Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta laboral. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta laboral. Amosar todas as publicacións

domingo, 15 de novembro de 2015

Traballemos como galegos

por Craig Patterson, no Praza:

Aínda que conto con máis de vinte anos de coñecemento da realidade galaica, non agardaba a situación sociolingüística na que me ía encontrar ese ano. Tratábase dun caso curioso de dous británicos residentes na Galiza, pero falantes de idiomas diferentes. Un, o xefe; o outro, empregado. Un, castelán-falante; o outro, galego-falante.

venres, 28 de agosto de 2015

Os incrementos da SXPL

Isto é o que di un anuncio recente da SXPL: "A Consellería de Cultura e Educación incrementa a oferta de 30 cursos de lingua preparatorios do CELGA". Se o incremento foi de 30 cursos, a canto ascenderá a cantidade total de cursos ofertados? Pódese seguir a ligazón pero non cómpre facelo, xa o contesto eu. O total ascende a 30.
Estamos diante do que é normal na SXPL, a desinformación e a mentira. Como a política lingüistica que se está aplicando é realmente unha agresión continua contra o galego, non teñen outra saída que a creación e a difusión dun mundo irreal para poder continuar tirando para adiante para non alporizar á cidadanía. O perigo de instalarse no embuste é que se acaban comentendo excesos coma este. Só é posible manterse nesta liña coa axuda dunha tupida rede de medios servís que desprezan o galego e que nin o usan nin tampouco o respectan.

Para aclarar realmente en que consistiu o incremento na oferta de cursos Celga anunciada pola SXPL, basta recuperar os datos dos anos anteriores. Recollendo as cifras ofrecidas pola propia SXPL para os anos 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, e a referida deste mesmo ano, obtemos un gráfico que fala sen ter que engadir máis comentarios:
Gráfico elaborado cos datos obtidos da SXPL
Porén, aínda que desde a SXPL queiran centrar (e perder) o debate arredor da cantidade de cursos preparatorios impartidos, o fundamental non é iso. A historia dos Celga dos últimos anos demostrou que non se podía facer peor. Non houbo diálogo cos traballadores que se encargaban dos cursos, creándose un duro conflito laboral que acabou xudicializándose. O desprezo mostrado pola SXPL pechou todas as portas a futuras negociacións. En ningún momento houbo mesas de análise sobre os defectos que tiña o funcionamento do sistema de cursos. A CTNL ofreceu hai tres anos, antes de que estoupara o conflito laboral, unha proposta de mellora de xestión e planificación que podía evitar o que despois sucedeu. Polo momento, o resultado final é o dunha nova xeira de cursos Celga que comenzan cando xa tiña que estar todo o proceso rematado.
Durante toda esta desfeita non se falou en ningún momento de normalización lingüística, xa nunca se abreu esa oportunidade. Por exemplo, nunca se falou de establecer os níveis Celga para poder acceder aos distintos postos da administración. Como había de ser isto posible se a primeira medida tomada por Feijóo no seu primeiro mandato foi eliminar a esixencia do coñecemento do galego nas oposicións?

domingo, 28 de decembro de 2014

Non hai Nadal para o profesorado Celga

carta de Xoana Castro Rodríguez en La Región:
O profesorado Celga e mais de linguaxes específicas (administrativa e xurídica) vai pasar o peor Nadal que recorda.

sábado, 6 de setembro de 2014

Outro debate parlamentario sobre o defenestramento dos Celga



Neste vídeo podemos seguir o desenvolvemento da Comisión 4ª de educación e cultura que se celebrou o pasado 04/09/14 no Parlamento de Galicia na que se discutiu unha proposición non de lei do BNG presentada por Ana Pontón sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para reparar os dereitos laborais do profesorado que viña impartindo os cursos Celga despois que que as catro sentenzas xudiciais emitidas sobre estes casos resultaran todas desfavorables ás teses da Xunta.
Tanto  parlamentaria que presentou a proposición, Ana Pontón, como Carmen Iglesias, do grupo mixto, Ramón Vázquez, de AGE ou Francisco Caamaño, do PSOE se viron na necesidade de pedir o cese do secretario xeral de política lingüística, Valentín García, pola nefasta forma de actuación que xenerou todo este conflito co despedimento, polo que se ve ilegal, do profesorado Celga. O caso é dobremente grave pois Valentín García, por ter sido no seu día dirixente da CTNL, debería coñecer con profundidade o problema que se viña repetindo ano tras ano derivada da inestabilidade do profesorado que impartía estes cursos. Precisamente fora a mesma CTNL quen no 2012 presentara unha proposta para poñer fin á irregular situación na que se se encontraba este grupo de profesores. Valentín García non quixo nin sentarse a falar pois o seu único cometido dentro da SXPL é a de desmontar toda a aparataxe normalizadora que aínda existía dentro do organigrama da Xunta. Os resultados son ben visibles: unha sentenza tras outra confírmase que o que o proceder da SXPL atentaba contra os dereitos dos traballadores, a Xunta terá que pagar importantes sumas derivada desta mala práctica e todos nós teremos que pagar a desfeita da Xunta. Valentín García seguirá no seu cargo porque está aí para iso, destrozar a normalización lingüística con cargo aos presupostos da Xunta.

Finalmente podemos ver neste mesmo vídeo (a partir do minuto 52) como os deputados do PP non sabían que debían votar  e no que se ve como fraudulentamente o presidente da comisión Antonio Muriño inicia o perído de votacións dúas veces, despois de que na primeira o deputados popular Román Rodríguez,  que debía indicar o sentido do voto, estaba ausentes. Pois así nos vai.

Máis información en Lingua precaria, no seu perfil de facebook, ou no seu twitter

xoves, 29 de maio de 2014

Aulas na rúa do profesorado Celga



O pasado 14 de maio o profesorado que era contratado irregularmente para impartir os cursos Celga ata o ano pasado montou unha aula na rúa da Raíña en Lugo para demostrar que son docentes de primeira e denunciar o seu despedimento.
Explicaron que leite é un substantivo masculino, a pesar da campaña da Xunta na que promocionaba *a leite galega
Tamén puxeron un exemplo do ridículo que fixo o noso presidente Núñez Feijóo cando dixo nunha rolda de prensa: "Temos o 18% do total dos cus de calidade de España" cando pretendía  falar dos Q de calidade turística.
Noutra das súas explicacións botaron man do fermoso relato A marquesiña, de Castelao, para dárlle unha reviravolta e tratar de contar como era a súa precaria situación laboral. Agora fican tal e como se ve neste vídeo, na rúa, e todo porque reclamaron os seus dereitos laborais e a Inspección de Traballo lles deu a razón. A resposta da SXPL foi a de botalos fóra e contratar mediante a rede caciquil do Partido Popular ao profesorado Celga deste ano.

sábado, 5 de abril de 2014

Ana Pontón vs. Valentín García. As contratacións do profesorado Celga 2014



Grazas á canle de vídeos O Hóreo do BNG, podemos seguir completa a intervención do pasado 03/04/14 da deputada do BNG Ana Pontón así como as respostas dadas polo secretario xeral de política lingüística sobre a polémica e escurantista contratación de profesorado para impartir os cursos Celga deste ano.
Na primeira intervención do secretario xeral podemos ver únicamente unha penosa lectura dun guión. Porén na segunda podemos ver como despreza o problema por ser "laboral", e non "lingüístico" cun argumentario que claramente parte de disociar a lingua da sociedade cando, por moito que se manipule desde o poder, é ben evidente que a cuestión social da lingua ten enraizados os seus problemas (e as súas solucións) na política que se realice. Valentín García, nunha actitude prepotente chegou a ameazar con privatizar os cursos Celga.
Hai xa dous anos a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) xa denunciara a precariedade dos traballadores que impartían os cursos e as eivas que tiña a (falta) de planificación destes cursos. Para solucionar estes problemas remitíralle un plan de mellora á SXPL que foi absolutamente desprezado.
Este mesmo ano a CTNL volvera a denunciar a falta de planificación, solicitando a anulación da convocatoria 2014. Desde a SXPL non volveron a facer caso.
Agora o problema rebentou por mor dunha sentenza que ditamina que se estaba facer unha contratación sen garantías laborais. A resposta da SXPL foi a represión sindical. Para rematala, empeñáronse en continuar cos cursos Celga contratando de forma nepotista e escurantista ao profesorado deste ano. Precisamente esta forma de contratación caciquil é do que evita falar nesta nota de prensa a Consellería de Educación nun novo ataque ao traballo sindical.

A 1ª resposta de Valentín García
A 2ª intervención de Ana Pontón
A 2ª resposta de Valentín García

Máis información:
Lingua precaria
Profesorado colaborador

mércores, 2 de abril de 2014

Debatendo sobre emigrar ou resistir. Unha proposta para a primeira sesion dos cursos CELGA

por Goretti Sanmartín Rei, no Sermos Galiza:


Hoxe, 1 de abril, comezan os cursos CELGA en distintas localidades do país. Estes cursos, moitas veces obxecto de polémica, están nestes momentos no centro da crítica: Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística deciden prescindir do profesorado colaborador habitual e ofrecer a posibilidade de os impartiren a docentes co seu posto de traballo consolidado. O reclamo para o funcionariado o pagamento como horas extras.

martes, 9 de abril de 2013

Lingua precaria nos Celga

O profesorado colaborador do Celga denuncia a súa precaria situación de precariedade laboral, "exento de
dereitos laborais: sen contrato; sen posibilidade de negociar retribucións minguantes; sen seguridade do mantemento do posto de traballo; sen saber cando imos traballar e cando imos cobrar; somos profesorado colaborador, mais non podemos ter vínculo laboral con ningunha empresa para poder dar un curso… e sobre todo, somos un colectivo sen futuro". Por estas razóns lanzaron este manifesto:

Somos máis de cincocentas as persoas que figuramos na listaxe de profesorado colaborador da Secretaría Xeral de Política Lingüística para impartir os cursos de galego para adultos (Celga e linguaxe administrativa e xurídica). Moitas das persoas que pertencemos a ese colectivo levamos anos demandando cambios na maneira de xestionar o sistema de formación en lingua galega para adultos.