Tamara López Fernández relátanos de forma moi amena nesta mini-conferencia o caso do proceso contra Manuel María no ano 1955. Terror institucionalizado, control da sociedade, persecución da disidencia mediante os tribunais ordinarios, delación e denuncias anónimas e sen probas,... e a petición de catro anos e seis meses de prisión e 20.000 pesetas da época.
Un caso de persecución política
Vai este documental con dous anos de retraso, pero vai.
Publicouse no 2017, cando se lle adicara o Día das Letras a Manuel María. Sempre é bo momento de reivindicalo.
Con ese seu estilo atropelado na forma de falar, achegamos aquí a intervención da actriz Isabel Risco no acto de homenaxe a Sebastián Martínez-Risco, que se celebrou no nº 11 da rúa Tabernas da Coruña o pasado día 1/01/17.
Últimamente na RAG están acertando coa subida de vídeos á súa canle nos que se nos ofrece unha cara máis divertida, e polo tanto, de achegamento á sociedade. Estou facendo referencia a este outro vídeo, no simposio Manuel María, no que Xurxo Souto puxo a cantar a todos os presentes o poema do poeta chairego:
O alumnado de música do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz), baixo a dirección de Sandra Tenreiro, interpretaron varios poemas de Díaz Castro xunto ao Canto ao idioma galego de Manuel María. Neste vídeo podemos escoitar a gravación deste último.
Do blogroll de normalización que teño aquí á dereita hai un elemento do que teño ganas de roubarlle todas as entradas. Se non o fago quedo coa imperiosa necesidade de recomentado vivamente, trátase de Son de noso, o blogue do ENDL do IES de Curtis. Desta vez recollo esta intervención de Marcelo e Delvin Familia Peña co poema A fala, de Manuel María, como base.
Estratosférico.
Hai un ano traíamos a este mesmo blogue o anuncio dunha iniciativa promovida pola Biblioteca do IES Lama das Quendas (Chantada) en colaboración con Televinte. No blogroll 'A miña lista de blogues' eu ía vendo como case a diario se presentaba un novo vídeopoema dunha poesía de Manuel María, dando un exemplo claro de que o Día das Letras só ten sentido cando se estende a todos os do ano.
Foi un enorme traballo que queda aí, para que revisitemos ou fiquemos pasmados coa capacidade de sacar adiante proxectos imposibles. Velaquí a demostración de que a forza do amor á lingua pode con todo.
Finaliza en apenas un mes o ano dedicado ao benquerido Manuel María. Acontece a miúdo que, o escritor ou escritora obxecto da homenaxe decidida pola Academia, fica despois desa especie de exhumación soterrado para sempre. Non vai ser este o caso. Primeiro porque, aínda que se afondase máis na obra do autor, en ningún momento houbo que exhumalo xa que estaba vivo na memoria do pobo galego máis consciente do propio ser. E segundo –segundamente, diría el- porque ese afondar no seu legado literario e biográfico, fixo medrar, se couber, a súa persoa e a súa escrita.
Sei que foi cando comecei afondar no pensamento creativo de Pilar Pallarés que cheguei ao libro A experiencia de ler do irlandés C.S. Lewis, un autor que talvez non é ben coñecido, mais que se dicimos que foi contemporáneo e amigo de Tolkien e autor de obras que as e os máis novos coñecen ben como As crónicas de Narnia ou O príncipe Caspian, comezamos situar. Estes días volvín a esa experiencia de ler mentres redactaba o relatorio sobre Manuel María para o Simposio que a RAG lle está a dedicar.
Chegan a esta xanela moitas contribucións de centros escolares sobre a reivindicación da lingua. En certos ámbitos case non existen como é o caso da administración de xustiza. Noutros, como o deporte, parece como se a lingua fose algo completamente alleo. Como se os deportistas non falasen, ou mesmo como se non soubesen ler. Velaquí un caso que debería darse con máis frecuencia. Os xogadores do club de fútbol sala Santiago Futsal, coa Praza do Obradoiro de fondo, fan unha lectura de poesías de Manuel María de reivindicación do galego.
Canto ao idioma galego
Idioma meu, humilde, nidio, popular,
Labrego, suburbial e mariñeiro
Que fas avergonzar
ao burgués, ao señorito e ao tendeiro:
levas sangue do povo
e raigañas escuras
que anuncian un día novo
sen mágoas nen tristuras.
Idioma proscrito,
asoballado,
soterrado,
refugado,
negado
como a pobreza e o delito,
fala do emigrante e do maldito:
só resoas nos lares
das xentes populares.
Ti tes que rexurdir puro,
poderoso, enteiro .
para erguer noso futuro
de povo absoluto e verdadeiro
Neste outro vídeo recitan Canción pra agardar un novo día
Parabéns a Santiago Futsal pola iniciativa.
Un pequeno vídeo-homenaxe que realizaron no ENDL do IES Marqués de Sargadelos (Cervo).
O que máis me gustou é que foi un traballo colectivo. Primeiro.na clase de lingua elaboraron un poema na honra de Manuel María. Despois de facer unha gravación sonora montaron o vídeo na aula de tecnoloxía.
Así é como desde as institucións se actúa contra a lingua galega. Este é o caso do Concello de Ribeira, que continúa actuando impunemente contra a Lei de Normalización Lingüística e contra o Decreto 189/2003 polo que se aproba o nomenclátor das entidades de poboación da provincia da Coruña. A mestura de hipocrisía e desprezo non pode ser maior có que se demostra neste cartel mediante o que o concello anunciaba os actos do que denominaban "mes das letras galegas".
Efectivamente, o 17 de maio celebrábase o Día das Letras Galegas. Este ano a figura protagonista era Manuel María, un poeta moi comprometido coa normalización da lingua. No cartel anunciador do concello de Ribeira 17 veces aparecía o topónimo en versión deturpada: *RiVeira. 17 veces negada a lingua galega coa aquiescencia da Xunta de Galicia, especialmente da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Neste mapa podemos ver a ubicación de distintos códigos QR que levan a vídeos e outros recursos feitos polo alumnado dos centros de ensino de Vilalba arredor da obra e a figura do escritor chairego Manuel María.
A organización dos contidos, a creación dos códigos QR e o mapa son un traballo da biblioteca do IES Lois Peña Novo (Vilalba) e o seu alumnado. Colaboraron neste proxecto o CEIP Insua Bermúdez, CEIP Mato Vizoso, CEIP Monseivane, CEIP Terra Chá, CEP Castelao, Centro Ocupacional, Escola de Educación Infantil de Vilalba, Escola Infantil A Galiña Azul, e o IES Basanta Silva.
Son un total de 28 recursos que, ademais de pola arañeira virtural, tamén se difundiron por Vilalba en paneis informativos. O alumnado destes centros realizou diversos traballos sobre Manuel María e nos locais comerciais e de hostelería houbo exposicións dos mesmos. Deste xeito sacouse a escola pola vila e espallouse coma nunca a figura do poeta chairego por Vilalba.
Entre os recursos aos que podemos acceder está esta orixinal contrución dunha gaiola para os soños do alumnado do IES Los Peña novo.que fixeron no Departamento de Automoción.
Non se pode pedir máis.
P.S.:Despois de redactada a entrada vin que os de Praza Pública tamén publicaban a nova:
Tal e como anunciara a Asociación Cultura Vagalumes, despois de facer o percorrido pola vila da man de Manuel María visitando distintos centros comerciais, editaríase un vídeo ofrecendo un resumo da xornada. Velaquí está.
Non só escoitaremos aos veciños recitar poemas do escritor chairego, senón que veremos ao propio Manuel María, interpretado polo mestre Tino Regueira, falándonos da súa vida e ofrecéndonos anacos da súa obra.
O venres 27 ás 21:00 a Asociación Cultural Vagalumes presenta na sala de exposicións de Abanca da Estrada, o libro-dvd “Peregrinaxes, viaxando con Manuel María”. No acto proxectarase ese vídeo así como o gravado durante a xornada do 7 de maio na que se recitou a Manuel María en diferentes espazos comerciais e de encontro da Estrada.
O vídeo “Peregrinaxes, viaxando con Manuel María” é un proxecto do escritor Lois Diéguez, compañeiro de viaxe e de militancia poética do escritor da Terra Chá. A través desta proxección teremos ocasión de ilustrar os poemas que Manuel María ten dedicado a lugares emblemáticos da súa identidade tanto desde o punto de vista das raíces vitais e culturais das que provén como das experiencias que lle achegou os diferentes lugares que visitou.
Nótase que a Deputación da Coruña non está nas mans de quen estaba. De virarlle por completo as costas á lingua galega e especialmente á súa normalización, comenzamos a ter toda unha fervenza de iniciativas e proxectos saídos desta institución que son ben de agradecer como unha partida adicada a promover os SNL dos concellos ou o impulso do premio litererio en lingua galega mellor dotado econónicamente. Se nestes días anteriores dabamos conta do porxecto de divulgación das Irmandades iFala hoxe traemos este vídeo sacado doutra proposta desa mesma deputación: Manuel María somos nós
Esta peza audiovisual preséntase como unha ollada experimental na que Manuel María fala de si a través dos seus versos e a súa contorna.
Fantástica e divertida esta peza audiovisual que nos chega do CEIP Milladoiro. Rapaces e alumnos do colexio pásano ben bailando coa música de Pirilampo, tirado do seu traballo Teatro de Guiñol, no que recrean o peoema de Manuel María O galo
Ben se ve que a rapazada gozou cantando e bailando, é a mellor forma de que aprendan a estar orgullosos da nosa lingua.