Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Helena González. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Helena González. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de xuño de 2011

O que rexe e renxe na RAG

por Helena González, profesora na Universitat de Barcelona, no Xornal:


Sen pretensións de suficiencia dou­toral, nosoutras manifestamos unha protesta forte, densa e implacábel contra os vellos xeitos patriarcais que rexen, e renxen, na Real Academia Galega. Diante da defensa dun dereito evidente, e con tantiñas voces a petar na porta –léanse as adhesións a O xogo das cadeiras–, a Academia recuou para o couso do lobo e deixouno clariño. Coas súas decisións fala, e coas últimas mostrou incapacidade para ir canda os tempos. A última académica nomeouse en marzo de 2008; desde entón outorgóuselles cadeira a cinco escritores e filólogos. As últimas Letras Galegas dedicadas a unha escritora foron en 2007; deica Paz Andrade, xa se resolveron cinco. “Para que queredes unha escritora, unha intelectual, viva nas vosas cadeiras? Como non sabedes qué facer con elas, matádelas na invisibilidade e negádesvos a celebrarlles as pompas”. E este mesmo mal contáxiase como pandemia ás outras institucións da cultura galega.
Mais non se leven a engano, non procuramos o mero recoñecemento á traxectoria creativa ou intelectual das mulleres, porque sabemos que a cultura galega ten que poder xerar outros mecanismos de homenaxe sen botar man das cadeiras de veludo das institucións. Hai que poder arrequentar a Alba de Gloria por outras vías. Tampouco procuramos a inmortalidade, que a memoria común non se fai coas actas corporativas. E ese é o miolo do problema: nosoutras manifestamos o dereito a exercermos tamén a corresponsabilidade, a participarmos nos debates e retos da cultura agora, a afortalarmos as columnas da nación.
Non hai debate posíbel sobre as faragullas, sobre se resulta axeitada, ou non, tal candidata a esta cadeira ou a estoutro Día das Letras Galegas. Só a Real Academia Galega pode presentar candidaturas, só a Academia acorda os perfís, só a Academia decide os nomeamentos. Daquela só á Academia se lle pode atribuír a miopía, o medo e o rexeitamento ao diálogo co presente.
Non acatamos os mandatos dos nosos iguais e coidamos que a súa feitura é igual á nosa feitura, por iso sabemos que a Academia Galega é un síntoma dos vellos xeitos patriarcais que rexen, e renxen, nas institucións culturais de Galicia, que teiman en empoleirarse nas columnas do seu poder demediado. As mulleres sostemos a metade do ceo, seica, mais non se nos permite sentar nas casas comunais. Faltan aí as mulleres, as xeracións máis novas, os posicionamentos diversos. Canto máis se afirmen as institucións e os patriarcas en corporacións redundantes, demediadas, resesas e estreitas, máis mingua a súa autoridade. É decisión súa querer saír do couso do lobo e atender ao que acontece fóra. É decisión súa querer crear as dinámicas para renovarse e incorporar o presente. A vitalidade, o debate, a corresponsabilidade e o sentido crítico da cultura galega non está hoxe nin nas súas cadeiras nin nas súas liturxias.
E que aínda haxa que debullar estas razóns, Nicanora! Non se nos reclame nada.
--
Manifesto O xogo das cadeiras en xogodascadeiras.blogaliza.org

xoves, 14 de abril de 2011

Académicas, en plural

por Helena González, profesora da Universitat de Barcelona e unha das impulsoras do manifesto O xogo das cadeiras, no Xornal

e a Academia Galega é unha institución básica para a vertebración da nación e a defensa da lingua, non hai comparación posíbel. Non vale espellarse noutras academias para concluír coa vara de medir patriarcal: “Nosoutros, máis; temos máis mulleres”. Na Euskaltzaindia hai cinco, tres delas elixíronas por xunto en 2007 –é posíbel!–, e unha ocupa o cargo de vicepresidenta. Así que “nosoutros”, máis ben menos. Ademais, só unha decidida incorporación das mulleres, en plural, poderá situar a Academia Galega á altura destes tempos, que reclaman a representación paritaria nas institucións e o recoñecemento do labor desenvolvido nos distintos ámbitos da lingua.
No seu día aplaudimos a incorporación das catro académicas aínda vivas. A decisión tiña tanto de recoñecemento individual como de significación simbólica, porque as cadeiras sempre representan algo máis. E se cadra houbo quen recibiu na rúa Tabernas cada aplauso coa satisfacción dos deberiños feitos con fartura. “Muller incorporada, demanda superada!”, deberon pensar. Marran algúns académicos o tiro cando se laian de que esiximos dúas académicas máis en razón das cotas de igualdade e que iso prexudica a institución. De esixirmos o que en xustiza corresponde, aínda faltaría un bo cacho para acadar a representación paritaria e habería que refundar a corporación xa. Marran, e con toda a intención, porque de feito quen aplica as cotas de desigualdade son os académicos cando afirman: “Unha académica aínda, pero dúas… dúas!?”.
Por que dúas é demasiado e dou­s semella normal? Os feminismos aprendéronnos que os discursos do poder sempre aparentan normalidade e universalidade. O patriarcado institucional e o discurso nacionalista tenden a actuar co paraugas totalizador: antepoñen, como causa común, a defensa da nación e a lingua –urxente e fundamental, niso cadramos–, a outras causas imprescindíbeis pero que se relegan por secundarias ou só dunha parte, como lle ocorre ao recoñecemento e a implicación das mulleres en todos os ámbitos da vida pública. Por que hai que elixir?
As mulleres tamén producimos nación, lingua, ciencia, pensamento crítico, activismo social, desde posicións diferentes e mesmo encontradas. Nas institucións, porén, parece que unha muller representa todas as mulleres e deste xeito considéranse reemprazábeis, como se non tivesen traballo de seu, opinión diferenciada ou postura ideolóxica. E os homes? Aí a cousa cambia. Seica cadaquén representa unha traxectoria, unha eira do saber, da creación ou dos posicionamentos políticos que atravesan a cultura galega.
As institucións teñen que incorporar as mulleres, en plural e con pleno dereito, porque é de xustiza que participen nos debates e se corresponsabilicen das decisións. Agora a Academia Galega pode seguir co seu “xogo das cadeiras” ou responder con resolucións. Precisan unha lista?
Mulleres, en plural, na Academia Galega!