Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Centro Ramón Piñeiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Centro Ramón Piñeiro. Amosar todas as publicacións

venres, 15 de febreiro de 2013

Dicionario inútil?

Un novo exemplo da metodoloxía da política lingüística da Xunta. Preséntase un traballo que pode contribuir á normalización e reclúese dentro das oficinas da SXPL.
Acaba de publicarse unha nova ferramenta para avanzar no uso da lingua galega no ámbito da hostalaría: o Dicionario de alimentación e restauración. É unha recompilación dos termos da linguaxe gastronómica e culinaria relevantes desde o punto de vista conceptual ou denominativo. O seu obxectivo é contribuír á normalización da terminoloxía gastronómica e culinaria en lingua galega, resolver dúbidas puntuais sobre os termos e facilitar a comunicación entre os profesionais do sector. Recolle aproximadamente 3000 conceptos, con 3600 denominacións en galego, 3700 equivalencias en castelán e 3500 en inglés, ademais de 320 nomes científicos.
Foi obra do TERMIGAL, o Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e mais da Real Academia Galega. Este traballo pode ser a base dun proceso de normalización no ámbito da restauración, porén todo indica que o goberno non está por este labor. Basta con lle botar un ollo á nota de prensa emitida pola Consellería de Educación, onde o que se destaca é a asistencia do consellerio á presentación do dicionario e o propio dicionario vese reducido a unha desculpa para redactar a nota. Non se aproveita a presentación para ofrecer conxuntamente un programa de normalización das cartas dos restaurantes, nin hai un convenio con, por exemplo, a Asociación de Hostelerios de Compostela, para promoveren unha galeguización das súas ofertas.  Aínda máis, nin tan siquera aparece unha ligazón para descargar o dicionario que se ofrece libremente desde o Centro Ramón Piñeiro ou desde a RAG.
Tampouco achamos nin a máis mínima referencia ao dicionario no que debería ser o primeiro lugar onde tivera coñecemento e uso del: no Centro Superior de Hostelería de Galcia.  Pero claro, este centro de formación, directamente ligado coa Secretaría Xeral de Turismo, non ten tampouco o sano costume de manter os seus perfís das redes sociais en galego.