Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 27 de abril de 2025

Universo Cantigas

 

Acaba de publicarse Universo Cantigas I. Cantigas de Amor, unha obra que recolle a edición das 704 cantigas de amor galego-portuguesas transmitidas polos cancioneiros medievais. O  texto crítico de cada cantiga vai acompañado dunha paráfrase en galego actual, ademais da indicación das fontes manuscritas, das edicións anteriores existentes e dun código QR que liga cada poema coa súa edición dixital completa na web Universo Cantigas. En datas próximas, sairá o segundo volume, coas Cantigas de Amigo.

A obra é froito dun intenso labor de investigación filolóxica iniciado en 2010, que ten por obxectivo fixar un texto crítico das 1680 cantigas galego-portuguesas que se conservan na actualidade. O financiamento ministerial dos sucesivos proxectos permitiu a creación dunha plataforma dixital, Universo Cantigas,  de acceso libre na que se pode consultar a edición completa de cada composición.



venres, 25 de abril de 2025

Un país coa súa lingua. Sanidade, ciencia e servizos sociais

 

 Nova xornada sobre a normalización lingüística organizada polo Consello da Cultura.

A utilización do idioma galego é esencial para a prestación dunha atención sanitaria e social de calidade. Esta mesa centrarase en propoñer accións para garantir a súa presenza na sanidade, nos servizos sociais e na investigación científica. Ademais, promoverase a busca de solucións para mellorar a atención na lingua propia, aumentar os materiais e recursos dispoñibles e favorecer a formación do persoal sanitario e asistencial. Tamén se formularán propostas para fortalecer o uso do galego na divulgación e na produción científica, co obxectivo fundamental de obter medidas concretas que aseguren o galego como lingua de comunicación nos ámbitos da saúde e da ciencia.

sábado, 12 de abril de 2025

Escoller a boneca galegofalante


 por Bieito Lobeira no Nós Diario:

A "proba da boneca Clark" foi unha célebre investigación social realizada nos Estados Unidos con crianzas pretas de entre 6 e 9 anos. Este estudo, para min arrepiante e ao tempo revelador, amosa basicamente como xa con idades moi curtas as cativas interiorizan con naturalidade os peores prexuízos, o racismo estrutural, a autopercepción de inferioridade, ou o que aquí chamariamos autoodio. As gravacións desas entrevistas seguen a impactar. Neniñas pretas que, perante dúas bonecas (unha branca e outra preta), responden ás preguntas formuladas optando de xeito sistemático por consideraren que a boneca "boa" é a branca. A "bonita" é a branca. A "intelixente" é a branca. Coa que lles gustaría xogar, e sempre a branca. E á pregunta de a quen lles gustaría parecerse, claramente optaban pola branca. Moitas das nenas mesmo dicían que elas tiñan un ton de pel máis branco, que as asemellaba a esas bonecas. Remataban a proba atribuíndo á tonalidade preta da pel das bonecas, e á súa propia, os atributos de "malo" e "feo".

venres, 4 de abril de 2025

O Deportivo é da Coruña, de onde senón?

 O Equipo de Normalización do IES Rafael Dieste (A Coruña) volveu petar redes e medios coa súa nova campaña, O Dépor é da Coruña. Os argumentos, sobran. Con todo insisten:

Riazor é máis que unha praia de auga branquiazul. Nos días de xogo, milleiros de persoas fan medrar arredor desta casa o corazón da cidade. A Coruña orgúllase do seu club.

Desde 1906 o Dépor viu medrar a Real Academia, as Irmandades da Fala, a Cova Céltica, o pulo editorial de Lar e Nós, a reivindicación do Estatuto ou a Lei de Normalización.

Outros clubs deportivos máis mozos restituiron con dignidade e orgullo histórico os seus topónimos oficiais e patrimoniais. Deixar pasar esta eiva ten consecuencias que xeran disonancia e confusión na íntima relación do club e a cidade. É imposíbel pensar A Coruña sen o RC Deportivo, nin o Dépor sen A Coruña.

A campaña vai acompañada cunha listaxe de sinaturas formada por afecionados e ex-xogadores do club, profesionais,  políticos, membros de destacadas asociacións culturais.

Xa hai tempo que os directivos do club de fútbol quedaron co cú ao aire. Agora, con todo isto diante dos fuciños, cada segundo que pasa continuado co atentado á toponimia da cidade é un insulto a todos e cada un dos galegos.

mércores, 2 de abril de 2025

Comunicado sobre as ordes de axudas á tradución de 2025

 


A Asocición Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación emitiu este comunicado:

A AGPTI manifesta a súa decepción coas novas ordes para a concesión de axudas á tradución de obras literarias. Malia incorporaren cambios significativos reclamados polas asociacións do sector, recuncan en erros xa advertidos e sinalados no pasado e desatinan no enfoque necesario para que as axudas sexan coherentes e útiles para a realidade do sector.