Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Ciencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ciencia. Amosar todas as publicacións

mércores, 27 de outubro de 2021

Dous vídeos sobre Jocelyn Bell

 Jocelyn Bell é unha astrofísica norteirlandesa que descubriu o primeiro radiosinal dun púlsar, unha estrela de neutróns que se forma pola explosión dunha supernova, Estivo o pasado 21/10/2021 na Coruña para dar unha conferencia no XXIV Contreso Estatal de Astronomía

AstroXabi aproveitou a ocasión para facerlle unha pequena entrevista na que, en poucos minutos se nos ofrece un completo perfil da astrónoma


Ademais Martin Pawley subtitulou o seguinte documental sobre Jocelyn Bell realizado para o New York Times no que aprenderemos como se chegou ao descubrimento dos púlsares e como este avance foi premiado co Nóbel, pero o premio non llo concederon a Jocelyn, senón unicamente ao seu director de tese. Unha mostra dos mecanismos sociais de discriminación da muller, paralelos aos de discriminación de linguas como a nosa. Nunca sobra lembrar que o ensino en galego das ciencias en secundaria está prohibido. Non hai ningún obstáculo para ensinar as matemáticas ou a física en castelán ou incluso en inglés. 

sábado, 25 de setembro de 2021

Conseguiremos a alegría de descubrir... e a de impartir aulas de ciencia en galego


Este capítulo protagonizado por Iria Veiga e Ángel Carracedo pecha a serie Coseguiremos da RAG que tiña o obxectivo de darlle voz á mocidade con talento que vive e crea en galego. Estes dous médicos concordan tanto na importancia da comunicación da ciencia á sociedade como na importancia de facelo en galego.
Desafortunadamente os que detentan o poder político prohíben desde hai 11 anos a transmisión de coñecementos na escola das materias científicas. 

 

martes, 18 de febreiro de 2020

Unha xenialidade do IES de Brión: mulleres matemáticas e xogos





Grazas a este chío de Elena Vázquez Cendón tiven noticia da abrumadora cantidade de actividades que organizaron no IES de Brión para celebrar o Día da nena e a muller na ciencia, 11 de febreiro. Entre elas están a confección desta xenialidade na que se fai un marabilloso percorrido achegándolos 14  mulleres matemáticas con vídeos e pósters de cada unha.  Cando vin e escoitei a Hipatia, a Emmy Noether ou a Florence Nigthingale a falar sobre a súa obra, case caio da cadeira abaixo.  Ademais, de regalo, engándense non poucos xogos coas máis variadas aplicacións.
Se quedamos impresionados con todo este relato de actividades, aínda nos quedan por tratar os proxectos cos que participaron no concurso Wisibilizalas, LuminísTICas no 2019 e Wisibilizalas: Mulleres Galegas, no 2020.
Mil aplausos para os rapaces de 3ºC e 4ºA que colaboraron neste traballo, así como ao resto do alumnado e profesorado, capaces de crear unha xanela que permite entrar a luz e o aire limpo destas mulleres científicas.

domingo, 9 de xuño de 2019

I concurso de ilustración científica Ramón Mª Aller

No IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín) tiveron a excelente idea de xuntar a arte e a ciencia nun concurso de ilustracións científicas. Foi promovido polos departamentos de Bioloxía e Debuxo.
Parabéns pola iniciativa, e a seguir avanzando na ciencia en galego, como se fai decote no blogue Toc-Toc-A-Ciencia



mércores, 20 de marzo de 2019

A táboa periódica dos elementos en galego

En 1869 Mendeleev publicaba a súa célebre táboa periódica, na que establecía a súa ordenación dos elementos químicos até entón coñecidos. Isto marcaría un fito de gran relevancia na historia da ciencia xa que, aínda hoxe, se segue a utilizar para facer e construír a química. Por isto, as Nacións Unidas quixeron conmemoralo declarando o 2019 Ano Internacional da Táboa Periódica co obxectivo de que os membros da nosa sociedade, sobre todo os máis novos, coñezan e recoñezan a súa extraordinaria importancia para a ciencia.
Con este motivo o Consello da Cultura Galega organizou unha xornada, O ano internacional da táboa periódica: reflexións dende Galicia na que se presentou, unha táboa en galego. Isto lévanos outra vez a denunciar a política lingüística da Xunta que prohibe o uso desta táboa xusto onde máis se debe utilizar, nas aulas do ensino secundario. Este tipo de actitudes contra a lingua chocan con outras como a do grupo Ciencia NOSA que elabora excelentes materiais de divulgación da química na nosa lingua ou dos editores da Galipedia que elaboraron unha entrada para, precisamente, táboa periódica dos elementos de calidade excepcional e que é referencia para outras linguas da Wikipedia.
Coa recomendación de non seguir as directrices da política lingüística da Xunta, deixo por aquí a posibilidade de descargar a táboa periódica
Máis información en Ciencia NOSA , en GCiencia ou no CCG

luns, 11 de febreiro de 2019

Muller e ciencia no IES Pontepedriña


Hoxe é o Día da Muller e a Nena na ciencia. O ENDL do IES Pontepedriña (Santiago) elaborou este audiovisual no que tiven a alegría de ver máis de unha cara coñecida. Neste caso apostaron polo próxico, o que tiñan na casa. Entrevistaron a profesoras do ámbito científico para comentar a súa experiencia, reflexionar sobre o papel da muller na sociedade e invitar ás mozas que están estudando hoxe en día na secundaria a mergullarse nunha carreira de corte científico.
Parabéns polo traballo ben feito.

luns, 18 de xuño de 2018

Hipocrisía e premios científicos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística divulgaba o seu apoio [e +] aos premios Ofelia Devesa que se conceden no IES Xelmírez II (Santiago) e gabáse de contribuír así ao espallamento da ciencia en galego, xa que os premios Ofelia Devesa valoran que se ofreza algún aspecto científico tendo como protagonistas aos participantes.
A calquera se lle fai evidente que o nivel de hipocrisía non pode ser maior. Por unha banda sacamos a foto cos gañadores dun certame centrado na divulgación en galego dun aspecto científico mentres que a política lingüística que se leva a cabo é xustamente a contraria: a de prohibir impartir aulas das materias científicas na nosa lingua. Con este tipo de actos preténdese lavar as mans manchadas polo sangue do asasinato da transmisión da lingua ás novas xenenacións. Hai que ser moi estúpido, moi hipócrita ou ambas cousas para acreditar neste tipo de manipulacións.

Os traballos premiados
Os audiovisuais que recibiron o premio son os que compartimos aquí.




O primeiro dos vídeos da categoría (1º a 3º da ESO) é unha recreación do conto Dióxenes do libro Made in Galiza, de Séchu Sende que trata sobre a morte dos porco espiños, e en xeral, os animais mortos nas estradas. A este respecto, convén lembrar a guía de lectura realizada por Pilar Ponte. No apartado adicado a este conto recolle unha proposta de reflexión do IES Ramón Mª Aller:
Segundo os datos da UNESCO cada ano morren entre 25 e 30 linguas no mundo, e o 90% extinguiranse nos vindeiros cen anos, ao mesmo tempo asistimos ao nacemento ou consolidación doutras, especialmente os denominados crioulos ou pidgins. Cal coidas que será a lingua máis falada en Galicia dentro deses cen anos?




O segundo dos vídeos premiados, o da categoría 4º ESO e Bacharelato, trata sobre a comparación entre o cerebro e os ordenadores. Unha reflexión sobre o funcionamento da mente.

xoves, 3 de maio de 2018

Lecturas astronómicas en galego

No Departamento de Matemáticas do IES Antón Losada proxectaramos o curso pasado impartir durante este a materia de Astronomía como optativa do centro para 1º de bacharelato (1 hora lectiva semanal). Incomprensiblemente non nos deron o permiso desde a inspección.
Con todo, nesa materia estaba previsto recomendar a lectura dalgúns libros para achegarse a distintos aspectos da astronomía. Propúxoselle a parte do alumnado que lesen e traballasen con estes libros como actividade extraescolar, do estilo dos clubs de lectura. Alén da extensa anotación de Damián Campos, quizais os traballos que ofrecen os resumos máis sintéticos e visuais son os realizados por outra alumna de 2º de bacharelato, Laura Rey Vigo. Aquí os comparto, ao tempo que presento os libros en cuestión.
Esta entrada ten un punto triste: preséntanse tres libros de divulgación científica en galego, será prácticamente imposible dar con outro que non se mencione aquí. Estamos ante o panorama dunha cultura arrasada.

O primeiro, o que é para min o mellor libro de divulgación científica escrito en galego, e un dos mellores que lin nunca. Trátase de E fixemos a luz! (USC 2015), de Salvador Bará. Forma parte da colección Biblioteca de divulgación. Serie científica, con poucos, pero gorentosos exemplares.




O segundo libro ten unha excelente edición, ¿A que altura está o ceo? (Alvarellos, 2016). Debido á proxección mediática do seu autor, Jorge Mira, é quizais o máis popular dos tres. Relata os fitos máis importantes na medición do universo. Laura escolle nesta presentación algúns dos que máis lle chamaron a atención.



Por último, un clásico, o Sidereus Nuncius, de Galileo Galilei. Premendo na ligazón pódese acceder á publicación en galego realizada polo MUNCYT no ano 2011. Esta obra foi a que impulsou o debate sobre o heliocentrismo. Cando se publica, no 1610, xa pasaran máis de 60 anos da edición do De Revolutionibus de Copérnico, pero non foi ata a aparición do texto galileano que comenzou o verdadeiro tirapuxa entre o xeocentrismo e o heliocentrismo. Dunha banda: o poder da Igrexa, da outra, o talento e os argumentos de Galileo.
O Sidereus Nuncius é un texto curto, de doada comprensión, o cal é moi de agradecer nun escrito de índole científica. Lévanos á cerna do debate científico que acabaría na cualificación de herética á proposta copernicana e á conseguinte prohibición dos libros que a defendesen. É fundamental para comprender a dicotomía ciencia-relixión e para adentrarse no estudo da historia da ciencia.

luns, 23 de abril de 2018

O estrambótico mundo cuántico



Hai menos dun mes traiamos por aquí unha conferencia da matemática Elena Vázquez Abal que formaba parte do programa Achegando a ciencia que se está a celebrar en Lugo. Ao ver esta nova achega non puiden resistir compartila. Beizóns ao concello, ao colectivo Caladiños que organizan esta serie de conferencias divulgativas. A intervención de Cibrán Santamarina, de visión obrigada e un recurso para utilizar nas nosas aulas.
Por certo, especiais felicitacións pola gravación dos experimentos.

venres, 13 de abril de 2018

Ciencia en galego no punto de mira do Taboada Chivite



Velaquí un dos 8 vídeos da lista que elaborou o alumnado de 2º de bacharelato C do IES Xesús Taboada Chivite (Verín). Tal e como nos contan desde o ENDL dese centro, este gorentoso traballo  tivo o seu inicio na lectura do libro A ciencia no punto de mira (Auga editora 2011), da autoría de Jorge Mira. 
A lista de reprodución titulárona Facendo ciencia en galego!, así, con admiración. E hai que facelo así porque desde o decretazo contra o galego a Xunta prohibiu traballar nas aulas de materias científicas en galego. Temos aquí, xa que logo, unha labazada en todos os fuciños da zunia gobernante. Isto encende aínda máis a nosa admiración polo traballo feito por estes mozos verineses (e o seu profesorado). Parabéns.
De entre os 8 vídeos escollín este de arriba porque trata dun tema que, a priori, parece pouco científico: a comunicación cos extraterrestres. Porén esta alumna de Verín explícanos marabillosamente como enfocar esta cuestión alonxándose de interpretacións pseudocientíficas. No segundo vídeo que recollo aquí relátasenos a peripecia científica do estudo da cancelación dos efectos do café e o alcol. O discurso é excelente e entretido, ademais, como no primeiro dos vídeos,  regálannos as tomas falsas. Que máis se pode pedir?


xoves, 22 de marzo de 2018

Achegando a ciencia: "O sexto sentido, as matemáticas"



Nunha entrada anterior falabamos da excelente iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística da USC de abrir unha canle de vídeos didácticos nos que profesores da Universidade nos achegan ideas da súa especialidade de forma amena e accesible. Unha das colaboradoras nesa proposta é a profesora da Área da Xeometría e Topoloxía Elena Vázquez Abal. Ela é a protagonista desta entrada na que presentamos unha conferencia que impartiu o pasado 9 de marzo no Vello Cárcere de Lugo dentro dun gorentoso programa titulado Achegando a ciencia.
Eu xa lle escoitara esta conferencia na Facultade de Matemáticas hai uns meses, por iso, e aínda que non teña o mesmo sabor que gozala en directo, recomendo velo de principio a fin. De forma moi clara, e  por outra banda, sen cometer traicións á ciencia matemática, a profesora Elena V. Abal lévanos polos camiños da xeometría e, a un tempo, fainos reflexionar sobre o papel que se lle obriga a xogar á muller na ciencia.




xoves, 8 de marzo de 2018

Grandes mulleres galegas na historia e na ciencia



Encantoume este vídeo realizado polo ENDL do IES Pontepedriña (Santiago), realizado para a concienciación da discriminación da muller co gallo do 8 de marzo.
Non foi esta a única achega deste ENDL, senón que hai unhas semanas potenciaba o recoñecemento do labor da muller na ciencia a pesar de que a metade feminina da humanidade se viu excluída do acceso ao coñecemento durante práctiamente toda a historia. Con todo, sempre houbo espíritus que foron quen de romper barreiras e que se recoñecen no seguinte vídeo.




luns, 29 de xaneiro de 2018

Entrevista a Xosé Miranda para o Día da Ciencia en Galego


Esta entrevista xa ten máis de 7 anos, pero batín con ela nestes días. O escritor Xosé Miranda, autor, entre moitas outras, da celebrada Morning star (Xerais,1998), fala aquí como profesor de bioloxía sobre o que daquela era recente decreto do plurilingüismo.
Sobra dicir que o que nos transmite Xosé Miranda é hoxe tan actual como daquela.
O idioma natural dos galegos é o galego, polo tanto o idioma natural da ciencia galega é o galego
Deliberadamente o goberno do PP fai que no ensino medio a ciencia non se dá en galego [...] parece que queren darnos a entender que a ciencia debe ser en castelán. Isto é insistir nunha superstición e nun absurdo.
O atraso da ciencia en Galicia está motivado polo atraso xeral do país.[...] Cando hai un atraso económico tan grande o que se deduce inmediatamente é que todas as ramas estarán atrasadas. Para facer ciencia necesitamos laboratorios, necesitamos universidades, necesitamos diñeiro en definitiva. Pero tamén hai que dicir que nun país alfabetizado nun idioma estranxeiro só acceden ao coñecemento unhas capas mínimas da poboación mentres que nun país normalizado accederían ao coñecemento máis persoas. Deste xeito persoas con capacide quedan fóra porque o idioma no que se explican as cousas non é o seu. 

xoves, 2 de novembro de 2017

Físca e química, tamén en galego



Simple e moi ben feito. o vídeo do ENDL do CPR Santa Juana de Lestonnac (Ferrol). Un listado de palabras do vocabulario científico e unha restra de declamantes das mesmas para reivindicar o uso da lingua galega nas materias científicas. Encantoume.

mércores, 6 de setembro de 2017

Unidades didácticas de xeoloxía


Os vídeos realizados cos drons son subxugantes. Moito máis se nos mostran un dos lugares máis descoñecidos e fermosos da nosa xeografía, o dos penedos de Traba-Pasarela que debuxan a costa entre Laxe e Vimianzo.
Só por seren cantadas por Eduardo Pondal estas terras xa merecían a súa visita. Ao pé destes penedos, próximos á praia de Traba está o que queda do figueiral de Mórdomo que así o cantaba o bardo nos Queixumes dos pinos:
                                                       Cando te vexo me acordo
                                                       de quen non podo olvidar,
                                                       ¡ouh, figueiredo de Mórdomo,
                                                       de Mórdomo, ouh, figueiral!
                                                       A túa garrida sombra,
                                                       aló no medio do v’ran,
                                                       vista de lonxe parece
                                                       que dá frescura e zolás.
                                                       Debaixo das túas follas
                                                       hai un garrido areal,
                                                       cunhas areas tan brancas,
                                                       que vén da beira do mar,
                                                       que a quen te mira convidan
                                                       ó sono…, e outras cousas máis.

Imaxe das unidades didácticas
Pero, se trouxen estre vídeo por aquí é por estar realizado por Xacobo de Toro Cacharrón, o autor de diverso material didáctico de soporte audiovisual. Seguramente esta peza audiovisual dos penedos de Traba-Pasarela foi realizada co fin de ser utilizada nas aulas de xeoloxía que imparte tanto este docente no IES Urbano Lugrís (Malpica de Bergantiños), como Adela Otero no IES Fernando Wirtz (A Coruña), tal e como se relata nesta noticia publicada polo dixital Praza Pública. Ben certo é que o material que elaboraron estes docentes é impresionante, ofrecéndonos unha nova mostra do camiño que debería seguir a Consellería de Educación para promocionar e poñer en valor o traballo dos docentes que se esforzan por elaborar materiais de calidade en galego. Para confirmalo podemos consultalo aquí. Mágoa que a Consellería sempre se mostre coas costas viradas a todo aquelo que supoña normalización lingüística
Finalmente recollo un dos vídeos destas unidades didácticas do que quería destacar o comenzo no que Xacobo de Toro e Adela Otero achegannos aos Muíños da Ribeira, no lugar de Ardeleiro (Malpica de Bergantiños), para pasar a explicarnos os esforzos tectónicos sobre as rochas do lugar.


sábado, 1 de xullo de 2017

E fixemos a luz!

Andaba á procura dalgún libro para ler no verán. Así que din un paseo polos andeis da biblioteca do centro. Fun botar a man a un libriño (non chega aos 20 cm de altura) sen moita confianza. Estiven por devolvelo ao seu lugar, pero finalmente leveino conmigo. Posiblemente non chegara a lelo. Con todo, boteille un ollo; as primeiras liñas:
A noite do 7 de xaneiro de 1610 á cambiar o mundo. Ninguén o sabía daquela, mas non tardarían en notarse as consecuencias. Galileo Galilei, profesor de xeometría mecánica e astronomía da Universidade de Padua, dirixiu o sue telescopio ao ceo...
e o libro non chegou ao verán. Remateino antes do claustro de final de curso.
E fixemos a luz! (USC, 2015), escrito polo profesor da Área de Óptica da USC, Salvador Bará, preséntase como unha peuena contribución ás celebracións do Ano Internacional da Luz 2015 pero é moito máis, é unha relucente alfaia do baúl da divulgación científica.
E de que trata o libro de Bará? Se dixeramos que só trata da luz, estariamos dando unha afirmación verdadeira, pero moi incompleta. No primeiro capítulo, por exemplo, céntrase na luz como fonte esencial do descubrimento científico, en particular do astronómico. Chámanlle revolución copernicana, pero deberían chamarlle revolución galileana. Bará relata con pericia os primeiros descubrimentos feitos co telescopio debidos a Galileo, e que cargaban de argumentos e evidencias un xeocentrismo que ata o momento era permitido por declararse como ferramenta imaxinaria que garantizaba un moi bo axuste nos cálculos astronómicos. Aquí enxergamos unha característica de todo o libro de Bará pois nótase que o autor leu as fontes orixinais e sabe contarnos o máis interesante das mesmas.
Tamén se relata como se chegou a medir a velocidade da luz, todo un fito na historia da ciencia. Neste punto, e nalgún outro, botei en falta algún esquema. Non porque non se expliquen as cousas o suficientemente ben, senón porque se menoscaba a capacidade divulgativa da obra. Con todo, a narración é esplendorosamente clara. Velaquí unha segunda característica da obra que quería destacar.
O que segue é o experimento de Young, a análise espectrográfica e a sorprendente posibilidade de poder determinar a composición das estrelas mediante a luz que emiten, a luz como onda electromagnética, a luz vista desde a perspectiva da mecánica cuántica... Unha aventura histórica apaixonante. Canto máis avanzamos cara o momento actual a linguaxe cárgase cada vez máis con referencias matemáticas. Así conséguese un relato sen analoxías que poden despistar. Estamos ante unha obra de divulgación moi fiel ao coñecemento científico, sen inexactitudes. Isto é moi difícil de conseguir, mas en E fixemos a luz! temos un exemplo maxistral de como facelo. Velaquí  outra calidade deste texto.
Hai un capítulo adicado ás aplicacións terapéuticas da luz, especialmente para tratamentos oftalmolóxicos. E, como non!, tamén hai un lugar para tratar a contaminación luminosa, que esborralla os ceos nocturnos, é moi  onerosa, innecesaria, síntoma de incultura e con efectos negativos demostrados na saúde e na ecoloxía. Reivindícase, xa que logo, tanto poder ver un ceo estrelecido ao mirar cara arriba como unha terra chea de lucecús cando miramos para abaixo.
Estamos fronte a unha cousa realmente rara. Non é rara por ser unha publicación de divulgación científica, senón que o é pola lingua na que está escrita. Vén sendo como os lucecús nas nosas noites.
No relato bíblico do Xénese o mundo comenza a existir cando "Deus dixo: fágase a luz; e fíxose". Nestroutro pequeno manual cóntasenos como a inventiva, o traballo e o esforzo humanos foron os que realmente fixeron a luz.

venres, 23 de xuño de 2017

Como se usa o microscopio?



Como me gustan estes traballos que visibilizan a ciencia en galego! Un pasiño más que pon e evidencia a política lingüística da Consellaría de Educación, especialmente o funesto decreto do pllurilingüismo que destrozou os poucos avances que se produciran na normalización lingüística no ensino.
Trátase dun vídeo titorial realizado polo alumnado de 1º de bacharelato do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz) no que amosan varios aspectos relacionados co microscopio óptico: partes, enfoque dunha mostra, uso do obxectivo de inmersión e mantemento e precaucións no seu uso.

xoves, 22 de decembro de 2016

'O mapa da física' de Ciención de Breogán



Recollo este vídeo con subtítulos en galego de Dominic Walliman grazas ao labor de Ciención de Breogán. Aproveito para invitar a quen pase por aquí, que tamén o faga por alí, polo labor desinteresado que fan de divulgación científica e normalización lingüística, todo nun. Grazas polo traballo realizado!

luns, 28 de novembro de 2016

Muiñose



Así nos conta o IES Otero Pedrayo (A Coruña) en que consiste a mitose, a ritmo de muiñeira.
O vídeo xa ten o seu tempo, pero eu non batín con el ata estes días.
Aproveito a entrada para recordar que o Departamento de Matemáticas deste centro vén publicando unha revista escolar de matemáticas desde o ano 2000.

luns, 24 de outubro de 2016