Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta deporte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta deporte. Amosar todas as publicacións

sábado, 21 de febreiro de 2026

RC Celta: lingua e identidade

 


por Xosé Henrique Costas, no Nós Diario:

O estadio de Balaídos é municipal pero de uso case exclusivo do RC Celta de fútbol grazas aos convenios que se asinan periodicamente entre o Concello e o club. A finais da década de 1980, coincidindo cunha das renovacións do convenio de uso do estadio, o Goberno municipal de Manuel Soto, por suxestión do funcionario e membro da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística (AFNL) Xesús Costas Abreu (Suso Costas), introduciu unha nova cláusula: que a megafonía do estadio debería ser sempre e só en lingua galega.

luns, 2 de febreiro de 2026

venres, 4 de abril de 2025

O Deportivo é da Coruña, de onde senón?

 O Equipo de Normalización do IES Rafael Dieste (A Coruña) volveu petar redes e medios coa súa nova campaña, O Dépor é da Coruña. Os argumentos, sobran. Con todo insisten:

Riazor é máis que unha praia de auga branquiazul. Nos días de xogo, milleiros de persoas fan medrar arredor desta casa o corazón da cidade. A Coruña orgúllase do seu club.

Desde 1906 o Dépor viu medrar a Real Academia, as Irmandades da Fala, a Cova Céltica, o pulo editorial de Lar e Nós, a reivindicación do Estatuto ou a Lei de Normalización.

Outros clubs deportivos máis mozos restituiron con dignidade e orgullo histórico os seus topónimos oficiais e patrimoniais. Deixar pasar esta eiva ten consecuencias que xeran disonancia e confusión na íntima relación do club e a cidade. É imposíbel pensar A Coruña sen o RC Deportivo, nin o Dépor sen A Coruña.

A campaña vai acompañada cunha listaxe de sinaturas formada por afecionados e ex-xogadores do club, profesionais,  políticos, membros de destacadas asociacións culturais.

Xa hai tempo que os directivos do club de fútbol quedaron co cú ao aire. Agora, con todo isto diante dos fuciños, cada segundo que pasa continuado co atentado á toponimia da cidade é un insulto a todos e cada un dos galegos.

mércores, 16 de decembro de 2020

Novas voces para a lingua. Veroníca Boquete


Xa que a Xunta non fai o seu traballo no eido da normalización lingüística, teñen que ser outras institucións as que ocupen ese espazo.
A Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo de conectar a mocidade co idioma puxeron en marcha unha campaña que contará con cinco pezas audiovisuais protagonizadas por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional.

martes, 5 de novembro de 2019

Periodistas imperialistas



Despois do partido de fútbol da xornada de liga masculina do pasado 04/11/19 entre o Estremadura e o Girona houbo unha rolda de prensa na que comparecía o entrenador do Girona. O entrenador contestaba ás preguntas dos periodistas. Un formulou unha pregunta en catalán. Ata aquí todo normal.
O anormal sucedeu deseguida. Varios periodistas imperialistas comenzaron a protestar por esa pregunta en catalán. Pretendían que toda a rolda de prensa se desenvolvera en español. Este é o nivel de odio do imperialismo español e estas son as súas reaccións. Prohibicións, insultos, desprezos. Supoño que eses mesmos membros da zunia periodística cando cubran o partido de volta en Girona,  correspondentemente e en coherencia coa súa protesta, farán todas as súas preguntas en catalán.


martes, 23 de outubro de 2018

Grazas a Beltrán e Rhodes

por Manuel Bragado, no Faro de Vigo:


O 8 de outubro Fran Beltrán publicou en Twitter este chío: "En Galicia hai máis de cen formas para designar a choiva, pero todas elas escampan #Afouteza e moito #Corazón @RCCelta A seguir traballando!" O medio centro madrileño respondía así a decepcionante actuación do cadro celeste en Sevilla e aos primeiros síntomas de crise do proxecto de Antonio Mohamed. Foi o seu un exercicio responsable de celtismo da vontade, mais tamén xeneroso de galeguismo, tanto polo feito de utilizar a lingua galega nas redes sociais, como por referenciarse coa súa riqueza semántica e literaria, capaz de expresar todos os matices que sabemos identificar nas precipitacións: dende o orballo, chuvisco, chuviña e chuviscada, cando é moi lene, máis tamén como babuxa, babuña, poalla, poallada ou froalla, até chuvieira, chuvascada, xistra, ou brea cando chove a ballón (a barullo) ou a choupón para que logo escampe, estrelampe ou estiñe e máis tarde chegue a brétema, a néboa ou o neboeiro... Xaora, tampouco era esta a primeira ocasión na que o noso Iniestiña chiaba en galego, xa que o veu facendo dende as primeiras semanas en Vigo e que xustificou, como o seu esforzo por aprender a falalo, coa intención de achegarse aos seareiros e devolverlles así o agarimo que recibe.

luns, 14 de maio de 2018

Anagnórese de Keltoi



O Keltoi Vigo Gaelic Athletic Club é un equipo de fúltbol gaélico vigués formado no 2014. Tiveron a excelente iniciativa de gravárense nun vídeo lendo Anagnórese, de Mª Victoria Moreno
A páxina de facebook do Keltoi

venres, 11 de maio de 2018

O himno de Galicia



Non entendo isto do fútbol, e moito menos as paixóns que provoca. 
Parece ser que hai uns días se celebrou un deses denominados derbis. No club futbolístico do Celta de Vigo tiveron a feliz idea de publicar este vídeo no que miles de gorxas unidas no evento deportivo cantaron o himno con orgullo. Un himno que nos une e un himno que nos une coa lingua na que foi escrito polo gran bardo da nosa literatura.


luns, 16 de abril de 2018

O deporte galego fala galego



O 12 e o 13 de abril celebráronse os XX Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega. Unha das actividades máis exitosa dos mesmos foi a divulgación de varios vídeos nos que deportistas do país defenden con orgullo a lingua galega.

mércores, 27 de decembro de 2017

Galicia xoga na casa


Xa trouxéremos por aquí, hai prácticamente un ano, un anuncio da participación das seleccións galegas de balonmán. Outravolta están por estes lugares.
Vía Praza Pública

xoves, 5 de xaneiro de 2017

Un, dous, tres, Galicia!!! Seleccións galegas ao campionato Blanes 2017


Estes días está a celebarse en Blanes (Catalunya), o Campionato de España de seleccións de balonmán. A federación galega fixo este vído cheo de orgullo e amor á terra en todas e cada unha das súas mensaxes. Non podemos deixar de velo.

venres, 11 de novembro de 2016

Canto ao idioma galego do Santiago Futsal



Chegan a esta xanela moitas contribucións de centros escolares sobre a reivindicación da lingua. En certos ámbitos case non existen como é o caso da administración de xustiza. Noutros, como o deporte, parece como se a lingua fose algo completamente alleo. Como se os deportistas non falasen, ou mesmo como se non soubesen ler. Velaquí un caso que debería darse con máis frecuencia. Os xogadores do club de fútbol sala Santiago Futsal, coa Praza do Obradoiro de fondo, fan unha lectura de poesías de Manuel María de reivindicación do galego.

Canto ao idioma galego
Idioma meu, humilde, nidio, popular,
Labrego, suburbial e mariñeiro
Que fas avergonzar
ao burgués, ao señorito e ao tendeiro:
levas sangue do povo
e raigañas escuras
que anuncian un día novo
sen mágoas nen tristuras.
Idioma proscrito,
asoballado,
soterrado,
refugado,
negado
como a pobreza e o delito,
fala do emigrante e do maldito:
só resoas nos lares
das xentes populares.
Ti tes que rexurdir puro,
poderoso, enteiro .
para erguer noso futuro
de povo absoluto e verdadeiro

Neste outro vídeo recitan Canción pra agardar un novo día
Parabéns a Santiago Futsal pola iniciativa.

luns, 27 de abril de 2015

Gaizka Garitano e o bilingüismo cordial



Gaizka Garitano é o entrenador do Eibar. Onte protagonizou un capítulo do que se lle chama por aquí o bilingüismo cordial. Na rolda de prensa posterior ao partido que o Eibar xogou co Almería fixéronlle unha pregunta e aúscaro e Garitano respondeu nesa mesma lingua. Algúns periodistas comenzaron a protestar. Atendendo á lóxica do bilingüismo cordial estas protestas estarían perfectamente xustificadas. Aínda máis, o preceptivo sería que Garitano, (de ter presente as prácticas do bilingüismo cordial, insisto) non contestara na súa lingua. E aínda se podería dar un paso máis xa que o bilingüismo cordial implicaría que o periodista vasco non fixera a pregunta en eúscaro.
Por se a alguén lle quedou algunha dúbida, o bilingüismo cordial non é outra cousa que, polo si ou polo non, falar sempre en castelán.
Despois das protestas o periodista volveu  preguntar, e como non sabía nada do bilingüismo cordial, volveuno a facer en éuscaro. Garitano respondeulle nesa mesma lingua, facéndonos ver a todos que non ten asumido o discurso do bilingüismo cordial.
Vealí que cando non se lle fai caso ao bilingüismo cordial fanse visibles as linguas minorizadas. Pola contra ao seguirmos os ditados do bilingüismo cordial acabamos no monolingüismo centralista.

A Xunta e o bilingüismo cordial
Feijóo coincide coa presidenta do Parlamento Vasco Arantza Quiroga no bilingüismo cordial, 18/11/09, Xunta
Alfonso Rueda asegurou que o sentir maioritario dos galegos é o do bilingüismo cordial, 22/01/10,  Xunta
Jesús Vázquez recorda que o decreto do plurilingüismo consiste en trasladar ao eido educativo o bilingüismo cordial propio de Galicia, 23/06/10, Xunta
Feijóo asegura que o seu goberno ten “un modelo concreto: o bilingüismo cordial” 19/12/12, Xunta

luns, 18 de agosto de 2014

Un equipo galego, en galego. “Deportivo da Coruña”

por Carlos García Vieito, no Sermos Galiza:

O Deportivo volve a ser un equipo de primeira. A relevancia que ten estar en primeira non só está nas cores que levan os xogadores nas súas camisolas, a lingua na que se expresa e difunde o club é de igual importancia.

domingo, 17 de agosto de 2014

SUP: tres pedras contra o galego

Para quen non o saiba, o SUP (Stand up paddle) é unha nova modalidade deportiva da práctica do surf. Concretamente consiste en navegar nunha táboa de surf axudados por un remo.
Os concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira organizan un evento desta modalidade deportiva que se celebrará o vindeiro mes de setembro. O primeiro problema xurde, como é habitual, da negativa do Concello de Ribeira a respectar a súa propia toponimia, empeñados unha e outra vez en deturpar o seu nome substituíndo o oficial e rexo B por un V de raíces españolizantes.
O segundo problema é que lle negan ao galego a súa presencia tanto no cartel como no documento informativo para a inscrición. Finalmente unha nota curiosa: neste documento,por increíble que pareza,  aparece correctamente o topónimo Ribeira, porén tamén podemos atopar un fantasmagórico *Puebla do caramiñal. Velaquí a terceira pedrada contra o galego.

venres, 21 de marzo de 2014

Javier Gómez Noya. Premio Leixapren 2013



A CGENDL concedéralle o premio Leixaprén na súa edición do 2013 a Javier Gómez Noya, triatleta de prestixio mundial. Como a un iso do deporte lle queda moi lonxe, a cousa quedárame nos cavorcos da memoria. Mais pegándolle un repaso ao blogue do ENDL do CEIP Campolongo fun bater con esta entrevista que un traballador incansable do ensino pola lingua, Nito, lle fixo ao campión mundial. Para ser máis precisos, Nito é o portavoz do alumnado do CEIP, quen foi realmente quen redactou o cuestionario.
Un exemplo máis de que restrinxirlle funcións á lingua ten tanto sentido como andar batendo paus contra o vento.
Vía Ghafos

venres, 14 de febreiro de 2014

Fernando Vázquez e o galego

por Pablo Vaamonde, na Praza Pública:


Fernando Vázquez (Castrofeito, A Coruña, 1953), o actual adestrador do Deportivo, estivo a finais de xaneiro no meu barrio de Labañou, convidado polo Colexio Calvo Sotelo (onde colaboro no adestramento do equipo xuvenil), para dar unha charla aos alumnos do centro e aos rapaces que integran as distintas categorías de fútbol base. Foi un encontro distendido e ameno e o técnico contestou, durante máis dunha hora, a todas as preguntas dos numerosos asistentes. Plantexáronlle cuestións de todo tipo, algunhas sinxelas e outras máis comprometidas, pero en todo momento deu mostra da súa habilidade para a conversa e o debate.

sábado, 17 de agosto de 2013

SurfGZ




Unha canle para Noticias galegas de surf, longboard, bodyboard e paddle surf, iso é SurfGZ
Trátase dun portal moi completo, no que se poden seguir as novas desta curiosa modalidade deportiva de moitas formas distintas. Por poñer un exemplo ten a posibilidade de buscar as novidades en formato blogue.
Chama a atención a gran cantidade de entidades de empresas amigas que axudan a esta actividade.
Unha actividade promocionada polos surferos galegos é a chamada á ecoloxía con iniciativas tales como limpeza de praias ou o apoio á iniciativa para declarar o Monte Pindo como Parque Natural
A un que vive completamente alonxado deste mundo alégralle especialmente que a xente do surf galego viva a súa a afición na nosa lingua.

sábado, 3 de agosto de 2013

Táboas

Aínda que a min iso do deporte me colla moi lonxe, hai xa tempo que teño o deber de me referir a un medio centrado no deporte galego e, o que é máis importante, redactado en galego. Trátase de Táboas, dixital que invito a que sigan os atolondrados por iso do xogo.
As intencións do Equipo Táboas son merecentes de gabanza:

“once homes de pantalón curto que son a espada do barrio, a cidade ou a nación”. Dende Táboas queremos ser eses reporteiros de guerra que traian as noticias dos heroes do deporte galego, tanto do propio fútbol como do baloncesto ou o hóckey. Sexan galegos ou estranxeiros, xoguen no noso país ou nas antípodas; en Táboas, todos os deportes e os seus protagonistas atopan o equilibrio

Pódense seguir desde a súas actualizadísimas contas de facebook ou Twitter