Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Anxos Sobriño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Anxos Sobriño. Amosar todas as publicacións

domingo, 11 de abril de 2021

Na Estrada, en galego... a pesar de todo


Andrea Mosteiro, a protagonista deste vídeo, foi alumna miña. Por fortuna para ela, xa escapou das gadoupas ameazadoras das aulas de matemáticas e agora, desde a súa admiración por Rosalía de Castro, tece proxectos como a páxina de facebook Na Estada en galego. Trátase dunha iniciativa con perspectiva normalizadora desde a que dar acompañamento aos comercios da vila que apostan polo galego. 
Andrea puido abrir este espazo porque o SNL do concello da Estrada ficou reducido ao ámbito culturalista. O seu labor fundaméntase nunha restra de premios a distintos tipos de actividades artísticas ou literarias. Esta é a razón de que quen se ocupara de outorgar premios á normalización  ao comercio fose o IES nº 1. Agora foi Andrea quen herdou este espazo. Resulta moi significativo que unha rapaza de 17 anos sexa quen de arrombar nas súas costas o traballo que nunca tivo por seu o SNL do concello. Debémoslle dar grazas por esta oportunidade a Valentín García, o actual secretario xeral da cousa da lingua, que segundo se dá a entender neste mesmo audiovisual, foi e segue a ser o alfa e o omega da dinamización na Estrada. 
Aproveitando a circunstancia, Nós Televisión tamén entrevistou a Anxos Sobriño, presidenta da CTNL 

xoves, 30 de xuño de 2016

Rabela: debate sobre o galego na mocidade



Cando hai uns días recollía un debate sobre o ensino da nova canle de televisión Nós TV xa osmaba que non sería a última vez que faría referencia ás achegas desta nova emisora radicada en Lalín. O que non esperaba era esta explosión, a do pasado 28/06/16 coa emisión do espazo Rabela, cun especial pola a lingua, con varias horas de emisión e cargado de contidos, dos que se teño tempo irei dando noticia neste espazo.
O primeiro que vou destacar é esta mesa de debate moderada por Pablo "Chichas"e na que interveñen profesores de recoñecida experiencia no mundo da normalización: Séchu Sende, escritor e toda unha referencia, Hortensia Bautista con experiencia como concelleira de normalización e  Bernardo Penabade, o ideólogo do "Modelo Burela", xunto á presidenta da CTNL, Anxos Sobirño, falan da perda de falantes na mocidade galega e por onde deben camiñar as prácticas normalizadoras.
Ademais do faladoiro, o programa contén moitas entrevistas, sobre todo a rapaces.

sábado, 26 de marzo de 2016

Plantexar e plantexamento



Trátase dun termo moi utilizado nas matemáticas, plantexar, que tamén foi tratado no blogue Dúbidas do galego, como un castelanismo moi estendido. Anxos Sobriño, nova presidenta da CTNL, coincide co autor do blogue, César Lorenzo Gil, en propoñernos un par de formulacións alternativas a plantexar. Vémola aquí nun vídeo realizado pola produtora Através.
Hai outro termo problemático relacionado co anterior. Trátase, plantexamento, que ademais de como sinónimo de  dar a coñecer, pode facer referencia ás directrices ou liñas xerais usadas na resolución dun problema. Así podemos escoitar a exprexión: "A solución non é a correcta pero o plantexamento está ben". Neste caso sería mellor usar expresións como desenvolvemento, estratexia, ou metodoloxía,
Através está publicando toda unha serie de vídeos baixo a epígrafe @emgalego, no que se debullan algúns aspectos sobre a lingua como a pronuncia do e aberto ou pechado,  do nasal velar, o seseo, ou o emprego de logo co significado de decontado.