Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta artigo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta artigo. Amosar todas as publicacións

luns, 4 de novembro de 2024

15 anos, 13 liñas, 4 parágrafos, 0 propostas

9 parágrafos, iso é o que ocupa a resposta de Valentín García, Secretario Xeral da Lingua, nun artigo publicado no Nós Diario explicando os 15 anos de política lingüística do PP despois do bipartito. 

Valentín destaca un obxectivo que, segundo el, guiou a política lingüística neste período, "conseguir que o galego se introducira nos novos e mutantes escenarios que xurdían". Desbota, polo tanto, asentar e reforzar os logros obtidos ata o momento. Non lle importa a realidade lingüística. Aposta con construír castelos no ar. Contra a crúa realidade receita unha fantasía lingüística. 

O centro do artigo está adicado a explicar os proxectos desenvolvidos pola Xunta nestes 15 anos no ámbito da normalización lingüística. Son só 4 parágrafos curtos, apenas 13 liñas. Que nos conta aí? Destaca 4 proxectos. En primeiro lugar fai referencia á Rede de Dinamización Lingüística, un ente que naceu pechando 15 servizos de normalización doutros tantos concellos e que morreu incluso antes de nacer. O seu maior logro foi pasear aos Bolechas, que acabaron convertidos nuns zombies de photocall. Nin dan medo, nin serven para outra cousa que para retratarse co secretario xeral a cambio duns 400.000 € anuais. 

O segundo gran proxecto que destaca deste período foi o Portal de Teleformación da Lingua Galega. Así, Valentín García pasa como unha apisoadora por enriba de todo o conflito dos CELGA, cursos que nun principio eran impartidos por persoal contradado. A CTNL fixera unha proposta no 2012 para regularizar a situación deste profesorado. A SXPL non fixo caso e nos anos seguintes rebentou un conflito laboral que durou varios anos e que desbaldiu anos de traballo, experiencia e coñecementos. A CTNL cualificou a actuación da Xunta como un "desmantelamento económico, técnico, e humano".  Nunha ampulosa, esaxerada e mentireira linguaxe afirma Valentín que o sistema de teleformación serviu para "incorporar á comunidade galegofalante as máis de 115.000 persoas foráneas chegadas nos últimos cinco anos". Nun panfleto propagandístico do 2018 a SXPL fachandeaba de que se matricularan nalgún curso 2.285 persoas (11.425 en 5 anos). Se comparamos esta ultima cifra coa de 115.000, ponse de manifesto que a mentira é considerable, dun 1000%. Xa temos unha medida da súa falta de vergoña.

O terceiro punto destacable da política lingüística destes tres quinquenios é o de dar apoio aos que usan a lingua galega no ámbito creativo (escrita, música, investigación, espectáculo). Hai que ter moito papo para afirmar isto despois dunha campaña soterrada contra a edición en galego e o incumprimento sistemático da lei do libro. Cómpre lembrar análises como as de M. Bragado en A lei zombie do libro. Un informe do CCG do ano 2015 daba conta da crise e devalo do teatro galego a partir do 2009; as artes escénicas galegas están en estado de coma. En canto á investigación en Galicia, só podemos destacar novas que aparecen cada pouco da falta de apoio da Administración Galega. De que nos está a falar Valentín? Pois dos Bolechas, outra vez,  e das presentacións de libriños de interese reducido. Por exemplo, cando estou escribindo isto acaba de presentar un libro dunha concelleira do PP da Golada. Non é casualidade, sempre é así.

O cuarto e derradeiro aspecto que menciona é o Proxecto Nós. Se fose hai uns anos falaríanos do Plan de dinamización do galego no tecido económico. Que foi del? Teño a completa seguridade de que ninguén sabe o que é, nin o que foi por dúas razóns. Porque non foi nada, agás propaganda que comezaba e remataba nas propias oficinas da SXPL, e porque daquilo non se obtivo nada. Alguén sabe que foi do portelo único para o galego? Alguén sabe das medidas para mellorar a hostelería vía o galego na internet? Quizais se lle quitamos a plabra "galego" e a substituímos por "castelán", quizais si. Alguén veu algunha vez o decálogo da Xunta sobre as vantaxes do galego na empresa? Máis aínda, todos puidemos comprobar como unha e outra vez, conselleiros e presidente da Xunta renegaban do galego diante de reunións con empresarios. Todo iso, e moito máis, aparecía nese plan pantasma, tan pantasma que nin a Valentín lle acordou citalo neste lacónico artigo pois resulta que isto é todo. Xa sei que este "todo" se reduce a "nada". Este é o mellor resumo da política lingüística dos 15 últimos anos. Non o digo eu, volvo a citar o artigo:

Aínda que podería seguir indefinidamente expoñendo consecucións da política lingüística dos últimos 15 anos, considero, porén, que cómpre aludir a que esta non constitúe só unha cuestión de proxectos e medios. Quero dicir que, para que ela teña éxito, debe lograr a implicación dunha cidadanía que estea disposta a participar do proxecto

Exactamente da mesma maneira eu podería seguir indefinidamente expoñendo os fracasos da política lingüística dos últimos 15 anos. Aínda máis, podería argumentar como cada un deles foi mil veces máis lesivo para a normalización que ficar fitando a punta do nariz. Porén eu non lle vou botar a culpa á cidadanía galega pois sei que os que brandiron as armas asasinas son aqueles que pousaron as súas nádegas nas cadeiras reservadas aos membros do goberno da Xunta. 

As últimas liñas do artigo adícanse a negar os resultados postos en evidiencia polo IGE. A mensaxe é que o panorama sociolingüístico galego está tan ben que os defectos apuntados na enquisa do IGE deben estar mal. Se o IGE nos dá uns datos, Valentín inventará outros para tranquilizar a súa conciencia de liquidador da lingua galega. 

Dito máis directamente: "Negamos a realidade que nos pon diante o IGE. Non fixemos outra cousa que prohibir o galego, reducilo, desprezalo, manter prexuízos vellos e crear outros novos e continuaremos así. A isto é ao que chamamos cordialidade lingüística de todo o que fique fóra deste marco diremos que rompe o consenso"

luns, 30 de setembro de 2013

Wertgoña



Canción "anti LOMCE". Vídeo moi ben elaborado por xente preocupada polo ensino público. Dá gusto ver cousas tan ben feitiñas.
E aproveito para recomendar un artigo do dixital Praza Púbica: A Lei Wert apuntala os seus puntos máis polémicos

martes, 24 de abril de 2012

O modelo Burela, a lingua é para todos e todas

Con este máis que intersante artigo coloco aquí a primeira referencia a unha achega do Dioivo. Trata sobre o Modelo Burela e fanse algunhas reflexións a partir desda proposta de normalización lingüísitca. Por Moncho Mariño, no Dioivo:

Logo de trinta e tres anos desde a incorporación da lingua no sistema escolar de Galicia, os resultados son pobres. O uso do idioma propio está retrocedendo mesmo en áreas xeográficas e sociais onde se mantiña con aparente forza. Os usos diglósicos entre a mocidade urbana -e xa non tan urbana- son un feito incontestable.

venres, 1 de abril de 2011

Domingo Fontán, matemático sublime

Este artigo de Suso de Toro non ten unha relación directa co tema que se trata neste blogue, mais si explica algunha das razóns do mesmo. Se un día, sen moito tempo para o pensar tiven a ocurrencia de poñerlle o título de Carta Xeométrica foi precisamente polas cuestións que comenta Suso de Toro aquí abaixo e entre as que están unha das páxinas que segundo o meu punto de vista é das máis emotivas de toda a literatura galega, na que o tío cura de Adrián Solovio ás portas da morte solicita que lle acheguen a Carta Xeométrica de Fontán para, case cego, poder apalpala e sentir a alma da terra por última vez en vida. No diario El País:


Galicia ou Galiza é e mais foi unha preocupación, unha pasión ou mesmo unha obsesión para moitas persoas. Houbo un tempo no que para algúns a semente desa preocupación prendeu neles coa xeografía, en vendo por primeira vez un mapa, a Carta Geométrica de Galicia de Domingo Fontán.
Adrián Solovio, o personaxe en que se retrata a si mesmo Otero Pedrayo na novela Arredor de si, remata a súa peregrinación por España e Europa diante do leito no que está a finar o seu tío, quen lle pide que ilumine coa candea o mapa de Fontán para que el poida pasar a a súa man polos nomes dos lugares coñecidos. E así é como comeza a nova vida de Solovio, descubrindo Galiza no debuxo exacto do país. Cunqueiro lembra que o tropezou un día nos corredores do instituto de Lugo: "Fue mi gran encuentro con mi país gallego: allí estaba mi tierra, la tierra de mi vocación y de mis días, la tierra temporal y la eterna [...]. Allí me detuve a contemplar las comarcas conocidas [...]". E Castelao fixou no Sempre en Galiza, "para uns a Terra é o pequeno berce no que naceron: apenas un fermoso val [...]. Para outros, a Terra é tan grande que soamente alcanzan a vela no mapa de Fontán". A imaxinación da xente de aquí ten un lugar para esa idea poética, "a Terra", mais quen lle tirou un retrato axustado por primeira vez foi o matemático Domingo Fontán Rodríguez.
Naceu na Porta do Conde, concello de Portas, no 1788. Estivo en Noia, ao pé do seu tío cura que o educou en saberes moi diversos, conservou toda a vida ese interese polo estudo de cousas tan disímiles como a teoloxía, a matemática, as leis, a lingua francesa, a filosofía, a lingua castellana e todo o referente a Galiza. Fontán foi o retrato calcado dun humanista. Matriculouse en Filosofía e entrou así na Universidade de Santiago, á que pertenceu boa parte da súa vida, e incorpórase aos grupos liberais da cidade. Humanista e liberal, implicado na loita política. Iso tróuxolle serios problemas persoais e profesionais en distintos momentos da súa vida. E iso, tras a chegada do reaccionario rei Fernando VII, conduciuno a el e a outros profesores membros da masonería santiaguesa ante un tribunal universitario acusado de "formar parte del número de los corifeos del Partido Liberal (o lo que es lo mismo, de los traidores al Rey)". Foi absolto da acusación e conservou a praza de profesor universitario nesa ocasión, anos máis tarde sería novamente sancionado e "purificado".
Foi discípulo de José Rodríguez González, "o matemático de Bermés". Rodríguez impartira aulas na universidade de Gottinga, fixera medicións xeodésicas para a armada británica, ensaiara a triangular o meridiano entre Dunkerke e Barcelona, fora convidado polo tzar das Rusias para astrónomo e recibira os encargos de levantar o mapa da Península e fixar un novo sistema de pesos e medidas. Tamén recibiu represalias polo seu compromiso coas ideas liberais. Pódese dicir que a posterior vida pública de Fontán vai ser unha continuidade plena da do seu mestre, os mesmos ideais e afáns. Até foi calcando os seus pasos profisionais: gañou a praza de catedrático de Matemáticas Elementais e ao ano seguinte ocupa a cátedra de Rodríguez González, "Matemáticas Sublimes".
E do seu mestre recibiu a súa gran tarefa, levantar a carta de Galiza segundo un método científico, a triangulación xeodésica; o sistema de medición co que xa se deseñara o mapa de Francia había tempo e co que se estaban a deseñar os doutros reinos europeos. Sen outro respaldo que o da universidade e as achegas dalgúns amigos, o mapa é unha fazaña científica prácticamente solitaria. "Levantar la Carta Geográfica de un reino es emprender una obra original en su clase, y en nada parecida a los mapas que diariamente se publican. No se recurre para ello a datos ajenos cuya exactitud no esté comprobada; es forzoso adquirirlos sobre el terreno, trasladándose a el para dibujarle; elegir las estaciones o vértices de los triángulos que a manera de una red han de abarcar toda su extensión [...]".
Un traballo de tal envergadura que tiña de ser realizado por un só individuo obrigouno a ir pouco e pouco e dun xeito moi doméstico. Comezou establecendo a primeira estación xeodésica no pombal dun amigo nunha aldea do concello de Ordes. A continuación, en 1817 fai a medición astronómica e xeométrica da torre Berenguela, tres anos despois comeza a triangulación do territorio. Foron moitos esforzos interrumpidos facendo campañas de verán, aproveitando as vacacións universitarias, que concluirán en 1834, cando lle entrega formalmente a Carta á raíña rexente María Cristina. "[...] aspirando tan sólo a ser útil a Galicia consagré a este objeto mis ahorros, mi salud y mis tareas científicas por más de docena y media de años, logrando resultados que sabrá apreciar la posteridad cuando se sometan á la censura pública la Carta Geográfica de este antiguro reino y las operaciones que le sirvieron de base [...]".
Aínda había ter dificultades para poder imprimir a Carta coa escala desexada, véndose obrigado a viaxar a Francia para supervisar o traballo. Porén, unha vez finalizada comezou unha nova época na cartografía española caracterizada polo rigor científico e, tamén, pola introdución do sistema métrico decimal.
Con todo recibir represalias e atrancos da monarquía reaccionaria, na demora dos traballos de medición para a Carta tamén influiu a súa actividade en toda canta cousa pública había. Alén do traballo universitario e das medicións xeodésicas, foi secretario da Deputación Provincial de Galicia en 1820 e cando o Reino foi dividido en catro provincias pasou a ser secretario da Deputación da Coruña. No 1826 encargóuselle a delimitación municipal e xudicial da Galiza e tres anos despois o trazado de todas as estradas que eran para abrir, Fontán foi non só quen retratou o territorio do país senón o deseñador das súas comunicacións. Posteriormente, en 1860, trázase a liña do primeiro camiño de ferro entre Santiago e Carril e o enxeñeiro Tomás Rumbal recoñece que é "sacado del excelente mapa de Galicia hecho por el distinguido señor Don Domingo Fontán".
Foi tamén un político activo, deputado por Pontevedra, por Lugo e por Pontevedra novamente. A ideoloxía que formou a Fontán, do mesmo xeito que aos seus contemporáneos liberais, aínda non contemplaba a Galiza politicamente, mais o seu coñecemento polo miúdo da situación que vivía o reino deulle unha visión que podemos chamar galeguista. Así, o seu inxente labor como deputado fíxoo conscientemente desde un "perspectivismo político gallego".
E foi un empresario non menos activo en distintos momentos da súa vida. Xunto co seu irmán, herdou do seu pai e do seu tío, o cura de Noia, accións nunha papeleira en Lousame. Ambos os dous irmáns acabaron por facerse con toda a propiedade da empresa. O seu enderezo en Compostela almacenaba toneladas de trapos vellos para facer papel. Puxou tamén pola contrata para ser o distribuidor de papel na provincia da Coruña. Por eses anos, fíxose retratar por Esquivel, o pintor real, mostrando orgulloso o seu compás na man sabia. Aínda había participar nunha empresa que simbolizaba as arelas de progreso e os novos tempos, xunto con outros dous socios conseguiu a concesión do ferrocarril compostelán. Aínda fará un último estudo para a construción dun ferrocarril entre Santiago, Betanzo e Ferrol.
Polo medio innúmeras tarefas, encargas e responsabilidades. Bibliotecario e presidente da Sociedade Económica de Amigos do País santiaguesa, membro da Societé de Geographie, director do Observatorio Astronómico de Madrid, da Escola de Enxeñeiros e Xeógrafos... Morreu nos baños de Cuntis a onde acudira por aliviar as dores dunha "cistite aguda", segundo o diagnóstico médico. "A las diez de la mañana del día veinte y cuatro del mes de Octubre, año de mil ochocientos sesenta y seis, fue servido Dios nuestro Señor llamar a juicio el alma de Don Domingo Fontán", escribiu o párroco. Caso de haber ese xuízo os vivos deberiamos acudir a testemuñar que foi un galego bo e xeneroso e que, se por el for, o noso país había estar doutro modo de como está.

domingo, 20 de marzo de 2011

A Xunta admite que non dá axuda fiscal por usar galego no comercio

artigo de David Lombao, no Xornal:


Cando, hai case vinte e sete anos, o Parlamento aprobou por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística, incluíu entre os seus preceptos que “o Goberno galego e as corporacións locais fomentarán o uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras”. “Con esta finalidade –sinala o artigo 25 da norma– e por actos singulares poderanse outorgar reducións ou exencións das obrigas fiscais”. Case dúas décadas despois, en 2004, a Cámara daba luz verde, tamén por unanimidade, ao Plan Xeral de Normalización e nel, ademais de valorar os “beneficios da incorporación da lingua galega ás actividades comerciais”, recomendábase aplicar as exencións establecidas en 1983.
Aínda que con case trinta anos ás súas costas, estes beneficios para o comercio non saíron, polo momento, da letra legal para traducirse en realidade. Segundo vén de recoñecer o Goberno en resposta a unha pregunta paralmentaria escrita do nacionalista Bieito Lobeira, estas exencións non están en marcha, aínda que, admite a Xunta, figuraban entre as “medidas de fomento do uso da lingua galega propostas no seu día polo partido que sustenta ao actual Goberno galego”.
Nesta resposta, elaborada pola Consellería de Educación, o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo asegura ter a “intención de cumprir os contidos do programa electoral, tamén neste punto”, se ben xustifica que, “tendo en conta a situación actual”, en referencia á crise económica, “cómpre analizar con detemento o momento oportuno en que este tipo de medidas deberán ser implementadas", conclúe a resposta, sen establecer ningún tipo de prazo para cumprir a devantida promesa do programa electoral.Neste contexto, o departamento que dirixe Jesús Vázquez inclúe tamén entre os seus argumentos que “ata o momento actual, ningún Goberno da Xunta de Galicia desenvolveu o previsto no artigo 25” da Lei de Normalización Lingüística.
Non obstante, esta resposta parlamentaria si pasa por riba dos cambios legais en materia comercial postos en marcha polo actual Executivo galego a través da Consellería de Economía e Industria, nomeadamente, mediante a nova Lei de Comercio Interior, aprobada hai escasos meses e na que a propia Xunta destacou a eliminación, en aras da “liberdade”, dos artigos para favorecer o uso do galego na actividade comercial que si prevía o proxecto de lei do bipartito.

martes, 8 de marzo de 2011

Salvavidas para as 'outras linguas' de Francia

por Armando Rúa, n´A Nosa Terra:

A pesar dos avances formais e lexislativos, na práctica, as linguas que sobreviven en Francia xunta ao francés teñen moitas dificultades para sobrevivir. Agora, catro políticos lanzan unha nova iniciativa para obrigar o Estado a protexer os máis de 50 idiomas do Hexágono.



En 1950, 1970, 1980 e 1990 diversos decretos ministeriais dos gobernos franceses intentaron mostrar unha vía para o desenvolvemento das chamadas “linguas rexionais” en Francia: bretón, occitano, éuscaro, catalán, corso, gascón, alsaciano (alemán) ou neerlandés (na zona de Dunkerke), así até case un numero superior a 50 linguas: decretos que non conduciron a parte ningunha por falta de vontade política dos diversos.
Agora diversos cargos políticos (Armand Jung, deputado do Bas-Rhin; Bernard Poignant, alcalde de Quimper; Robert Navarro, senador do Hérault ; Csaba Tabajdi, presidente da delegación socialista húngara no parlamento europeo e vicepresidente do intergrupo Minorías), volven demandarlle ao goberno francés a protección e desenvolvemento das linguas “rexionais”. Para estes políticos, “as linguas e culturas rexionais son o noso patrimonio común e unha parte do patrimonio da humanidade”, e fronte a exemplos recentes de comportamentos discriminatorios e conscientes da fraxilidade destas linguas, estiman que é o seu deber asegurar o “florecemento destas linguas” xa que non facer nada é, sinxelamente, asinar a súa defunción”. Para estes políticos, a República ten un papel a xogar: debe estar atenta ás demandas e debe apoiar as linguas distintas do francés que se falan no territorio gaulés, ou nos territorios de ultramar (colonias, en galego puro e sinxelo).
Recordan, para quen o esquecera, que Francia é regularmente denunciada polo Consello de Europa e pola ONU pola súa falta de vontade de “conferirlles ás linguas rexionais un cadro xurídico protector”, á parte de eludir, até o momento, o debate. E continúan dicindo que se se protexen os monumentos históricos e as obras artística do hexágono, por que non protexer igualmente estoutros monumentos que son as linguas “rexionais”, motor, ou base, de diversidade cultural?
Afirman os politicos franceses que os seus electores cada día lles esixen máis ao respecto, a defensa e expansión das súas linguas propias, e continúan a afirmar que cada vez son máis numerosas as colectividades territoriais que se comprometen en accións políticas en defensa das súas linguas, ao par que en defensa de maior democracia e en loita contra a crise.
A iniciativa para dotar a estas linguas dun cadro xurídico propicio para o seu desenvolvemento xa recibiu o apoio de 30 senadores.
Ora, tamén afirman, e subliñan, que esta inciativa “non intenta debilitar a lingua francesa”, esta é o alicerce da República, e o único perigo que corre o francés é nas instancias internacionais e mesmo europeas: suplantada polo inglés e, por que non?, afirman, quizais máis adiante polo chinés.


Patrimonio da francofonía
Esta política de dotación dun cadro xurídico para as linguas rexionais, afirman, debe ir acompañada “dun gran proxecto para a Francofonía”: as linguas rexionais e a lingua francesa son “amigas no interior do país e aliadas no exterior”. E sinalan que a cultura francesa non é só a cultura da lingua francesa: o Premio Nobel de literatura de 1904 foille concedido a Frédéric Mistral, escritor en lingua occitana.
No ano 2008 engadiuse un artigo á constitución francesa no que se di: “As linguas rexionais pertencen ao patrimonio de Francia”. Se ben isto é certo, tamén é o síntoma dunha hipocrisía latente, xa que pouco se fixo para ampliar o cadro xurídico e escolar destas linguas. Por outra banda, estes políticos non parecen recordar que ese mesmo 2008 a Academia Francesa se manifestou contra esa inclusión, xa que segundo os seus membros, como bos herdeiros do abbé Grégoire, as línguas rexionais atentan contra a identidade nacional.
Para traballar no sentido de recoñecemento xurídico das linguas rexionais, os catro asinantes deste texto recorren a un informe de 1998, “Estudo sobre a compatibilidade entre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e a Constitución”, de Bernard Poignant a pedido do entón primeiro ministro socialista Lionel Jospin. Este texto preconizaba a firma de diversos compromisos saídos desa carta europea e, ademais, entregaba diversas proposicións para o ensino destas linguas en Francia. Evidentemente, o informe ficou no fondo dunha gabeta.
Resistencias
O chamaddo Parti de la Gauche, dirixido por Jean-Luc Mélenchon, que se presentará ás proximas eleccións presidencias en coalición co Partido Comunista Francés, está en contra de que se gasten cartos públicos no ensino das linguas rexionais, xa que estas só serven para dividir o país, segundo a súa opinión. Por outra parte, tanto os partidos de dereita como os de esquerda, non acostuman facer do plurilingüismo un tema da axenda cotiá. Ademais, noutrora o nacionalismo bretón e occitano caeron nas gadoupas do fascismo, especialmente en tempos do mariscal Pétain, polo que a recuperación destas linguas pasa por un cambio de mentalidade dos seus propios falantes.

luns, 28 de febreiro de 2011

O decreto do galego que non se cumpre

Artigo elaborado por Miguel Pardo para o Xornal de Galicia sobre a situación do ensino en galego:

“Ningunha incidencia”, di a Xunta cando se lle pregunta pola aplicación do polémico decreto do plurilingüismo. Logo de meses de enfrontamento político, de varias –e masivas– manifestacións en contra e entre os discursos gobernamentais louvando “a recuperación da liberdade e a fin da imposición” nas escolas galegas, pouco ou nada cambiou nos colexios galegos.
Transcorridos seis meses de curso, nin Goberno nin oposición levantan a voz sobre a situación lingüística do sistema educativo. A ameaza de rebelión de numerosos profesores ante a imposibilidade legal de dar certas materias en galego en Primaria e Secundaria levou a Xunta a rebaixar as súas ameazas. Nin inspeccións nin sancións. Conseguiu o Executivo de Feijóo minguar o galego, pero máis grazas ao sempiterno discurso da “liberdade” e cheo de prexuízos contra o idioma que coa obrigatoriedade legal. “Ti vai facendo”, que diría o outro.
Anulada a posibilidade de que o galego ocupase máis do 50% do currículo escolar dos rapaces, a distribución lingüística por materias apenas se cumpre no sistema educativo de Galicia. Así se tira, polo menos, dos numerosos testemuños de profesores aos que Xornal tivo acceso nos últimos meses. Iso si, todos prefiren manter o anonimato ante o temor de que o que agora é inacción se converta en presión no futuro. “A realidade é que cada profesor ou profesora dá as clases na lingua que quere, tanto os que teñen a obriga por lei de impartilas en castelán como en galego. Non hai ningún control da inspección”, aclara unha profesora dun instituto do sur de Galicia. Ela mesma, obrigada polo decreto a impartir a clase en castelán, faino en galego.

“PASAN DE TODO”
“Pasan de todo e non velan polo cumprimento porque saben que en moitos casos é o mellor para manter a tranquilidade e o bo ambiente”, di outro mestre da comarca de Santiago. “No meu instituto non se fai nada, todo segue igual que antes, non vexo inspección por ningures. Os que tiñan antes que impartir en galego as súas materias e o facían en castelán, seguen igual, e outros seguen a impartir as súas en galego, aínda que agora o decreto non llo permita”, engade un mestre máis, este dun colexio da cidade da Coruña.
Os testemuños abondan pero os datos non. Comprobar o funcionamento en materia lingüística de todos os centros de Galicia só estaría ao alcance da Xunta, que non facilita esas estatísticas. Os sindicatos do ensino fan as súas propias enquisas e constatan a impresión xeral. “O Goberno fai un desleixo absoluto; a intención real do decreto era a desgaleguización do ensino porque este Executivo non ten interese ningún en que o idioma propio sexa vehicular na escola”, di Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, que recoñece que o control da Consellería de Educación sobre o cumprimento da norma é case nulo. “Saben que se non se fai nada e se deixa vía libre, gaña o castelán”, insiste outra docente que corrobora a versión que dá a central sindical.
“Eu seguirei dando as clases en galego, iso que o teñan claro”, dicía ao principio de curso unha profesora de Matemáticas dun centro urbano galego. Levaba anos usando a lingua propia. E así segue, malia que o decreto deixa ben claro que esa materia científica está destinada ao castelán. Xa antes do curso, máis de 4.500 docentes asinaran un manifesto comprometéndose a continuar dando as clases en galego. Só con que se cumprisen esas cifras, o incumprimento legal sería flagrante.
“O inspector non se ocupa de nada relacionado con iso. Seguen como decote, preocupados por horarios, porque todo se desenvolva con ‘total normalidade’ e todo iso. Do demais, canto menos preocupacións teñan, mellor”, recorda o mestre da Coruña. Outra profesora, desta vez pola zona da Barbanza, insiste no mesmo.
Carlos Callón, presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro de Queremos Galego, certifica tamén que o control sobre a política lingüística que se segue nos centros é “nula”. “Non se vixía nada e a presenza do galego segue minguándose”, di.
Porque igual que moitos mestres manteñen o seu compromiso de impartir as aulas en galego, son moitos tamén os que incumpren a norma ao contrario e dan en castelán materias que, como Coñecemento do Medio ou Historia, deberan ser en galego. Esta situación, segundo moitos dos mestres consultados, é máis habitual en colexios privados. Pero non só neles.
“Non só se obvia o galego nos centros privados; en moitos colexios e institutos públicos tamén se obvia, e non é raro atopar en bacharelato grupos con menos de 30% das materias en galego, tanto antes como despois do decreto. Neste tipo de centros, o complicado e conflitivo é chegar a un 50% das materias en galego”, di
A reflexión final é, en moitos casos, a mesma: “Estamos como na época de Manuel Fraga; non se controla nada e o galego segue perdendo”. Daquela, a presenza da lingua propia era escasa. Agora, con Feijóo, a promesa de que ambas as dúas linguas estarían en igual condicións tampouco é tal. Discriminar positivamente o galego é 
unha quimera.
Mentres, a polémica lingüística –a real e non a utilizada electoralmente– perde folgos. BNG ePSdeG saben que recuperar a belixerancia arredor do idioma sería entrar de novo nun xogo co que o PP podería volver enlamar a campaña e que acabaría prexudicando o idioma. Carlos Negreira ou Corina Porro xa ameazaron empregando a recorrida “imposición lingüística” nalgún mitin.
O pacto de silencio parece a solución menos mala para evitar outro dano irreparable á lingua. O remedio pode ser peor que a enfermidade. No entanto, sindicatos do ensino, A Mesa ou plataformas como Queremos Galego lembran que os datos que saíron á luz sobre a Educación Infantil nas cidades indican que case o 90% das aulas son en castelán malia que o 40% dos pais elixiron o galego. E así segue.

mércores, 19 de xaneiro de 2011

Órdenes, Arnoya, Arteijo, Orense, Allones, Puentedeume, Rianjo, Mellid, Lage, Jubias de Abajo,...

Artigo na Nosa Terra denunciando as deturpacións do rueiro da cidade da Coruña que, por certo, só pode consultarse en castelán.


A páxina web do Concello da Coruña facilita encontrar calquera espazo da cidade no seu rueiro oficial. A aplicación, só dispoñíbel en castelán, só recoñece os topónimos deturpados, caso da rúa da Villa de Órdenes, a praza de Orense ou a rúa do Río Arnoya.
A praza de Ourense non existe na Coruña. Así o recolle o rueiro oficial do Concello.
Para encontrar a correcta localización da praza hai que procurar por Orense. Non é o único topónimo deturpado na guía local da cidade. Lugares cuxo nome oficial, recoñecido por todas as leis galegas, é Arteixo, Ordes, Noia ou Arnoia aparecen no rueiro coruñés polos seus nomes deturpados: Arteijo, Órdenes, Noya ou Arnoya.
Practicamente todas as advocacións de rúas e prazas a lugares de Galiza susceptíbeis de estaren deturpados, preséntase coa forma incorrecta. Nalgúns casos incluso custa saber a que lugar se refire, caso da rúa do Río Allones, que "homenaxea" o río Anllóns.
Que os topónimos aparezan só na forma deturpada complica a busca e dificulta que os propios veciños utilicen a toponomia oficial. Correos e outros servizos de transporte non encontran determinados enderezos porque todos os dispositivos de localización usan mapas deturpados. Se o propio Concello ratifica que determinadas rúas se chaman de Puentedeume, Rianjo, Mellid, Jubias de Abajo ou Villa de Lage.
Nalgúns outros casos, como é costume na deturpación de topónimos, a metade do nome está nunha lingua e a outra na outra, caso da rúa das Castiñeiras de Abajo.

domingo, 16 de xaneiro de 2011

A loita polo ensino en galego na Estrada

Na Nosa Terra comenza unha nova sección titulada "Historia recente de Galiza". A primeira entrega, obra de Alfonso Eiré, trata o caso da loita contra o funesto Decreto de Bilingüismo do 1979 no colexio do Foxo, na Estrada. [1], [2], [3]
Para consultar unha entrevista actual a Alfonso Castro, protagonista desta historia,  premer aquí.


A primeira entrega lévanos á Estrada, no 1980, cando a entrada en vigor do Decreto do Bilingüismo no ensino provocou unha gran protesta dos profesores que apostaran, a pesar das dificultades, pola nosa lingua na educación. 


“O neno fala galego coma min, porque non sabe falar outra cousa”. Así de contundente se expresaba Xosé Castro, construtor do Foxo (A Estrada), cando o entrevistei na súa casa unha noite de invernía de 1980.
Foran moitas as portas que se me pecharan aquel día na parroquia de Rubín cando ía preguntar pola denuncia que lle interpuxera a APA do colexio  ao mestre Afonso Castro, por dar as clases en galego.
Os país e nais dicíanme que falase coa APA, e a asociación de pais, sobre todo o seu máximo activista, membro do Consello Local da UCD, estaban calados.
Estaban calados pero actuaban.
Dentro de dúas semanas (16 de marzo) tería lugar a primeira manifestación que se celebraba contra o Decreto do Bilingüismo (promulgado o 21 de agosto de 1979). Comezaba a longa loita a prol do idioma nun contexto (o preautonómico) diferente  e tamén a promulgación de leis que o nacionalismo denuncia que utilizan precisamente contra o galego: só se permitía dar tres horas de clase á semana no noso idioma.
Na Estrada todo comezara a fins de novembro de 1979.
O mestre Afonso Castro recibe a visita do Inspector de ensino primario. O Inspector, como sempre adoitan a facer nas súas visitas, formuloulles preguntas aos nenos que estes, a maior parte das veces, contestaron con un “si”, un “non” ou un nome concreto polo que eran inquiridos.
Cando lle pareceu ao Inspector rematou a díxolle ao mestre: “mire usted como los niños saben hablar castellano”.



Afonso Castro fora denunciado pola Asociación de Pais e Nais (ANPA) por dar as clases en galego e até chegaron a formular cargos contra del por “castigar os nenos que falan en castelán”.
Castro comentábanos aquela noite a min e a Francisco Rodríguez (daquelas profesor no Instituto da Estrada), mentres viaxabamos no seu Dyane 6: “Como vou facer iso se os nenos son todos galegofalantes”.
Pouco importaba, a ANPA o que teimaba era que dese as clases en castelán. Defendía que os seus nenos falaban castelán e, como declarou Xesús Castro, se falaban galego era porque non sabían falar outra cousa.
As argumentacións tiñan o seu aquel pois, nun primeiro momento, o debate estaba situado se era mellor para os nenos ensinarlles na súa lingua materna ou na foránea.
Logo se deixaron de andrómenas e o que comezaron a exiiir era que se aplicase o Decreto de Bilingüismo e santas pascuas. Tres horas de galego e non máis.
Como medida de presión, todos os pais deixaron de mandar os 22 nenos a clase.
O 29 febreiro de 1980 todos os nenos xa levaban 15 días sen asistir á clase.
A ANPA tenta instaurar unha clase paralela.
A Comisión Mixta non é partidaria de abrir expediente e aínda declara para A Nosa Terra que “o Decreto de Bilingüismo é unha fenda para poder conseguir algo”.
Antón Santamarina, membro desa Comisión Mixta, aconséllame que é mellor non informar “pois imos encirrar máis a situación”.
Pero ao saír a denuncia á luz, as cousas comezan a mudar.
O Señor Manuel (así o teño recollido nas miñas notas) é o primeiro pai en rachar a unanimidade e decide mandar a súa filla ás clases. "Eu, nun principio, asinei dous papeis contra o mestre", explica. "Pero logo non quixen saber nada máis diso. Se o idioma que nos falamos é o galego, pois non sei por que non se van poder dar clases en galego. Ademais, a miña cativa está moi contenta na escola con ese mestre", non ten reparos en declarar, rachando a lei do silencio imposta pola ANPA.
A Asemblea de Profesores do centro, ao primeiro moi tímida, asina un escrito a prol do seu compañeiro. Nese mes de febreiro 13 dos 22 pais xa se negan a asinar os escritos que a ANPA lles presenta contra Afonso Castro.
Un mestre que o está a pasar moi mal. Non é un militante político nacionalista. Só é un mestre consecuente coa pedagoxía, contrario aos “desaxustes de ensinarlles aos cativos nunha lingua que non é a súa”. Unha persoa moi sentida e moi sensíbel que nunca gustou do protagonismo nin do enfrontamento e que pasa de impartir sociais a dar galego para “salvar a situación” e logo trasládase ao colexio de Oia, el que era veciño da Estrada.



Afonso Castro era a primeira vítima directa da loita pola normalización lingüística, ferida pola arma do Decreto do Bilingüismo. Loita que pagou moi cara persoalmente naqueles días e naqueles anos.
Aínda así, mantívose rexo e forte: “o ensino en galego non é negociábel”, diría na súa intervención coa que se puxo ramo á manifestación celebrada na Estrada. Hoxe, aos seus 58 anos segue a defender os mesmos principios.
Unha manifestación convocada polos sindicatos UTEG (ING) e máis o EGTE, que congregou unhas 6.000 persoas contadas.
Manifestantes vidos desde toda Galiza, pois os da Estrada, con medo, preferiron pecharse nas súas casa e atrancar as fiestras.
Pero un medo que tamén se ollaba como ía minguando pois esta manifestación foi a primeira na que comezaron a aparecer os nenos, imaxe que logo se faría moi visíbel e patente nas diversas manifestación a prol da nosa lingua.
O Decreto de Bilingüismo, que divide á poboación escolar galega entre galego-falantes e españois-falantes é un instrumento legal ao que se acollen e xustifican para comezar un rosario de represión lingüística contra os mestres que dan clases en galego.
Durante os cursos 1979-80 e 1980-81 os mentres e profesores represaliados foron moitos.
Na Laracha os profesores prohíbenlles aos nenos falar en galego dentro das aulas e fóra delas. Na Picota unha profesora deixa un curso xa que dez pais, de 30 que son, non queren o ensino en galego. O claustro ampara esa actitude antigalega. No Pindo pasa algo semellante. En Ortigueira o movemento social paralizou o despido dun profesor. En Lalín é expedientado o profesor Varela Puñal. Á alumna de Marín Luísa Lavandeira prohíbenlle facer o exame de matemáticas da selectividade en galego...  En decembro de 1982 en Baiona, as mestras Maite Herrero e Nucha Pérez son denunciadas por dar clases en galego. Os pais retíranlles os alumnos e montan piquetes para que os nenos non vaian ás clases.
Xosefa Baamonde
Pero, logo do de Foxo, o conflito de máis sona foi o de Dices-Rois, con Xosefa Baamonde como protagonista, cando é expedientada logo que o 25 de outubro de 1980 o secretario do concello retirase á súa filla das clases de Xosefa e outros dous pais denunciaran á mestra porque “priva os nosos fillos do coñecemento do español”.
A manifestación celebrada en Padrón superou aínda a da Estrada e, aquí o conflito reflectiuse claramente como político. Baamande era unha militante nacionalista á que lle había que pór unha dura sanción como escarmento e a dialéctica xa estaba claramente entre o castelán dominante e o galego oprimido.
Do 20 ao 25 de outubro de 1980 tiveron lugar en Compostela unha xornadas de “Denuncia contra o Decreto de Bilingüismo”, organizadas polas Asociacións Culturais das cidades galegas e apoiadas pola AN-PG, PSG, MCG, POG,PST, UPG e PG.
As xornadas rematarían cun macrofestial que encheu o Pavillón do Obradoiro compostelán, no que actuarían Milladoiro, Fuxan Os Ventos, Tarangaño e a Banda de Merza.
Alí, Manuel María dixo: “renunciade á vella língua/dádevos ás framenquerias/ e os amos quedarán/ para sempre satisfeitos:/veredes que ben/vos han de pagar/ do seu desprezo”.

venres, 14 de xaneiro de 2011

Desaparición da lingua galega da administración de xustiza

Excelente artigo no Galicia Hoxe, certificando unha situación que, tal como se anunciou, parte da case inexistencia da presencia do galego na administración de xustiza, e que grazas á política de agresión á nosa lingua, va camiño da eliminación total da nosa lingua nese ámbito.
No artigo faise referencia á información que A Mesa elaborou sobre o caso.


Se no ano 2009 foran setenta os xuízos rápidos en galego, desde o 4 de maio de 2010 a cantidade reduciuse a cero. A razón desta dramática redución é, en palabras do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, o novo programa informático proporcionado polo Goberno galego, denominado Minerva, impide desde o uso da lingua galega en calquera procedemento da administración de xustiza.
Os datos, apunta Callón, proporcionounos a propia Xunta e demostran o nivel de discriminación que padece o galego na administración de xustiza, "onde as persoas que queren usar o idioma propio do país son tratadas de forma deficiente, irregular e, sobre todo, inxusta".
O programa Minerva substituíu o pasado mes de maio o programa Libra, que permitía realizar en galego o vinte por cento dos impresos da Xustiza. Á Mesa, ese vinte por cento parecíalle insuficiente e protestaron ante a consellería, "pero a situación actual aínda é peor. Eu síntome como cidadán de segunda. Son as consecuencias do vello principio de liberdade lingüística que defende o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo: es libre de escoller se escolles castelán".
O que fixo a Xunta co programa Minerva, engade o presidente da organización, "foi aplicar directamente o programa do Ministerio de Xustiza sen facer tradución dos documentos ou do propio programa. Actúa como se Galicia fose a rexión de Murcia".
Se a Xustiza xa era tradiconalmente un dos ámbitos no que a presenza do galego resultaba máis escasa e, ademais, caracterízase pola súa lentitude, "o que fai o Goberno é poñer máis impedimentos. Un xuíz non pode facer a documentación en galego se non é manualmente e iso faría aínda máis lenta a Xustiza. Nós non estamos dicindo que se vaia utilizar o galego senón que haxa a opción da facelo".
E é que, subliña, "con Feijóo non só non se removeron as dificultades que padecía o noso idioma nese ámbito, senón que se colocaron novos obstáculos. É por iso que se pasou de que en 2009 houbese 57.011 actos xurídicos en galego a case a metade no ano seguinte: 30.334", sinala a entidade. Neste sentido, lembra que o pasado mes de decembro sufriu el mesmo en primeira persoa as consecuencias da política lingüística da Xunta no ámbito xudicial, "pois negáronme o dereito legal a recibir as notificacións e a documentación en galego".
Para Carlos Callón, "a verdade é un dato elocuente" da política lingüística desenvolvida pola Xunta e anuncia que desde a plataforma Queremos Galego -da que el voceiro- e desde Mesa "imos continuar, modulando os actos de protesta social" contra esta política e contra o denominado decreto do plurilingüismo, "porque tamén se demostrou que as grandes mobilizacións dos últimos meses lograron que detrminadas medidas que podían ser agresivas para o idioma non o fosen tanto".Tamén van continuar pola vía xudicial e os contactos internacionais co Consello de Europa. Nesta última vía, "o proceso", recoñece, "está resultando máis lento do que agardabamos porque o Estado español entregou o informe sobre a situación das linguas cooficiais só en castelán e despois de sete meses, aínda non remitiu a versión en inglés".
O 75% do ensino xa é en castelán
A plataforma Queremos Galego está recollendo datos para un ifnrome que fará público antes de fin de curso sobre a presenza do galego no ensino. Con todo, xa teñen algunhas cifras, cun resultado "arrepiante", apunta Callón: o equilibrio ao 50% está hoxe máis lonxe que hai dous anos xa que o castelán ocupa o 75% das materias fronte ao galego, que ocupa o 25%. "Este 25% era do que estabamos falando nos anos 80, e hoxe non chegamos nin a ese obxectivo".
Peor resulta o dato en Educación infantil, segundo unha enquisa dos sindicatos: as familias que reclamaron o ensino en galego foi do 40% e a realidade "é que só o reciben o dez por cento dos alumnos".
Respecto dos profesores que seguen a impartir as matemáticas en galego, malia a orde da Consellería de Educación, Callón loou a decisión dos profesores pero lamenta que "en pouco tempo non teremos ningún libro de matemátcias en galego, sequera de auxiliar porque non vai ser útil e ás editoriais non lle vai ser rendible"

venres, 7 de xaneiro de 2011

Autópsia lírica de Luís S. Pereiro

Estes días estiven de limpeza e ordenación. Levei unha chea de libros para o faiado. Mais neste traballo din en recuperar do fondo dunha caixa, esquecido por min xa hai varios anos,  un libro inclasificable. Trátase de Estampas do mundo elegante de Xesus Campos, no que se recompilan todos os artigos que publicou na Nosa Terra entre decembro do 1983 e febreiro de 1991, pouco tempo antes da súa morte.
Escollín o artigo de Chichi Campos no que debulla a obra de Lois Pereiro, xunto coa caricatura que fixo o propio autor do texto para ilustralo pois pensei que para falar dun autor tan heterodoxo como Lois Pereiro, nada mellor que buscar un observador tan pouco ortodoxo como Chichi Campos. E que sirva de pequena homenaxe aos dous.

Hospital de tránsito en Berlín, habitación 319. Ou residencia comarcal en contrución. Un billete de Castromil e unha longa espera nun piso descoñecido.

Sobre a mesa un paquete de tabaco, un bolígrafo, papeis e unha navalla amábel, das que non firen; das de cortar, separar e compartir o pan, os veños e os versos en canal, coa limpeza e precisión do bisturí que escintila nos escaparates das tendas de material cirúrxico.
Un ollos que se vencen no acougo da mai-tarde, unas estrofas que van e veñen latexando, impelidas polo émbolo dos días que pasan como aguilloadas, como calendários de parede.
Unha figura eléctrica, enxoita, despenteada e sempre envolta en negros e grises, como levando o loito en camaradaria, atravesa a rua a toda presa, párase, esculca a ver quen hai, quen treme, quen leva.
A golpe de ar aberto, do tintinear das pingas de orballo que axexan aos soportais, de filmes literários, de sangues e máis de ungüentos, van saíndo versos frios, secos, contundentes e sen concesións ás gramáticas ociosas: velai a riqueza da sua poesía, capaz de encerrar dez significados nun termo: lexemas máxicos, de fonemas tóxicos, de siléncios físicos péchase o poema como se pecha un trato. Saen así poemas de duas, de tres, poemas dun cuarto. Poemas polos aires e na cola dos cines de estreia, nas esquinas, nos portais…
Hai moitos bares, moitos cines e moitos poetas, mais sempre acabas quedándote cun par de bares, un par de cines, un par de poetas. Por aí anda o Luís Pereiro. Trátase agora de saber se se trata dun poeta, dun bar, dunha cafetaria; dun poeta que toma cervexa ou dunha cafetaria capaz de filmar poemas.
10 de outubro de 1984. A Nosa Terra nº 255.

martes, 21 de decembro de 2010

O referendo de 1980 puido terse aprobado só en castelán

Extracto de artigo tirado do Xornal. Así che andamos agora:

Galicia ten autonomía grazas ao seu Estatuto, pero dependeu de Madrid para todo ata o momento en que o texto entrou en vigor, na primavera de 1981. A análise dos documentos previos que fixeron posible o propio referendo de votación do Estatuto, o 21 de decembro de 1980, reflicte esa curiosa situación na que un Goberno central organiza todo para que unha rexión sen autonomía puidese votar un documento co que gañala.
Unha vez listo o texto definitivo de Estatuto que ía ser sometido á consulta popular, foi o 7 de novembro de 1980 cando o Goberno presidido por Adolfo Suárez emitiu o Real Decreto 24/1980, promulgado polo rei, co que se organizou o referendo. Nel se di que é “el cuerpo electoral de las provincias de La Coruña, Lugo, Orense y Pontevedra” (sic) o convocado a votar. Algo máis adiante o mesmo Real Decreto revela a curiosa situación que se puido provocar naquela altura por non estar aínda recoñecido o galego como a “lingua propia de Galicia”, a expresión que aparece no Estatuto. Así, o decreto gobernamental indica que o votante “habrá de responder a la siguiente pregunta que podrá ser redactada también en lengua gallega: ¿Aprueba el proyecto de Estatuto de Autonomía para Galicia?”. Isto é, ben puidera ter ocorrido, xa que así o permitía o Goberno, que a papeleta de voto coa que se refrendou que a lingua propia de Galicia é o galego estivese escrita só en castelán.

martes, 14 de decembro de 2010

6000 linguas

Artigo na Nosa Terra. Para velo completo, premer na ligazón. De paso aproveito para engadir algunha máis aquí á dereita, entre as que teñen que ver coa lingua e que aparecen neste artigo.


Máis da metade das 6.000 linguas reseñadas do planeta están ameazadas. Tres mil delas son orais e desaparecen co seu derradeiro locutor. De aí o sentimento de urxencia que anima a investigación. O traballo de terreo é unha loita contra o tempo para que non desaparezan idiomas que permitiron contar a creación do mundo
Existen, aínda que non o pense ninguén, “aventureiros” empeñados en evitalo. Normalmente non van en procura de aventuras, nin as aventuras se lles aparecen diante dos ollos sen que eles as esperen. Son aventureiros porque, como afirmaba o poeta catalán Carles Riba, a aventura é a viaxe aos límites dun mesmo.
Van á procura de algo e encóntranse con sorpresas. Os novos aventureiros son unha caste de lingüístas contracorrente. De momento, malia a proliferación de institucións culturais mundiais non existe un atlas completo das linguas do mundo. A Fundación Sorosoro, que defende as linguas en perigo, ten localizadas na súa web 5.500; a Unesco arredor de 2.500, sobre unhas 6.000. SegundoEthnologue: Languages of the World serían 6.909 e a publicacion faro do Summer Institute of Linguistics (SIL)insiste en que miles de linguas continúan a ser descoñecidas. Porén o SIL é unha ONG americana baseada na fe, cuxo traballo é criticado duramente pola comunidade científica. O seu traballo, seica, máis que científico, agacharía un proselitismo relixioso.
O traballo para os novos lingüistas execútase normalmente en tres etapas. Primeiro, rexistran palabras, vocabularios da vida corrente, para aprender a lingua e afacerse ao seu son. Precísanse unhas 2.000 palabras para pasar á etapa seguinte: gravar historias e mitos. A terceira etapa consistiría en dominar xa a lingua.
Se cadra os lingüistas non fan máis que retomar o traballo que deixaran os misioneiros, os únicos “colonos” a se interesaren verdadeiramente nestas linguas por unha razón evidente: transmitir a palabra de Deus na lingua local. En Melanesia, o primeiro dicionario de mota, unha lingua do Vanuatu norte, foi redactado por un misioneiro cristián. Na Amazonia, o primeiro dicionario español-sikuani elaborárono desde misións católicas. O propio realizou o frade galego Rosendo Salvado en Australia.
Agora, pola contra, a moitos investigadores élles moi difícil permanecer neutrais perante os seus “obxectos” de estudo. Tamén élles dificil permanecer indiferentes á miseria. Os problemas e desafíos superan, de lonxe, a lingüística. Manter unha lingua é preservar a identidade cultural dun pobo, cando se acabará por entender. O indio Ganesh Devy, que comezou os seus traballos hai máis de 20 anos, deu o paso cara a adiante: de lingüísta converteuse, mediante a defensa das súas linguas, en activo militante da causa indíxena.

luns, 22 de novembro de 2010

Mans con acento galego

artigo de Cristina Díaz Pardo, no Xornal:


Unha lingua é unha lingua, saia dende a boca, dende as mans ou dende os pes. O idioma que falan as persoas xordas mediante signos é precisamente iso: unha lingua. É por iso que á hora de facer esta reportaxe a principal recomendación que fan os entendidos é a seguinte: “Non vaias poñer linguaxe de signos, que se anoxan!”.
Actualmente no Estado español, só están recoñecidas como oficias a LSE (Lingua de Signos Española) e a LSC (Lingua de Signos Catalá). En Galicia, os expertos no tema andan divididos. Se ben dende a máxima autoridade na materia, a Faxpg (Federación de Asociacións de Xordos do País Galego) entenden que as peculiaridades no léxico de signos propias de Galicia non son máis que unha “variedade dialectal”, outros investigadores apuntan a que, de desenvolverse os estudos adecuados, si que se podería falar dunha LSG (Lingua de Signos Galega)– algo que durante o bipartito xa intentou oficializar o BNG–. Polémicas á marxe, no que todos parecen de acordo, e que as mans tamén teñen acento, e as mans galegas, cando falan, recenden xustamente a Galicia.
O profesor Andrés Caamaño –que padece xordeira– ten por seguro que si que existe unha lingua propia de signos en Galicia. “A miña opinión é que si que a hai e é a que usan moitas persoas en pobos dende hai moitísimos anos. Hoxe en día séguese a utilizar e é distinta da lingua de signos castelá”, explica este experto, autor de numerosos estudos sobre a lingua de signos. “Cientificamente pode demostrarse que existe unha lingua de signos específica de Galicia”, asevera, á vez que alerta de que, ante o escaso interese existente polas peculiaridades da lingua de signos galega “esta estase a perder pouco a pouco”. “A estrutura é moi parecida que a da lingua de signos española pero os signos son distintos”, comenta Caamaño.
Esa é a súa opinión, mais hai quen non a comparte. De feito, dende a dirección da Faxpg sosteñen que a hipotética LSG non é máis que unha variante dialectal do LSE. Feliciano Sola, o presidente desta entidade, ten unha opinión firme sobre o tema: “Realmente o que hai é un pequeno dialecto galego cunha serie de signos propios pero non os necesarios para constituír unha lingua. A estrutura, a gramática da lingua de signos española, é a mesma que a galega. Isto é o mesmo que dicir que en Andalucía non se fala español. Fálase pero cun acento distinto. Aquí, no tema dos signos é o mesmo”.
Segundo Ledo, moitas das palabras propiamente galegas que xurdiron en lingua de signos apareceron nos antigos “colexios de xordos”. “Neses lugares, moitas veces chegábase a un acordo común para definir algún concepto determinado, eran consignas propias que foron quedando”, explica, pero engade: “Iso de que existe unha lingua de signos galega non é certo por moito que algúns así o queiran. É certo que igual que na lingua oral hai distintas entoacións, tamén hai uns parámetros diferenciadores segundo as zonas. Vinte non se di igual aquí que no resto de España, trinta tampouco, avó... así con varias palabras”.
Para a dirección da Faxpg a situación galega dista da catalá. “A lingua de signos catalá está argumentada e comprobada e ten máis de 20 anos de estudo ás costas. Aquí para querer instaurar unha lingua de signos propia habería que abrir unha investigación a nivel lingüístico”, comenta Ledo. Caamaño é doutra opinión: “A lingua de signos de Cataluña está moi protexida, protexeuse da mesma forma que a española, iso é o que ocorre. Aquí en Galicia moitas persoas xordas foron a estudar a Madrid, sobre todo cando dende a Deputación se subvencionaron os estudos alí, polo que isto foi prexudicando o idioma de signos de aquí, que ía perdendo os seus signos característicos”.
Camilo Gutiérrez, profesor de lingua se signos da Asociación de Persoas Xordas de Vigo explica que “hai tempo, e aínda hoxe entre algunhas persoas maiores de Galicia, utilizábase certo tipo de lingua de signos que podería equipararse ao que sería o galego, pero resultou inviable”. Iso si, explica, “isto non significa que non sexa imposible, pero si bastante difícil e inviable na práctica”

xoves, 18 de novembro de 2010

A Xunta esquece o galego na UE

A principios de mes oía na Radio Galega como un reporteiro que estaba na Praza do Obradoiro, pasaba a falar en castelán ao decatarse de que os peregrinos aos que estaba entrevistando eran italianos. Os seus prexuízos levávano a considerar o castelán máis internacional que o galego. Na mesma liña actuou Feijóo os pasados días na súa viaxe a Bruxelas. Mellor ca min cóntao neste artigo de Miguel Pardo, no Xornal:


“A presenza das linguas cooficiais supón unha mellor identificación das persoas co proxecto político que representa a UE”. Con esta frase, o ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou a relevancia do feito de que o galego se estrease nas institucións europeas. Foi un 16 de novembro de 2005 no plenario do Comité das Rexións da UE e logo do acordo entre o Estado e este organismo para permitir o uso oficial de “linguas distintas” ao castelán nel.
Xusto cinco anos despois, o pasado martes, o agora xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, empregou o castelán na súa intevención no Comité das Rexións para presentar o ditame co que abordou a posibilidade de abrir novas vías de financiamento para Galicia ante a caída dos fondos estruturais a partir de 2013.
Optou polo castelán Feijóo malia que hai un ano elixira a lingua propia na súa primeira intervención no Comité das Rexións e a pesar de que a normativa europea permitiríalle empregar o galego. Para facelo, bastaría con pedir que a representación permanente de España ante a UE “solicite esa posibilidade ante os órganos correspondentes con sete semanas de antelación”, dando tempo así a que a administración comunitaria facilite os mecanismos necesarios para a tradución. Así o aclara a lexislación e fontes comunitarias consultadas por Xornal.
Esta posibilidade é posible logo de que o presidente do Comité das Rexións, Peter Straub, asinase o acordo co Goberno español aquel 16 de novembro de 2005 no que Touriño interviu en galego. Ao mesmo tempo, o daquela presidente da Generalitat catalá, Pasqual Maragall; o presidente valenciano, Francisco Camps; e o comisionado do lehendakari, José María Muñoa, empregaban o catalán e o vasco para celebrar o acordo.
Á marxe disto, o emprego das linguas cooficiais do Estado na Unión Europea non ten moito máis percorrido. A súa oficialidade é parcial na maioría do resto de institucións comunitarias, xa que o uso do galego queda limitado a traducións oficiais dos actos do Parlamento Europeo e do Consello, traducións dos parlamentarios a todas as linguas da Unión e comunicacións escritas a administracións e a súa correspondente resposta.
A lingua, no entanto, ten outra posibilidade, como cando o ex eurodeputado nacionalista Camilo Nogueira interviu en Bruxelas en galego, engadíndolle un chisco de acento portugués, e aproveitando a oficialidade da lingua do país veciño.

"Hai que dicilo: é unha inxustiza"

 artigo de Fernando Franjo, no Galicia Hoxe:

Cultura concédelle 35.000 € a Rosalía e 350.000 € a Cela

"Non podemos quedar ca­lados. Hai que dicilo. É unha inxustiza". Abertas, moi abertas están as feridas na Fun­dación Rosalía de Castro de Padrón, e isto ocorre por mor da recente concesión dunha subvención de 350.000 por parte da Consellería de Cultura á veciña Fun­dación Camilo José Cela.
Horas despois da home­naxe recibida polo escrito­ra galega no Instituto da Muller de Madrid, desde o centro cultural da Ma­tanza confirmaban onte a súa sorpresa. "Nós re­cibimos 35.000 euros da Consellería de Cultura en dúas fraccións, unha vía convenio e outra por adqui­sición de bibliografía rosa­liana", aínda que especificaron que reciben unha axuda a maiores procedente de Política Lingüística.
A directiva do centro rosaliano quixo deixar claro desde un principio que tras esta reivindicación non hai nada contra a súa veciña, a Fundación de Iria Flavia, pero que aínda supondo que se tratase de dous escri­tores iguais ¿por que esta diferenza? Falan, neste sentido, dun agravio comparativo da Conse­llería de Cultura no as­pecto máis vulnerable: no mantemento da insti­tución e na difusión da mesma, aínda que, afortuna­damente, a institución non arrastra débedas e man­tense ó día en persoal e proovedores.
"Hai que pensar que es­tamos falando de dez ve­ces máis. Creo que Galicia ten unha débeda con Rosalía, que xa a a tivo en vida. Logo da súa morte si foi canonizada e moi querida polo pobo pero as institucións creo que realmente teñen que facer algo máis", sinalaron desde A Matanza.
Neste sentido, as miñas fontes non ocultaron a súa sorpresa "Rosalía é to­do un símbolo da Galicia plural, pense como pense e crea o que crea, que merece axuda e protección, se­ non non pode sosterse".
Ademais das distin­tas achegas dos patróns, as inxeccións económicas proceden do produto da venda de en­tradas, de xeito evidente insu­ficiente, xa que son moitas as persoas que acceden ó centro de forma gratuíta. Rosalía de Cas­tro, por engádega, non cobra dereitos de autor nin de imaxe porque están cadudados hai moitos anos. O que se fai na Matanza é labor de conservación da casa e conservar a súa memoria e a súa biografía e difundir a súa obra.
A proba diso é que a fundación rexistrou a petición dunha escritora de repercusión internacio­nal que está escribindo un libro sobre a casa-museo dos escritores españois. Entre elas vai tratar dúas mulleres: Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.
No DOG do pasado día 8, saía a concesión dde 355.000 euros á Fundación de Cela para os gastos de perso­al. Esa partida outórgase nunha adenda ó convenio de colaboración entre Consellería de Cul­tura e fundación.
Apoio da Deputación da Coruña
A Fundación Rosalía de Castro conta cunha xeren­te que se encarga de levar adiante a parte administrativa; dúas empregadas, e unha encargada de lim­peza. Hai unha praza vacante (despediuse voluntariamente) que sería precisa para atender correctamente as ins­talacións.
Os escola­res de menos de 6 non ­pagan, os de máis de 6 anos, pagan 1 euro; os grupos 1,2 €; e as en­tradas individuais. 1,5 €. Abre os domingos. Luns, pechado. A fundación está aberta todo o ano e ten unha media de tres actividades por mes.
A Deputación da Co­ruña achegou 30.000 euros, que actualmente se empregan sobre todo para gastos de mantemento.

mércores, 27 de outubro de 2010

Contra os prexuízos

Artigo do pasado 25/10/2010 do Galicia Hoxe:

Expertos reflexionan sobre cales poden ser os mellores argumentos para responder ás falacias do discurso contrario á normalización da lingua propia de Galicia


Se é necesario renovar o discurso de defensa do galego para adaptalo ás mudanzas da sociedade, o xeito de responder ó movemento contranormalizador é unha cuestión importante para debater. Cal pode ser a mellor maneira de facelo? Os colectivos contrarios á normalización do galego si cambiaron o seu discurso, desde unha óptica abertamente hostil ó galego a outra que apela ao "bilingüismo" e a argumentos máis "presentables" como a liberdade e a non imposición.

Alén do apoio mediático e político (PP, FAES...) -en descenso- recibido por estas asociacións, se cadra unha das claves da penetración social -relativa- que acadou o seu argumentario foi o feito de que foi repensado para conectar cos prexuízos que se mantiñan, latentes, na sociedade.
"Na Transición e no principio da Autonomía fixemos un diagnóstico errado. Pensabamos que o problema principal do galego fora a represión franquista, e que ó eliminala o idioma se recuperaría . Pero o galego xa estaba desprestixiado na sociedade", reflexionaba o politólogo Xosé Luis Barreiro Rivas hai uns días no Foro Mugardos. "Puxemos o galego" -a lingua maioritaria- "onde non estaba: a escola, a televisión, a administración... Pero o seguinte paso debe dalo a sociedade: a empresa... ", engadiu.
Neste contexto, apunta o sociólogo Fermín Bouza, unha das primeiras estratexias para seguir pode ser a de non darlle ao movemento contranormalizador excesiva relevancia. "Non tiveron moita incidencia, nin sequera electoral. O rexeitamento do galego non acada máis que un 20% da poboación. O que si hai é, sobre todo nas cidades, como un dobre discurso de xente que di defender o galego pero non o fala ou non vai máis alá", comentou nunha entrevista con GH.
Menos optimista, se cadra, é o filólogo, vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e coordinador do libro 55 mentiras sobre a lingua galega Henrique Costas. "A xente volve ter unha conciencia de que falar galego é "pecado", non se atreve a pedir que lle falen galego porque cre que iso é impoñer. Hai moita soberbia por parte dos defensores do idioma imperialista, que antes estaban máis agochados. Na última etapa de Fraga e no bipartito produciuse un espellismo. Mentres, houbo campos nos que non se actuou, como a xustiza e os medios de comunicación. Aínda que cos ataques á lingua tamén están a medrar as posturas activas, decididas, militantes as 24 horas. É con esas accións diarias, cotiás, como podemos avanzar. A xente xa non vai detrás das bandeiras estreladas", opina.
"Como contestar ó discurso da liberdade? Eles só defenden a liberdade para o castelán na escola ou na administración. Pero non defenden a nosa liberdade para ter o galego na xustiza ou nos medios, ou nas empresas. Podemos dicirlles que nós loitaremos pola súa liberdade cando eles loiten pola nosa", apunta. No libro 55 mentiras sinálanse posibles argumentos contra os prexuízos: que o galego non é útil, -sendo porta de entrada para o portugués, que falan 250 millóns de persoas-; que se está a mudar de norma constantemente -cando o español se ten modificado moito máis que o galego-, que non é axeitado para a ciencia -crenza que contradín os científicos galegos do CERN por exemplo-... María Xosé Queizán denunciou hai xa anos como o galego se consideraba unha lingua "fermosa" pero non útil para o ámbito público, do poder, reservada ao castelán, do mesmo xeito que ocorría coa concepción social do papel das mulleres respecto aos homes.
O escritor e director da área de normalización da Universidade de Santiago Núñez Singala sinala outros argumentos no seu libro En galego, por que non? "Un dos prexuízos máis comúns é que o galego soa mal. Cando lles preguntabas, os rapaces dicían que soaban mal os idiomas que non se parecen ó castelán: o alemán, o árabe, o chinés... Pero nos últimos catro anos din tamén o éuscaro e o catalán... Houbo un auténtico bombardeo mediático, e o problema do discurso de defensa da lingua é que non ten eses amplificadores....", subliña.
"É moi difícil loitar contra prexuízos porque nin nos decatamos de que os temos. Se os rapaces de instituto pensan que o galego é de paletos e nacionalistas, hai que facelos reflexionar. Pero tampouco enganalos: é certo que teñen poucas posibilidades de ver cine en galego, de ter novas tecnoloxías en galego... Hai que explicarlles que non temos iso porque non o demandamos. Moitas veces non é que estean en contra, senón que o galego supón un esforzo, e pensan para que... Tampouco o castelán é tan internacional: a lingua da técnica é o inglés. E non é certo que haxa que escoller: aprender dúas linguas facilita a aprendizaxe dunha terceira, unha cuarta... O discurso da liberdade non se soubo desmontar, é certo. Se liberdade é que quen o dese-xe poida pasar do galego, despois de 40 anos de ditadura e máis de 500 de imposicións, é unha condena a morte do galego. Nin se pode tratar igual o que non é igual, porque se perpetúa a desigualdade", di.

 Ecolingüismo, patrimonio cultural e legalidade
Na defensa do galego, están tomando forza discursos como o ecolingüista. Tamén se reforza a reivindicación do galego como patrimonio colectivo. "A lingua é o maior patrimonio colectivo dun pobo. Os prexuízos son históricos: xa no século XVIII había galegos que pensaban que non sabían falar galego...", sinala o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato, quen tamén relaciona as resistencias á variedade estándar do galego coa asunción, consciente ou non, de que a lingua A é o castelán, e polo tanto a que ten dereito a unha norma.
A recuperación do prexuízo de que o galego é un "dialecto", -ou un conxunto de "variedades locais"- é outro dos argumentos do discurso contranormalizador, como o é o do "naturalismo": o castelán impúxose sobre o galego polo seu superior prestixio e por servir como "lingua común" no Estado. Discursos que esquecen toda a lexislación impositiva, anterior incluso ó franquismo, que prohibía o catalán -e polo tanto o galego- en distintos ámbitos públicos; escola, administración... Sobre a variación interna do galego e a "artificialidade" do estándar, a directora do ILG, Rosario Álvarez, lembrou nunha entrevista con GH que "en todas as linguas, o estándar é unha construción. O nivel de variación interna do galego non é moi elevado. Os trazos compartidos superan o 90%. No sur de Francia, non pasan do 50%". Nin se sostén, desde o punto de vista legal, a idea que os pais teñen dereito a escoller a lingua na que estudan os fillos -o TS e oTC negárono-, nin a de que os dereitos son dos individuos, e non dos territorios. "Hai un dereito á protección da lingua en abstracto, como un valor, un dereito colectivo. Por iso, a lei obriga a que os teclados leven o ñ. Historicamente, primeiro viñeron os dereitos individuais, e despois os colectivos, como o medio ambiente. Galego e castelán son cooficias, pero o galego, por ser lingua propia, pode ter un trato preferente", explica a profesora Alba Nogueira.

Do marco individual ó colectivo, e as inconsistencias
O politólogo Raimundo Viejo advirte de que non é a mellor estratexia tentar responder, racionalmente, ó discurso da liberdade. "O que fixo Galicia Bilingüe foi apropiarse dun valor constitutivo da sociedade, a liberdade, nun momento de hexemonía da ideloxía neoliberal. O galeguismo oficial, ritual, de Fraga mantivera na marxinalidade os discursos como o de AGLI. Na era Aznar foise xestando o discurso contranormalizador que, coa chegada de UPyD e Ciutatans, o PP activou. O movemento normalizador sempre vai perder se entra no xogo. Ten que buscar o seu propio marco. Por exemplo, aproveitar a potencialidade da lusofonía", analizou.
O movemento contranormalizador sitúa a lingua, fenómeno social, no marco individual. Pero nin a teoría económica lle dá cobertura, en realidade. "Se consideras que o galego é un ben público, como o medio natural, ten que haber unha intervención, unha regulación para corrixir os fallos do mercado, os desaxustes que se producen, como no caso do galego, que parte dunha situación de desigualdade respecto do castelán", sinala o economista Marcelino Fernández Mallo. No ámbito da economía, tamén se reforza o argumento do galego como marca de calidade -o profesor Francisco Sanjiao adoita pór como exemplo R ou Gadis-.
A "liberdade" dos contranormalizadores é a que Isaac Berlin chamou liberdade negativa: non impedimento -non intervención do Estado nas decisións individuais, neste caso-. Pero xa os liberais clásicos lle poñían límites: a liberdade dos demais, para J.S. Mill. Un liberal contemporáneo, J. Rawls, engadiu a xustiza, a non hai xustiza sen equidade: se hai desigualdade, o Estado debe intervir para corrixila.
No ensaio Hablar gallego? No veo por que, a investigadora Ana Iglesias sinala como os falantes de castelán moitas veces non se decatan das presións en contra do galego, os prexuízos, que distorsionan a súa "liberdade" de escoller. Sociolingüistas como Fernando Ramallo e Gabriel Rei-Doval teñen salientado, na senda do catalán Rafael Ninyoles, como o segmento das clases sociais altas e medias que historicamente se identificaron co castelán -ademais, desde o punto de vista sociolóxico xa hai familias que abandonaron o galego hai varias xeracións-, poden percibir os intentos de empoderarse dos galegofalantes, de acadar a igualdade nos ámbitos como o traballo, como unha ameaza. "O conflito deriva dunha lóxica orientada a prestixiar o galego que non é aceptada por unha parte da sociedade que aspira a reproducir e consolidar a xerarquía das linguas", sinalou Ramallo nunha entrevista. E de aí veñen tamén fenómenos como o rexeitamento e negación da propia lingua para apuntarse ó status da de prestixio -Paco Vázquez, por exemplo-.