Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta El Diario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta El Diario. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de setembro de 2025

Notas sobre unha política lingüística

 por Antón Baamonde, no xornal El Diario:

1. É evidente que os naturais do país están abandonando a língua propia. É de supoñer que ese descenso terá un límite que virá definido pola porcentaxe de galegos que usarán o idioma non como un legado senón como unha opción consciente. En torno a que cifra se deterá o proceso de substitución? É unha pregunta especulativa, pero pertinente. Carlos Casares pensaba que andaría na contorna do 20%. Obviamente esa porcentaxe, por hipótese, estaría formada especialmente por xente de clase media-alta. Xente que non ten que dar explicacións.

2. Unha política lingüística (e cultural, por extensión) tería como obxectivo evitar que o punto de inflexión sexa tan baixo que, de feito, o uso social do galego pase a ser pouco menos que inexistente. Neste momento a súa indefensión é case absoluta.

3. A lexitimidade e credibilidade dunha política lingüística derivará da súa capacidade de acometer con certo éxito o punto anterior. Así, a pregunta central é: que accións concretas pode poñer en obra para alcanzar esa meta?

4. Parte da resposta ten que ver con cambiar a percepción social do idioma. Galicia é unha sociedade urbana. Ese é, ademais, o ámbito no que se crean e destrúen as percepcións e valores compartidos dentro de interaccións máis amplas, especialmente co universo de medios e redes sociais. Pero as relacións cara a cara, o ámbito laboral, etcétera, seguirán tendo moito peso aínda no escenario máis distópico.

Por iso, ligar o idioma á sociabilidade, idiosincrasia e cultura urbanas é central. Se o galego non forma parte das interaccións no escenario urbano pasará a converterse nunha especie de gaélico. E urbano quere dicir formar parte dunha constelación de futuro. Non un símbolo de pasado. Non debe despistar, paréceme, o fenómeno da nova apreciación da música tradicional que é síntoma precisamente de que xa quedou catalogado como “pasado prescrito” e, por tanto, recuperable para a modernidade, precisamente por que xa non abre feridas íntimas.

5. De feito, a identidade tradicional galega, fose o que fose, está desaparecendo a marchas forzadas. Que novos lazos sociais emerxen? Cales poden operar que podan canalizar a continuidade do idioma como nexo común dos galegos polo menos ata certo punto? Nexo, tamén, entre os que non o falan, pero o estiman.

Forma parte do cambio de escenario o feito de que, ao parecer, unha parte importante das novas xeracións non se sinten interpeladas polos prexuízos e descrédito que o seu uso –idioma de pobres e paisanos/as- tiña ata hai nada na conciencia xeral galega.

6. Algúns ámbitos nos que podería intentarse un programa de acción:

Hai barrios en Galicia nos que viven ducias de miles de galegos. Tal vez son a manifestación máis precisa da identidade galega contemporánea. Os Castros, Coia, Fontiñas: son referencias existenciais de grande forza. É unha dimensión desatendida. Que estratexias poden seguirse nese plano? Que experiencias piloto poderían implementarse? Que exemplos noutros países a tomar en consideración? A iniciativa aquítaménsefalagalego mostra que, con vontade e imaxinación, hai posibilidades.

O deporte pode constituír un tipo de vínculo social 'galego-friendly' (precisamente por expresar lóxicas de identificación colectiva). O Celta ou o Obradoiro son un exemplo.

Na cultura galega os autores literarios xa case non xogan un papel como referencia. A música, no entanto, vive un momento de expansión, con moitos grupos e unha masa de público considerable. Ten un papel especial. O cine tamén perdeu fol pero aínda conserva un certo poder de irradiación. Formatos como series en streaming non tópicas serían benvidas.

Alta cultura: existe unha tendencia ao popularismo choqueiro que tende a ignorar a tradición galega de alta cultura que é, no entanto, moi consistente, dende a trovadoresca ata Marcial del Adalid ou Álvaro Cunqueiro. TVG é, en parte, responsable desa maneira de depreciación. Hai que recuperar a súa visibilidade pero tamén o valor das obras culturais máis sofisticadas. O público culto galego debe ter os seus propios circuitos. Algo similar podería dicirse da produción universitaria e dos profesionais altamente calificados.

As redes sociais, naturalmente. De Tik Tok a Whatsapp, Facebook, Linkedin, X ou Instagram forman parte fundamental non só da conversa social, senón da construción do imaxinario colectivo. Medios de comunicación e unha cultura de masas urbana propia son ámbitos fundamentais para o idioma por ese motivo. O mercado galego é pequeno, así que non é fácil atopar fórmulas rendibles axeitadas. O castelán e o inglés, enormes mercados lingúísticos, teñen un enorme poder fagocitador.

Os decididamente ricos, que, por razóns misteriosas, adoitan funcionar como exemplos e modelos de estilo de vida, xunto con outros símbolos de éxito social, chegará un momento no que consideren de prestancia o uso do galego? Ata o momento a opción do galego foi característica de clases medias cultas, máis ben que con diñeiro, e os ricos do país case nunca foron cultos. Non parece probable que isto vaia cambiar, pero os empresarios individuais, as cámaras de comercio e as organizacións empresariais tal vez se decidan algún día... quen sabe?

Por suposto, está o factor de identidade política. O actual Goberno galego tende a deixar que o galego desapareza por inanición. Esa é a súa vontade e a súa política efectiva. Consciente e intencionada, aínda que procure desdebuxar esa intención. Ninguén pode facer coma que non o ve: sería hipócrita e falaz. Ademais, en sociedades cada vez máis polarizadas o galego pode ser arrastrado a un espazo de maior confrontación do que xa é o caso. O panorama político español está radicalizando as posicións ultra conservadoras dos que queren construír unha España homoxénea: e non cabe dúbida de que poder non lles falta e ganas de arrinconar os idiomas non casteláns tampouco. Terán éxito ou xenerarán un efecto boomerang?

Polo lado positivo, pode notarse un cambio no clima social. Entre o cambio climático, a conciencia cada vez máis clara de que aquí non se vive mal; a percepción, cada vez máis poderosa, de que as nosas cidades, ainda que moi mellorables, son vivibles e dimensionadas. O feito, no mesmo sentido, de que a xente viaxou e comparou e nin tan mal: os prezos imposibles de Madrid e outras cidades, a baixa calidade de vida nas grandes urbes e, tamén, unha certa constatación do potencial local. Todo conflúe para que comece a darse un neto sentido de valoración de Galicia.

Antes a clase media ben estante quería universalmente marchar fóra, a triunfar e mandar polo mundo adiante: hoxe escoítase moito o do ben 'que se está aquí!'. Ninguén sabe que pode significar iso no político, no lingüístico e cultural. Talvez nada. Pero, en todo caso, hai que saber ler ese xiro na atmosfera.

En todo caso, reitero, o obxectivo sería evitar que o punto de inflexión sexa tan baixo que o uso social do galego pase a ser pouco menos que inexistente. Trátase de evitar que, no futuro, o galego non sexa, literalmente, un símbolo, e non un idioma vivo e funcional na nosa comunidade humana.

domingo, 8 de decembro de 2024

Como se debuxa a dignidade?

 por Ismael Ramos, en El Diario:


Hai na cultura galega demasiadas figuras na misa e repicando? Supoño que iso non é nada en comparación coas técnicas de disociación de Valentín García, que leva doce anos afirmando que o galego vai ben e indo todos os días traballar á Secretaría Xeral de Política Lingüística

domingo, 21 de maio de 2023

I don’t want to speak jallejo


por Patricia A. Janeiro en El Diario:

 

Teño un amigo do Morrazo que vive nos Estados Unidos coa muller turco-alemá e mais o fillo americano. Parece o comezo dun chiste ou a biografía de Noam Chomsky, mais é así. Cando naceu o rapaz, falábanlle turco e galego na casa, pero en canto se escolarizou, o inglés pasou a ser a lingua dominante e as linguas maternas fóronselle exotizando. A última vez que viñeron de visita, ante a insistencia do pai de que o rapaz falase galego coa familia e as amizades de aquí, el engurraba o fuciño como bo pre-adolescente (esa linguaxe si que é universal) e retrucaba no seu inglés de Massachusetts: “but daddy, I don’t want to speak jallejo!” A min a mestura natural dos dous idiomas, isoglosas incluídas, lembroume á avoa Virtudes de Xesús Fraga e os seus exabruptos galegos no medio dos xardíns de Kensington. 
O meu fillo ten seis anos e aínda non domina o inglés como para dicirme “I don’t want to speak galego” pero xa hai anos que ten perfeccionada a diglosia. Fala castelán con calquera que se achegue e lle fale en castelán, sexa familiar ou alleo. Díxome un compañeiro profe de galego que en realidade iso que fan os nosos nenos non é máis ca unha vantaxe evolutiva, adaptan o seu idioma á contorna para asegurarse de que os entenden. O problema é a contorna, que cada vez lles dá menos motivo para falaren galego. Díxome o mesmo profe que os catro piares da transmisión lingüística na infancia son a familia, a escola, as amizades e os medios. Cando un deles falla, cambalea o arraigo. Pensen no acceso que teñen as súas crianzas a programación infantil en galego, por exemplo. Cando falla máis dun piar, crébase a transmisión. Agora fagan contas de cantas persoas ao seu redor son monolingües en castelán, ou cambian ao castelán cando falan coa rapazada. 
Noutro dos piares estase a extender unha nova forma de aniquilación lingüística: falar coa parella en galego e cos fillos en inglés, ou algo parecido. Pais que, sentados nos bancos do parque, lles berran instrucións aos seus fillos en perfecto inglés heptavocálico, como quen lle di “plas” a un can, pensando que o can se deita porque entende o alemán. 
A min tamén me suxeriron algunnha vez falarlle en inglés ao meu fillo e deixarlle a transmisión xeracional ao seu pai. Coñezo parellas galegas que fan iso: o proxenitor profesor fálalle en inglés ao neno, desta vez coas súas vinte vogais e o seu sotaque da BBC, e co galego xa se apaña o outro pai. No nome dunha suposta vantaxe lingüística que non é tal estamos a arredar as nosas crianzas da súa lingua materna, unha creba interxeracional que non ten volta atrás. 
Para quen non se fíe moito do que me conta o meu compañeiro profe de galego, que como é profe de galego a ben seguro que é do Bloque como mínimo, ou se non da Mesa esa, recomendo a consulta dos estudios de monitorización da educación no mundo que periodicamente levan a cabo a UNESCO e UNICEF. Ambos organismos conclúen que aprender a falar na lingua materna é fundamental para o desenvolvemento cognitivo e que favorece a aprendizaxe doutras linguas. Quen llo ía dicir ao papá que lle berra á nena no parque para que “bi kerful wit de dog”, eh? Como sospeitar que unha das chaves para facilitar a aprendizaxe de linguas é non perder a lingua propia?

 

Da outra pata, a da escola, non vou falar moito porque leva abaneando desde que Feijóo derrogou o decreto 124/2007 de promoción do galego na escola, a herencia que máis lle molestaba do bipartito, por riba mesmo dos Audis e das cadeiras tapizadas do despacho. Se hai que lle facer caso á RAG, na escola é onde temos que dar agora mesmo a batalla polo galego, aínda que a terminoloxía bélica non nos fai moito favor. Como acontece cando falas doutro tipo de dereitos, a cultura dominante instálase na condescendencia: as do galego estades sempre enfadadas, se lle obrigas ao neno a falar galego vaiche cambiar ao castelán… e todo o ronsel de tópicos despreocupados que se pode permitir quen non ve esmorecer a súa lingua. Despois de todo, os idiomas reprodúcense de forma espontánea e natural, porque as falantes queren, e non hai decretos que os freen ou os impulsen, non si?

 

Se non podemos loitar, nin impoñer, nin preocuparnos, só nos queda a retranca. Voume ir preparando para a manifestación deste mércores en Santiago (ás 12 na Alameda, por se quedan dúbidas) e para refocile do noso ex-presidente e o seu (galicia)bilingüe sucesor, levarei unha pancarta ben grande que, citando a Virtudes, unha grande das nosas letras, só dirá: “fuckin’ merda”.