Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Mariló Candedo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mariló Candedo. Amosar todas as publicacións

venres, 17 de xaneiro de 2020

Mariló Candedo: o decreto 79/2010 fai que a escola sexa un axente desgaleguizador




Mariló Candedo, de Nova Escola Galega, achéganos desde Rede Galega de Vídeoblogues de Nós-TV sobre a preocupante escaseza de aulas en galego posta de manifesto polo Comité de Expertos do Consello de Europa no V Informe no que se determinou o incumprimento da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM).
Candeo destacou o informe do Instituto Galego de Estatística no que se indicaba que a cuarta parte dos cativos non saben falar en galego, o cal nos remite a unha falta de competencias na nosa lingua coa agravante de que as estratexias lexisladoras non conseguiron a súa finalidade. Tamén acusou ao decreto do plurilingüismo como punto fundamental para as restriccións para o galego.
O pasado mes Nova Escola Galega difundiu un boletín  co título Igualdade, lingua e tempos escolares, no que profundiza sobre o actual estado do galego na escola.




martes, 14 de xuño de 2016

A situación do ensino na actualidade



Debate moderado por Pablo "Chichas" sobre o estado actual da Educación. Estiveron no plató de Lalín Mariló Candedo (Nova Escola Galega), Moncho Carrasco (CPR Plurilingüe Karbo) e Alejandra Pérez (Profesora Educación Secundaria na Pública). Falouse das reválidas, da LOMCE, das programacións, da situación do galego nas aulas (hora:minuto 59:30) e houbo polémica no debate sobre o ensino público e ensino privado.

luns, 10 de marzo de 2014

A educación: dereito ou mercadoría?

A educación: dereito ou mercadoría?. Estamos diante doutro libro que recolle unha multiplicidade de mans e cerebros, todos eles con experiencia e coñecemento do mundo educativo. A coordinadora é Mariló Candedo Gunturiz, presidenta da Nova Escola Galega explica o obxectivo fundamental desta obra:


manter activo o debate e a mobilización cidadá que non quere renunciar á conquista democrática que representa a educación pública

Baixo esta premisa preséntanse 12 traballos que ofrecen outras tantas reflexións sobre aspectos fundamentais cando do que se trata é de analizar a situación educativa actual, face a unha contrarreforma asentada no desmantelamento dun servizo público esencial para o desenvolvemento social.
Nun dos capítulos, do que a autora é a propia Mariló, apúntanse as principais características da LOMCE:
  • Anticipación da segregación do alumnado aos 13 anos. Este aspecto terá como corolario o descarte de boa parte do alumnado cara a FP básica. Fundaméntase na culpabilización do propio alumnado do seu fracaso escolar.
  • Xerarquización, simplificación e recentralización do currículo. Volta á lei Villar-Palasí. Fundaméntase enque só importan os resultados, sen ter en conta as circunstancias (recursos, ratio, ambiente social,...)
  • Autonomía pedagóxica e modelo de gobernanza. Establécese co claro obxectivo de facilitar a privatización do ensino. 

Noutro dos capítulos repásase a dimensión dos recortes en educación que está tendo como consecuencia un empeoramento da calidade educativa e un encarecemento do que debería ser o dereito á educación mediante a conxelación de bolsas,  redución da cobertura dos programas de axuda para libros de texto, repagamento dos comedores escolares, encarecemento das escolas municipais de música, redución da financiación dos programas de formación do profesorado, dos programas contra o abandono escolar,...
Cocha Fernández repasa os tópicos falsos da FP: en Galicia o 60% do alumnado da secundaria post-obrigatoria cursaba FP vs. un 52% que é a cifra en Europa. Tamén comenta a complicada implantación da publicitada FP dual e tufo privatizador e de recurte dos dereitos dos traballadores co que vén adubiada.
No libro tamén hai espazo para unha panorámica da escola infantil (0-3anos), a educación inclusiva e a atención á diversidade, a autonomía dos centros educativos coa LOMCE, as perspectivas do ensino universitario, ou tendencia ao desmantelamento da educación social nun contexto de crise económica.

As reválidas na LOMCE
Para invitar á lectura deste libro non hai nada mellor que ler un artigo dun dos co-autores, Xosé Ramos Rodríguez, que foi publicado no dixital Praza Pública baixo o título "As reválidas na LOMCE, ou como segregar o alumnado".  Efectivamente, a LOMCE establece toda unha serie de obstáculos/reválidas que ao tempo que son un desprezo pola labor do profesorado terán como efecto a curto prazo a defenestración do labor pedagóxico ao poñelo ao servizo desas probas. No canto de espazos para aprender, teremos fábricas de pasantías.
Para que o caramelo sexa máis gorentoso, se o artigo de Xosé Ramos é moi clarificador, mellor é aínda ler a súa achega a este libro: "Alcance das avaliacións e o seu alcance na LOMCE"

A normalización usurpada
Valentina Formoso é a autora dun capítulo adicado ao estado da normalización lingüística no ensino. Nunhas poucas páxinas repasa o esencial da súa historia nos últimos 20 anos, destacando que pasamos do "a modiño" (en palabras de Agustín Fernández Paz) á involución.
No ano 2004 aprobárase co consenso de toda a sociedade o PXNLG. Sobre esta base redactouse o decreto 124/2007 que establecía un mínimo dun 50% de docencia en galego, un impulso do galego como idioma base na educación infantil e abríaselle paso á liñas de galego. Rachado o consenso, e cunha gran oposición social, o decreto 79/2010 abre unha vía involutiva establecendo un máixmo do 50% en galego, a prohibición expresa do seu uso na ciencia e a tecnoloxía e a apertura dun panorama desolador cunha imaxe negativa para o uso da lingua, excluíndoo das escolas infatís urbanas e  pervertendo incluso o ditame do TSXG que ditaminou que nin as familias podían escoller a lingua do ensino nin o alumno tiña liberdade para empregar na aula a lingua que lle petase.

domingo, 7 de xullo de 2013

Analise da LOMCE por Mariló Candedo



Conferencia de Mariló Candedo analizando o Anteproxecto da LOMCE, na xornada O Sistema Educativo na LOMCE, do 12/01/2013, organizada pola CIG-Ensino e a AS-PG.
Invito a quen pase por aquí a escoitar as atinadas reflexións de Mariló Candedo e fago outra invitación a facelo seguindo a presentación de power-point da conferencia que engado aquí abaixo. Toda unha clarifica
Un aviso, a pesar do reloxo, o tempo da conferencia é dun total de 50 minutos.



Para completar a xornada, un par de artigos da mesma autora en Praza Pública:
A propósito do tupperwert: Os menús da Lomce (I)
A propósito do tupperwert: Os menús da Lomce (II)



xoves, 24 de xaneiro de 2013

2013: unha oportunidade para saírmos do labirinto lingüístic

por Mariló Candedo, un artigo preciso e que como tal, senta as bases do edificio do futuro, na Praza Pública:

Descartada a fin do mundo na data prevista polos maias, este 2013 entrou cun certo guión prescrito: correspóndelle ser un ano de inflexión –aínda máis– e no que se concretarán algunhas decisións importantes para a educación e para a lingua. Por unha banda no que atinxe á contrarreforma asociada á LOMCE e, pola outra, á saída necesaria ao conflito xerado polas sentenzas que declaran ilegal a cerna do discutido Decreto do Plurilingüismo.

luns, 14 de maio de 2012

Pola lingua que nos une, vaiamos a Compostela

por Mariló Candedo, no Praza:

Convocados pola plataforma cidadá Queremos galego, o vindeiro día 17 de maio temos unha nova cita para reclamarmos o dereito do país a conservar e normalizar o idioma propio. De novo as rúas de Compostela converteranse nun espazo para o encontro entre aquelas persoas e colectivos que non queren renunciar a vivir en galego. Unha oportunidade para nos atopar cantas persoas respiremos unha sensibilidade a prol da nosa lingua. Unha ocasión para lle mostrar ao goberno e aos grupos que negan o galego que non estamos dispostos a cedermos en ningún avance dos que con tanto esforzo se foron conseguindo.

xoves, 23 de febreiro de 2012

Da arela normalizadora

Un excepcional artigo de Mariló Candedo, poñendo a primeira pedra nun espazo completamente arrasado, en Praza Pública:

Hai tempo que quero escribir sobre normalización lingüística e dou tantas voltas sobre min mesma que acabo ficando no mesmo lugar de partida no que quedei desde a última vez que tal cousa fixen, administrando con enorme dificultade unha mestura de sentimentos que transitan nun neboeiro entre a ira e o desacougo, na procura dalgún claro sobre o que erguer a esperanza. Difícil combinatoria para quen traballa sabendo que a racionalidade pedagóxica resulta un ben escasamente apreciado polo poder político e, se cadra, non sempre atinadamente exposto para a comprensión da cidadanía.

venres, 26 de marzo de 2010

Abandonando a retórica… sobre o novo decreto do plurilingüismo

por Mariló Candedo, profesora da UDC e presidenta de Nova Escola Galega, en Vieiros

As últimas declaracións do Conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística non poden ser máis esclarecedoras sobre as intencións do novo decreto do plurilingüismo.

O Conselleiro de Educación declara que o 60% dos centros imparte máis da metade das materias en galego e que a sociedade o rexeita. Aínda que resulta difícil outorgarlles credibilidade a estas afirmacións, cando menos permiten considerar novos interrogantes sobre o futuro da nova norma que pretenden aprobar.
O primeiro que cómpre sinalar é que os centros que foron dando pasos a prol do noso idioma fixérono desde o máis escrupuloso respecto á legalidade vixente e á traxectoria previsible neste ámbito, logo do pacto lingüístico promovido polo goberno do PP e acordado no Parlamento en 2004. Ningunha das normas anteriores a este anteproxecto, decretos do 95 e do 2007, sustentado este no devandito PXNLG, lle estableceron límites á promoción do galego no ensino, máis aló dos que se derivan da obriga de acadar competencias suficientes nas dúas linguas oficiais.
Se, por primeira vez na historia da normalización lingüística, se optase por lle poñer límites a esta promoción, estarase obrigando a eses centros e ás comunidades educativas de referencia a renunciaren aos obxectivos normalizadores que inspiraron os seus proxectos lingüísticos e educativos. É dicir, se o que di o conselleiro é certo, a nova norma porá fóra de xogo máis da metade dos centros e comunidades educativas deste país. Parece evidente que, por primeira vez, estamos diante dunha norma regresiva para a protección e a promoción do galego, o que sería contrario ao estipulado na LNL de 1983.
A cuestión do rexeitamento social a estes proxectos e á legalidade que os ampara forma parte do mantra de “imposición lingüística” ao que volven sen pudor para agocharen tanto o seu desleixo dos compromisos adquiridos co conxunto da cidadanía, plasmados no PXNLG, canto a falta de apoios á nova proposta normativa. Convén matizar aquí que a alta porcentaxe manexada na primeira das afirmacións pon en cuestión a existencia dunha maioría social que rexeite tales medidas. De ser certo habería moito máis “ruído” nas comunidades educativas e os representantes dos distintos sectores (familias, alumnado e profesorado) coidaríanse ben de demandar algo que non conta co suficiente apoio social.
Sobre as representacións e os apoios sociais é sabido que, en relación coas “Bases” presentadas a finais do ano pasado, o dato máis claro é xustamente o consenso en contra do texto. Respecto da nova proposta só hai dous colectivos que parecen agora satisfeitos, GB e a Concapa. Parece ser que para o goberno e o partido que o sostén o seu apoio xustifica o cambio da norma, toda vez que representa a voz inaudible da “maioría silenciosa”.
O Secretario Xeral de Política Lingüística acaba de reafirmarse no criterio do equilibrio de ambas as linguas, inamovible no enunciado actual da norma e no futuro, malia que as probas de avaliación de competencias en idiomas, que se prevén para as etapas de primaria e secundaria, constaten unha redución do coñecemento en galego. Non é sorprendente a afirmación, toda vez que a propia norma proposta despreza calquera dato obxectivo procedente de estudos sociolingüísticos sobre o uso do galego no ensino, ou sobre a perda de falantes, ou sobre as competencias lingüísticas en ambas linguas baixo modelos de discriminación positiva, ou de inmersión, na lingua máis necesitada de protección. Non se precisan máis datos que os procedentes da clarividencia destes gobernantes e da maioría silenciosa que os apoia. Dicía Bertold Brech que “quen descoñece a realidade é simplemente un ignorante, pero quen coñecéndoa a agocha ou a deforma é un miserable…”
Evidentemente, a norma proposta non nace para resolver un problema educativo ou social, senón para volatilizar calquera oportunidade de normalización para a lingua propia.
Non pretendo dar ideas, pero se a tradición é razón suficiente para o reparto das materias do currículo por linguas, a opinión dos pais ou nais cada catro anos é un criterio superior ao traballo de planificación lingüística asentada en criterios pedagóxicos dos propios centros escolares, e a liberdade lingüística lle dá cobertura á ignorancia, non acabo de ver a transcendencia que ten a presenza dun sociolingüista como responsable da acción política neste ámbito. Dígoo en aras das esixencias derivadas da austeridade.