Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Pilar Ponte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pilar Ponte. Amosar todas as publicacións

xoves, 21 de xullo de 2022

Aquí medra a lingua: a normalización nos centros de ensino


Conferencia de Pilar Ponte na Xornada "Aquí medra a lingua" do pasado 13/06/2022, organizada polo Consello da Cultura Galega.
Son moitas as cousas que conta "A profa" nesta media hora. Vou destacar un par delas.
A primeira, un listado de cousas que non debe facer un ENDL;
  • Converterse nun departamento de actividades extraescolares
  • Ser un gueto do profesorado de galego
  • Crear actividades onde o alumnado é só espectador
  • Perder a condición de innovación nos centros
  • Frustarnos ante a dificultade de éxito, non traballamos só para o presente, senón tamén a longo prazo
A segunda, un listado de cousas que si debería facer a SXPL:
  • Unha hora de coordinación semanal
  • Incremento consideraba das contías das axudas
  • Calendario der axudas por ano natural
  • Formación sociolingüística e dinamizadora específicas para as persoas coordinadoras
  • Creación dun circuito de relatorios de concienciación lingüística para o alumnado
  • Un gran encontro dinamizador de carácter lúdico para o alumnado que forma parte dos Equipos de Normalización

domingo, 17 de outubro de 2021

O galego na escola. Propostas para o futuro da lingua no eido educativo

A Fundación Luzes argallou este encontro sobre a lingua na escola presentado por Manuel Bragado. Os participantes son Valentina Formoso, Henrique Monteagudo, Mariló Candedo e Pilar Ponte. Recollo algunhas ideas das súas intervencións, aínda que o mellor e premer no play.

Valentina Formoso fai un moi claro resumo do Mapa sociolingüístico Escolar de Ames, o recente estudo promovido polo concello de Ames e a Real Academia Galega. Se alguén non se atreve a escoitar todo o debate, recoméndolle que polo menos escoite este dez minutiños. Máis adiante incidiu na importancia de mover os marcos dos imaxinarios sociais. Estamos nunha sociedade na que o galego está cargado de represencións negativas que cómpre mudar. 

Henrique Monteagudo lembrou que no 2019 tamén se publicara a Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO na que pode contrastarse o declive da lingua galega en comparación co realizado 10 anos antes, xusto cando entra en vigor o funesto decreto 79/2010. Tamén denunciaría que a CELRM é unha lei de obrigado cumprimento que obriga á Administración a que ofreza a oportunidade dunha liña do galego. Denunciou que o o goberno do PP doulle oficialidade a un discurso radical xa existente, o da "imposición do galego". Pola contra, debemos apropiarnos do discurso do bilingüismo e o plurilingüismo co galego no centro.

Mariló Candedo comentou que o decreto 79/2010 asentábase baixo o paradigma do equilibrio lingüístico e estes estudos do concello de Ames xunto con outros como os das CELRM demostran que se quebrou o compromiso de asegurar a competencia en galego á par do castelán e a progresividade na normalización. Así mesmo tratou o tema da necesidade de espallar outro tipo de mensaxes sobre as linguas e da necesidade de abrir un debate social.

Pilar Ponte denunciou que hai moitos centros nos que nin tan siquera imparten en galego as poucas aulas que esixe o actual e retallador decreto. Tamén destacou que o alumnado non é realmente libre cando non é competente en lingua galega.

sábado, 1 de febreiro de 2020

Pilar Ponte: 21 día co galego

por Marilar Aleixandre, no Nós Diario:


Teño a convicción de que, cando algo nos desgusta, o camiño a tomar non é tanto laiarnos, senón actuar para mudalo. O pasado martes Pilar Ponte, profesora no IES da Pobra do Caramiñal, recibía o Premio da Cultura Galega, modalidade lingua, por unha actuación excepcional: iniciar en 2013 21 días co galego –desde 2019 e +–. Pilar preocúpase, como todos nós, pola situación do galego, a perda de falantes sobre todo nas idades máis novas, as consecuencias do decreto de trilingüismo de 2010. Problemas tan visíbeis que levaron mesmo ao comité de ministros do Consello de Europa, na súa xuntanza do 11 de decembro de 2019, a recomendar ás autoridades españolas "Eliminar as limitacións do ensino do galego en Galicia".

domingo, 6 de maio de 2018

21 días co galego

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

Hoxe escribimos dende o optimismo, dende a alegría de saber que as cousas poden mudar. Ou que podemos axudar a que muden: con intelixencia, vontade e imaxinación. Hai cinco anos, unha profesora do instituto da Pobra do Caramiñal, Pilar Ponte Patiño, con alumnos de ESO e Bacharelato, botou a andar unha experiencia que xa corre polas redes. Rapaces e rapazas de 15 e 16 anos, moitos deles non galegofalantes, aínda que cunha competencia elemental no uso da lingua, comprométense a vivir tres semanas (21 días) usando decote a lingua galega: nas aulas, cos amigos, coa familia, na vida común, no lecer, dentro e fóra da casa. Tres semanas en galego, reflexionando sobre o que esa práctica significa, as dificultades que atopan, as contradicións, os prexuízos… Ao rematar a xornada, o rapaz ou rapaza conta nun vídeo a súa experiencia nas últimas 24 horas.

luns, 20 de febreiro de 2017

21 Días co galego. Especial Agustín Fernández Paz

Outro ano máis esa excelente iniciativa do IES da Pobra do Caramiñal, comenzou e rematou con éxito. Estamos a falar dos 21 días co galego que nesta ocasión tiñan de especial o de adicárense a un mestre querido por todos, Agustín Fernández Paz, que deixou un ronsel de contos e vivencias que servirá para sementar novos contos e novas vivencias a prol da lingua.
Eu invito a quen non o fixera, que pegue un paseo por estas 21 entradas:



Desta volta quixen escoller un par de vídeos, os que máis me chamaron a atención.
O primeiro deles, pola súa coidada feitura, chegou desde o IES As Barxas (Moaña)



Do segundo encantoume a alegría e desenvoltura deste rapaciño, Hadrián Teiga, que ofrece as súas impresións sobre o libro O soño do Merlo Branco




xoves, 2 de febreiro de 2017

21 días co galego, apadriñado por Roberto Vilar


Hai uns días botou a andar a 5ª edición de 21 días co galego. Desta volta cunha sentida homenaxe a quen fora o seu primeiro padriño e incondicional colaborador, Agustín Fernández Paz. 
Para esta nova edición chamaron ás portas de Roberto Vilar, o archicoñecido humorista que presenta na galega un programa semanal en horario de máxima audiencia, Land Rober Tunai Show.
Coma sempre, os obxectivos fundamentais desta iniciativa son a de provocar o uso continuado do galego (para comprobar que non é morte de ninguén) e a reflexión sobre a nosa relación co uso das linguas.

mércores, 18 de novembro de 2015

Fotonovela: Eu fixen a ouigha co espírito de Castelao



Realmente curioso o formato, unha fotonovela. Moi a ter en conta xa que é de realización máis sinxela que un vídeo, e polo tanto máis factible para os afogados ENDL.
Nesta fotonovela cóntasenos unha das historias argallada por Séchu Sende, Eu fixen a ouigha co espírito de Castelao. e da que temos outras moi boas referencias na guía de lectura do Made en Galiza feita por Pilar Ponte.( a quen aproveito para darlle os parabéns polo seu 8º aniversario blogueiro)

xoves, 26 de maio de 2011

Made in Galiza, máis que un libro

Escrito por Séchu Sende e publicado por Galaxia, "Made in Galiza" foi o gañador do Premio Ánxel Casal ao libro do ano 2007 concedido pola Asociación Galega de Editores. É unha obra literaria pero tamén é un libro para aprender e pensar a sociolingüística. Trátase, en definitiva, dun texto de obrigada lectura para todo o mínimamente interesado na cultura en Galicia e ademais moi acaído para ser libro recomendable no ensino secundario.
O seu éxito de público é indiscutible como demostran as seis edicións en tan só tres anos. No 2010 publícase a súa tradución ao curdo, co título "Nin en soños vou perder a miña lingua" (Di xewnan de jî ez ê zimanê xwe winda nekim).
Pois agora, grazas a Pilar Ponte, A Profa, e á AELG, o "Made in Galiza" conta cun complemento educativo multimedia que nos achega vídeos, información, reflexións, ...., un blogue  cunha chea de recursos para disfrutarmos aínda maís deste libro que non pode faltar en ningunha biblioteca nin no pouso cultural de ninguén.
Pois agora, a ler o libro, e a remexer neste blogue.