Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Alfredo Suárez Canal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alfredo Suárez Canal. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de abril de 2010

Unha actitude do valedor do pobo manifestamente mellorable

por Alfredo Suárez Canal, político, en Terra e Tempo

O "Valedor do Pobo" é unha institución que contemplada no Estatuto de Autonomía ten o cometido legal de velar polos dereitos e liberdades fundamentais e, singularmente, os dereitos individuais e colectivos recollidos no título preliminar do Estatuto.

Nese título preliminar, faise unha referencia xenérica aos dereitos e liberdades fundamentais, e en concreto o dereito ao traballo na propia terra, e como dereito específico colectivo reséñase o idioma galego como propio e determina que é unha obriga da administración pública galega a súa promoción e impulso.

Este é o recoñecemento legal explícito dunha situación que evidencia que o idioma que está sometido á desvantaxe, á postergación e perigo de desaparición é o idioma propio e xa que logo a preocupación fundamental nese ámbito dunha institución como o "Valedor do Pobo" sería actuar de oficio e amparar, sobre todo, o dereito dos cidadáns que teñen dificultades enormes para poder vivir en galego.

Lonxe desta preocupación a realidade lingüística que reflicte, ano tras ano, o informe que o Valedor presenta ao Parlamento converte a esta institución nun auténtico extraterrestre no país no que exerce a súa función. Só cunha posición prexuizosa se pode entender que as oito suxestións que recolle o Valedor no ámbito dos dereitos lingüísticos vulnerados estean destinadas a reclamar de distintas administracións o uso do español, mesmo en folletos turísticos ou informativos. Nin unha soa suxestión destinada a amparar o dereito individual, imposíbel de exercer plenamente, a vivir en galego e, sobre todo, o dereito colectivo a potenciación do emprego do galego.

Máis aínda, as queixas que se tramitan diante do Valedor sobre a vulneración da legalidade e o dereito a vivir en galego son despachadas con frases xenéricas e desvalorizadoras que desincentivan calquera pretensión de presentar queixas en defensa do galego. Mesmo da a sensación que esa é a motivación do trato dado ás queixas en relación coa realidade lingüística: amplificar e reseñar moi detalladamente as que reflicten situacións como si o problema en Galiza fose para o español e minimizar, e case invisibilizar, as dos que defenden o galego. En definitiva, dar unha imaxe distorsionada da realidade lingüística quizais para servir a esa estratexia de acoso e derribo para o galego e, ao mesmo tempo, conseguir que as queixas a favor do uso do galego desaparezan porque ven a inutilidade da súa presentación.

Esta actuación significa, pois, esquecer o mandato legal da Lei do Valedor que determina que unha das súas razóns de ser situase na defensa do dereito colectivo a potenciación do idioma propio e os dereitos individuais que deste se derivan. A deserción dese obxectivo que se esta a producir na actualidade nos poderes públicos en Galiza, representa que se está actuando contra o pais, contra o seu sinal de identidade máis xenuíno, esquecendo a loita democrática máis importante que levou o pobo galego ao longo de cinco séculos en defensa da súa lingua. En definitiva, esquecese a loita pola liberdade máis importante que está en xogo novamente neste momento no noso país. A loita polo noso idioma. E o Valedor do pobo non debería ser cómplice do proceder e da estratexia da Xunta.