Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta testemuño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta testemuño. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de abril de 2015

Irmandade TV no IES das Fragas do Eume



Irmandade.tv estreou web, polo momento en probas para o seu próximo lanzamento dos informativos diarios. Entre as actividades de promoción desta nova etapa está este achegamento ao IES Fragas do Eume (Pontedeume). Trátase dun adianto da Maratón pola lingua galega que se está a preparar desde esa canle. Recóllense neste vídeo unha serie de testemuños do alumnado do IES que reflexionan sobre diversos aspectos da situación social da lingua.
Estaremos atentos a esta canle, moi comprometida coa normalización.


martes, 24 de marzo de 2015

Suleiman, un alemán estudante de física que aprende galego



Chegounos o vídeo grazas á difusión que Prolingua fixo del. Consiste nunha simpática peza na que Suleiman explica como é a súa vida de estudante de Física na  Freie Universtät - Berlin e as circunstancias que o levaron a querer aprender a nosa lingua.

luns, 12 de xaneiro de 2015

Historias lingüísticas dos alumnos do IES Leiras Pulpeiro



Paula veu de Colombia pero leva en Galicia desde os 5 anos.Máis que pola escola ou os amigos, infórmanos de que coñeceu o galego a través do Xabarín Club. Estivo uns anos na Coruña, alí só falaba en galego coa profesora de galego. A pesar de falar ben na nosa lingua dinos que ten que mellorar moito o seu castrapo.
Kimberli estuda en Lugo e o seu seseo indícanos que non é orixinaria de alí. Conta que só escoitaba algunhas veces falar en galego na escola, e todas as tardes no Xabarín Club. A pesar de que fala a unha velocidade de Fórmula 1 informa que ten que pararse a pensar o que di para non acabar falando castrapo.
A familia de Daniel é castelanfalante. O seu contacto co galego aumentou ao ir medrando e relacionarse máis coa xente da súa vila e ao tratar cos compañeiros da escola.
Estas son tres historias lingüísticas doutros tantos alumnos do IES Leiras Pulpeiro (Lugo). Forman parte dun traballo que realizaron para a profesora Juncal Martínez.



Historia lingüística de Alba Villamor, Alba Gómez, Brais Pereira, Christian Lens from IES Leiras Pulpeiro on Vimeo.

Alba Villamamor falou galego ata os 3 anos. Ao entrar no sistema educativo comenzou a falar en castelán que é a lingua que emprega en todas partes, agás coa familia. A inseguridade é o trazo máis significativo de Alba pois asegura que cando trata con alguén que non ten confianza, aínda que lle falen en galego, ela faino en castelán sempre.
A familia de Alba por parte de pai non é galega polo que a lingua na que falou sempre foi o castelán. Desde pequena, na escola, sempre me falaron castelán, menos na clase de galego. Síntese incómoda falando castelán.
Brais, de familia galegofalante. Só fala en galego coa familia.
Christian é galegofalante por aprendizaxe familiar. Intenta falar en galego cos amigos, pero acaba falando sempre en castelán, aínda que ten a intención de falar sempre en galego.
De seguido outros catro testemuños desta interesante experiencia recollida do blogue do ENDL do IES Leiras Pulpeiro. Alí pódese consultar algún máis. Unha ducha de realidade.



mércores, 28 de maio de 2014

Cóntoche o seu segredo

por Susana H. Blanco Nigro, nas Voces de Prolingua:


Onte o meu psicólogo díxome: “coñezo máis de Galiza nos seis meses que te atendo, que polo que lin en toda a miña vida”. E é que, aínda que eu vivo en Buenos Aires, teño un anaco do meu corazón ollando cara a Galicia. Son unha das tantas galegas porteñas que falan galego e, xunto co “asado” o domingo, trinco unha tortilla ou unha empanada; e se teño sorte, algunha colega invítame a unha copiña do mellor licor de café do mundo. Tamén porque son parte dun grupo de mozos e mozas que nos xuntamos nalgún dos mil bares porteños só para falar en galego. Chamámonos “Tira a Lingua” e facémolo como sexa, cos nosos erros e cos nosos acertos. Algúns saben máis ca outros, mais entre todos “imos tirando”. O máis gracioso é ver a cara do camareiro que despois de escoitarnos dicir cousas como “onte orballou no serán” escoita: “che, ¿me traes un cafecito?”.