Nacín no ano 1968, pasei a infancia nunha aldea galega baixo o xugo franquista, que chegaba a todas partes e por tanto era imposible librarse del, a non ser coa morte ou emigrando. Nese contexto aprendín a chamarlle grilo ao grilo, vacaloura á vacaloura e cómaro ao cómaro. Souben que o angazo era para angazar e o fouciño para rozar. Quen me impuxo ese idioma coma lingua materna? Ninguén, chegou a min por transmisión xeracional e pola inercia dos tempos, cunha forza que se forxara séculos atrás e que a ditadura, malia que o intentou, non puido parar. Na miña parroquia todos falaban galego.
Actualmente a lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia é a lei 9/2011 especifica no seu
Artigo 6. Uso da lingua galega.
A lingua da Corporación RTVG é o galego; xa que logo, a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da devandita sociedade e as comunicacións que efectúe
ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas serán en lingua galega.
Ademaiis, engádese unha referencia á lusofonía no
Artigo 3.4. A Corporación RTVG poderá subscribir convenios de colaboración con entidades
prestadoras de servizos audiovisuais para a produción ou difusión de contidos audiovisuais
en lingua galega e portuguesa en Galicia e nos países de cultura lusófona.
O goberno do PP pretende reducir a presenza do galego, tal e como se deduce do Anteproxecto de lei dos servizos públicos de comunicación audiovisual. O primeiro que chama a atención é a propia denominación do artigo no que se elimina o concepto de "lingua galega" que vén ser substituído polo xenérico de "lingua". Fica claro que "lingua" significa "lingua española". O artigo, en cuestión non se usa para garantir o uso da lingua galega. Os seus obxectivos son
Eliminar a garantía de que a liingua do audiovisual público sexa o galego
Reducir a produción propia (en galego) e blindar a edición e difusión de contidos de produción allea.
Xustificar e, en consecuencia, garantir por lei, o uso do castelán nos medios públicos de comunicación.
Borrar toda referencia á lusofonía. Ben se ve que a finalidade é que se camiña para que o marco de referencia da lingua galega sexa o castelán.
Vexamos a redación do
Artigo 7. Uso da lingua. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade
Autónoma de Galicia producirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega e
garantirán a edición e difusión en galego dos programas, contidos e servizos de produción
allea, sen prexuízo da utilización doutras linguas cando así o xustifique o cumprimento da
misión de servizo público definida nesta lei e, en particular, co fin de dar a coñecer a
identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma.
É de supoñer que este anteproxecto conta co apoio de todo o organigrama da Xunta, en especial da SXPL. Revélase así outra vez máis cal é o sentido da política lingüística do PP, levar á anorexia a lingua galega.
Xa que estas son as directrices, non vou opoñerme, senón que, polo contrario, colaborarei a este novo agravio ao galego. Voulles aforrar o traballo aos responsables desta nova tele galega e aquí lles deixo o seu novo logo
Son unha radical. Pero unha radical de libro. Ou mellor incluso, unha radical de dicionario, porque a RAG dinos que radical, na súa primeira acepción, corresponde co relativo á raíz.
Documental sobre a dobraxe de películas e series de televisión en Galicia que nos guía por sesións de dobraxe en estudios galegos e entrevistas a profesionais do sector.
O traballo preséntase como unha ferramenta didáctica e normalizadora, válida para todos os públicos e que, ademais de reivindicar os audiovisuais en galego, pon en valor a industria e fomenta a canteira da dobraxe entre as novas xeracións.
Iniciativa realizada por RECREA FILMS
Primeiro vídeo do progerama de cámara oculta "Xente marabillosa".
Neste caso fórzase unha situación de imposición lingüística nunha tenda na que dúas clientas se posicionan contra a discriminación que está a sufrir a empregada dunha tenda.
No ano 1991 o Día das Letras estivo adicado a Álvaro Cunqueiro. O 17 de maio dese ano o presentador Xosé Ramón Gayoso fíxolle esta entrevista a Francisco Fernández del Riego en Mondoñedo, centrada na figura do homenaxeado naquela altura
A noite do venres, desde os tempos inmemoriais é a noite do Luar. Este espazo é unha fiestra á que se abren milleiros de fogares do país. Por esta razón as clases de Anxo González Guerra impartidas desde este programa son unha excelente forma der achegamento da lingua a boa parte da poboación. Ademais do programa dos venres, podedes seguir estas clases desde a canle de You Tube do profesor, tamén coresponsable do portal ogalego.eu. Nesta ocasión o tema principal é o Día das Letras.
Programa emitido no mes de maio do 1987 no que debatían sobre a situación naquela altura da lingua galega Xavier Alcalá (enxeñeiro de telecomunicacións), Xesús Ferro Ruibal (estudoso en temas sociolingüísticos), Pilar Garcia Negro (profesora e ensaísta), Juan Carlos Goñi (director de Radio Noroeste), Luís Moure Mariño (notario e escritor) e Manuel Taboada (director xeral de Política Lingüística) con Luís Álvarez Pousa como moderador.
Queremos galego vén de convocar unha mobilización popular para o 17 de maio na Praza do Obradoiro co lema Queremos vivir en galego. Expresa así a vontade dun significativo sector da sociedade galega que, malia todos os limites, coaccións e exclusións que o uso da nosa lingua soporta, é dicir, os seus falantes, con conciencia da situación opresiva ou sen ela, non está disposto a renderse, a renunciar aos seus dereitos individuais e colectivos, como pobo. Un deles, vital, é gozar a nosa lingua dun status de normalidade no propio país, deixarmos de vivir como estranxeiros na nosa patria. En efecto, pretendemos vivir en galego, sen os poderes institucionais ou económicos, ignoraren e esmagaren, como fachendosos poderes coloniais, os nosos dereitos lingüísticos, insensíbeis, de costas nada menos que á lingua que nos define e identifica como galegos e galegas. Símbolo da nosa realidade enteira como pobo, é síntoma tamén da consideración que nos temos a nós propios e a que lle merecemos aos demais.
Visto o éxito do programa da TVG, #DígochoEu, era visto que nalgún momento nalgún centro de ensino aproveitarían para remedalo. Meu dito, meu feito, os alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria do CEIP As Nogais montaron este programa que vai ser a envexa de Esther Estévez e compañía.
A estrea de ‘3 Caminos’ en Amazon Prime Video o pasado 22 de xaneiro abriu un melón que leva tempo madurando. Que dita serie recibira un financiamento de 1,5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e que non se ofreza o galego como opción de visualización nin sequera entre os subtítulos foi motivo de gran crítica.
Cando a TVG comezou a emitir os programas de #Dígocho Eu, non me parecía que fose a ter nin moito nin moi bo percorrido porque nun principio parecía unha restra de tiróns de orellas por falarmos mal a lingua. Ficou claro que a miña apreciación estaba errada. Co tempo os vídeos foron diversificándose, pero sobre todo, contan cunha xornalista, Esther Estévez, cunha moi boa dicción e desenfado diante das cámaras. Todo apunta non só cara unha lingua de calidade, senón, por esta vía, cara a normalización.
O éxito do programa fixo que se meteran na aventura do Tik Tok, onde alcanzaron novas cotas de éxito. Neste vídeo resúmese o máis visto
Neste capítulo a reporteira foi á procura concello no que a súa fala fose a máis próxima ao estándar. Como hai bos estudos do ILG sobre o tema, non tivo en problema en determinar que o pontevedrés concello da Lama era xusto o que estaba buscando. Pero o que atopou non foi só unha fala moi semellante á norma, o seu achado máis importante foi o dunha morea de prexuízos. Que se os da parroquia do lado xa teñen outra forma de falar, (pero os de Almería falan coma nós), que se nós falamos un galego regular, que onde se falan ben é por Lugo (e se es de Lugo, por Pontevedra), que se o galego dos medios é "demasiado perfecto", que se nós falamos un "galego cerrado" e incorrecto. As consecuencias de todo isto podémolas comprobar nos últimos segundos do vídeo cando un dos veciños nos informa de que ningún dos 86 rapaces do colexio da Lama é galego-falante.
Non é o mesmo falar ben que falar mal.Con esta premisa os da TVG tiveron unha boa iniciativa para o presente 2020 que estamos comenzando a andar. Trátase das pílulas audiovisuais #DígochoEu, que parten coa intención de "falarmos e escribirmos en galego un pouco mellor cada día"
Velaquí as dúas primeiras pezas. Esperamos que teña éxito e a iniciativa continúe a bo ritmo durante todo o ano.
Eu son de Ribeira. Cando estaba no insituto a profesora de galego preguntáranos cantos falabamos en galego. Eramos 4 (de 40). Felicitáranos polo resultado porque era mellor que o doutras clases.
Ademais, o que me di a miña orella sobre o uso do galego no Barbanza non concorda nada cos datos que parecen desprenderse do IGE (un aumento dun 10,4% ou un uso preferente do galego de case un 90%)
Non entendo esta discrepancia entre o que percibo e os datos do IGE. Quizais a explicación estea en que o ítem que se mide "persoas que falan en galego/máis en galego" é demasiado basto e demasiado vasto. De ser isto certo, ese incremento do que trata o vídeo nin é relevante nin reflicte ningún aspecto da realidade sociolingüística da comarca de Barbanza-Noia. En todo caso, se miramos os datos do IGE sobre a evolución da porcentaxe de persoas que falan habitualmente en galego/máis galego nas diversas áreas xeográficas no período do que fala o vídeo,2008-2018, vemos o seguinte:
Isto é, que o audiovisual está construído sobre "o caso raro", e aínda que se avisa dalgún xeito que isto é así, a impresión xeral é que o galego goza de boa saúde e que, polo tanto a política lingüística que se está a desenvolver é a correcta. O que non me gusta é que se oculte a tendencia xeral dos datos, ou que non se divulguen nin se fagan vídeos tratando outros aspectos como o uso do galego segundo a idade que demostran que é precisamente o goberno galego quen anda poñendo paus nas rodas da bicicleta da normalización. En conclusión, o que non me gusta do vídeo son os vídeos que non se fixeron.
Só unha nota final. Non quixera que dese a impresión que me "gustan" os datos negativos sobre a lingua. Na anterior enquisa do IGE (2013) os datos eran, en certo sentido, moito peores, tanto que podían levar ao desánimo. No IGE 2018 vemos un freo do descenso do galego, isto é, que hai resistencia, e que hai que saber potenciala e aproveitala. Desafortunadamente o que nos indican as mensaxes emitidas desde a Xunta e amplificadas pola TVG, vai en sentido contrario. Concretamente, non se lle vai prestar atención ao 25% da infancia que non saben falar en galego e manteranse as prohibicións para o uso do galego nas primeiras etapas educativas; non se tomará ningunha medida efectiva para desbloquear a tendencia uniformizadora das cidades, pola contra, ben vimos que o presunto Plan de dinamización do galego no tecido económico, por poñer un exemplo, foi só papel mollado, e o que é peor, non se espera ningunha outra medida que non sexa o mantemento do español como lingua do mundo empresarial, medida mil veces exemplificada pola traizón, mil veces repetida, por conselleiros e presidente da Xunta no actos públicos con empresarios. Con estes exemplos, didácticamente repetidos na TVG nos telexornais, como cabe esperar outra cousa que a quebra na transmisión interxeneracional? Aínda máis, a Xunta non pon medios para paliar esta quebra, sendo o garante da castelanización do ensino, cando calquera que saiba as catro primeiras leccións da normalización sabe que cómpre unha medida profunda e mantida no tempo, de inmersión lingüística a través da escola como punto de amarre necesario, aínda que non suficiente, para comenzar unha reversión do declive do galego.
Desafortunadamente a Xunta blinda a prensa en español con xenerosas subvencións, mentras que os medios que apostan pola nosa lingua teñen que facer fronte a esta desventaxa competitiva. A Xunta actúa contra unha maioría da poboación que clama por unha maior cantidade de contidos en galego.
Ata tal punto chega a reacción da Xunta en política lingüística, que antes de afrontar a realidade con propostas e medidas normalizadoras, prefire poñer vendas no ollos e mentir descaradamente. Tal é o caso da penosa situación do galego na internet. Como a situación é tan mala, inventan datos positivos para xustificar que non teñen previsto facer nada, nin este ámbito, nin noutros, que supoñan favorecer o uso do galego.
A conclusión é que a política lingüística que estamos a sufrir está orientada cara a redución, e non cara a normalización da lingua galega. Para que toda esta desfeita poida levarse a cabo, cómpre manter un relato que oculte e susbtitúa a realidade. Ese é o relato da pax lingüística, un relato burdo e mentireiro. "Aquí non pasa nada", "non hai conflito lingüístico", aínda máis, "o galego é a lingua da ciencia".
Tanto o vídeo que presento nesta entrada, como en xeral, a información que nos ofrecen os medios (normalmente en español) sobre a situación actual da lingua galega, forman parte desa gran farsa, a pax lingüística.
Grazas a un chío de Anxos Sobriño tiven coñecemento desta iniciativa de cidadáns que, sendo de orixe estranxeira, piden que non lle cambien a lingua cando falan con eles. A proposta tivo o seu espazo na televisión pública catalana, tal e como podemos comprobar neste vídeo.
No programa fálase de como unha falsa interpretación da "boa educación" levan á cidadanía a invisibilizar a lingua do país. Se o noso interlocutor ten con rasgos foráneos traizoamos a nosa lingua e cambiamos inmediatamente para o castelán. O cambio incluso pode suceder cando falamos con alguén que se expresa nunha variedade dialectal distinta da nosa lingua. Visibilizar estes prexuízos e argallar formas de enfrontalos é o obxectivo final deste programa. Alguén puido oir na TVG algunha reflexión semellante a algunha das que verqueron neste espazo durante os 10 últimos anos? Como a resposta é negativa, debemos preguntarnos ata onde alcanza o nivel de manipulación do imaxinario colectivo galego por parte dos medios de comunicación.
As reflexións debulladas neste espazo son de primeiro curso de sociolingüística. Xa que logo, forman parte dos alicerces para desfacerse dos prexuízos lingüísticos. Se non divulgamos este tipo de saberes estamos abríndolle as cancelas aos comportamentos socialmente tóxicos. Nisto consiste a política lingüística da Xunta, na exclusión dos saberes que nos farían máis libres e que incidirían na diminución das desigualdades.
Doa a Doa foi un programa da TVG que se emitiu entre os anos 2007 e 2010. A idea que o sostiña era a proxección da transmisión oral. En cada capítulo, de 13 minutos de duración, varias persoas relataban ideas ou feitos arredor dun tema. No vídeo que se presenta aquí o tema era "o tesouro da lingua"
Arderon as redes sociais con esta curta e agarimosa defensa da lingua galega realizada pola deportista Ana Peleteiro nun programa de televisión. Por que foi? Seguramente pola sinxeleza da mensaxe, o sentimento posto nela, e a confesión de que ela mesma se avergoñara de usar o galego, mesmo de ser galega, pero que se sobrepuxera a estes prexuízos.
Quen non se sobrepuxo, quen si se avergoña de usar o galego, mesmo de ser galego é Feijóo. Lembremos a felicitación que lle fixo a esta atleta hai unhas poucas semanas.
Felicidades a la gallega @apeleteirob, que se acaba de proclamar campeona de Europa de triple salto. ¡Enhorabuena, Ana!