Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Negro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Negro. Amosar todas as publicacións

martes, 22 de outubro de 2024

Carta aberta a D. José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude


 por Carlos Negro, en Nós Diario:

O sábado 12 de outubro, neste mesmo xornal, publicou vostede "O galego: un tesouro de todos e todas", un artigo que eu, docente de lingua galega con moitos cursos ao lombo, lin con interese, pois agardaba coñecer se anunciaba algún cambio de estratexia dos nosos representantes públicos para evitaren a desfeita que padece o noso idioma, confirmada polas estatísticas do IGE e corroborada cada día nas aulas.

 

domingo, 23 de febreiro de 2014

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2014

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2014:

Hoxe e sempre, Rosalía de Castro representa a fenda, a nosa fenda. Unha ferida aberta na conciencia colectiva, un talento literario irredutíbel a fórmulas caducas e tópicos amables. Unha voz que escribe para ser libre e consciente, aínda que manque e rabuñe, pois non quere ser flor. Solitaria e solidaria. Muller e galega nun mundo gobernado por raposos que non ocultan o rostro da barbarie, o fanatismo reaccionario.

sábado, 4 de maio de 2013

Do estigma á estima

por Carlos Negro, que nos achega a primeira recensión do libro de Valentina Formoso, no Sermos Galiza:


Propostas para un novo discurso lingüístico, da autoría da profesora Valentina Formoso Gosende; un ensaio que ofrece, a partir da análise das actitudes da mocidade en contextos sociais galegofalantes, unha mostra significativa da persistencia dos estereotipos negativos sobre a lingua galega, cun monllo de preconceptos que explican a deslealdade lingüística da xente máis nova, e que poñen en evidencia, máis alá da frialdade estatística, o noso fracaso colectivo como sociedade á hora de construírmos un imaxinario social positivo a prol da normalización do idioma.

domingo, 17 de marzo de 2013

Flexibilidade

por Carlos Negro no Sermos Galiza:


Vén de nacer, da boca do Presidente da Xunta de Galicia, un innovador concepto de sociolingüística aplicado ao ensino: o do bilingüismo flexible, que supoño debemos entender como un chanzo superior na escala evolutiva que se iniciou co bilingüismo harmónico, proseguiu co bilingüismo cordial e chegou ata os nosos días co plurilingüismo de academia británica.

luns, 25 de febreiro de 2013

Meniña gaiteira

por Carlos Negro, no Sermos Galiza:

Neste tempo de invernía, nunha especie de celebración para os meus adentros, regresei á lectura de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, agora que se conmemora o 150 aniversario da edición de 1863. E así como quen non quere a cousa, a cabeciña (esa que parar, para pouco) comezou a lle dar voltas a certas suxestións arredor da esencia desta obra fundacional da literatura galega contemporánea.

luns, 19 de novembro de 2012

Mexamos sobre os que choven por nós

por Carlos Negro, en Sermos Galiza:

Hai algo máis dun ano, nun artigo que no seu momento suscitou non pouca controversia, suxería a necesidade de atopar unha nova linguaxe para seducir a esa cidadanía que, vítima dos prexuízos históricos e da propaganda da ultradereita, deu por certo ese discurso hipócrita da “imposición do galego” por parte do goberno bipartito, en contraposición coa suposta “liberdade lingüística” que Alberto Núñez Feijoo vendeu, con enormes doses de cinismo, como símbolo do seu primeiro programa de goberno.

venres, 8 de xuño de 2012

Cabo Jóm e Body Milk (leccións de plurilingüismo)

Este artigo de Carlos Negro tróxume á memoria un suceso real que apuntara por aquí xa hai algún tempo: 'O xel, el gel, the set'
E velaquí o artigo de Carlos Negro en Sermos Galiza:

Hai xa moitos anos, cando aínda nos podiamos permitir o luxo da inxenuidade, algúns cidadáns deste país mesmo chegamos a acreditar que os grandes magnates do mundo empresarial tiñan a ben concederlle á nosa lingua un oco digno no andel da modernidade: foi así que, parviolos ilusos, visitamos por primeira vez os establecementos de Zara Home coa esperanza de atopar dentro un catálogo de prendas de vestir masculinas con etiquetaxe en galego. Mais saímos de alí cun edredón nórdico fabricado en Tailandia para ocultar a decepción do noso rostro.
Logo desta clase práctica de business is business, comprendemos que o primeiro paso cara ao plurilingüismo made in Galicia estaba dado: non nos estrañe, pois, que unha turista madrileña, extasiada diante da beleza atlántica da península do Morrazo, exclamase con fervor anglófilo: ¡y que vistas tenéis desde Cabo Jóm! Desde xeito, avanzamos un chanzo máis no proceso de adaptación da toponimia autóctona ao signo dos tempos, con traslación automática á fonética internacional. Porque, postos a innovar, mesmo o bilingüismo harmónico da era Fraga semella xa un arcaísmo.

domingo, 19 de xuño de 2011

Carlos Negro: 'As mensaxes de defensa do idioma non chegan á sociedade'

entrevista a Carlos Negro para Galicia Hoxe:

As "cavilacións" do escritor Carlos Negro no artigo Queremos galego, mais... sabémolo vender?, publicado na revista Terra e Tempo, nacen da participación en mobilizacións como as do Día das Letras, convencido de que "o modelo reivindicativo que vincula lingua e nacionalismo presenta síntomas de esgotamento" e de que falta "eficacia publicitaria". Por iso, convida a reflexionar sobre "a necesidade de renovar as estratexias comunicativas" para a defensa do galego.

Cre que se abriu ese debate?
Espero que si. A miña idea inicial era poñerlle voz a un estado de ánimo de moita xente que está arredor da defensa da lingua, e que vén da sensación de que, por un ánimo defensivo ou polas agresións recibidas desde o poder, as actuacións son un pouco repetitivas e dirixidas á mesma parroquia. Iso crea un círculo pechado no que non hai perdas pero tampouco ganancias.
Entón, ¿non son eficaces as accións reivindicativas actuais?
Non o son fóra do círculo dos que xa teñen unha empatía co nacionalismo e coas esquerdas. Ben polos prexuízos, ben pola acción dos medios de comunicación, as mensaxes de defensa do idioma non chegan á sociedade. Proba diso é que non se recuperan falantes e que ás veces o único que chega é a mensaxe de imposición do galego, que é un absurdo. Hai que procurar un discurso máis plural, que non aparezan sempre os mesmos rostros e palabras, e buscar estratexias atractivas e máis enfocadas a un público non concienciado. Hai que ter máis empatía coa sociedade, para conectar coa xente, e menos homilía.
Di que se "rasca onde non pica". Onde habería que rascar?
Habería que diversificar a mensaxe, porque non en todos os ámbitos sociais e xeográficos hai a mesma problemática. E, sobre todo, que o discurso sexa menos ideolóxico, de cidadán a cidadán, para que se descubra que o galego é unha riqueza e útil.
A reflexión parte dun acto de Queremos Galego, pero hai máis.
O feito de que existan diversas plataformas é bo de entrada, porque é enriquecedor que haxa distintas perspectivas. Non sobra ningunha.
Recibiu moitos "paus"? Ao escribir xa cría que algún levaría.
En xeral, non. Felicitoume moita xente e á que non lle gustou, en xeral, mantén o respecto. É unha achega ao diálogo, non unha crítica que queira arrasar con todo o que se leva feito; ao contrario.
En todo caso, seguirá participando en actos de Queremos Galego...
O protagonismo debe ser de persoas que non teñan que ver directamente coa cultura, pero non penso deixar de acudir a actos que defendan o galego porque o inimigo é outro. Son eses sectores reaccionarios, moi ideolóxicos e poderosos que no fondo rexeitan a presenza do galego.

domingo, 29 de maio de 2011

Queremos galego, mais... sabémolo vender?

por Carlos Negro, en Terra e Tempo:

O pasado 17 de maio de 2011, na vila pontevedresa de Lalín, quen lles fala participou, como un colaborador máis, na mobilización expansiva organizada por Queremos galego co obxectivo de reivindicarmos o uso do noso idioma nos concellos, mais tamén de denunciar, dun modo colectivo e visíbel, as políticas de marxinación da lingua galega postas en práctica polo actual goberno do Partido Popular de Galicia.

Logo da celebración deste acto simbólico, e ao fío doutras convocatorias case idénticas, quixera facer públicas certas cavilacións que se cadra son froito do meu maxín afervoado, que tende case sempre a buscarlle cinco pés ao gato e tres patas á mesa; mais, por se acaso convidan a iniciar un proceso de reflexión sobre a necesidade de renovar as estratexias comunicativas en torno á defensa da lingua, procedo a poñelas por escrito, sendo consciente de que algún pau hei levar por non saber estar calado. Ou como aconsellaría un vello petrucio, con sabia prudencia: "Non metas os fociños nos asuntos da política".

Permitan, logo, que expoña as miñas divagacións a xeito de sucintos telegramas:

a) O modelo reivindicativo que vencella, unha e outra vez, lingua e nacionalismo presenta evidentes síntomas de esgotamento. Sempre nos reunimos as mesmas e os mesmos, en palcos e prazas semellantes, con lemas e consignas cargados de razón cívica e compromiso identitario, mais escasos de eficacia publicitaria. Dito doutro xeito: vendemos paraugas no deserto e frigoríficos no ártico. Ou como ben dixera aquel cacique indio dun relato de Eduarno Galeano logo de ter escoitado o discurso evanxelizador dos misioneiros católicos:"Eso rasca. Y rasca mucho, y rasca muy bien. Pero rasca donde no pica."

b) Resulta conmovedor que músicos, poetas e artistas de variedades sexamos o prebe de todos os pratos festivos, o adobío simbólico que igual vale para un roto que para un descosido; e aí seguimos, que tumba que dálle, ano tras ano: a soster pancartas e ler panfletos en público, mentres as nosos veciñas e veciños van á praia, pasean o can ou rifan de fútbol. Mais os tempos son chegados de que os manifestos a prol da lingua os faga públicos o panadeiro de barrio ou o promotor inmobiliario que nos vendeu o piso, e non un fato de poetas inspirado polo monótono fungar dos rumorosos.

c) Invocar os textos canónicos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ante un auditorio previamente convencido das súas bondades ideolóxicas e literarias resulta tan previsíbel como unha ladaíña que se recita de memoria para as devotas da novena, e que actúa máis como contrasinal relixioso que como catalizador de vontades. Dito doutro xeito: hai que renovar o repertorio para que o público, por moi fiel que sexa, non cambie de orquestra.

d) Un manifesto, como texto de intervención pública que procura conmover os ánimos dunha cidadanía necesariamente heteroxénea, non pode redactarse como se fose un memorial administrativo de ofensas e agravios, destinado a consumo militante, e desprovisto de elementos persuasivos como o humor e a ironía, a elegancia retórica e o esmero léxico, a apelación ao entorno afectivo das persoas que teñen a ben escoitarnos. Pois non se pescan troitas coas bragas enxoitas nin con discursos resesos na codia do estilo.

e) Por último, vai sendo hora de que ninguén, sexa cal sexa o seu grao de responsabilidade na defensa pública do idioma, se considere unha especie de cabaleiro da Táboa Redonda á procura do Grial identitario; pois, gústenos ou non, a sociedade galega contemporánea resulta un organismo demasiado complexo para reducilo a fórmulas de libro de texto, e só poderemos conquistar un futuro vizoso para o idioma desde a intelixencia política e a flexibilidade ideolóxica, sen dividir o país en bos e malos, en indios e vaqueiros, en mártires e verdugos.

Porque quizais, para derrotar o discurso insidioso que fomentan os sectores máis reaccionarios do nacionalismo españolista (que habelo, por suposto, hailo), a liña máis recta segue a ser un carreiro cheo de curvas. Unha corredoira de ideas anovadoras en troques dunha barricada de preceptos defensivos.

E quen queira entender, que entenda. E quen non, faga favor de seguir libremente o seu camiño.

venres, 29 de abril de 2011

Lois Pereiro e o 17 de maio (cavilacións menores pola parte de atrás dun folio reciclado)

por Carlos Negro en Terra e Tempo:

Desde un punto de vista histórico, a decisión da Real Academia Galega de dedicar o Día das Letras Galegas á figura de Lois Pereiro pode entenderse como un paso adiante na diversificación do perfil dos homenaxeados, sobre todo en canto favorece unha visión menos ríxida das "tipoloxías estéticas" da literatura galega, e contribúe a romper tópicos sobre a heteroxeneidade dos autores e autoras máis contemporáneos. Representa, en certo modo, a aceptación académica dunha actitude inconformista que se move nas marxes do ideario nacional que adoita definir aos bos e xenerosos. Foi como se entrase aire fresco na rúa Tabernas, unhas pingas de punk e anarquismo, estética rock e pegadas de contracultura urbana, angustia existencial e dandismo monfortino.

Aínda así, a decisión da Academia non está exenta de certos riscos; un enfoque crítico apresurado da figura de Lois Pereiro podería levar a convertelo nunha icona do malditismo literario, transformando a súa imaxe nun fotograma morboso, sobre todo se a análise das súas circunstancias biográficas potencia o apetito do público polas vísceras, desprazando a un segundo plano o coñecemento intrínseco da súa produción literaria. Neste contexto inmediato dos fastos do 17 de maio, e aínda que se faga con nobres intencións, Lois podería rematar por ser exhibido como un espectro de ultratumba atrapado nunha roda de sensacionalismo en torno ás súas adiccións e enfermidades. E iso quizais sexa rendíbel desde unha perspectiva publicitaria, pero non contribúe a que se lean máis e mellor os seus versos.

A fin de contas, quizais Lois Pereiro só trataba de ser un mozo con ansias de vivir en plenitude, un poeta que procuraba a través da literatura unha forma de redención dos seus infernos particulares, dos seus medos máis íntimos; e resulta obvio que os seus poemas expresan unha intensa procura da verdade, da súa fonda verdade, escribindo coas veas abertas, mollando a pluma no seu sangue, como diría Rosalía de Castro. E iso é o que lle concede un valor extraordinario á súa obra, máis alá da bagaxe cultural que agochan (ou amosan) moitos dos seus textos: unha autenticidade plena, desprovista de artificio evanescente, que toca temas como a radical consciencia da morte, a vivencia ao límite do amor e o desexo, a enfermidade como hábitat, a ironía e o humor como antídotos contra a angustia e o fatalismo. E, sobre todo, os seus poemas transmiten algo que non abunda entre tanta literatura de catálogo turístico: furia e intensidade, enerxía existencial desde a beira mesma do abismo. 

Desde outra perspectiva, non deixan de sorprender certas estratexias do sector editorial en torno á promoción da figura literaria homenaxeada cada 17 de maio, cunha especie de frenesí de publicacións que, ás veces, semella máis consecuencia dun impulso ansioso por ocupar un oco urxente no andel de novidades ca dunha análise racional da cantidade de textos que pode asimilar o público lector. Dito doutro xeito: nin sequera Lois Pereiro está libre de padecer certa inflación textual arredor da súa vida e obra, non necesariamente negativa, mais si, quizais, un chisco esaxerada.

Obviamente, non se trata de poñer en dúbida a calidade literaria de Lois, nin de negar o dereito das empresas editoras do país a beneficiárense economicamente do interese que esperta na sociedade o autor monfortino. Mais quizais resulte saudábel preguntarse se calquera escritor actual do país, incluído Lois Pereiro, precisa que, nun prazo dunhas poucas semanas, aparezan no mercado catro biografías, aínda que veñan asinadas por autores/as tan respectables como Antón Lopo, Marcos Calveiro, Mercedes Queixas ou Iago Martínez. E quizais tamén habería que cavilar se, nestes tempos convulsos para a industria cultural, podemos permitirnos o luxo de repetir análises globalmente coincidentes sobre un mesmo poeta contemporáneo, mentres moitos dos nosos clásicos (ou clásicas) seguen a agardar por unhas migallas de atención crítica que permita un coñecemento máis axustado do seu labor literario.

E, con toda a prudencia, pregunto se non nos estaremos a deixar arrastrar tamén por certas doses de euforia desmedida. Se non estaremos a usar de Lois Pereiro non en calidade de escritor, senón de espectro: como unha especie de espírito do alén que esperta en nós unha atracción sentimental que vai máis alá dos seus valores literarios, para achegarse ao esvaradío ámbito da mitomanía adolescente; porque, gústenos ou non, os cadáveres fermosos son os que máis flores acumulan nas tumbas, aínda que unha morte prematura nunca debería sumar ou restar valor no mercado dos méritos literarios.

En todo caso, non esquezan o principal: lean a Lois Pereiro, e abran ás portas ao alento da vida.