Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Luís Seoane. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Luís Seoane. Amosar todas as publicacións

luns, 19 de decembro de 2011

Un programa de Efervesciencia sobre un estudo de linguas en competencia

Hai un programa semanal  de primeira na Radio Galega. Emítese ás 16:00 os sábados pola tarde, chámase Efervesciencia e está levado por Manuel Vicente. Dura unha horiña e vén sendo unha desas escasas xoias da divulgación científica en galego e que ademais está ao alcance de todos non só a través das ondas de radio senón por medio da lista de podcasts que podemos oir en calquer momento. No programa do pasado 17/12/2012 fixéronlle unha entrevista a Luís Seoane, un dos autores de varios artigos ([1], [2]) encol da supervivencia de dúas linguas en competencia xunto con Joge Mira e Ángel Paredes. Velaquí a entrevista (aproximadamente os 20 primeiros minutos do programa)



Aínda que as ecuación diferenciais que propoñen neste modelo son moi bonitas e  melloran outro estudo anterior eu sigo pensando que conviña revisar estes artigos coa contribución dun sociolingüista xa que, por exemplo, establecen a existencia dunha poboación de falantes bilingües ao mesmo nível que as outras de falantes dun par de linguas X e Y. Compría debullar moito máis o significado de "falante bilingüe" ou "poboación bilingüe" no caso de podermos atopar exemplos de tales conceptos. De todas formas o estudo realizado por estes tres investigadores galegos foi merecente de recoñecemento internacional, tal e como o desmostra a publicación dun artigo no Journal of Phisics.
Teño a impresión de que tanto á ciencia como á sociedade galega lle conviña seguir profundizando neste tema e que o mundo da cultura debería ter máis en conta as achegas que se fan desde o ámbito das ciencias. Claro que probablemente a falta de diálogo entre o mundo científico e o mundo das letras se deba fundamentalmente á falta de cultura científica do conxunto da poboación. Por iso cómpre espallar iniciativas de divulgación da ciencia do rigor, a vontade de entretenemento e a calidade con que cada semana o fan os membros de Efervesciencia.