Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta LOMCE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LOMCE. Amosar todas as publicacións

mércores, 11 de outubro de 2017

O debate educativo conxelado: agardando por Godot

Moi interesante o documento da Nova Escola Galega do seu boletín NEG Opina do mes de outubro 2017 que reproducirmos máis abaixo. Destaco unha idea: "Nun contexto social diglósico, esta falsa disxuntiva  [a de que temos que escoller entre aprender galego ou aprender inglés] contestada desde unha parte do coñecemento científico coa afirmación «as linguas suman», estase a instalar en cada vez máis amplos sectores sociais, levando por diante o relativo consenso ao redor da necesaria normalización lingüística do galego"

Texto ínegro do boletín de outubro do 2017 do NEG Opina:

A convulsión que supuxo o proceso de implantación da LOMCE no sistema educativo durante os últimos anos semella ter esmorecido como consecuencia da redución do impacto das reválidas, ao perderen estas o seu carácter vinculante para acadar unha determinada titulación. A suspensión desta medida, mentres non se acade un Pacto Educativo, serviu para que o PP e C´s vendesen ante a opinión pública unha suposta «conxelación do calendario de aplicación da LOMCE en todos aqueles aspectos que non tivesen entrado en vigor», o que na práctica non tivo máis efecto que sobre este aspecto das reválidas.

luns, 24 de abril de 2017

Matemáticas en galego, tamén coa LOMCE

Hai uns días publicouse a versión galega da unidade didáctica Xeometría analítica do plano. Como todas as outras 68 unidades, pode facerse un uso non comercial dela, incluso se pode modificar e adaptar. Trátase do último chanzo na edición de material didáctico de matemáticas en galego, que se pode consultar, traballar on-line, ou descargar do portal de materiais ed@d en galego para a LOMCE e que forma parte do excelente e xeneroso Proyecto Descartes, unha web en continua renovación e chea de recursos.

Título: Xeometría analíca do plano
Fonte: Proyecto Descartes
Licenza: Creative Comons BY- NC-SA

Ao premer na icona da impresora obtemos, en formato PDF, un libro de texto adaptado a esta unidade didáctica dixital. Tamén temos un caderno de traballo, tanto en formato PDF, como en formatos editables (.doc e .odt). A proposta metodolóxica asociada a estes cadernos de traballo consiste en que o alumnado os use como guía para ir realizando as actividades da unidade.
Premendo nas frechas da parte inferior, ou navegando polo índice da esquerda, podemos acceder a cada un dos apartados da unidade. En todos eles temos actividades en xanelas emerxentes e unha escena interactiva especialmente preparada para a aprendizaxe da cuestión tratada en cada momento.
No menú superior temos os seguintes apartados: Antes de empezar, Contidos, Exercicios [1] e [2], Auto-avaliación, Para enviar ao titor, Para saber máis. Invítovos a premer nos dous listados de exercicios (un de vectores e outro de rectas) ou no último apartado, no que se trata un tema algo máis avanzado, neste caso o da circunferencia dos nove puntos.
E así, podemos repetir isto ata nun total de 69 unidades didácticas. Unha pequena fenda na que furar contra o funesto decreto do plurilingüismo, que forza a desligar as matemáticas, e en xeral o saber científico, do emprego da lingua galega.
Matemáticas en galego do Proxecto ED@D

Velaquí o listado de todas as unidades. Que as desfrutes.

1º ESO
Os números naturais
Múltiplos e divisores
Os números enteiros
Números decimais
Fraccións
Proporcionalidade
Expresións alxébricas
Rectas e ángulos no plano
Polígonos, perímetros e áreas
A circunferencia e o círculo
Taboas e gráficas
Estatística e probabilidade


2º ESO
Potencias e raíces con números enteiros
Fraccións
Decimais
Proporcionalidade
Expresións alxébricas
Ecuacións
Sistemas de ecuacións
Semellanza. Teorema de Pitágoras
Corpos xeométricos
Áreas de corpos xeométricos
Volume dos corpos xeométricos
Funcións
Estatística

3ºESO. Orientación ás Ensinanzas Académicas
Os números racionais
Polinomios
Ecuacións de segundo grao
Sistemas de ecuacións
Progresións
Figuras planas. Propiedades métricas
Movementos no plano
Corpos xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións lineais e cuadráticas
Estatística
Probabilidade


3ºESO. Orientación ás Ensinanzas Aplicadas
Os números racionais
Polinomios
Ecuacións de segundo grao
Sistemas de ecuacións
Progresións
Figuras planas. Propiedades métricas
Movementos no plano
Corpos xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións lineais e cuadráticas
Estatística

4ºESO. Orientación ás Ensinanzas Académicas
Os números reais
Potencias e radicais
Polinomios
Ecuacións e sistemas
Inecuacións
Semellanza
Trigonometría
Xeometría analítica do plano
Funcións e gráficas
Funcións polinómicas
Funcións racionais, exponenciais e logarítmicas

4ºESO. Orientación ás Ensinanzas Aplicadas
Números enteiros e racionais
Os números reais
Problemas aritméticos
Polinomios
Ecuacións e inecuacións
Sistemas de ecuacións
Semellanza e trigonometría
Problemas xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións elementais

mércores, 15 de febreiro de 2017

Os sumidoiros da Consellería de Educación envelenan o galego

O decreto 124/2007, o aprobado polo bipartito, determinaba un mínimo dun 50% de docencia en galego no ensino non universitario. A promulgación do funesto decreto 79/2010 implicaba que ese 50% sería unha barreira superior e, como toda disposición gubernamental, daba a entender que se abrían as portas a renegar da lingua galega. Os informes que subministrou A Mesa nos últimos anos sobre a práctica desaparición do emprego do galego nas aulas de infantil son indicativos disto. Algúns centros de ensino, especialmente privados, excluíron por completo o galego das súas aulas porque entenderon que teñen todo o apoio da Consellería. A posterior aprobación da LOMCE non fixo máis que empeorar a situación. As materias asignadas ao saco do castelán ampliaron o seu horario. Sobra dicir onde se reduciron. A farramallada de leis e decretos van todos na mesma dirección, na de prohibir e afogar o emprego do galego no ensino.
Este pasado 13 de febreiro o conselleiro reafirmouse nesta política de aniquilación do galego, así llo confirmou aos representantes da CIG e A Mesa que se reuniron con el.
Un detalle que demostra cal é a actitude da Consellería é a circular que o Coordinador do Grupo de Traballo das reválidas de acceso á universidade fixo pública este mes. Vai alá máis da metade do curso escolar para o alumnado de 2º de bacharelato e finalmente publicáronse as directrices para as reválidas de todoas as materias. Ben, non todas. Todas agás Lingua galega e literatura. A Consellería tiña que ter publicado unha resolución para que este grupo de traballo adiantara as características da proba. Por máis que se lle insistiu, a Consellería está a adiar a publicación da resolución. Despois aínda din que a situación é de equilibrio. Pódese ser máis hipócrita?
A seguir reproduzo as palabras de Francisco Cidrás, o Coordinador do Grupo de Traballo, indicativas do que sucede nos sumidoiros da Consellería:

a concreción dos contidos susceptibles de avaliarse nas PAAU vén determinada por unhas Matrices de especificacións que nas restantes materias foron publicadas xa no BOE en decembro pasado, pois dependen do Ministerio. A peculiaridade en que se atopa a nosa materia é que esa matriz de especificacións (neste caso dependente da Consellería) aínda non está publicada e só aparecerá como anexo a unha "Resolución na que se ditan as instrucións para a realización da avaliación de bacharelato para o acceso á Universidade para o curso 2016/2017" que, por máis que nos foi anunciada como inminente, non se dá publicado no DOG.
[...]Nas múltiples consultas que levamos feitas sempre se nos indica que a publicación deses documentos é inminente. Mais como a inminencia é un concepto insospeitadamente relativo e o tempo pasa, decidín enviarvos esta información.

martes, 14 de xuño de 2016

A situación do ensino na actualidade



Debate moderado por Pablo "Chichas" sobre o estado actual da Educación. Estiveron no plató de Lalín Mariló Candedo (Nova Escola Galega), Moncho Carrasco (CPR Plurilingüe Karbo) e Alejandra Pérez (Profesora Educación Secundaria na Pública). Falouse das reválidas, da LOMCE, das programacións, da situación do galego nas aulas (hora:minuto 59:30) e houbo polémica no debate sobre o ensino público e ensino privado.

sábado, 13 de xuño de 2015

Carta dun alumno que quere estudar galego

por Daniel Bernardo Viveiro, alumno de 4º da ESO do IES Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo, no Sermos Galiza:


É obvio que o galego non é totalmente inmune aos cambios propios dunha lingua, pero cando falamos dunha rexión que está fóra de Galiza onde tamén se fala galego a situación aínda se volve máis precaria.

sábado, 14 de marzo de 2015

A educación prohibida




Como xa hai algún tempo que non recollo aquí ningunha aportación sobre o desastre que está a supoñer a implantanción da LOMCE, non me parece que sobren as reflexións sobre a educación que podemos escoitar nesta película, A educación prohibida, do ano 2012, na que se fai un percorrido por 45 experiencias educativas a través de máis de 90 entrevistas en 8 países iberoamericanos.
Un dos aspectos da LOMCE consiste na revitalización do que no documental se chama sistema prusiano de educación. O modelo LOMCE é clasista, privatizador e discriminatorio, todo o contrario do que debe ser un proxecto educativo público. Parte de presupostos contrarios aos dunha sociedade democrática e igualitaria e participa dun proxecto que empobrece o ensino público a base de recortes, despois pasa a desprestixialo para acabar emborcando o esforzo social nas gadoupas duns poucos que acumulan poder e cartos.

martes, 3 de febreiro de 2015

Regulación lingüística e vía xudicial

por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de Prolingua:

Cando españolizar significa descatalanizar (ou desgaleguizar), xorden vultos coma Wert e normas como a Lei orgánica 8/2013, de 9 de decembro, de mellora da calidade educativa (LOMCE). Cando o galeguismo (é dicir, esencialmente o idioma galego) é unha mancha e non unha distinción, cómpre quen fregue na nódoa rabuda ata facela desaparecer, sen medo a lixar o fardo nin queimar as unllas.

martes, 16 de setembro de 2014

A LOMCE con calzador

O pasado 10 de setembro comenzaba o curso en primaria cunha redución de 63 unidades no ensino público e o incremento en 74 no privado. O decreto polo que se aprobaba a implantación da LOMCE nesta etapa foi publicado o día anterior, apenas unhas horas antes de abrírense por primeira vez as portas dos colexios do curso 14/15. Pero a Consellería de Educación emitiu unha nota desinformativa dando a entender que o decreto levaba catro meses en disposición da comunidade educativa cando a realidade é que, como moito só se podería ter acceso a un borrador, nunca a un texto defitinitvo  do que, insisto,  non tivemos noticia ata as 16:44 horas do día anterior ao comenzo das clases. Na mesma nota sinálase a colectivos relaccionados co ensino que denunciaran que o nomeado decreto non estaba a disposición dos cidadáns. Efectivamente, por exemplo, a CIG-Ensino denuncia a mediados de agosto a "chapuza sen límites realizada por Educación coa publicación dunha orde para a implantación da LOMCE". Iso foi exactamente o que sucedeu. Como se estaba aproximando a apertura do curso escolar e ninguén podía botar man dun DOG no que se explicitara como se desenvolvería en Galicia a implantación da LOMCE e a Consellería de Educación, a toda présa aprobou unha Orde para regular a implantación desa lei en determinados cursos da educación primaria cando a forma xurídica para proceder sería mediante un Decreto. Cal era o problema? Pois que para publicar o Decreto o Consello Consultivo debe emitir un informe sobre o seu contido, non houbera tempo para facelo e parecía que tampouco o habería. Tratábase de poñer en funcionamento a LOMCE e Galicia esmagando todo o que fose preciso (e mentindo en todo o necesario, claro)
Con esta forma de proceder as editoriais non tiveron tempo a elaborar materiais didácticos acaídos á nova regulamentación, o profesorado e o alumnado carece deses materiais e, dados os prazos é imposible que dipoña de ningún outro pois non houbo tempo material para elaborar unha programación do curso. As familias tiñan con toda seguridade as mochilas cargadas do material LOE e por só unhas poucas horas viron como os seus fillos erran arrastrados por unha LOMCE que se desvela sectaria, segregadora, centralista e privatizadora. Aquí non acaba a cousa.
O 15 de setembro comenzaba o curso en secundaria. A novidade LOMCE nesta etapa é a implantación da chamada FP básica. Ese mesmo día ás 18:00 o portal da Consellería anuncia, que ese mesmo día [!] se publica o decreto polo que se regula a FP básica e os currículos dos 21 títulos profesionais básicos. Non quero imaxinar a cara de pasmo que se lle quedaría ao profesorado que debe desenvolver eses currículos.
Na nota emitida pola Consellería xa se advirte que "a comunidade educativa ten á súa disposición este texto deste o 13 de maio" . Accusatio non non petita, excusatio manifesta. Quizais a Conselería debería pedir desculpas e ser máis exacta na súa información. En realidade non había disponibilidade do Decreto, senón dun borrador do mesmo. A intención de engano é evidente: hai uns días aparecía destacada no portal da Consellería unha ligazón a unha Guía da LOMCE que ofrecía un listado de documentos, entre eles, o do presunto Decreto. Cando queríamos consultalo aparecía este Borrador. A chapuza foi exactamente a mesma que a seguida en Primaria, tamén a mediados de agosto se publicou unha Orde (non un Decreto) que regulaba a implantación da FP básica. Sería polo si ou polo non, digo eu.
Agora xa sabemos en que consiste a nova forma de organizar desde a Xunta algo tan trivial como é a educación. Se alguén ve algún post-it nalgún taboleiro das oficinas da Consellería de Educación xa pode ir facéndose á idea de que é algo oficial. Estades avisados.

luns, 30 de xuño de 2014

As prestacións sociais blindadas polo PP: a educación en castelán e a atención sanitaria na privada

por Alba Nogueira no Sermos Galiza:


A reversibilidade dos dereitos sociais nun contexto de crise é unha mostra máis da necesidade de superar este marco constitucional. As prestacións sociais son hoxe coma un acordeón cun fol que abre ou pecha ao arbitrio das reformas lexislativas e orzamentarias e sen o amparo constitucional que teñen outras previsións que comprometen o orzamento, caia quen caia, como é o pago da débeda do artigo 135. Por iso é preciso camiñar cara unha blindaxe dos dereitos sociais co principio de non regresión como guía.

venres, 30 de maio de 2014

Xabier P. Docampo: as aulas do franquismo e o anel de chumbo



Falabamos en castelán na aula e en galego no recreo.
Sempre nos enche de gozo escoitar a Xabier P. Docampo porque vendo como se desenvolve un gran mestre os que nos adicamos ao ensino podemos aprender un mundo. Nesta enuncia o brutal retroceso que supón a LOMCE e relata a súa experiencia nesa futura escola franquista.
Docampo cóntanos que o primeiro que se aprendía na escola era  a terlle xenreira á túa propia lingua. O relato do anel de chumbo é tremenda, pero non é a única. Falou tamén da segregación, das reválidas, as visitas do inspector, a promoción do clasismo, a xerarquización, as ratios, o profesorado, a regra de 3, a LOMCE,... Estes 20 minutos de clase son unha marabilla.
A lembranza da realidade escolar durante o franquismo e a súa comparación co modelo educativo que pretende implantar o PP coa LOMCE foron os protagonistas dun acto simbólico organizado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público no Museo Pedagóxico de Galiza este mércores 28 de maio.
Desde a Plataforma promóvese que o vindeiro día 4 se faga lectura do manifesto nos centros de ensino.

luns, 10 de marzo de 2014

A educación: dereito ou mercadoría?

A educación: dereito ou mercadoría?. Estamos diante doutro libro que recolle unha multiplicidade de mans e cerebros, todos eles con experiencia e coñecemento do mundo educativo. A coordinadora é Mariló Candedo Gunturiz, presidenta da Nova Escola Galega explica o obxectivo fundamental desta obra:


manter activo o debate e a mobilización cidadá que non quere renunciar á conquista democrática que representa a educación pública

Baixo esta premisa preséntanse 12 traballos que ofrecen outras tantas reflexións sobre aspectos fundamentais cando do que se trata é de analizar a situación educativa actual, face a unha contrarreforma asentada no desmantelamento dun servizo público esencial para o desenvolvemento social.
Nun dos capítulos, do que a autora é a propia Mariló, apúntanse as principais características da LOMCE:
  • Anticipación da segregación do alumnado aos 13 anos. Este aspecto terá como corolario o descarte de boa parte do alumnado cara a FP básica. Fundaméntase na culpabilización do propio alumnado do seu fracaso escolar.
  • Xerarquización, simplificación e recentralización do currículo. Volta á lei Villar-Palasí. Fundaméntase enque só importan os resultados, sen ter en conta as circunstancias (recursos, ratio, ambiente social,...)
  • Autonomía pedagóxica e modelo de gobernanza. Establécese co claro obxectivo de facilitar a privatización do ensino. 

Noutro dos capítulos repásase a dimensión dos recortes en educación que está tendo como consecuencia un empeoramento da calidade educativa e un encarecemento do que debería ser o dereito á educación mediante a conxelación de bolsas,  redución da cobertura dos programas de axuda para libros de texto, repagamento dos comedores escolares, encarecemento das escolas municipais de música, redución da financiación dos programas de formación do profesorado, dos programas contra o abandono escolar,...
Cocha Fernández repasa os tópicos falsos da FP: en Galicia o 60% do alumnado da secundaria post-obrigatoria cursaba FP vs. un 52% que é a cifra en Europa. Tamén comenta a complicada implantación da publicitada FP dual e tufo privatizador e de recurte dos dereitos dos traballadores co que vén adubiada.
No libro tamén hai espazo para unha panorámica da escola infantil (0-3anos), a educación inclusiva e a atención á diversidade, a autonomía dos centros educativos coa LOMCE, as perspectivas do ensino universitario, ou tendencia ao desmantelamento da educación social nun contexto de crise económica.

As reválidas na LOMCE
Para invitar á lectura deste libro non hai nada mellor que ler un artigo dun dos co-autores, Xosé Ramos Rodríguez, que foi publicado no dixital Praza Pública baixo o título "As reválidas na LOMCE, ou como segregar o alumnado".  Efectivamente, a LOMCE establece toda unha serie de obstáculos/reválidas que ao tempo que son un desprezo pola labor do profesorado terán como efecto a curto prazo a defenestración do labor pedagóxico ao poñelo ao servizo desas probas. No canto de espazos para aprender, teremos fábricas de pasantías.
Para que o caramelo sexa máis gorentoso, se o artigo de Xosé Ramos é moi clarificador, mellor é aínda ler a súa achega a este libro: "Alcance das avaliacións e o seu alcance na LOMCE"

A normalización usurpada
Valentina Formoso é a autora dun capítulo adicado ao estado da normalización lingüística no ensino. Nunhas poucas páxinas repasa o esencial da súa historia nos últimos 20 anos, destacando que pasamos do "a modiño" (en palabras de Agustín Fernández Paz) á involución.
No ano 2004 aprobárase co consenso de toda a sociedade o PXNLG. Sobre esta base redactouse o decreto 124/2007 que establecía un mínimo dun 50% de docencia en galego, un impulso do galego como idioma base na educación infantil e abríaselle paso á liñas de galego. Rachado o consenso, e cunha gran oposición social, o decreto 79/2010 abre unha vía involutiva establecendo un máixmo do 50% en galego, a prohibición expresa do seu uso na ciencia e a tecnoloxía e a apertura dun panorama desolador cunha imaxe negativa para o uso da lingua, excluíndoo das escolas infatís urbanas e  pervertendo incluso o ditame do TSXG que ditaminou que nin as familias podían escoller a lingua do ensino nin o alumno tiña liberdade para empregar na aula a lingua que lle petase.

domingo, 23 de febreiro de 2014

Seis tácticas anti-LOMCE



Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, explica neste video 6 tácticas para dificultar a aplicación da LOMCE nos centros de ensino unha vez que foi aprobada. O traballo ven acompañado de imaxes das manifestacións da folga estudantil do #20F en Vigo, A Coruña e Compostela.

mércores, 5 de febreiro de 2014

Ollos de aula.12

Unha das folliñas deste número que fai a ducia dos 'Ollos de aula' fálase das reválidas, esas futuras probas que, xestionadas por empresas privadas, condicionarán o ensino da marca LOMCE. Alí faise unha pregunta á que todos os interesados na educación deberíamos ter resposta. Cuestiónisase se "coas reválidas non estaremos encorsetando o ensino, de xeito que a actividade nas aulas se converta nunha preparación exclusiva para obter bos resultados nas probas".



venres, 6 de decembro de 2013

Ollos de aula.11

Tiña que ser así. O número de decembro da revista para as familias da CGNEDL está centrado na LOMCE. Valentina Formoso di que desa lei "fomenta os prexuízos cara ás linguas diferentes do castelán e ábrelle a porta a analfabetismo en galego"
Unha reflexión máis: sen Shin Chan, cara a onde imos?

xoves, 28 de novembro de 2013

A LOMCE resta aínda máis galego



Se o funesto decreto para o plurilingüismo está sendo un desastre educativo e un factor moi importante para a redución do uso e do prestixio do galego, a LOMCE afondará nese mesmo pozo, reducindo e acurralando aínda máis ao galego nas escolas. Algo que xa teño comentado e que agora a CGENDL explica moi ben neste oportuno tríptico.

mércores, 27 de novembro de 2013

LOMCE... Fóra da Escola



Xurxo Souto, Bolboreta e Anton Papaqueixos fan unha repichoca contra a wertgoñenta LOMCE.

xoves, 24 de outubro de 2013

Folga no ensino galego contra a LOMCE


O Ministerio de Educación lembrounos onte aos pais dos alumnos que o colectivo de docentes ten un posto de traballo asegurado, a diferenza da maioría dos pais. Era unha ameaza?
Ata onde chega o meu razoamento, os pais temos os mesmos intereses que os profesores: unha boa educación para os nosos fillos/alumnos. De aí xurde a necesidade do apoio á folga.
Tampouco se entende é Jesús Vázquez, a pesar dos recortes dos servizos públicos  inherentes á política que defende, prometa 1.000 novos postos de profesores coa LOMCE. E non é a primeira vez que o fai, pois xa aseguraba o mesmo a finais do curso pasado, cando o certo é que no seu goberno xa se perderon 1.200 postos, sen contar interinos, que como non teñen o posto de traballo asegurado, non contan para a Consellería de Educación. De certo que hoxe non os vai contar nas cifras de folga
E total para quen quer o conselleiro eses 1.000 docentes fantasmas? Para ter outra restra de 1.000 profesores con traballo asegurado que lle monten outra folga?

domingo, 20 de outubro de 2013

A lei Wert ou o regreso do nacionalcatolicismo: ”soy católico español”

por Eduardo García Parada, en Terra e Tempo; lembrándonos que o vindeiro 24 de outubro hai convocada unha folga contra a LOMCE:

Isto dicíao o meu amigo Manuel Ayán nun post á boa análise que Cibrán Arxibai facía hai uns meses en Sermos no seu artigo O galego escurecido pola LOMCE. E resume en dúas verbas un feixe de adxectivos para describir a LOMCE: reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antidemocrática e confesional.

sábado, 12 de outubro de 2013

O neno e a rúa Calvo Sotelo

O tristemente caso do alcalde de Baralla xustificando os crimes do franquismo, non ten pouco que ver co conto que se vai relatar aquí. Neste caso o escenario é a vila da Estrada, un concello no que os veciños temos que transitar por rúas que homenaxean ao réxime dictatorial. Tomo como exemplo dúas das máis céntricas: a rúa Calvo Sotelo e a rúa Iryda. O mantemento destes nomes como parte do rueiro estradense din moi pouco da defensa do carácter democrático da corporación municipal, e en última instancia, da propia veciñanza. O primeiro deles, Calvo Sotelo, rende homenaxe ao proto-mártir da cruzada, segundo a terminoloxía fascista. O segundo fai referencia ao "Instituto de Desarrollo y Reforma Agrario", unha institución creada polo réxime dictatorial que en Galicia se utilizou para a xestión das terras despois dos anegamentos provocados polos encoros.

O conto.
Os nenos deben aprender a coñecer o seu entorno, polo tanto é normal que realicen exercicios escribindo os nomes do lugares que coñecen. O protagonista desta historia, un neno de sete ou oito anos, galegofalante e de ollos moi despertos, tiña que escribir na clase de lengua española o nome dun par de rúas da vila xunto co do Concello. Isto foi o que redactou:
Nombre de las calles: Pérez Viondi, Calvo Soutelo
Nombre del Ayuntamiento: A Estrada
Efectivamente, Pérez Viondi é o nome da rúa na que está o colexio, e el sabíao moi ben. Onde residía o problema era na outra rúa.
Aínda non sexa consciente, como o neno, no seu imaxinario ten contruído un mundo esencialmente galego, escribiu Soutelo. Entre outras cousas, o rapaz lembra cun especial brillo nos ollos, o ben que o pasara unha xornada xogando coa neve en Soutelo de Montes, no veciño concello de Forcarei. Con estes antecedentes o cativo chegou sorprendido á casa coa libreta corrixida: Sotelo, escribíralle o profesor en vermello por riba do Soutelo en lápis. En vermello, tamén, outra corrección: La Estrada.
Dá moito para pensar que este tipo de historias sigan sucedendo hoxe, case 40 anos despois da morte do ditador. Eu vexo nesta anécdota o futuro que nos espera coa recente aprobación da LOMCE. Teño por certo que  as razóns que tivo o profesor de corrixir La Estrada, son as mesmas que permiten que hoxe en día continúe a haber unha rúa que se chame Calvo Sotelo.