Hai un ano o Diario Nós estaba entregando os colecionables da serie coordinada por Héitor Picallo, "30 castelos e torres para construír un reino". Alí atoparemos 30 pedras para cimentar a nosa historia. Actuando en sentido completamente contrario, a Deputación de Pontevedra, dirixida por membros do PP, fan a promoción do Castelo de Soutomaior actuando a un tempo contra a lingua de noso. O lema da campaña é moi acaído, "Sólo faltas tú". Efectivamente só falta a lingua galega.
No vídeo podemos achegarnos a algunhas ás ideas que tranmitiu Carlos Callón na súa participación das IV Xornadas Contra a Impunidade Franquista que se celebraron os días 11 e 12 de novembro do 2022.
A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Lingua, e a Universidade de Vigo, a través da súa Área de Normalización Lingüística, lanzan unha guía dirixida a impulsar unha reflexión crítica entre a mocidade respecto da situación social do galego. Este documento ten as súas raíces na Xornada "Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria" (sesión da mañá, sesión da tarde ) desenvolvido o pasado mes de novembro.
Pola tarde, a xornada Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria celebrada o 16/11/22, tivo o seu acto de apertura, coa participación da deputada provincial de Lingua, María Ortega, quen subliñou que a escola, tanto primaria coma secundaria, é "o alicerce do futuro do idioma", xa que é a poboación máis nova a que "vai facer que a lingua se manteña, permaneza viva e se asente máis do que está". Para Ortega é fundamental unha revisión fonda da actual política educativa verbo da lingua galega nos centros públicos e privados e desenvolver iniciativas para potenciar o uso do galego tamén fóra das aulas. Salientou que non se pode aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego, e subliñou que o corpo docente da lingua galega é fundamental para a promoción da lingua na mocidade. Nese sentido, deu os parabéns a todas as profesoras e profesores involucrados no estudo da UVigo, porque “a pesar de ser minoría”, permiten avanzar no ensino do idioma, sacar conclusións, tomar decisións e chegar a solucións que muden a situación actual.
Tras este acto, a xornada continúa con tres novas mesas, centradas no ensino-aprendizaxe sociolinguístico no ensino obrigatorio desde distintas perspectivas, tomando como punto de partida os datos obtidos nas entrevistas realizadas a unha trintena de docentes no marco deste proxecto.
Doce profesores e profesoras de instituto (representantes dos IES Salvaterra do Miño, IES Fonmiñá, IES Terra de Turonio, IES Alexandre Bóveda, IES Pedro Floriani, IES San Paio, IES Chapela, IES Coruxo, ES Monte Carrasco, IES Johan Carballeira, IES Castelao, e IES de Poio) interviron ao longo da tarde nas tres mesas de debate que completan unha xornada que pode seguirse de xeito virtual e que foron moderadas por Ramallo e os tamén investigadores da UVigo Xabier Benavides e Luís López Alonso.
Na mesa titulada "situación e problematización desde o ensino" participaron
Esther Álvarez Fernández (IES Salvaterra do Miño)
María Mercedes Torres Hermida (IES Fonmiñá)
Marta Dacosta Alonso (IES Terra de Turonio)
Patricia Lamoso Ferreira (IES Alexandre Bóveda)
Modera: Fernando Ramallo (Universidade de Vigo)
Na mesa titulada "A praxe (e o ensino da) sociolingüistica na materia Lingua galega e literatura" participaron:
Andrea Expósito Loureiro (IES Pedro Floriani)
Eva García Rei (IES San Paio)
Tamara Rial Montes (IES Chapela)
Xosé Ramón Alonso Priegue (IES Coruxo)
Modera: Xabier Benavides da Vila (Universidade de Vigo)
O xoves 17/11/22 celebrouse a xornada Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria, organizada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Os actis desenvolvéronse en sesións de mañá e tarde.
O primeiro bloque está deseñado para debater ao redor da sociolingüística predominante na docencia e a investigación universitarias ademais de para profundar nas posibilidades, debilidades e fortalezas do ensino-aprendizaxe sociolingüístico das e dos futuros docentes de lingua galega. En resumo, trátase de sacar conclusións a partir dunha pregunta chave: Como as universidades galegas están a formar nos saberes sociolingüísticos hogano? Participarán Bieito Silva Valdivia da USC e Xosé Henrique Costas González da Uvigo baixo a moderación de Fernando Ramallo (UVigo).
Leo o anuncio do I Premio Dona Urraca de Novela Histórica, unha loábel iniciativa, pois, como sabemos, ás veces cómpre incentivar a produción literaria desde un punto de vista de xénero, literario e non só, de perspectiva e mesmo de temática. E apoiar a creación literaria dirixida a visibilizar e recrear as nosas mulleres na historia é desde logo un obxectivo necesario que merece o noso aplauso.
Neste vídeo promovido pola RAG e a Deputación da Coruña cóntase a historia da nosa lingua. Pola miña terra diríase "A orixe da nosa lingua gopa"
A idea orixinal é de Fina Casalderrey, quen xunto con Fátima R. Ruibal, profesora de lingua do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) elaboraron o guión desta peza. Ademais Fátima á protagonista canda os rapaces do CPI Santa Lucía (Moaña)
A cinta baséase nunha idea orixinal da académica Fina Casalderrey, que asina o guión coa profesora de galego Fátima R. Ruibal. A docente do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) é ademais a mestra-meiga que protagoniza esta película canda as verdadeiras estrelas da produción: os nenos e as nenas do CPI Santa Lucía que se converteron en actores e actrices para a ocasión.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presenta unha colección de audiovisuais baixo o título Outras voces para as letras de Xela. Trátase dunha serie documental arredor de Xela Arias na que participan escritores como Olga Novo, Marica Campo, Helena Villar, Raga Lobelle, Carmen Blanco, Xesús Rábade, Lois Pérez ou Claudio Rodríguez Fer. Tamén poderemos ver as achegas de familiaresres como Darío Gil, o seu fillo ou Lois Arias, irmán de Xela
Pronto se vai celebrar a 3ª edición de Malas linguas, esa xanela aberta da Deputación da Coruña á reflexión sociolingüística cargada de ideas ben construídas arredor da situación das linguas, especialmente da nosa, nunha época na que o paradigma é o silencio arredor deste tema. En varias ocasións xa apareceron por aquí referencias a esta feliz iniciativa ( [1], [2], [3], [4]
) e agora pareceume unha boa ocasión para compartir as reflexións de Encarna Otero sobre o tema que dá título a esta entrada: "Do xenocidio ao lingüicidio"
O grupo A Música das Baleas foi o gañador na categoría infantil do IV Certame de música Quero Cantar convocado pola Deputación da Coruña. Unha parte do premio consiste na elaboración dun vídeoclip coa composición gañadora, A peor xogada. Non podemos dicir outra cousa que lles quedou niquelado.
O grupo formouse a partir do coro do CEIP de Caión, que dirixe o mestre Jose Carballido.
Conferencia do historiador Antonio Míguez Macho na II xornada de Malas Linguas, organizada pola Deputación da Coruña no que se procura definir o marco histórico no que se comeza a interromper a transmisión interxeracional do galego. Preténdese indagar no xeito violento no que os pobos abandonan a súa lingua e como as xeracións posteriores herdan o trauma vinculado á violencia e á represión lingüística.
Para a II xornada de Malas Linguas, organizada pola Deputación da Coruña, achegáronse os argumentos de Iria Ramos como experiencia de galega na sanidade pública. Cal é a actitude da Administración respecto do uso da lingua? A pouco que nos mergullemos no portal do Sergas (https://www.sergas.es/), cantas máis pantallas pasemos, máis se deturpa o uso do galego e nas pantallas ás que só teñen acceso os profesionais, o galego fica excluído.
"YO SOY UNA BURRA. YO NO SE HABLAR" Este era o lema dun cartel que lle colgaban a unha compañeira de Luz Fandiño por falar en galego. Luz é unha voz viva do sofrimento da represión lingüística durante a dictadura. Cómpre escoitala unha e mil veces para saber como se xeneralizaron os prexuízos.
Na anterior entrada xa faciamos referencia a estas xornadas organizadas pola Deputación da Coruña na que se presentaban as intervencións da xornada desenvolvida no Pazo de Mariñán o pasado 23/20/18. Segundo o programa dese día, aínda nos faltaba a intervención da tarde protagonizada por dous referentes no traballo normalizador: Nel Vidal e Valentina Formoso.
O primeiro deles propuxo non dirixir os discursos ás institucións, senón levalos a accións. Fixo memoria dun dos Cursos de Verán de Carballo no que se publicara Unha outra guía para a intervención lingüística.
Todas as accións sociolingüística deben ter tres características esenciais: empatía, positividade e a proactividade. Como mostra, tres botóns: apego, "gústame o galego", "cantas cousas".
Rematou a súa intervención falando da inmersión lingüística, indicando que "o goberno galego non está en contra da inmersión, está en contra do galego"
Valentina Formoso reclamou uque todo discurso de defensa da lingua tivese un sustrato mínimo e irrefutable. A lingua é patrimonio, polo tanto ten valor e hai que conservalo, ademais as linguas suman. Pódese usar a lusofonía como unha porta especialmente para os galegos pero advertiu que apelar a este discurso pode ser unha navalla de dobre fío.
O esencial é emitir discursos variados pois a non todos lle vai servir o mesmo para achegarse ao galego pois cada quen ten o seu pasado lingüístico e os seus prexuízos.
Valentina distinguiu entre as accións a levar a cabo segundo nos dirixamos a contornas galego-falantes ou castelán-falantes. Aos primeiros hai que reforzarlles a idea de que son modelo, que serán os transmisores da lingua e con eles hai que traballar a calidade lingüística e os comportamentos diglósicos. Nos amientes castelán-falantes cómpren políticas de inmersión, tal como aquelas liñas de galego en infantil. Destacou que non existe ningún programa da Xunta para inmersión de forasteiros. Comentou que nos centros de ensino se levan a cabo programas de inmersión en español aos inmigrantes hispanoamericanos, que xa saben español e que pola contra fican excluídos da integración na nosa lingua. Cómpren programas de inmersión, e programas ben organizados nos que forme e informe a profesorado e familias.
A Deputación da Coruña organiza as xornadas Malas linguas para facer diagnose, analizar a situación actual e, desde aí, trazar, imaxinar e coller folgos para continuar o camiño da normalización lingüística do galego, en definitiva, para redifinir a folla de ruta da política lingüística e centrala na a activación de falantes no século XXI.
O primeiro en intervir foi Suso Acevedo quen comenza co acertado concepto dos "anos da peste. Avogou por non teimar en falar da diglosia, nin tampouco na normalización, porque adquiriu matices pexorativos e propón usar outros termos como "igualación" xa que por unha banda indica que a situación do galego está en inferioridade con respecto á do castelán, proponse unha igualdade e ademais deixa en evidencia a quen se opoña.
Rosa Berrio (USTEC-STEs/SomEscola) explica que SomEscola naceu no 2011 cando a Lei Wert atacou a escola co catalán como lingua vehicular. Antepóñese con carácter lúdico a todos os agravios ao catalán. Comenta como a política lingüística vai sempre a remolque das reivindicacións sociais. Fala da necesidade da imersión lingüística como primeiro paso para a revitalización da lingua, pero con isto non basta, cómpre socializar a lingua.
Marcos Maceira (A Mesa): é obvio que o galego é a lingua propia de Galicia. Pero temos que facer fronte ao racismo lingüístico, así vémonos esixidos de xustificación constante de falar en galego. O panorama é tal que é máis fácil atopar material en inglés ca en galego nas escolas infantís. O ataque chega ata o punto de que o ensino da historia de Galicia está excluído por mor da LOMCE ou a que se dea o caso de que a TVG é a única televisión autonómica que non ten unha canle adicada ao mundo infantil.
Jasone Mendizábal (Euskaltzaleen Topagunea/Proxecto Tosta) explica en que consistiu o Proxecto Tosta, un proxecto fundamentado na ecoloxía sostible. Arredor deste proxecto programouse un festival itinerante e elaborouse un manual para axentes culturais.
Diego Espiña Barros, profesor de literatura comparada en Chicago, ofrece a súa testemuña como galego no exterior.
A actriz María Vázquez expón a súa experiencia baixo a epígrafe "Argumentos para o galego". Coméntanos que as películas gañadoras dos Mestre Mateo 2002, 2003, 2004, 2005, 2006, 2007, 2008, 2009, 2010, 2011, 2013, 2014, 2015, 2016, 2017. Só nas edicións do 2012 e 2018 as gañadoras foron para películas en galego cando se supón que os Mestre Mateo son os premios do audiovisual galego.
A Deputación de Pontevedra presenta nesta peza audiovisual os certames literarios que convocan os concellos da provincia. Unha iniciativa para visibilizar tanto premios como os concellos que os convocan.
Este é o videoclip do grupo Os nenos da vella, gañador do primeiro premio na categoría infantil do II Certame de música infatil e xuvenil Quero Cantar. Foi rodado na cidade vella da Coruña baixo o paraugas da Deputación da Coruña.
O grupo musical gañador está formado por Noa (voz e percusión), Mikel (caixón e coros) e Yune (baixo e coros); acompañados de Javi, o seu mestre de música.
Comunicado de ProLingua denunciando a discriminación do galego na exposición In tempore sueborum organizada pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia
ProLingua denuncia que se edite un catálogo só en castelán de 308 páxinas a cor e con fotos e que unha secundarizada "versión en galego" apenas teña 120 páxinas sen fotos nin cores. ProLingua reclama que a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia fagan da lingua galega a base fundamental da súa acción cotiá e non sigan a secundarizar e a reducir os usos do único idioma propio de Galicia.
Todas elas son estudantes do IES de Cacheiras (Teo). Dirixidas pola súa profesora de música, Matilde, compuxeron esta peza orixinal. Forman o grupo Máis boas cás patacas. Nas voces están Lua, Valeria e Ruth, á guitarra temos a Ana, no baixo a Sara, co uquelele está Carme, co piano, Cristina e coa batería, Candela. Son as gañadoras do certame Quero Cantar convocado pola Deputación da Coruña.
Velaquí unha boa forma de contribuir ao orgullo pola lingua ao tempo que se transmite unha mensaxe pola igualdade de xénero, con mulleres libres e donas de si, non como ese fanado lema compensatorio da campaña da Xunta de Galicia para o 25 de novembro : "o máis grande de Galicia non se maltrata". Un discurso semellante é habitual para xustificar a substitución lingüística. Aqueles que defenden a supremacía do castelán sobre o galego hipócritamente desenvolven unha idealización compensatoria. A lingua que se gaba é a que tamén se discrimina. A muller que se idealiza é tamén a que se marxina e maltrata. Así fálase da súa beleza, da súa dozura, tenrura; tanto da muller como da lingua galega.
Son muller, son lingua galega.
O pasado venres 20 de outubro, no Teatro Colón da Coruña, entregáronse os premios do concurso "Quero cantar", organizado pola Deputación da Coruña. Os gañadores foron "Os nenos da vella" e "Máis boas cás patacas"
“Os nenos da vella” é una formación coruñesa formada Noa (voz e percusión), Mikel (caixón e coros) e Yune (baixo e coros), e cuxo nome provén do lugar onde xogan e cantan a diario, pois a totalidade dos integrantes proceden do casco vello da cidade herculina.
No caso de “Máis boas cás patacas”, trátase dunha banda teense integrada por oito rapazas do IES de Cacheiras, no que o talento das voces de Lua, Valeria e Ruth, a guitarra de Ana, o baixo de Sara, o uquelele de Carme, o piano de Cristina e a batería de Candela, seguen as indicacións da súa mestra de música, Matilde, para compór pezas tan fermosas como a que presentaron ao certame “Quero Cantar”.
Vía NósTV