Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Marica Campo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Marica Campo. Amosar todas as publicacións

sábado, 10 de decembro de 2016

Adeus ao ano, non ao autor

por Marica Campo, en Terra e Tempo:

Finaliza en apenas un mes o ano dedicado ao benquerido Manuel María. Acontece a miúdo que, o escritor ou escritora obxecto da homenaxe decidida pola Academia, fica despois desa especie de exhumación soterrado para sempre. Non vai ser este o caso. Primeiro porque, aínda que se afondase máis na obra do autor, en ningún momento houbo que exhumalo xa que estaba vivo na memoria do pobo galego máis consciente do propio ser. E segundo –segundamente, diría el- porque ese afondar no seu legado literario e biográfico, fixo medrar, se couber, a súa persoa e a súa escrita.

domingo, 21 de decembro de 2014

Xeitos de roubar (I)

por Marica Campo en El Progreso:

A CONCIENCIA ética comeza a construírse sobre todo na familia e a unha idade temperá. Os anos vannos afirmando nela, modificándonola, ou aconsellándonos tirala pola ventá nalgún caso; mais, se algunha vez a tivemos, sempre seguirá aí, aínda que resoe coma o canto dun grilo na distancia.

venres, 9 de maio de 2014

Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”

Da Plataforma Queremos Galego:

Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”, da autoría de Marica Campo, que será lido nas 8 mobilizacións que terán lugar o 17 de maio de 2014 na Galiza.
O galego é a nosa lingua. A Galiza ten unha lingua de seu que é o galego. Por isto, non podemos tolerar que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do Inglés, se utilice como o seu sepultureiro. Até o Estatuto de Autonomía, que xa ten 33 anos, declara que o Galego é a lingua propia de Galiza. En boa lóxica, xa que é así, está na súa casa e non precisa permiso das outras, impostas e alleas, para se mover libremente polas diversas estancias.

domingo, 20 de abril de 2014

Non é xusto, señores e señoras da Academia

por Marica Campo, no xornal El Progreso:


ANDAN XA a circular por aí nomes de posíbeis dedicatarios das Letras Galegas 2015. Por exemplo o ‘Foro E. Peinador’, integrado por nove empresarios, reclámao para Enrique Peinador ou Isidro Parga Pondal. Non dubido dos seus merecementos e do atinado que é recordarnos que a nosa lingua pode e debe estar ligada ao mundo empresarial. Tamén eu o desexo para Fiz Vergara, Xela Arias, Luísa Villalta e Manuel María por citar só as que en vida me foron máis próximas. Porén, señores e señoras académicas, é vergoñento que a estas alturas Don Ricardo Carballo Calero (e tamén don Ricardo Carvalho Calero) non tivese o seu 17 de maio con todo o que isto suporía de exhumación, estudo e publicidade da súa obra, que á fin iso é o que fica despois dos fastos, oficiais e non oficiais, cos que se celebra un autor ou autora de noso.

venres, 4 de abril de 2014

xoves, 24 de febreiro de 2011

Trilingüismo

por Marica Campo, quen parece que se puxo de acordo con Manuel Vidal Villaverde para pegárenlle unha volta aos conceptos de bi- e tri-lingüismo. Desta volta na Nosa Terra:


Que o Decreto de Trilingüismo podía parir monstros era una sospeita ben fundada, mais sempre  nos quedaba a confianza no sentido común dos ensinantes e das familias. O tempo, que todo o fai patente, vainos mostrando como a nosa era unha esperanza va. Enténdese que as familias, que queren o mellor para os fillos, caian na trapela da oferta que se lles fai. Sairán, dinlles, dominando tres idiomas. Nada menos que dominando. O que é máis difícil de dixerir é que os profesionais, que saben ou deberían saber que a base de toda aprendizaxe é a propia lingua, estean a favor de equiparala a unha lingua estranxeira. Pois acontece. Eu sei dun centro que imparte, en Primeiro de Primaria!, o Coñecemento do Medio en inglés. A presenza do galego é a mínima, mesmo por baixo do que sinala a lei. A directora do colexio celebra a decisión dicindo que dela se derivou unha chuvia de material para o ensino: mesas, taboleiros, libros e non sei cantas cousas máis. Vaia, que os de arriba se senten moi satisfeitos coa escolla. Celebran que unha comunidade educativa –haberá moitas máis– estea disposta a lles seguir o xogo.
Coñezo moita xente nova que domina varios idiomas, mais empezou polos alicerces. Non sei que linguas se poden aprender desde a indixencia nas palabras que nomean o mundo próximo. É dese mundo do que se ocupa, a nivel de Primeiro de Primaria, o Coñecemento do Medio. Daría algo por ver por un furadiño como transcorre a clase, como se lle explica a un alumnado de seis anos, nunha lingua que descoñece, os conceptos desta área. Unha área de experiencia que, é obvio, só pode partir de experiencias vividas na lingua propia. Sospeito que falar de esperpento é pouco.
A isto chámanlle liberdade de elección. O tempo dirá o seu nome verdadeiro e, oxalá que me equivoque, parecerase bastante á afasia.

venres, 3 de decembro de 2010

O 'como', que o 'que' xa o sabemos

Máis sobre o debate arredor do informe de Monteagudo no IGEA, por Marica Campo, na Nosa Terra:


A min gustaríame que os nosos sociolingüistas que, se nunha cousa coinciden é en que hai que incorporar castelanfalantes ao galego, deixasen de lle buscar nomes ao ‘desideratum’ e deseñasen estratexias para facelo realidade. A doenza está abondo diagnosticada, cousa imprescindíbel, xaora. O paso seguinte é acudir á  farmacoloxía.  É moi doado teorizar, cualificar e descualificar; mais é moi difícil poñerlle o axóuxere ao gato. Non dubido da boa intención dos manifestos, informes, análises, artigos de opinión e demais produtos da inquedanza pola nosa lingua, dubido da súa eficacia se non van acompañados de propostas concretas. Esas son a nai do año e aí é onde cómpre que se mollen e nos mollemos. Ora ben, o desmantelamento progresivo que está a levar a cabo o actual goberno da Xunta de medidas adoptadas polos anteriores non deixa lugar á dúbida de cales son as súas verdadeiras intencións. Adoptar, aínda que sexa parcialmente, a súa terminoloxía, pode semellar unha adhesión a ela.
Eu acreditarei en calquera baseamento teórico que, ademais, busque camiños e denuncie o desbaratamento dos que había até agora. Friedrich Nietzsche recomendaba que desconfiásemos de todos os pensamentos que non nos acudisen camiñando. O problema é que o discurso da imposición calou tamén en amplos sectores dos que defendemos a normalización do galego e, con esa lente, vemos coacción en case todas as propostas. Camiñar, ás veces, produce bochas nos pés. Hai que asumir o risco. Como di o Evanxeo, ninguén pode servir a dous señores. Se queremos que o galego progrese, e nós, pobo galego, con el, teremos que renunciar, se cadra, ao consenso cos que mandan nesa leira.

xoves, 17 de xuño de 2010

A procura do tesouro

Este foi o texto gañador do VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2010 
por Marica Campo, docente e escritora, en Vieiros
É ben coñecido o conto aquel dun pai que, tendo uns fillos nugalláns, decidiu darlles unha lección póstuma e asegurarlles así o futuro. Anunciáballes no testamento a existencia dun tesouro nas terras que herdaban. Os fillos, movidos pola ambición, deixaron atrás a preguiza e dedicáronse en corpo e alma á procura do tesouro. Cavaron e cavaron até converter os terreos ermos nun verxel. Non tardaron en se decataren de que o achado era a feracidade daquelas terras.
Se cadra a nós tamén nos teñen falado do tesouro que é a nosa lingua propia, o galego; mais non acreditamos na verdade do anuncio. Coidamos que se trata dunha cuestión puramente sentimental, afastada da razón práctica. Unha atadura ao pasado que non leva a ningures. A onde nos trouxo este pensamento é doado de constatar. Os bens que pode xerar unha maior identificación co noso están aínda sen explorar abondo. Non parece errada a idea de que coa lingua recuperariamos o orgullo de sermos nós e, co orgullo, a capacidade de pensarmos unha Galiza menos dependente, máis creativa e, daquela, máis próspera. Nesta órbita se moveu o pensamento de Pondal e, consonte ao que deixou escrito, non semella apócrifa a súa resposta á pregunta de por que non prospera Galiza: «Porque renunciou á súa lingua».

O noso eido, como o do conto, está inculto e cheo de malas herbas. Estas son os prexuízos que inzaron por toda a parte e impiden a puxanza dos gromos, que os hai.

Entre as ortigas do pailanismo que nos leva a considerar superior todo o que vén de fóra, pugna por se abrir paso cara á luz a planta da conciencia dun pobo que ten na fala de seu o máximo expoñente e o máis puxante motor. Fronte aos saramagos do autoodio, a autoestima tenta o seu camiño. Mais unha especie nova vén sumarse ás que afogan o seu crecemento. Chámanlle imposición e compárana coa que se fixo do castelán outrora. A falacia do argumento evidénciase cun símil que pode parecer antigo: Non é o mesmo destronar un rei lexítimo que repoñelo no seu trono. Certamente non leron a Paulo Freire na súa Pedagoxía do oprimido, perfectamente aplicábel ao caso do galego. Segundo o autor brasileiro explica, mentres o opresor lle impide ao oprimido ser, o oprimido loita por este dereito. E, o que non é menos importante, os opresores, a prohibir que os outros sexan, non poden á súa vez ser. Daquela, ao retirarlles o poder de esmagar, restáuraselles a humanidade que perderon no uso da opresión.

Cómpre, xa que logo, unha revolución ecolingüística para erradicar as malas herbas e achar o tesouro. Temos o plano ben trazado coas palabras dos que nunca esqueceron a súa situación, Novoneyra por exemplo: «Recóllote da TERRA, estás mui fonda». Temos a forza do amor para converter a que tería que ser, en orixe, lingua materna, en lingua filial, amical, do ensino, do traballo e dos negocios. Se a cadea de transmisión quebrou na natural sucesión de elos, é preciso recompoñela como sexa, mesmo deixando á parte a súa configuración lineal e converténdoa en rosa dos ventos. Si, a sinalar todos os rumbos da existencia, a conxurar a pauliña de séculos que nos afastou do noso ser auténtico e nos desherdou.

Porque sucede que, por moito que teimemos en ignoralo, as cousas do corazón e as cousas de comer están misteriosamente unidas. Mais sucede tamén que aquelas son as primeiras no acontecer dos feitos.