Manuel González González avalía o 2013 desde a perspectiva da normalización da lingua galega, nas Voces de
Prolingua:
Váisenos un ano e temos que preguntarnos: avanzamos?, cara a onde imos? A resposta non invita a sentírmonos satisfeitos. Os problemas estruturais da lingua galega non só non se resolveron, senón que, en xeral, se agravaron. A transmisión do galego no seo da familia vai a menos e non se fai nada por remedialo, os xornais escritos en soporte papel están totalmente varridos (benvida Luzes, un facho de luz no medio da escuridade), aínda que é verdade que hai varios xornais dixitais que están a ocupar un espazo cada día máis importante dentro do sistema informativo galego, e están chamados a crecer aínda máis. O galego segue presentando unha asociación moi forte coa ideoloxía política, e isto non é achacable ao nacionalismo nin á esquerda: a realidade móstranos cada día nas tertulias dos medios de comunicación que as persoas que utilizan de maneira sistemática o castelán pertencen case sempre a un determinado sector ideolóxico. E isto é algo sobre o que deberían reflexionar algunhas forzas políticas: o problema non é, como tantas veces se ten manifestado, que o nacionalismo pretenda apoderarse en exclusiva do galego, o problema real é que sectores importantes de determinada ideoloxía o están abandonando, e ás veces mesmo facendo manifestación ostentosa dese feito, baseándose en que “tan gallego es el gallego como el castellano”. Slogan tan burdo que fala por si só.