Os datos respecto da evolución do uso do galego deitados recentemente polo barómetro trimestral de Sondaxe veñen subliñar as tendencias xa perceptibles nos resultados sucesivos do Instituto Galego de Estatística e doutros traballos sociolingüísticos anteriores. A perda de falantes entre a mocidade é, sen dúbida, un problema preocupante que mesmo podería, desde algunhas perspectivas, semellar irreversible, mais coido que a mudanza de tendencia é posible. O galego é, por suposto, a lingua propia de Galicia, a que os galegos e galegas crearon ao longo dos séculos e legaron aos seus descendentes ao fío das xeracións, en situacións ben complexas e hostís en moitas épocas. Mais o noso idioma é moito máis ca iso: abrazar o galego en Galicia, mesmo para quen non se educou nesta lingua, para quen vén de fóra ou medrou falando castelán, implica defender, a través deste sinal de identidade, a diversidade lingüística e cultural do mundo, identificarse cun xeito de pensar respectuoso coas minorías e as diferenzas, oporse á homoxeneización e á perda das culturas.