Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta An Alfaya. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta An Alfaya. Amosar todas as publicacións

venres, 9 de setembro de 2011

Ser ou non ser

Todo o que reflexionara durante máis de cinco minutos no asunto da normalización sabe o o primeiro chanzo que hai que pisar é o da identidade. An Alfaya explícanolo moi ben neste artigo d´A Nosa Terra:
Non é o mesmo ser galego que sentirse galego. Ser galego vén sendo aquel que nace nun territorio chamado Galicia, aínda que logo non implique necesariamente que utilice o idioma galego como vehículo de comunicación. Porén, dáse o caso de quen nacendo ou non en terra galega, chega a sentir a lingua como propia, incorporándoa ao seu contorno cotián como xeito de expresión verbal ou escrita. Daquela, sentirse galego dános unha clave de identidade, mais tampouco impele a levar tatuado un código de barras na fronte, senón que agroma do íntimo e logo emerxe cara ao universal. Sentir a lingua galega supón aprehendela cos cinco sentidos. Obríganos a defendela dos envites  alleos coa razón e co corazón, tal coma se na tarefa nos fose a vida de quen amamos por enriba de nós mesmos, porque coa súa morte esmorece a nosa ilusión polo presente e a nosa esperanza polo futuro da nosa Cultura. Porén, se un pon os ollos, as orellas, o nariz, a lingua e a pel nas palabras autóctonas, de súpeto espertan os recendos, os sabores, as cores, as texturas e a musicalidade dos vocábulos, é dicir, os motores da degustación lingüística. Porque as nosas palabras son seres orgánicos, e coma tales nacen, medran, nútrense, desenvólvense, e tamén murchan ou desaparecen se caen no limbo do esquecemento dos transmisores e dos oíntes. Co desuso corren o risco de mudar en pura arqueoloxía, de transformarse en obxectos de museo conservados en formol, gardados en urnas de cristal, fosilizados, dispostos para ser analizados e espertar a curiosidade das xeracións vindeiras. Os medios de comunicación, os poderes públicos e o conxunto da cidadanía deben entender que protexer o galego é un deber e un dereito dende calquera parcela ou sector social. Educadores, creadores, administracións e demais, piares dunha ecuación de primeiro grao cunha soa incógnita por resolver, están abocados a camiñar da man na busca da solución, que non pasa pola liorta, senón polo diálogo. Os enfrontamentos das capas sociais, as promesas electoralistas, a escasa argumentación e os desatinos políticos, así como o abandono da nosa lingua condúcenos a escurecela e a facela prisioneira na gaiola do pensamento, sen posibilidade de fitar a luz, sentenciándoa nun xuízo sen lei á pena de morte. Calquera lingua supón un banzo na gran pirámide do que convén preservar e cultivar como patrimonio da humanidade, e o galego está cando menos ao mesmo nivel das outras. Porque non hai concepto ou sentimento que non poida expresarse en galego, e o mundo pode ser entendido, sentido e amado dende o celme, dende a raíz, dende o berce. As palabras recenden, cheiran, feden e olen tamén en galego. As palabras abrasan, abrazan, amansan e acarician, tamén en galego. As palabras degústanse, mastíganse, deglútense e saboréanse, tamén en galego. As palabras pronúncianse, escóitanse e soletréanse, tamén en galego. As palabras escríbense, debúxanse, perfílanse e coloréanse, tamén en galego. Porque ser ou non ser Galego cos cinco sentidos depende tan só do emprego dun: do sentidiño común.

domingo, 15 de maio de 2011

Lois Pereiro

por An Alfaya, n´A Nosa Terra:

Alborozo para unha vida escrita en verso libre, esculpindo paso a paso o poemario dos berros e dos silencios en prosa que nos fixeron cómplices dun tempo que xa non volve, agás no eido dos soños da mocidade perdida.
Ti, que tan pouco escribiches e tanto dixeches, creando un universo, subliñando o mundo que te maltratou e agora te ergue, neste mes de maio agromas coa forza da semente nova para brillar un ano enteiro con luz propia na escuridade dos campos ermos, sedentos de voz maiúscula; corpo minúsculo que nos fala desde a terra como só falan os vivos eternos.
Gardo no peto a túa mellor estampa, unha flor seca que aínda conserva o recendo duns anos de promesas, alí, a carón da poesía última de amor e enfermidade, presa nas redes das túas palabras poderosas, que arrincan a carne do óso e nos deixan o teu esqueleto, a túa caveira sagrada á intemperie das emocións máis soterradas.
Quedo coas luces e sombras de amores resucitados, porque conxugas os verbos vivir e amar en harmonía, en primeira persona do plural e en presente, e porque dous substantivos exercen o misterioso poder da atracción como imáns da existencia: “paixón” e “esperanza”, anulando aqueloutro que te acompañou na túa curta, mais intensa, vida: “fatalidade”.
E quedo tamén co teu epitafio poético, pero non para cuspirte enriba do lugar onde repousas, senón para bicarte coas mans e acariñarte cos ollos, recollendo a túa  húmida mensaxe de vida e de furia necesaria, para combater o tedio e non sucumbir á derrota dos vencidos, para non claudicar, para resistir, para resucitarte cada ano a través do teu verbo imperecedeiro, Lois Pereiro.