man o Galicia Hoxe, malia a todos os erros e toda a precariedade, que tamén coñecemos ben. Para saber como se chaman as cousas e como se flexiona o futuro. l

Asasinatos lingüísticos

por Xosé A. Gaciño, no Xornal:
Estarán contentos os activistas de Galicia Bilingüe (xa saben, os de castelán e inglés) coa tendencia que marcan as sucesivas desaparicións de medios en galego (dixitais, impresos, semanarios, xornais... de todos os formatos e intensidades), a última e recente, a do xornal Galicia Hoxe. Supoño que respirarán máis tranquilos, se é que algunha vez temeron en serio que a súa hexemonía lingüística anglo-castelá estaba realmente en perigo. Quedarán máis aliviados os profesionais da equidistancia, que sentirán máis xustificada a súa pasividade ante a promoción da lingua do país, cada vez máis afastada dos ámbitos públicos non estritamente folclóricos ou culturais. Satisfeitos estarán os ultraliberais que non admiten máis subvencións que as necesarias para sanear os bancos das súas irresponsábeis aventuras especuladoras.
Naturalmente, non se funde o mundo por este proceso de marxinación e desprezo, nin sequera a lingua e a cultura desprezadas secularmente, pero retrocede a dignidade colectiva e a normalidade lingüística. Ata un dos asasinos retratados na maxistral In cold blood (A sangue frío), de Truman Capote, recoñece: “Debemos de ter algo anormal para facer o que fixemos”. No caso de Galicia Hoxe, os seus asasinos morais nin sequera teñen conciencia da súa anormalidade democrática.

sábado, 2 de xullo de 2011

Sermos Galiza na comunicación

por Xabier P. Iglesias, membro de Galiza Nova, no Xornal:

O peche do Galicia Hoxe fixo que volvese agromar o debate a respecto da necesidade nacional de térmonos uns media propios, que se asenten na defensa e dignificación da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura, e que actúen como activas palestras para a defensa dos intereses e dereitos do noso pobo.
A conmoción levou ao loito, o loito ao lamento, e o lamento máis unha vez á masoquista tradición da autoculpabilización. Estes días amosaron con crueza a faciana do paralizante sentimento de frustración que provocan nalgúns sectores os fracasos.
Quen estes días clamaba reivindicando unha iniciativa concreta a favor duns media comprometidos co país e a lingua, xa a ten. Onte foi presentada en Compostela a iniciativa social Sermos Galiza que pulará pola creación dun xornal dixital e máis dun semanario impreso antes de fin deste mesmo ano. Medios que ademais se sustenten economicamente na subscrición e nun accionariado popular, situando á sociedade civil galega coma o seu suxeito.
Non é un novo manifesto de denuncia máis. Trátase dunha proposta factíbel, necesaria e valente para deixar de laiarnos e pasar á acción creando medios de comunicación propios na nosa lingua propia. Avante pois con ela!

venres, 1 de xullo de 2011

Un país a cachos

por Carme Adán, no Xornal:


Nese pequeno espazo, onde rematan os ósos do esterno e as vísceras asentan sobre o unto humano, debe aniñar a alma. Non sei se todas as almas, a galega si. Digo eu que debe atoparse nun oco entre o corazón e o bandullo porque aí teño unha dor intermitente que por días córtame a respiración. Ten que ser a alma galega, que se non? Sabemos que de natureza pneumática está feita dun sopro de vida. Así que se preme, necesita aire.
Atrapada entre os discursos do galeguismo amábel e os cascotes dun país en proceso de derrubo estou certa de que a alma galega busca aire entre moitos e moitas dos que estas palabras ledes. Din que cando escoitou que tamén pechaba Galicia Hoxe poucos folgos lle quedaban para unha inspiración contida de rabia e desazón. Eu a sentín con forza, non sei vos. Levei a man a ese espazo xusto, ese que vos dicía que a topografía humana sitúa un pouco máis abaixo do peito, e seguín correndo cara o meu despacho para ultimar as intervencións do próximo día. O traballo axuda porque a razón ten a capacidade de mitigar a dor anímica a través dun vello truco, limitar o pensamento ao que temos que facer mañá. Cando o labor remata, xa temos resituados os buratos internos e semella como que podemos seguir até a próxima. Porque seguro que hai próxima.
Escoito discursos e frases feitas sobre que debemos mudar, superar a esclerose da esquerda, constituír alternativas, elevar a indignación a novas categorías políticas. Vos tamén os escoitades? E que sentides? Eu as veces tamén teño que levar a man a ese punto exacto do meu corpo, ese para o que non atopo nome porque xa sabedes que as almas non gustan de enraizar nunha única ubicación, e pechar os ollos. Na escuridade das pálpebras baixadas tento visionar que me está ocorrendo. Sempre gocei das palabras, dos grandes discursos das ideoloxías, fun formada para perderme nos charramangueiros textos da filosofía e hoxe síntome orfa.
Como Descartes só quero unha pequena simpleza para construír. “Son galega, logo existo.” Son galega porque quero a esta lingua aínda a miña fonética fique perdida nos ecos das lembranzas. Son galega porque creo que podemos ser unha potencia pesqueira sen converter a nosa costa nunha gaiola xigante para eses híbridos de peixe, antibiótico e penso. Son galega porque creo que a cultura non se pecha en cidades, a cultura vive nos anónimos graffitis do meu garaxe. Son galega porque desexo que suban o Celta e o Deportivo. Son galega porque si, porque me peta.
Entón por simple que semelle... existo. E se fose certo que existísemos tantas e tantos galegos, que nos pasa? Se cadra non somos quen de recoñecérmonos. Poñamos apriorismos, prexuízos, rensentimentos, vellas desputas, sospeitas, e unha infinidade de cousas máis a un lado. Levemos a man aí. Si, onde xa sabemos, e preguntémonos coa voz queda do noso interior que nos ocorre. Por que o país se cae a cachos?