Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta A Mesa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Mesa. Amosar todas as publicacións

venres, 16 de maio de 2025

Longalingua 5: entrevista a Mónica Valencia

 Mónica Fernández Valencia, presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua é entrevistada por Longalingua. Entre outras cousas fala da Rede de Dinamización Lingüística, unha rede que só se adica a ofrecer actividades de lecer análogas a outras que pode ofrecer a Consellaría de Cultura e Xuventude. A única rede que hai é Alingua.

xoves, 15 de maio de 2025

Longalingua 4: Dereito á lingua con Marcos Maceira

 Longalingua entrevista a Marcos Maceira, presidente da Mesa. Afirma que debemos actuar non só individualmente, senón socialmente e en todos os ámbitos. 

En Galicia hai un gran apoio social á lingua galega pero non hai correspondencia por parte dos poderes públicos



mércores, 12 de marzo de 2025

Segunda etapa de Longalingua

Entre os anos 2006 e 2010 A Mesa publicou unha revista, Longalingua. Hoxe recupera esta iniciativa pero agora faino mediante o formato dixital. A primeira publicación desta nova etapa conta cun artigo de Mª Pilar García Negro, Chea de futuro,  xunto cunha entrevista á mesma autora. Os contidos divulgaranse en plataformas como YouTube e Spotify. Desde este blogue tamén seguiremos a traxectoria desta publicación.

sábado, 19 de outubro de 2024

Emerxencia lingüística extrema. O idioma galego á luz dos datos do IGE


Marcos Maceira e Elsa Quintas (Presidente e Vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística) estudan a grave situación da lingua galega despois da publicación dos últimos datos do IGE e antes da presentación en Betanzos do seu libro Liberdade para o galego. Entrevista Daniel Seixo.
Unha entrevista que debería facerse na TVG, mais...

mércores, 5 de xuño de 2024

Que suporía que o galego fose lingua oficial na Unión Europea?


por Elisa Quintas Alborés, no Nós Diario:Nós Diario:

A sociedade galega demanda o recoñecemento da oficialidade plena do galego na UE, pois non é lingua oficial e de traballo. O 13 de decembro de 2004 o Goberno español solicitou ao Consello da Unión Europea (UE) que concedese a incorporación do galego, catalán e vasco á lista de linguas oficiais europeas prevista no Regulamento 1/1958 que fixa o réxime lingüístico da Comunidade Económica Europea. Emporiso a institución competente -o Consello da Unión- non concedeu a oficialidade. Polo de agora só existe un cativo uso destas linguas en tres ámbitos, segundo as “Conclusións do Consello relativas ao uso oficial doutras linguas no Consello, e no seu caso, noutras institucións e órganos da UE”, do 13 de xuño de 2005, o que en realidade impide comunicarse directamente cos órganos da UE ao ter que pasar sempre por un organismo español que realiza a tradución.

 

xoves, 2 de marzo de 2023

Medrar en galego

 


por Marcos Maceira en Nós Diario:

O 21 de febreiro celebrouse o Día internacional da lingua propia (materna na denominación da UNESCO que, aínda deixando clara a intención de promover as linguas minorizadas e a importancia da transmisión interxeneracional, resulta un termo confuso por obviar que as linguas son feitos sociais que se desenvolven en sociedades e realidades concretas e que, por tanto, traspasan as relacións familiares e moito máis as maternofiliais). Asistimos en tal día á celebración da efeméride sen que os festexos obriguen a nada máis que aos propios festexos. Ningunha mención oficial a cal é a situación da transmisión do galego, de que facer para reparala ou as obrigas e garantías que os poderes públicos deben dar ao respecto. 

xoves, 19 de xaneiro de 2023

Os nosos dereitos lingüísticos: vivir en galego. A avogacía exercida dende o galego: casos e sucesos

Velaquí a 8ª edición do LGx15, o evento de charlas organizado pola CTNL. A primeira achega desta edición está protatonizada por Elsa Quintas Alborés avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística.

Elsa expuxo a lexislación da que nos podemos valer para conseguirmos vivir en galego, as contradicións normativas e as grandes lagoas existentes na lexislación respecto das linguas e os falantes. Mencionou supostos especiais que foron abordados pola Liña do Galego

venres, 16 de decembro de 2022

Pipocas, os flocos da Mesa

 

Pipocas é un catálogo web elaborado pola Mesa que recolle todos os filmes e series dobradas ou lexendadas á nosa lingua e que redirixe o público ás plataformas na que está cada título. No momento do seu lanzamento, o catálogo recolle máis de 100 títulos. Dende a entidade asegúrase que será actualizado de xeito permanente e solicítase que o público contacte para advertir da ausencia de calquera filme ou serie.
Esta iniciativa lémbranos o portal Flocos.tv da Axencia Audiovisual Galega que a Xunta do PP pechou sen dar ningún tipo de explicación e na que podiamos achar filmes orixinais en aberto. Despois das críticas a Agadic abrira unha mala copia de Flocos, Canle.tv, que non tardou en pechar. Hoxe en día o apoio ao audiovisual galego esváese en autobombo e propaganda. As oportunidades de crear un tecido audiovisual están completamente aniquiladas, e con elas toda política normalizadora asociada.

mércores, 14 de decembro de 2022

13 de decembro de 1987, alí estabamos

 

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca o 13 de decembro de 1987 a primeira grande manifestación pola lingua. Participan todas as forzas políticas, sindicatos, anpas, movemento veciñal… Recordo perfectamente aquela manifestación polo que me subiu un calor polo peito cando me vin nesta foto de Xan Carballa que difundiu a Mesa polas redes sociais.



domingo, 18 de setembro de 2022

Manuel Portas: "Necesitamos reintegrar o galego no seu sistema orixinario"

Manuel Portas, profesor e director do Instituto Xelmírez 1, en Compostela, sociolingüista e militante da lingua galega, é o protagonista deste progrma de Nós Televisión.

luns, 16 de maio de 2022

Que non apaguen a túa lingua!


 A Asociación Cultural “Vagalumes”, integrante da Plataforma Queremos Galego!, levará a cabo un acto público sobre a situación do galego e a ameaza que supón a nova lei do audiovisual para profundar na súa exclusión deste ámbito. Intervirá o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística Marcos Maceira. O acto terá lugar ás 20:30 h. na sala MOME da Estrada.

sábado, 5 de marzo de 2022

Pensatermos

 A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou o xogo Pensatermos, a versión galega do catalán Pauralògic. Ademais da colaboración dos creadores do xogo (Jordi Palou, coa programación de Pere Orga para RodaMots), A Mesa contou coa base de datos da Academia Galega e do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo

O xogo ofrécenos 7 letras. O obxectivo consiste en formar o maior número de palabras usando esas lebras coa condición de usar obrigatoriamente a do centro. A palabra debe ter polo menos 3 letras. 
Parabéns á Mesa e aos colaboradores desta iniciativa.


martes, 22 de febreiro de 2022

Fálalle(s) galego

 Esta é a campaña que lanxodu A Mesa polo Día Internacional da Lingua Propia


Lémbranos a primeira campaña de promoción do galego da Xunta de Galcia, do ano 1984.


Por certo, hai canto tempo a Xunta deixou de facer campañas de transmisión xeneracional? Baixo a ideoloxía actual do goberno do PP a campaña tería que ser: "Fálalle galego, háblale español"

martes, 16 de marzo de 2021

Linguas libres

por Marcos Maceiras en La Voz de Galicia:

Se buscarmos un aspecto común respecto ás linguas na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos, na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou na Carta Europea das Linguas Rexionais e minorizadas, acordos internacionais cos que está comprometido o Estado español, veremos como os pobos e as comunidades lingüísticas son iguais no seu dereito a realizaren todas as actividades humanas na súa lingua propia e, por tanto, a usala con plena validez xurídica, en todo e para todo. 

venres, 19 de febreiro de 2021

Garantamos a pluralidade lingüística


A Mesa pola Normalización Lingüística, Euskalgintzaren KONTSEILUA, CIEMEN, Iniciativa Pol asturianu, NOGARA, Plataforma per la Llengua, Òmnium, Escola Valenciana e Acció Cultural del País Valencià, difunden nas linguas propias oficiais (galego, catalán e éuscaro) e as que aspiran a este recoñecemento (asturleonés e aragonés) o contido da proposta que presentaron en febreiro de 2020 no Congreso de Madrid e que será debatida nunhas semanas.
As reivindicacións de todas estas entidades recóllense no manifesto Pluralidade lingüística: liberdade igualdade e democracia.

martes, 18 de febreiro de 2020

Racismo contra o galego. Perseverarmos, insistirmos, activármonos

por Marcos Maceira Eiras, no Nós Diario:

O Ministerio para a transición ecolóxica, a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) vén de denegar unha axuda de 900 mil euros ao concello de San Xoán de Río para renovar o alumeado público. O motivo é que un dos certificados achegados estaba en galego. Nada novo. A mesma axuda fora denegada en 2016 aos Concellos de Santiago, Santa Comba e Teo cos mesmos argumentos.

mércores, 12 de febreiro de 2020

Mediacamentos vs. virus para o galego

Falar galego é saudábel é a campaña que A Mesa e o Grupo de Normalización do estudantado de Mecicina presentaron onte ante os medios e ao presidente do Parlamento. A campaña ten sobrada xustificación, basta atendermos ao dato que destacaba Nós Diario: o 41% dos galego-falantes cambian de lingua cando entran na consulta dun médico.
Sabemos que o mal está aí pero ninguén, ata hoxe, deu un mínimo paso na súa identificación nin procurou ningún avance na normalización da sanidade. Destaca a inacción da Secretaría Xeral de Política Lingüística que leva 10 ano sen facer ningunha campaña de sensibilización ou promoción do uso do galego, xa non no ámbito sanitario, senón de ningún tipo. Desde aquel "En galego, e logo!" do ano 2007, que, por certo, non era alá unha campaña nada redonda, quedamos completamente orfos dunha imaxe de apoio da Xunta ao uso da nosa lingua. Pola contra tivemos, e temos, unha boa manchea de agravios por parte dos gobernantes que, comenzando polo principio, renegan do galego cada vez máis nas súas intervencións públicas. Fronte a este triste devalo o secretario xeral de política lingüística non só non dimite, o cal sería a única saída digna, senón que cala ou, o que aínda é peor, xustifica. Pois para iso é para o que está, e non para o que se supón para o que debería estar un detentor de tal cargo.
As consecuencias deste panorama caen, como paus, sobre nós, os galegos que aínda nos mantemos na nosa lingua. Por poñer só un exemplo, destes mesmos días e dentro do mundo sanitario, resulta que o Colexio de Farmacéuticos da Coruña tamén lanzaron unha campaña, desta vez contra o galego. Estou a falar do que promocionan como "Siempre con receta", un título máis propio para os usuarios das famacias de Albacete ou de Mendoza, na Arxentina, que para os veciños de Corcubión ou de Ribeira.
Teñan presente, señores farmacéuticos, que cando se dialoga coa sociedade, faise moito máis que falar do bo ou mal uso das receitas pois, queírano ou non o queiran, tamén se dá exemplo do uso ou do desprezo da lingua da xente. Os farmacéuticos da Coruña apostaron por este segundo camiño, compría que algún médico lles receitase un pouco de respecto, e coidados da lingua que parecen descoñecer.

xoves, 30 de xaneiro de 2020

Dereitos lingüísticos, dereitos sanitarios

por Iria Veiga en Nós Diario:


Vimos de saber do caso gravísimo dunha usuaria que se viu obrigada a cambiar de lingua, do galego para o castelán, ao ser atendida no servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro. Particularmente flagrante é esta vulneración de dereitos por haber un menor implicado, tamén galegofalante, que foi ignorado pola pediatra ao expresarse na súa lingua habitual. Este caso concreto chegou á prensa, pero non é de ningún xeito único. Os dereitos lingüísticos das usuarias son constantemente vulnerados na asistencia sanitaria, se ben non de xeito tan explícito. A relación médico-doente (ou persoal sanitario-usuario) é necesariamente unha relación xerárquica, na que a parte máis feble é sempre a do doente, que é quen demanda axuda e ademais, quen se atopa nunha situación de especial vulnerabilidade. A dor, o malestar físico ou o medo fan que os nosos recursos persoais estean minguados, por moito que sexamos coñecedores dos nosos dereitos. Vista a situación, o feito de que un profesional sanitario se dirixa en castelán a un usuario galegofalante xa limita de entrada o exercicio do seus dereitos lingüísticos, dado que este último sentirase naturalmente impelido a empregar coa persoa que ocupa a posición xerarquicamente superior a lingua que esta emprega, que ademais resulta ser a de maior prestixio social. Por suposto que a maior parte dos profesionais que empregan o español como lingua habitual non son conscientes desta situación nin pretenden exercer presión algunha sobre o usuario, pero isto pode darse igualmente. Tampouco é frecuente que un profesional requira de malos modos a un doente que cambie de lingua, pero dubido que se trate dun caso illado.

No Plan Xeral de Normalización Lingüística, sección 5 (Sanidade), de 2004, establécese claramente que é o usuario o que ten o dereito a ser atendido na súa lingua, e para protexer o exercicio de tal dereito, os empregados públicos sanitarios deben coñecer ese idioma. Porén, na práctica non se esixe coñecemento de galego para exercer na sanidade pública galega, e nin sequera os documentos oficiais, como consentimentos informados, están dispoñibles na nosa lingua. Polo tanto, dáse un desleixo por parte da Administración para cumprir e facer cumprir un plan que ela mesma promulgou, e que por outra banda ten o deber de promover, dentro da obriga das administracións de favorecer e protexer as linguas minorizadas e o seu uso.