Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Equipos Normalización. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Equipos Normalización. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de maio de 2025

Cantareiras no IES de Chapela

  


 O 7 de maio de 2025 tivo lugar no IES de Chapela a inauguración dun mural dedicado ás cantareiras que nos transmitiron o tesouro da nosa poesía popular oral. O mural foi promovido, deseñado e executado por un grupo de traballo do EDLG baixo a dirección artística da pintora Sheela Tato, á que debemos tamén o deseño definitivo. 

Durante o acto interviñeron Tea Escribano Valo, Vera Nogueiras Pérez, Noa Groba Moreira e Celia Santamariña Tenreiro, autoras do mural. Da parte musical ocupouse o recén creado grupo de Cantareiras do IES de Chapela, integrado por unha representación diversa da nosa comunidade educativa.

xoves, 20 de febreiro de 2025

As viñetas de Castelao segundo o alumnado do IES Avelina Valladares

O ano 2025 foi declarado pola Xunta de Galicia ano Castelao pois conmemórase o 75 aniversario da súa morte en Buenos Aires. No IES Avelina Valladares (A Estrada) elaboraron esta reinterpretación do álbum Nós e de Cousas da vida que tamén se pode consultar nesta publicación virtual.

Vía IES Avelina Valladares

venres, 17 de xaneiro de 2025

mércores, 20 de marzo de 2024

Aquí tamén se fala

 


por Manuel Bragado en Nós Diario:

É esperanzador que douscentos centros de educación secundaria do país enteiro participen na iniciativa de dinamización lingüística protagonizada pola mocidade estudantil e identificada na rede polo cancelo #AquíTaménSeFala. Nacida no IES Rafael Dieste da Coruña coa intención de desmontar os prexuízos sobre o uso do galego por parte da mocidade ou sobre a súa utilidade no mundo da empresa, a iniciativa estendeuse coma regueiro de pólvora nas aulas e nas redes, sendo xa 25.000 os mozos e mozas participantes e máis de catro millóns as reproducións das gravacións audiovisuais protagonizadas por valedoras da campaña como Vigo Mortesen, James Rhodes, Tanxugueiras, Jaione Camborda, María Castro, Sés, Ataque Escampe, Grande Amore, Abraham Cupeiro, entre outras moitas referentes culturais e musicais.

 

martes, 20 de xuño de 2023

O Prestige 20 anos despois


Video documental de Rocío Romar e Luz Cures, do IES Urbano Lugrís (Malpica) no que se lembra a través de entrevistas aos protagonistas, como se viviu a catástrofe do petroleiro Prestige, afundido no ano 2002.

domingo, 7 de maio de 2023

O tempo xa vén feito

Do ENDL e a Biblioteca do IES nº1 da Estrada chéganos este traballo realizado por Pedro Souto Riveira, Brais Tato Mejuto e Noemi Darriba Botana (3º ESO). A súa realización fíxose seguindo o modelo do programa #DígochoEu (TVG). Elaborado con imaxes propias e mais dos programas de edición Movavi e Canva.

sábado, 23 de xullo de 2022

Aquí medra a lingua: coloquio

O pasado 13/06/2022 o Consello da Cultura Galega organizou unha Xornada co título "Aquí medra a lingua". Houbo un coloquio con integrantes da comunidade educativa dos centros participantes moderado pola xornalista Esther Estévez, e na que participaron:

  • Sara Varela, profesora do CRA Nosa Señora do Faro, Ponteceso
  • Sonia Lamas, ANPA do CEIP Barouta, Ames
  • Belén Escariz, directora do CEIP Quintela, Moaña
  • Alejandro Fernández, ex-alumno do CPI Virxe da Saleta, Cea
  • Miruca Parga, profesora do IES Perdouro, Burela
  • Sofía Rama, profesora do IES Félix Muriel, Rianxo

xoves, 21 de xullo de 2022

Aquí medra a lingua: a normalización nos centros de ensino


Conferencia de Pilar Ponte na Xornada "Aquí medra a lingua" do pasado 13/06/2022, organizada polo Consello da Cultura Galega.
Son moitas as cousas que conta "A profa" nesta media hora. Vou destacar un par delas.
A primeira, un listado de cousas que non debe facer un ENDL;
  • Converterse nun departamento de actividades extraescolares
  • Ser un gueto do profesorado de galego
  • Crear actividades onde o alumnado é só espectador
  • Perder a condición de innovación nos centros
  • Frustarnos ante a dificultade de éxito, non traballamos só para o presente, senón tamén a longo prazo
A segunda, un listado de cousas que si debería facer a SXPL:
  • Unha hora de coordinación semanal
  • Incremento consideraba das contías das axudas
  • Calendario der axudas por ano natural
  • Formación sociolingüística e dinamizadora específicas para as persoas coordinadoras
  • Creación dun circuito de relatorios de concienciación lingüística para o alumnado
  • Un gran encontro dinamizador de carácter lúdico para o alumnado que forma parte dos Equipos de Normalización

mércores, 15 de xuño de 2022

Aquí medra a lingua. Documental completo e Xornada

 

Versión íntegra do documental 'Aquí medra a lingua', que retrata a situación do galego nos centros de ensino de Galicia e as iniciativas e estratexias para a súa dinamización. Dirixido por Cristina de la Torre e producido polo Consello da Cultura Galega.

Unha nova peza de calidade e ben construída para avanzar na normalización no ensino.

Para completar temos tamén a gravación da Xornada do pasado 13/01/2022 na que se presentou este material.

martes, 31 de maio de 2022

O noticieiro da Estrada


O Concello da Estrada tivo a iniciativa de propoñer aos centros de ensino da vila a elaboración dun pequeno telexornal desenvolvendo algunha nova de escolla libre. No IES nº 1 decidíronse pola arte. Neste noticieiro dan a coñecer tanto as esculturas da Rúa da Cultura, a rúa na que están os IES da Estrada, así como os traballos que decoran o propio centro de ensino.
Na canle de You Tube do Concello poden verse os distintos telexornais elaborados nos centros.

 

luns, 2 de maio de 2022

Aquí medra a lingua: Da emoción á competencia

Último capítulo da serie "Aquí medra a lingua"  do Conselleo da Cultura Galega.

No CEIP de Moaña son conscientes de que o uso do castelán no entorno do centro é maioritario e que a transmisión interxeracional do galego dentro das familias hai tempo que non se produce. Por iso promoven o seu uso con actividades cunha importante dimensión emocional, para espertar apego pola lingua e que o alumnado remate a Primaria podendo expresarse tamén en galego.

martes, 19 de abril de 2022

Aquí medra a lingua: Militantes da contorna

 

Quinta entrega da serie do Consello da Cultura Galega Aquí medra a lingua.

O Centro Rural Agrupado Nosa Señora do Faro inclúe oito escolas nos Concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica. Son entornos maioritariamente galego falantes pero a súa infancia non é allea á presencia maioritaria do castelán no seu lecer. Por iso apostan por integrar moito o entorno no día a día da escola, tecer colaboracións con colectivos e empresas locais, e participar na vida cultural dos municipios. Militar na contorna para fornecer a raíz e a autoestima.

mércores, 13 de abril de 2022

Aquí medra a lingua: Alianzas necesarias

Cuarta entrega da serie do Consello da Cultura Galega Aquí medra a lingua.

Nesta ocasión visitamos o  CEIP Barouta de Ames foi un dos centros que participou do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, unha investigación da Real Academia da Galega que encendeu todas as alarmas sobre o uso do galego entre a infancia e a xuventude. No caso de Barouta, aínda que o galego segue a ser a lingua materna de parte do alumnado, a desgaleguización é tamén unha realidade e por isos eguen colaborando coa RAG para redeseñar o seu Plan de Dinamización Lingüística e atender aos desafíos que establecen os novos datos.

xoves, 7 de abril de 2022

Aquí medra a lingua: Os activistas da lingua

Terceiro capítulo da serie Aquí medra a lingua 

No IES Félix Muriel de Rianxo o proxecto de Dinamización Lingüística non é unha simple axenda de actividades senón o corazón do seu proxecto educativo. Tanto é así, que dende hai anos aplican o Tratamento Integrado de Linguas dando prioridade á lingua minorizada como idioma vehicular. O resultado? Ademais dun maior e mellor uso do galego, unha educación de servizo á comunidade, cun profesorado implicado e un alumnado que exerce de activista da lingua.

mércores, 6 de abril de 2022

Aquí medra a lingua: Reforzar o propio

Segundo capítulo da serie Aquí medra a lingua. Unha crise convertida en oportunidade. Así reaccionaron no CPI Virxe da Saleta de Cea ao lume que no 2010 destruiu parte das súas instalacións e que acabou provocando un cambio de rumbo do seu proxecto educativo incorporando máis actividades, máis comunidade e máis galego. Como centro integrado, a rapazada está no colexio dende 4º de Infantil ata 4º da ESO e acaban sendo eles os que motivan ao profesorado recén chegado a falar a lingua propia.

martes, 5 de abril de 2022

Aquí medra a lingua: Modelo Burela

 

Aquí medra a lingua é un proxecto documental que relata como seis centros educativos de Galicia desenvolven iniciativas e métodos para poñer en valor e promover o uso da lingua galega. Os centros, de ámbitos xeográficos e contextos lingüísticos diferentes, comparten as súas experiencias para facilitar o intercambio e a aprendizaxe colectiva. Cada luns, a web do Consello da Cultura Galega publica un novo episodio.
Comezamos co Modelo Burela. Bernardo Penabade é unha referencia habitual no ámbito da dinamización lingüística escolar en Galicia. Foi o impulsor, no ano 2003 de Modelo Burela, dun proxecto que segue vixente case vinte anos despois e do que destaca o programa de Radio Neo protagonizado por neofalantes. Pero Modelo Burela é máis: actividades de prestixo da lingua galega, integración de alumnado migrante, e tamén, unha maneiar de transformar a sociedade da que a escola é parte.

venres, 17 de decembro de 2021

Reivindicación da ciencia en galego no IES de Chapela

 

O Curso pasado no IES de Chapela (Redondela), xa elaboraran unha serie de vídeos para reivindicar o uso do galego no ensino das materias científicas. Este ano volveron bater no cravo cunha restra de gorentosos vídeos nos que nos explican as propiedades máis importantes da faixa de Möebius, preséntanos un piano de froitas, unha falacia xeométrica, un truco para adiviñar unha ficha de dominó, unha lámpada de lava e un xogo no que despois dunha suma enorme obteremos o número presentado ao principio do mesmo.

domingo, 26 de setembro de 2021

Na Arzúa, 40 anos despois


Hai catro días, ao bater de casualidade na rede co Plan Lingüístico do Centro e co Proxecto do ENDL do IES de Arzúa, non puiden facer outra cousa que gabalo. Así mo pedía o corpo. Non sabía nese momento que ao pouco tería que multiplicar as miñas gabanzas pois acaban de publicar esta peza audiovisual na que o alumnado do centro reflexiona sobre o uso social da lingua neste momento no que se cumpren 40 anos desde que no "1981 o galego pasou a ser considerada lingua cooficial na Galiza, pasando a ter un estatus legal que lle permitiría saír dos espazos informais e íntimos aos que fora relegada pola ditadura franquista."
Nestas catro décadas vimos como cooficial nunca chegou a significar oficial e o estatus legal do que agora goza o galego non serve para outra cousa que para coutalo en espazos reducidos, en guetos ou reservas. 

luns, 13 de setembro de 2021

O rap das matemáticas en galego


Vai comezar un novo curso baixo a era da prohibición do ensino en galego nas materias científicas. Como recordatorio destes agravios recupero o vídeo elaborado polo Equipo de Normalización do IES de Chapela (Redondela) na última edición da súa feira científica.
Aproveito a ocasión para pedir unha reflexión sobre a expulsión planificada da lingua na mocidade polo que cómpre atender as necesicades sociais lembrando exemplos como o de Rosa Parks, quen, ocupando un asento para brancos no autobús, dou un enorme paso na loita contra o racismo.