Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta ppt. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ppt. Amosar todas as publicacións

venres, 10 de novembro de 2017

X. Matemáticas en galego

X. Matemáticas en galego from Cibrán Arxibai Queiruga

O primeiro que teño que dicir é que  uedei encantado co trato que recibín no centro. Grazas.
O pasado 03/11/17 fun ao famoso IES Félix Muriel (Rianxo) a falar sobre algo que non existe, as matemáticas en galego. Explícome a seguir.
O de famoso é polo seu ENDL, cargado de premios, sempre na fura de diante, un fervello de actividades, sempre con contido normalizador. Un exemplo para os que traballan na normalización lingüística desde as aulas.
O de que as matemáticas en galego non existen pode ser o preludio de que o galego deixe de existir. Quen está empeñado niso é a Xunta co seu funesto decreto mal chamado do plurilingüismo, que prohibe impartir aulas de matemáticas en galego en todo o ensino obrigatorio e que levou a que se aniquilaran todos os materiais didácticos da materia na nosa lingua, incluso para o bacharelato (aínda que non está prohibido nesta etapa, non hai editorial que publique nada de matemáticas en galego, ata este punto chega este Atila).
Ben, para ser exactos, si que hai recursos en galego. Temos o material EDAD e unha boa colección de aplicacións de geogebra (buscar e escoller idioma>galego). Disto, pero sobre todo da discriminación que sofre a nosa lingua, especialmente no ensino, e aínda máis especialmente no das matemáticas, foi do que tratei o pasado venres co alumnado de 1º da ESO do Félix Muriel.
Para suavizar o tema, propúxenlles un xogo, que volvo a propoñer agora aquí: na 3ª diapositiva están marcados varios "x" (léase "xes"), pódese comprobar que tamén aparecen nas dúas primeiras. A cuestión é, en cantas, aparece ese símbolo?

O máis importante
Sobre o que lle contei a aqueles rapaces, quizais o máis importante é o da identificación de dúas formar de impartir clase, dous modelos didácticos. Un está representado polos os profesores que transmiten o saber do poder e que, por iso mesmo, non poden facer outra cousa que desprezar dalgunha maneira ao alumnado e á sociedade galega que o son de seu. No paradigma deste profesor está a transmisión do castelán e a exclusión do galego. O outro modelo é o que vive apegado á terra, aquel do que sabe que o principal non é a reprodución de toda unha restra de contidos, senón desmontar as capas de auto-odio e prexuízos. O ideal deste grupo represéntao un profesor que transmite a lingua e a cultura galegas.

Un texto de Vidal Abascal
Na preparación da presentación levei unha sorpresa moi agradable. Foi a recuperación dun texto que Enrique Vidal Abascal escribira nos anos 70 en La Voz de Galicia. Vidal Abascal adicou toda a súa vida a promover os estudos de matemáticas na universidade. Primeiro, no 1940,  chamou a atención do rector para que contrataran a Ramón Mª Aller e revitalizara a docencia das matemáticas despois dunha guerra que levara por diante ás persoas máis preparadas que tiñamos en Galicia. No ano 1957 convence ao Ministerio de Educación para crear a licenciatura de matemáticas en Compostela. Despois será un pioneiro na organización de congresos de ámbito internacional. Velaquí un retallo do mencionado artigo:

A situación do idioma galego é a seguinte: Durante preto de catrocentos anos ó galego obrigábaselle a falar castelán, na escola, na igrexa, no xulgado, na notaría... Durante catrocentos anos a alta burguesía avergoñábase de falar galego, e o idioma divide ós galegos en dúas clases sosciais, a dos señoritos que falan castelán e a dos proletarios e campesiños e pequenos burgueses que falan galego. Sábese ben cal foi a orixe disto, o obriga-los  Reises Católicos a ir vivir a Madrid á aristocracia galega. De todos é ben coñecida a anécdota do Conde de Altamira [ver conferencia de Cunqueiro]. O volver a Galicia os aristócratas falando castelán, as clases superiores quixeron imitalos. Despois de catrocentos anos desta situación a maioría do pobo galego segue falando galego. Menos matalos, fíxose todo o que se puido por desterra-lo galego. Obrigouse a fala-lo castelán en tódalas institucións docentes e colgaronslle o sambenito de lerdos e torpes ós que falaban galego, castigábanse na escola e nos seminarios os que se lle escapaba algo de galego, pasaron catro centos anos e o 70 por cento da poboación de Galicia segue falando galego; esta é a realidade que non se pode ocultar. O idioma de Galicia neste ano de 1979, segue sendo o galego. [...]Vexamos outras situacións similares as de Galicia. Dinamarca é un pequeno país de menos extensión que Galicia, e con unha poboación pouco maior, catro millóns de habitantes, o idioma danés só o falan no mundo eses catro millóns de persoas, pero Dinamarca cultiva ó danés por que é o soporte da súa personalidade, se alguén propuxese que se abandonase ó danés polo inglés, que estudian as clases cultas, ou polo alemán dos seus veciños, sería considerado un traidor ó se pobo.

xoves, 23 de outubro de 2014

O Plan Xeral de Normalización Lingüística na educación




Nesta presentación compáranse as medidas tomadas polo bipartito e os gobernos do PP en relación ao Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL). Tómanse como base o propio PXNL e os decretos 124/2007 sobre o uso e promoción do galego no ensino non universitario, e o decreto 79/2010, de ataque aos avances normalizadores propostos polo primeiro destes dous decretos. Ademais recórdanse algunhas das decisións máis importantes tomadas nestes 10 últimos anos respecto á política lingüística educativa.
Se alguén pasa por esta entrada recoméndolle que non deixe de botarlle un ollo ás conclusións finais.
Quixera destacar algunhas destas conclusións que, penso eu, quedan ben certificadas nesta presentación:


  • Observamos nas medidas do goberno PSOE-BNG continuas referencias ao PXNL
  • Nas iniciativas dos gobernos do PP non se fai ningunha referencia ao PXNL
  • O decreto 124/2007 recolle o esencial do PXNL, repetindo incluso as mesmas expresións
  • O decreto 79/2010 está inzado de medidas contrarias ás promovidas no PXNL
  • A única saída que ten o goberno do PP de manter a súa gresiva política lingüística contra a normalización é establecendo o imperio da mentira.
  • O PP preséntase como defensor do PXNL; isto significa que ten medo de que se coñeza e divulgue a verdade.
  • O PP necesita mentir para ocultar o extremismo da política lingüística antigalega que está a practicar.
  • Canto maior sexa o coñecemento social deste radicalismo maior será o rexeitamento que padecerá.



martes, 9 de setembro de 2014

Plan de traballo do premio Antonio Fraguas


Xa hai quen comenzou o traballo para este curso a toda velocidade. A finais do curso pasado concedíaselle ao meu centro o premio Antonio Fraguas. Trátase dun proxecto moi ben pensado xa que ten todas as características das que carecen as ridículas achegas económicas da SXPL. En primeiro lugar a súa dotación orzamentaria é bastante importante (7.000 €), en segundo lugar avanzan a metade desa dotación para a posta en marcha do proxecto; tamén fan un seguemento e asesoramento do mesmo. Nesta presentación, realizada polo incansable Xoán Carlos García Porral, autor do proxecto, establécese un plan de traballo para o desenvolvemento do traballo gañador do cuncurso Antonio Fraguas. Trátase dunha recollida e clasificación de toponimia e lendas asociadas do concello de Silleda.

luns, 28 de outubro de 2013

Un web sobre as letras galegas no IES García Barros



Escollín esta presentación sobre Manuel García Barros porque a recollín dun sitio web do IES García Barros (A Estrada). Non é máis que unha das moitas que hai neste espazo, cheo de entrevistas a moitos dos mellores escritores actuais da literatura galega.
Como material complementario neste web teñen un lugar reservado para as letras do concello do que García Barros é un dos seus exemplos máis sobranceiros.´
Un caso máis do excelente traballo que se realiza acotío nos centros galegos. Neste caso trátase dun web da da materia de Literatura Galega do s.XX e da actualidade, unha optativa de 2º de bacharelato que posiblemente desapareza coa a previsible implantación da LOMCE.

luns, 14 de outubro de 2013

Trabalingua denuncia



Trabalingua é unha asociación aberta de mozos e mozas da Universidade de Vigo preocupados pola situación actual da lingua galega. Nesta presentación mostran algunha das denuncias con pegatina que retrataron polas dependencias universitarias

domingo, 7 de febreiro de 2010

Anxo Lorenzo. As características da política lingüística.

Agora podemos ver unha presentación de Anxo Lorenzo sobre planificación lingüística do ano 2006. Na diapositiva número 22 indica que as tres características que debe ter esa planificación:
transversalidade, consensualidade e coordinación. Na número 24 desenvolve o segundo destes aspectos indicando que a política lingüística debe deseñar consensos e pactos así como falar e negociar moito fóra do alcance mediático.
A conclusión, diapositiva 26, é que se debe desenvolver en profundidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL)
Lembremos algúns dos obxectivos do PXNL:
- Alcanzar un uso maioritario do galego na docencia, entre os docentes e nas relacións escolares en xeral.
- Fomentar o uso progresivo do galego desde a etapa preescolar (0-3 anos), de xeito que se superen as fortísimas carencias que se observan nos primeiros banzosdo ensino.
- Lograr que o ensino obrigatorio garanta unha competencia plena no idioma galego e repercuta de forma efectiva na súa adopción como lingua habitual por
parte das novas xeracións.


2.1.22. Establecer unha oferta educativa en galego en preescolar (0-3 anos) e na educación infantil para todos os nenos e nenas galegofalantes.
2.1.23. Fixar, como mínimo, un terzo do horario semanal en galego nestas etapas educativas para os contextos e contornos nos que a lingua predominante sexa o castelán, coa intención de que esta porcentaxe se vaia incrementando progresivamente.
2.1.24. Desenvolver programas experimentais en galego para castelanfalantes, asegurando o seu rigor pedagóxico, así como o seu seguimento e avaliación.
2.1.25. Fomentar a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, na perspectiva de que este se converta no idioma de base da aprendizaxe escolar.


sábado, 6 de febreiro de 2010

venres, 5 de febreiro de 2010

55 mentiras sobre a lingua galega.3



E outra entrevista ao coordinador do libro:
Nesa entrevista, entre outras cousas, podemos ler:

Cal é a mentira máis gorda que se di sobre a lingua galega?
A de que o galego nunca foi prohibido. Efectivamente, non existe unha lei que prohíba falar en galego, o que si que hai é unha morea de decretos e de normativas prohibindo outra cousa que non sexa o castelán. Esa mentira é inmensa porque a xente sostén que aquí o castelán foi adquirido dunha forma moi tranquila e moi bonita, que o quería falaba galego e o que quería falaba castelán. Iso é unha burrada! Esta era unha comunidade monolingüe en galego. A principios do século XX o 90% da poboación galega era monolingüe. O castelán era a lingua das elites.

sábado, 23 de xaneiro de 2010

A situación actual do galego

Recollemos esta presentación do ENL do IES de Melide sobre a situación actual do galego.
Claro que a cuestión do idioma non se sinte no bandullo, senón na alma (para quen a teña)