Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Pilar García Negro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pilar García Negro. Amosar todas as publicacións

mércores, 12 de marzo de 2025

Segunda etapa de Longalingua

Entre os anos 2006 e 2010 A Mesa publicou unha revista, Longalingua. Hoxe recupera esta iniciativa pero agora faino mediante o formato dixital. A primeira publicación desta nova etapa conta cun artigo de Mª Pilar García Negro, Chea de futuro,  xunto cunha entrevista á mesma autora. Os contidos divulgaranse en plataformas como YouTube e Spotify. Desde este blogue tamén seguiremos a traxectoria desta publicación.

venres, 6 de outubro de 2023

Impresentábel

 


por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

Cen anos despois de que Eduardo Pondal –a requerimento do músico Pascual Veiga– escrebese a letra para un Himno galego (1890), o investigador Manuel Ferreiro estaba en condicións de estabelecer o texto verdadeiro, submetido, a través dos anos, a varias deturpacións. Quen traballamos desde hai décadas coa literatura de Rosalía de Castro e doutros clásicos sabemos ben o labor continuo de corrección que cómpre realizar neles para restaurarmos o sentido orixinal do escrito polos nosos antepasados. “Corrección” non significa refacción, xustamente o contrario: significa devolución ao texto da súa literalidade; recuperación, pois, da vontade autorial e do sentido que ela imprimiu ao seu poema ou á súa prosa. Pondal non escapa a esta necesidade de restauración e, no poema a que nos referimos, ela, a restauración, tórnase máis necesaria aínda por se tratar da letra do Himno nacional galego.

 

mércores, 7 de decembro de 2022

"Lusofonía" vulgar

 


por Pilar García Negro no Nós Diario:

O conto foi así. Recebín hai uns días aviso dunha mensaxe oral no meu telemóbel. Ao descoñecer o número, fixen a comprobación oportuna e verifiquei que se trataba dunha das pesadísimas –e consentidas– compañías telefónicas, dedicadas á caza e captura de clientela. O gravado di así: "Sale ahí... un contestador en portugués". O dito non era para min, obviamente, senón un comentario con algún compañeiro ou compañeira de traballo telefónico. A voz masculina tiña sotaque nativo. Cal, a miña mensaxe gravada?: "Deixe, se quixer, a súa mensaxe. Obrigada". Galego puro. En fin, o comentario tróuxome á memoria a gargallada descomunal da miña nai cando lle perguntaron nunha tenda (de que eu era clienta habitual) se a súa filla (servidora) era portuguesa. Galega coma min!!, exclamou ela. Hai moitos anos disto. Vese que a consideraban a ela fonte fiábel da información que a min non ousaran perguntar. En resumo: falar galego sempre, falar galego formal, público = portugués. Neles, nos portugueses, enténdese, porque non teñen máis remedio: é o seu. No noso caso, xa sabemos que se entende por "normal": mudar do galego ao español cando convén. Tamén me veu á memoria a afirmación do responsábel dun parque de campismo no Algarve (1978): ao ouvirnos falar a catro amigos, identificounos como galegos, para alegría nosa, mais aclarounos que se refería ao "galego" deles, isto é, o portugués setentrional, o sul da antiga Gallaecia, diríamos hoxe.

 

martes, 21 de xuño de 2022

"¡Viva la lengua gallega!"


por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

Non gosto de repetir temas en artigos consecutivos, mais no de hoxe é inevitábel. O meu inmediato anterior, sobre a jeada ou gheada, provocou unha enxurrada de comentarios, o que me levou a pensar que temos unha alta proporción de eruditos por metro cuadrado que saen á palestra cando se trata algo real. Agradézoos e felicítome por suscitar un debate (ou algo semellante) nun tema, o da lingua, que está semi-durmido ou anestesiado de máis. Ao profesor Henrique Monteagudo faltoulle tempo para replicar, mais non o tivo –non tivo tempo– para declarar autoría e título do artigo que provocaron o seu. Fiel ao seu estilo, omite ambos. Eu si me referirei no que segue ás súas observacións. É realmente rechamante que se cite unha tradición letrada amante do galego (no século XIX) para definir os seus autores como reos de clasismo e de superioridade moral. A erudición despregada é, porén, ben fraca, pois H. Monteagudo debera citar, en primeiro lugar, un adefesio con pretensións que vén sendo a primeira gramática do galego no XIX, a de Mirás, que fai uso sistemático da gheada (gindar, fogete, lanjrán...). Curioso que este autor tan "jeadista" aclare no prólogo da súa pretensa gramática que a escrebeu para aclarar voces galegas que, segundo el, non se entendían, "mientras no llegue un tiempo en que la civilización que allana las mayores dificultades nos haga así como formamos una sola nación, también de un mismo lenguaje". Sen comentarios.

 

martes, 14 de xuño de 2022

Carta aberta aos "jeadistas"


 por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

Como ven, escrebo directamente co "j" ("jeada"), para mellor caracterizar o que convencionalmente se grafa como "gheada". As gramáticas tradicionais definíana, xunto co chamado seseo, como dialectalismos proprios dunha ampla zona da Galiza. Non hai tal, realmente. O chamado seseo non é máis que a continuidade da pronuncia histórica (mantida en Portugal, como é ben sabido), por moito que se impuxese na fala o ceceo substituto. A jeada, en troca, é pegada directa do dominio do español, previo paso pola "gueada", á vista da inexistencia no galego do fonema do español. A represión exercida sobre o galego, todo el, virou en reprensión (violenta ou hilarante –outra forma represiva–) do español mal falado: "ánguel", "Virguen", "Gosé"... e tantos máis (na obra de temática galega de Dª Emilia Pardo Bazán poden atopar exemplos a esgalla). Tal reprensión provocou a hipercorrección: "jotas" á española igualmente á esgalla: "jato", "jallejo" e un longo etcétera. Popular? Se ecuacionamos este adxectivo a masivo no galego espontáneo de moitas partes do país, si. Se o consideramos como creación endóxena do povo galego, en absoluto. É, como dixemos, a marca flagrante do dominio do español, vehiculizada a través da deformación do galego. Quen fala espontaneamente con jeada, o mesmo vai dicer "jato" ou "jaliña" que "jueves" ou "juevos". Quer dicer, ese chamado galego popular é unha fala corrompida pola contaminación da lingua oficial do Estado. E isto non é un xuízo moral, por Deus!!: é simplesmente a descrición do que hai e pode ser rectificado, en ben da posesión dun idioma xenuíno, ou sexa, dun galego limpo de adherencias espurias, dun galego retornado a si mesmo.

mércores, 16 de febreiro de 2022

Un 155 lingüístico, fillo directo da Constitución española (I)


 por M. Pilar García Negro en Nós Diario:

O 13 de Outubro de 1983, o primeiro goberno PSOE do actual rexime interpón recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Normalización Lingüística da Comunidade Autónoma galega, promulgada aquel mesmo ano. Estamos no ecuador da primeira lexislatura autónomica. Ramón Piñeiro, deputado "independente" no grupo do PSOE e Domingo García Sabell, delegado do goberno español na Galiza e, á par, presidente da Real Academia Galega. Once meses antes, en Novembro de 1982, os deputados nacionalistas Bautista Álvarez, Lois Diéguez e Claudio López Garrido, desposuídos ilegalmente dos seus escanos, previa imposición dun regulamento que non existía na pose dos mesmos, programado expresamente para invalidar pola forza a lexítima representación obtida nas urnas. Así de edificante foi o comezo da "autonomía" galega. 32 meses despois de apresentado o recurso mencionado (vulnerando o proprio prazo marcado na lexislación), o Tribunal Constitucional dita sentenzas atinentes á lei galega, á basca e á catalá, igualmente impugnadas. Nelas, a pulcritude xurídica brilla esplendorosa, a base de peticións de principio como esta: "Aunque la Constitución no define, sino que da por supuesto lo que es una lengua oficial, la regulación que hace de la materia permite afirmar que es oficial una lengua, independientemente de su realidad y peso como fenómeno social, cuando es reconocida por los poderes públicos como medio normal de comunicación en y entre ellos y en su relación con los sujetos privados, con plena validez y efectos jurídicos".

 

mércores, 29 de decembro de 2021

Inverno, inmersión, imposición

por Pilar García Negro en Nós Diario: 

Ter que aturar que o máximo líder do PP aproveite a súa visita á Galiza para voxiferar (como diría Enric Juliana) barbaridades mendaces contra o catalán e a escola catalá, e que a ignonimia se compute a beneficio de inventario, sobarda toda a paciencia terapéutica de que poidamos dotarnos. Que o seu anfitrión, o presidente da Xunta, dixese literalmente: "Yo reivindico la Galicia cordial, el bilingüismo cordial, la Galicia donde hablamos español y castellano y donde lo que nos interesa es aspirar a hablar inglés" e tal aserto non merecese resposta –que saibamos– de nengún representante público galego, de nengunha institución galega, que mesmamente existen e viven grazas a que a lingua galega existe e sobre ela se edificou o artificio autoanémico, francamente fai decaír o ánimo até o caborco máis fondo. Non, non se tratou dun lapsus: é a fotografía realista da tríade sobre a que pousa a política autonómica: a reverencia ao Estado, a nomenclatura eufemístico-encobridora da imposición, a submisión ao idioma imperial no mundo global. O enterramento do galego no silencio, na non-existencia, na súa prescindencia absoluta. O inverno permanente, non o que antecede ao renovo da vida da primavera. O silencio face a tal carga de dinamita só pode significar que se dá a situación da lingua galega como normal ou ben que se considera que o desenlace é fatal e nada hai que facer contra el. Bilinguísmo cordial = doenza inoculada letal.

 

martes, 21 de decembro de 2021

Vento ou convento

 


por Mª Pilar García Negro no Nós Diario:

Na semana pasada, amiudaron as mensaxes da “Dirección General de Tráfico” (máis unha competencia estatal, nen transferida nen con trazas de o ser) para comunicar benéficas recomendacións na chamada operación retorno e, sobre todo, para evitar riscos causados pola neve a causa do temporal “en el Norte”. Aconsellábase, pois, adiantar a viaxe desde “el Norte”, suponse que ao centro e ao sul, isto é, Madrid-Madrid-Madrid, o embigo de toda a información. A cousa é cómica, por non dicer estupidamente anacrónica, para quen viaxamos dentro do “Norte”, que non se caracteriza mesmamente pola súa homoxeneidade. Non se me ocorre dubidar da bondade dos consellos atinentes ao tránsito daquela dirección xeral, mais constato que continúan vinculados ao esquema radial español da máis rancia rotina. Os amantes do simplismo que cualifica o rexime anterior, a ditadura, de sociedade en “blanco y negro”, supostamente mutada milagrosamente en sociedade colorida con todas as gamas cromáticas, deberan reparar no mantemento e reforzo de vellos esquemas non caducados nen cancelados. Meter no mesmo saco a Galiza, Asturias, provincia de Santander, Euzkadi, Logroño e Cataluña, do ponto de vista meteorolóxico e/ou climático, non é unicamente resaibo do pasado, senón unha contravención absoluta da xeografía e da realidade do “tempo” en cada unha delas. Xa non digamos atribuír á Galiza un “tempo” uniforme e homoxéneo, mais esta distinción é demasiado subtil para a cegueira do centro-Madrid.

 

martes, 14 de decembro de 2021

O galego é un virus que cómpre combater?


 por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

Mensaxe telefónica recebida para a terceira dose da vacina: SERGAS RECUERDA: (D......) tiene una cita para la dosis de refuerzo de la Vacunacion (sen til) COVID para el........ a las...., en el VACINACION (sen til) COVID........ Si usted esta (sen til) en cuarentena o presenta sintomas (sen til) covid no acuda, pongase (sen til) en contacto con su Centro de Salud. Para identificarse puede usar su tarjeta sanitaria, DNI o el siguiente codigo (sen til)......

 

luns, 8 de novembro de 2021

Todos, agás dous


Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, é o coordinador do libro A lingua en 2050 (Catro Ventos,2021) na que 25 persoas contestan a dúas preguntas sobre a situación da lingua galega no 2050: como cres que estaremos e como desexas que esteamos.

Todos, agás dous, concordan en certa medida coas palabras dun dos colaboradores, Celso Álvarez Caccamo, cando di que non cómpre ser sociolingüista para saber que no 2050 a situación do galego será peor. Este autor fala do español como lingua de relación, asociado a mellores redes sociais e mellores traballos.  Isto é falso, afirma, xa que moitos españolfalantes están no estratos baixos. Nesta liña tamén incide Teresa Moure, quen sostén que nas teorías clásicas o galego era a lingua das camadas populares pero hoxe óese castelán nas aldeas e entre os operarios da Citroën;  "o relato diglósico servía hai 100 anos, non hoxe". En xeral hai concordancia co que di Mª Pilar García Negro, que Mª. Pilar García Negro, que a literatura vai manterse viva. 

Todos, agás dous van na liña de Xosé Luís Regueira cando fala dunha perda de falantes por ruptura da transmisión modulada polo neofalantismo, Xosé-Henrique Costas afirma que a Xunta fomentou o monocultivo dunha lingua  invasora a semellanza do monocultivo do eucalipto. El adscríbese a unha crenza repetida por outros autores, que de seguir o actual ritmo só se falará galego nalgunhas áreas rurais e por grupos conscientes nas vilas e cidades, terá un uso ritual na Administración. Freixeiro Mato incluso se atreve a dar unha cifra: se non muda asituación no 2050 estariamos nun 15% de falantes habituais formado por persoas idosas xunto a unha minoría de resistentes. Nesta mesma liña apúntase Conchi Cochón, quen prevé a polarización entre falantes monolingïes. Quen enxerga unha tendencia alternativa é Rexina Rodríguez Veiga, fundamentada no aumento das grandes cidades. No noso caso, de sermos un satélite da mega-urbe madrileña, tenderíamos á dilución da lingua. A salvación podería vir se nos colocamos na órbita do Porto.

Todos, agás dous, afirman que a situación actual do galego non é boa a día de hoxe. Fran Alonso, que dirixe unha editorial que publica só en galego,  comenta que lle chegan máis curriculums vitae en castelán que en galego. Marcos Maceira apunta, entre moitos outros datos, que o galego é permitido sempre que fique convenientemente baixo control pois non se respectan nin os principios de mercado. De 25.872 títulos de series e filmes nas diversas plataformas, case todos contan con dobraxe en español, ningún en galego. A porcentaxe de galego na televisón é do 4% e na memoria anual do TSXG do 2019 só o 0,04% dos documentos se tramitaron en galego. Quique Costas destaca a funesta contribución dos medios  subvencionados polo uso do galego cando neses medios o galego ten unha presenza menor do 3%. Francisco Rodríguez sinala que existe aversión a asumir o galego como preferente na Administración. Xosé Luís Axeitos  lembra que o 5º Informe do Consello de Europa di que nin Galicia nin España garanten o uso do galego nin no ensino nin na xustiza. Tamén destaca que a RAG determinou nun estudo  que os mozos galegofalantes son bilingües mentres que os castelanfalantes son incompetentes. Axeitos parte da proposta de que os políticos só poden ter 3 actitudes: represión, tolerancia e promoción mentre que a dos falantes poden ser : satisfacción, resignación e defensa. Así as cousas, en Galicia temos o peor panorama posible para a revitalización do galego: tolerancia política e satisfacción dos falantes. Para Fernando Ramallo asúmese a minoración como trazo indisolubel da lingua galega e non se concibe unha política lingüistica que posibilite esa superación. Tamén argumenta que a desfeita das últimas décadas é de tal magnitude que se requerirán esforzos inmediatos para revertela.

Todos, agás dous, asinarían a declaración de X. L. Axeitos; "as linguas son compañeiras do poder político e econónico". En concreto, sostén que a política estatal é de nacional-monolingüismo. Ademais, segundo Xohan Cabana nos tempos actuais renovouse un proceso de destrución. Este mesmo autor advirte do destrutivo imperio do inglés; linguas con estado como o italiano estanse inglesificando, que non pasará con linguas minorizadas como o galego, sobre todo a nivel oral?  En palabras de Henrique Monteagudo, "o discurso da imposición fixo un dano enorme". 

Todos, agás dous, forman comparten a idea de Fernando Ramallo de que a política pode e debe facer moito. Como exemplo de concordancia con esta tese temos a Alonso Montero cando comenta que en calquera territorio cunha lingua sen estado a perpetuación e potenciación depende,no substancial, da política. Ramallo propón unha sociolingüística política que actúe na intervención desde o ensino secundario.  A educación debe ser emancipadora para protexer os dereitos sociais. Débese educar un suxeito ideolóxico. Asimesmo explica outro punto común, a necesidade de inmersión no ensino. "Cómpre expulsar á dereita do goberno galego", di Xohan Cabana, e engade que "a independencia de Galicia é necesaria pero non suficiente para a consolidación do galego". Pola súa banda Freixeiro Mato opina que se debería establecer o deber de coñecemento e que cómpre modicar o Estatuto. Seguindo este fío, Francisco Rodríguez recoñece que se poden facer cousas dentro do marco constitucional, pero chegará un momento en que isto non será suficiente. Para Rosa López a lei pode posibilitar, en maior ou menor grao, o uso da lingua minorizada pero imposibilita e impide que poida acceder ao estatus de lingua de prestixio. O galego saiu das casas e  non entrou nas escolas. Seguindo este discurso Conchi Cochón é da opinión de que non se debe seguir a expulsar o galego do ensino, hai que recuperar o espírito das Galescolas e ademais o galego debe ser requisito real e comprobable para ter acceso a subvencións.

A pesar dos puntos de encontro, no libro A lingua en 2050 tamén podemos achar discrepancias. Teresa Moure céntrase no tema da morte das linguas. Para ela o galego estará aínda máis morto. O "aínda" é porque rara vez as linguas morren dun disparo. Aclara que hai tres versións sobre a morte das linguas: a despreocupada (sempre sucedeu), a das catástrofes naturais (hai certa conciencia de abuso do dominante pero toda decisión ficas fóra da lingüística) e a de Tove Skutnabb-Kangas (que estuda os axentes culpables do asasinato das linguas).  Fronte a isto Henrique Monteagudo entende que se debe  modular o discurso catastrofista que pasou do nacionalismo á sociedade xeral e introduce a súa opción do bilingüismo restitutivo. Tamén Marcos Maceira mostra as súas diferenzas con Teresa Moure cando afirma que "os augurios de desaparición da lingua erraron por asumir o prexuízo da incapacidade do pobo galego a encontrar as súas propias solucións". Non é de estrañar, pois o pesimismo da lingüista da USC é unha fuxida cara o inmobilismo e a derrota. Ela mesma asegura que o seu proxecto de lingua non ten os días contados pois no 2050 continuará a falarse no Porto.

O portugués tamén forma parte dos discursos de algúns dos colaboradores. Álvarez Cáccamo critica o mercantilismo da Lei Paz Andrade pero aposta por  abrirse ao medios audiovisuais en lingua portuguesa. Freixeiro Mato vai máis alá e propón o estudo de protugués en todos oo niveis de ensino para ao rematar o secundairo, dominar completamente o estándar portugués. 

Os dous radicais

Nas anteriores aportacións hai aínda moito do que debater, pero todas poden formar parte dunha mesa de diálogo sobre o presente e o futuro da lingua porque, tal e como vimos, hai moitos puntos concordantes sobre os que construir consensos. Isto é así porque estes discursos parten da realidade. Pero hai dous que inventan un mundo paralelo. Desafortunadamente son os que proceden dos que nos gobernan, dos dous últimos secretarios de política lingüística que desenvolven unha visión radical conformada sobre un mundo inexistente co fin de poder continuar cunha política supremacista e de exclusión da lingua galega. Non teñen outra alternativa.

Por unha banda a Valentín García chégalle con que a lingua siga viva en 2050, a pouco aspira. Cualifica a supervivencia do galego a 30 anos vista como "un reto", sen conectar este feito coa súa responsabilidade no cargo que ocupa actualmente. Alude ao coñecido poema "Introdución" de Curros Enríquez e demostra non entender que o poeta ten que resolver a tensión entre o seu galeguismo e un internacionalismo fraternal adobado por unha teoría evolutiva que prevía a unificación das linguas. De aí que para Curros a consecuencia lóxica sexa que todo o mundo acabe falando galego. Pois ben, o actual secretario xeral  recolle a anécdota pero non profundiza, así clasifica este poema como utopía optimista pois para el o presente non existe. O corpo do artigo de Valentín é, esta sí, unha utopía do presente. Entre outras barbaridades, nega a dicotomía entre linguas maioritarias/minoritarias ou oficiais/non oficiais. Atrévese a afirmar que "o galego segue a ser a lingua maioritaria" ou que "as actitudes melloraron notablemente". Con estas bases, só se pode destrozar o futuro da lingua. 

Pero non hai malo que non admita peor. Anxo Lorenzo coloca unha bomba na liña de flotación da lingua cando afirma que "a evolución da situación sociolingüística nos 30 anos anteriores foi moi estable". Curiosamente recibe unha moi acertada resposta de Teresa Moure, quen ademais de establecer a falsidade desta sentenza desvela que é unha aceptación da derrota no cometido da Planificación Lingüística. Efectivamente, Anxo Lorenzo continúa dicindo que "... non parece que tal estabilidade vaia mudar significativamente nos vindeiros 30 anos". Está claro que este ex-secretario xeral de política lingüística asume plenamente o seu papel de taxidermista do galego. Para certificalo basta con debullar esta declaración: "a vitalidade do idioma vai continuar aumentando". Nun principio parece que se refire ao galego, iso na apariencia externa. Se indagamos pola súa veracidade, veremos que só será certa cando substituímos "idioma" por "castelán". Como se fose un animal disecado, Anxo Lorenzo leva a nosa atención ao idioma que corre e salta, mais cando fitamos cara o noso descubrímolo seco, oco e cheo de serrín. Velalquí a súa obra. 

Para continuar coa sua tanatopraxe Anxo Lorenzo aposta por un modelo de bilingüismo social ou bilingüismo de usos alternantes (sic) onde non fique claro cal é o papel ou o espazo do galego. Significativamente está máis interesado pola promoción do inglés que da nosa lingua. Pola contra considera que non hai motivos para aprender o portugués. Tan desprezable é a súa actitude que considera positiva para o futuro da lingua a caída da natalidade pois "limitará un posible impacto sobre a proporción xeral de falantes de galego". Ninguén coma el fixo tantas achegas para o holocausto lingüístico en Galicia. Anxo Lorenzo ten sobradamente merecido un posto de honra entre os Goebbels, os Hess, os asasinos da lingua.

Que nos queda?

Despois da lectura do libro quedeime con dúas achegas por seren as máis concretas en debuxar políticas para un futuro. Unha é a do propio coordinador, Fernando Ramallo e outra a de Marcos Maceira, de quen recollo esta reflexión final.

Se tomamos conciencia da realidade comezaremos a estar en condicións de transformala. A presión e a vontade popular foi quen conseguiu os pequenos avances. Precisamos unha sociedade consciente de si propia. Só con que todas as administracións reclamasen pólizas de seguros, xestións bancarias ou sinalética en galego, daríase un paso de xigante.

martes, 2 de novembro de 2021

Referentes

 


por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

 Hai 50 anos, exactamente o 24 de Outubro de 1971, un Pau Casals de 95 profere un discurso na sede da ONU en Nova Iorque, a celebrar a música que el proprio compuxera para un Himno á Paz, encomenda feita polo daquela secretario xeral da ONU, U Thant, e mais a receber a Medalla da Paz desta organización. A letra fóralle pedida ao poeta inglés Wystan Hugh Auden. O grande músico catalán e universal interpretou tamén na sede da ONU “El cant del ocells” e, aínda coa voz firme, proferiu un discurso, en catalán e en inglés, cuxa primeira afirmación foi: “I am a Catalan”. A seguir desta afirmación tan sinxela como rotunda e verdadeira, permitiuse explicar que á aquela altura a súa terra –catro provincias españolas– era unha great nation. De certo que o impacto deste discurso chegou a amplas capas da povoación catalá, cuxo goberno da Generalitat concedeu en 1979 a Medalla de Ouro da mesma, postumamente, ao seu grande artista. Morrera seis anos antes, en Outubro de 1973. Sen dúbida, un referente, onte e hoxe, da súa nación.

martes, 12 de outubro de 2021

Bayadolí

 


por Pilar García Negro en Nós Diario

Unha mistura de cansazo e indignación. En pleno século XXI, temos de aturar a deturpación inflixida aos nosos nomes de lugar, a barbarización de que falaba Castelao con exacta denominación hai máis de 70 anos. Ter que lembrar –38 anos após se promulgar a Lei de Normalización Lingüística, cuxo único artigo prescritivo é mesmamente o 10º, o atinente á toponimia– que A Toxa se chama A Toxa, e ter que lembralo, con vergoña allea, ao Xefe do Estado, a galegos gobernantes en activo, ex-gobernantes, magnates da hostalaría, ministras e demais membros da elite dirixente e ‘chupóptera’, causa noxo. Os señores López Seixas, Feixoo, Raxoi pódense poñer cabeza para abaixo, pés para arriba (como se nos dicía na infancia): os seus apelidos son galegos e só galegos. Acontece que o sobrelevan como un estigma e para circularen social e politicamente han de pagar o tributo ao amo salvador: deforman os seus nomes para os facer admisíbeis a aquel. A desgaleguización metida a ferro desde hai séculos non hai lei ‘autoanémica’ que a cure. En perfeita simetría co desaparecemento oficial da Galiza nas súas mentes e nas súas bocas, por abdución-absorción de España-Europa, nen sequer se conceden o dereito a chamárense como nos chamamos.

 

martes, 28 de setembro de 2021

Os galegos non sabemos ler español


 por Pilar García Negro en Nós Diario:

Non son leitora habitual do DOG; mais, na procura doutro asunto, batín cunha información da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro que me chamou poderosamente a atención: a resolución provisoria das axudas á tradución (activa e pasiva) de obras literarias a que poden concorrer editoras varias. Lembrei entón informacións deste diario en que se denunciaban prácticas intrusas, adxudicacións máis que problemáticas e, aínda, carencia absoluta de criterios na selección e concesión das mesmas. Verifiqueino agora pola miña conta. Tratar de achar criterios obxectivos de conveniencia e/ou utilidade na escolla de obras merecentes de seren traducidas ao galego ou ben desta lingua a outra é labor imposíbel.

 

martes, 7 de setembro de 2021

Máis do mesmo. Cara e cruz

 


por Pilar García Negro en Nós Diario:

"Falar galego é saudábel”. Tal foi o lema da campaña da Mesa pola Normalización Lingüística e mais do Grupo de Normalización do Estudantado de Medicina que apresentaron ao Presidente do Parlamento en Febreiro de 2020. Este diario informaba daquela de que esta campaña declaraba como obxectivo desenvolver con normalidade en galego a relación entre persoal sanitario e pacientes. Lembro isto porque, no meu último artigo, referinme á exigua presenza do galego na vida académica superior, e é de xustiza felicitar o labor de estudantes de Medicina que defenden algo tan elementar como poderen se familiarizar co galego na carreira e, así, teren unha base práctica para o exercicio posterior da súa profisión. Ninguén discute a necesidade de os futuros médicos saberen algo de grego, por ser esta lingua formante de termos científicos e clínicos. É menos o galego na Galiza? 

martes, 20 de xullo de 2021

O español precisa de protección.... e de diñeiro

 


por Pilar García Negro en Nós Diario:

Aloleada fiquei cando lin que se creaba unha "Oficina del Español" en Madrid. O nome é insuperábel, pois, como mínimo, é bisémico: tanto podemos entender que se trata dun gabinete público ao xeito de embaixada-refuxio para esta nacionalidade ou, como logo verificamos, para o idioma oficial do Estado. Aclarado este aspecto, tiven ocasión de ler abondosas críticas dirixidas ao seu titular, antano debelador de "chiringuitos" e experto en transfuguismos varios. Non concordo con elas. Na realidade, Toni Cantó non practica o transfuguismo senón a arte da reubicación dentro do mesmo campo españolista, e ao servizo dos mesmos obxectivos imperiais. Hai quen se escandaliza do pagamento de 75.000 euros anuais por semellante cacicada, mais non hai problema: os 5'4 millóns de euros de sanción aos cargos públicos cataláns, divididos por ese salario anual, dan para 72 anos de remuneración. Nengún problema.

mércores, 26 de maio de 2021

A voltas coa lingua galega

 por Mª Pilar García Negro en La Voz de Galicia:

Polo meu oficio, colecciono textos varios sobre a lingua galega. O abano é heteroxéneo, pois é un tema-imán que suscita moitas opinións e, mesmo, altisonantes ditames. Tamén prognósticos que, polo xeral, predican máis do emisor que do obxecto comentado. Concordo co xuízo expresado por Xosé Luís Barreiro cando valora que cómpre falar do tema con liberdade. A ela apelo para me declarar fascinada pola tese que sostén que o declive da lingua galega se debe a quen a usa. Claro que esta atribución non se expresa así. Dise que o problema reside en ela ser distintiva do nacionalismo e, por aquí, contaminada por parcial ou grupal, adherida a unha militancia e, xa que logo, limitada a súa expansión.

 

sábado, 1 de maio de 2021

O galego e a súa problemática hoxe (1987). Programa Encontros


Programa emitido no mes de maio do 1987 no que debatían sobre a situación naquela altura da lingua galega Xavier Alcalá (enxeñeiro de telecomunicacións), Xesús Ferro Ruibal (estudoso en temas sociolingüísticos), Pilar Garcia Negro (profesora e ensaísta), Juan Carlos Goñi (director de Radio Noroeste), Luís Moure Mariño (notario e escritor) e Manuel Taboada (director xeral de Política Lingüística) con Luís Álvarez Pousa como moderador.

 

mércores, 28 de abril de 2021

Que foi da lingua en 40 anos de Estatuto?


Van alá 40 anos do Estatuto. Como valorar a situación da lingua galega despois destas catro décadas?
Nesta conversa organizada pola Voz de Galica participan Mª Pilar García Negro, Henrique Monteagudo e Malores Villanueva.

 

martes, 27 de abril de 2021

Palabras que veñen e van


 por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

Son das que pensan que as aulas de lingua galega gañarían moito se o seu obxectivo principal fose a adquisición e mellora do uso dela mesma, na procura de asociacións que vaian para alén da materia e dunha gramática mal entendida. O galego que falamos e escrebemos é, tantas veces, pobre de solemnidade. Seco como unha folla de bacallau, influído semántica e lexicalmente polo español, sen o recordo de millenta usos fraseolóxicos e enfáticos que a nosa lingua posúe. Se a isto sumamos a tendencia a ‘apopularar’ falsamente a fala, mantendo nela o que a corrompeu historicamente, o resultado é penoso: non só combatemos a doenza, senón que a alimentamos. Demagoxia, non democracia.

 

martes, 20 de abril de 2021

A lingua galega, Peter Pan?


por Pilar García Negro, en Nós Diario:

A política lingüística española ten un amplo historial hexemonista, con moi pouca orixinalidade a respeito do modelo lingüicida francés.