Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta acollemento. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta acollemento. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de novembro de 2020

Integración dos migrantes no sistema educativo

 O pasado 13/11/20 comenzaron os XXII Encontros para a Normalización Lingüística, este ano adicados á "Integración lingüística como ferramenta social". Neste vídeo temos as intervencións arredor da integración do colectivo migrante no sistema educativo. Relátanse tres experiencias, unha do IES do Milladoiro, outra do modelo Burela e unha última sobre o programa de apoio lingüístico do concello de Salceda de Caselas. Os SNL tamén fixeron a súa achega coa intervención de representantes do concello de Ames, da USC e de Reverso Comunicación.

En todo este panorama a Xunta está completamente ausente. Compárese a NADA ABSOLUTA cos programas de acollida en Euskadi e Cataluña desenvoltos nesta outra sesión. Botemos unha ollada, por exemplo a Ep! Escolta i parla, o programa de acollemento para adultos da Generalitat. Comparémolo agora coa única proposta da Xunta: "Castelán e galego para inmigrantes". Primeiro, o galego só se vai acompañado do castelán. Segundo, neste portal só hai unha relación dos centros de ensino de adultos, e non de adultos inmigrantes. Non hai ningún tipo de programa.

Cando se trata de avances no uso do galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística fica ausente. Se nos preguntamos polo seu labor, a resposta é simple: están centrados exclusivamente en facer propaganda de si mesmos, unha propaganda na que se presentan como valedores da lingua, e que fica en accións superficiais, sen acción transformadora algunha.

sábado, 23 de febreiro de 2019

7 linguas e máis o galego, as do IES nº 1 de Ribeira


Estes 7 rapaces que explican cal é a súa lingua materna, pero que tamén falan en galego son do IES nº 1 de Ribeira. Eles deben saber que viven nun concello que insulta acotío á nosa lingua españolizando por todas partes o nome do concello, en contra de toda lei e do mínimo respecto á nosa tradición e ao coñecemento filolóxico.
Tamén é moi triste o papel que xoga a Consellería de Educación en todo este tema. Hai algún plan para o acollemento de estranxeiros?  Ou quizais o único plan sexa o que prevé a exención da lingua galega, a única materia para a que se considera incapacitados aos que veñen de fóra. Teño visto en primeira persoa rapaces chegados de Portugal, e que fican dispensados na materia que está en mellor disposición de contribuir á súa integración.
No vídeo comprobamos que temos o alumnado estranxeiro, que tamén está o profesorado implicado no acollemento na nosa lingua, e os compañeiros deses rapaces que, de certo, serán o mellor acompañamento lingüístico. Porén o que non temos é a Administración que se una a este labor. Máis ben está do outro lado, do da exclusión e da negación da lingua de noso. Alguén dubidará aínda que estamos gobernados por un grupo de radicais?

Vía ProLingua

xoves, 7 de febreiro de 2019

"Nosotros" en castelán

A chegada de inmigrantes dá lugar ao problema da súa integración, problema ao que a sociedade lle debe dar solucións. Un aspecto fundamental é o da integración lingüística. Como o estamos a resolver en Galicia?
A Cataluña chegan moitos máis inmigrantes polo que a cuestión está moito máis viva. Quizais poidamos aprender dalgunas iniciativas que teñen en marcha. A Generalitat ofrece unha ampla colección de materiais para a acollida lingüística entre as que podemos destacar un vocabulario en imaxes, unha recompilación de conversas, unha colección de láminas didácticas, outra colección de láminas desde outro enfoqueoutra máis en urdú con aspectos históricos, unha colección de libros para comenzar co catalán desde 10 linguas distintas, un curso básico de iniciación á lingua oral e mesmo a organización dun voluntariado de conversa en catalán. Non se esgotan aquí as oportunidades, pois se queres aprender catalán, ofrécense centos de oportunidades con ferramentas tales como un buscador de lugares no que poder facelo.

Ben, e en galego que?
Desde os SNL dalgún concello (A Coruña, Carballo) téñense organizado cursos de acollemento. Pero as iniciativas son escasas debido á escaseza de SNL e da falta de dotación dos mesmos. Cómpre recordar o maltrato que desde a Xunta fixo cos SNL nestes últimos 10 anos, que obrigou a pechar moitos deles e a ficaren inoperativos moitos outros.
Eu levo case 30 anos nos ensino. Nunca vin un material de acollemento lingüístico en galego. O que si teño visto é a alumnos chegados de Brasil ou Portugal que tiñan exenta a materia.... de lingua galega!
A pregunta segue sendo a mesma:  Ben, e en galego que?


"Nosotros" en castelán
No ano 2007 na EPA (Educación Para Adultos) do cárcere de Monterroso elaboraran un método de lectoescritura para inmigrantes de lingua árabe en castelán. Chamáronlle Nahono. Non hai nada máis. A Consellería de Educación colgouno entre os materiais didácticos de Educación de Adultos coa seguinte etiqueta:
A pesar da barra (Castelán/galego) o material só existe en castelán. En 12 anos, a ninguén na Consellería de Educación se lle pasou pola imaxinación traelo para o galego.
Se entramos na páxina da Consellería na que está colgado este material, explícase moi claramente en que consiste:
 NAHONO (“Nosotros”, en castelán)
Outro insulto máis da política lingüística dos gobernos de Feijóo.
Pídolle aos responsables do mantemento do portal da Consellería de Educación que non nos tomen por parvos e que corrixan o anuncio do curso de lectoescritura. Xa lles deixo o traballo feito: