Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Dourado Deira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Dourado Deira. Amosar todas as publicacións

sábado, 1 de outubro de 2011

RAG: contencioso administrativo contra o decretazo

por Manuel Dourado Deira, que fala dun recurso do que non teño noticia,  no Galicia Hoxe:

A Real Academia Galega (RAG) ben de anunciar que vai interpor un Recurso Contencioso-Administrativo contra a non inclusión do idioma galego no Ensino non Universitario. Xa non levo conta exacta de cantos recursos xudiciais en defensa do idioma interpuxo a RAG contra a política lingüística do actual Goberno Xunteiro. Naturalmente, como xa teño escrito en innúmeras ocasións, a RAG está para velar e promover o idioma de Galicia, como legal, lexítimo e natural. En consecuencia, é o seu deber utilizar todos los recursos legais ao seu alcance para a defensa do idioma de Galicia, como tanta vece levo escrito. O feito de que teña que insistir é proba de que A Xunta non rectifica nin acepta os principios da legalidade vixente. Pola contra, está aos conculcar neste coma noutros casos dos que xa tratei.
Todo o máis que fai é eludir a cuestión. Porque, a resposta da Xunta e de “si; pero non”. Moito discursiño televisado, moita cota de pantalla en que o Sr. Presidente da Xunta pronuncia peroratas sempre xustificativas da súa acción de Goberno, que, en moitos casos, resultan máis triunfalistas ca reais. Da transcendencia do idioma propio tamén tratei ata a saciedade. Probablemente o lector o está aínda máis ca min. Incluso sei o risco que corro con esta miña teima. E ben sabe Deus que o que me gustaría é, non só deixar de facelo, senón poder escribir todo o contrario. Porque ese sería o símbolo de que xa ¡e por fin! non sería necesario.
Outra cuestión que comeza a ser preocupante é a eficacia real que poidan alcanzar este ou outros recursos que, insisto, son legais e lingüisticamente necesarios, xa non dependen nin da RAG nin de calquera outra entidade que os interpoña. Porque aquí entran en lide a propia actitude dos tribunais que os xulguen e sentencien. Por iso, comeza a se poñer en tea de xuízo a súa independencia, especialmente tocada polas influencias dos poderes políticos. Cuestión da que tamén reiteradamente tratei aquí. E lamento ter que o facer, porque iso afecta á famosa división de poderes e, en consecuencia, a súa independencia. Casos hai, incluso máis numerosos dos que son precisos, para xerar dúbidas deste tipo. E a tódolos niveis como reiterei moi recentemente. Naturalmente, ningún tribunal está formado por anxos, senón por seres humanos. E todo humano, como ser limitado que é pode caer en moitas tentacións de abuso de poder.
Pero tamén digo que, se “humanum est errare”, como xa dixeron os clásicos latinos, tamén é humano rectificar, sobre todo, cando no se trata aquí dun verdadeiro erro, senón de desviacións interesadas. Asunto grave porque afecta ao mesmo Estado de Dereito que tantos séculos e tremendas peripecias custou á nosa sociedade conquistar. E con el, o denominado Estado democrático e do benestar. Asunto este último que, nestes momentos, está a bailar na corda frouxa. Contra el, se están levantando eses entes escuros que se denominan “mercados” e tamén as “nenas bonitas” das axencias de (des)cualificación).

venres, 1 de xullo de 2011

"Los demócratas de toda la vida" asfixian G. H.

por Manuel Dourado Deira, sobre a defunción do Galicia Hoxe, no dixital:

Si, Galicia Hoxe en papel rematou a súa xa ilustre andaina o pasado 28-6-11. A soga lanzárona desde Monte Pío. Recortaron sen piedade e o único diario en galego, pese aos extraordinarios esforzos da Editorial Compostela non puido sobrevivir. Galicia Hoxe practicou sempre a liberdade de expresión legal; pero as súas fundadas críticas irritaban ao Poder.
Premonitoriamente, quen subscribe previu esta morte en marzo de 2009, ante a maioría absoluta do PPdeG. Debo recordar aquí dous artigos de entón: 1) “¿Como se pode gobernar un país sen identidade?” 2) Tiro de Gracia ao galego”. Do primeiro, debo recordar este parágrafo:
“Temos experiencia de que a liberdade, a verdade e a obxectividade son sacrificadas. E, entón, aparece o chánchollo e o enchufismo, o reparto de favores clientelares; perece a xustiza distributiva; renace a persecución da disidencia crítica; imponse e impera a falacia da propaganda, a ocultación da verdade e, finalmente, a negación e enterramento de toda discrepancia, e, con ela, a entidade dun país”.
Do “Tiro de Gracia ao galego”, dixen: “O futuro Presidente prometeu derrogar o Decreto do Galego. Iso podería significar a morte definitiva do idioma natural de Galicia, e, en consecuencia, da vida de Galicia como Comunidade Histórica. Como tantas veces repetimos, é o galego o que está en perigo, non o castelán, como se dixo en certos medios manipuladores da realidade. Consulten, se non, o Mapa Sociolingüístico de Galicia da Real Academia Galega (RAG),recentemente aparecido. Se atentamos contra o idioma, disparamos contra a vida da nosa Comunidade. Suponse que o Sr. Núñez, futuro Presidente, non lle apetecerá irse para a casiña por non ter Comunidade onde gobernar”.
GH tivo que pechar despois de un custoso proceso de agonía para o Grupo El Correo Gallego, sitiado pola falta de axudas económicas. Por iso, quero facer constar aquí o meu persoal agradecemento á Editorial Compostela porque foi a única que soubo combinar o auténtico “bilingüismo harmónico”. Un servidor xa lle recordou ao Goberno do Sr. Fijóo os deberes que lle preceptúan a lexislación vixente, desde a Constitución ao último regulamento referentes ás atencións que os poderes públicos galegos deben cumprir respecto do idioma de Galicia. Como lle repite o noso Director na Carta de despedida: “A Constitución Española recolle o dereito a expresar e difundir libremente os pensamentos, ideas, e opinións mediante a palabra, o escrito, ou calquera outro medio de reproducción. Tamén recoñece o dereito a comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión”.
Recórdalle que o Estatuto de Galicia preceptúa: “Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e dispoñerán os medios necesarios para facilitar os seu coñecemento”. Pois o Goberno actual fai exactamente o contrario.

sábado, 5 de marzo de 2011

Castelao, propagandista do nacionalismo

por Manuel Dourado Deira, no Galicia Hoxe:


¡Bravo y Olé! Como gritaría un cantaor de fandango, con palmas, taconeo e a golpe castañolas! Este delirio flamengueiro é o meu aplauso a tanta aflamengada sabedoría como demostrou o PPdeG no pleno do Parlamento de Galicia do 22-2-11. Transcribo o esencial da noticia dada por este xornal o 23-2-11: "O PP de Galicia -escribe X. Leiro- rexeitou onte no Parlamento (de Galicia; non de Castela-León, ou mesmo de Madrid) a iniciativa do BNG de declarar o 2011 como Ano de Castelao coincidindo co 125 aniversario do nacemento do autor galeguista". "O deputado popularAgustín Baa- monde cualificou a proposta de "propaganda da ideoloxía nacionalista". ¡Que clarividencia, Sr. Deputado! ¡Bravo y olé! Porque, en efecto, Castelao é un xenial ideólogo galeguista e nacionalista. ¿Propagandista? ¿Non é algo normal en calquera ideoloxía? ¿Acaso o PPdeG non fixo e segue a facer propaganda, incluso excesivamente triunfal e vacua? ¿Talvez entenden que para eles é lícito, e para a oposición, non? Se este é o pensamento que os atormenta, concretemos que é iso de ser propagandista:
O Dicionario ensina que propagandista é "a persoa que fai propaganda, especialmente política". Epropagar significa "estender unha cousa; difundir, divulgar, espallar, propalar, publicar...". Todo isto, reitero, non o fai o PPdeG día a día? ¿Que cota de pantalla chupa (perdón pola vulgaridade do termo) o Sr. presidente todos os días?
Se pensan así, permítaseme unha anécdota que, na era de San Francisco Franco, Caudillo de España, ocorreu na cidade de Pontevedra. Eran tempos de "prietas las filas"; de "pan, justicia y paz"; pero o "pan blanco" e o aceite de oliva só se conseguían de estraperlo porque andaba polas nubes; pero había en abundancia para os beneficiarios do Réxime. Incluso se facían suculentos negocios como no caso Rea-ce de Redondela que había aceite de oliva por toneladas, etc.
Agora cómpre unha anécdota de Pontevedra: Un home ía polas rúas batendo cun pao unha grande lata do aceite, e gritaba: "Una, Grande y Libre!!". Entón, dous grises (policías-gardiáns do Réxime) parárono: "¿Que va Vd. diciendo?". "Digo que esta é unha lata do aceite; e é grande, non si?; pero, está libre, e a miña muller xa me ten máis que farto de comer patacas coa tona". Os grises "trincárono" e levárono á Comisaría. Non pasou cousa maior.
¿Por que o BNG non pode propoñer a merecida homenaxe a Castelao no seu 125 aniversario do seu nacemento, sobre todo, cando se trataría dunha homenaxe puramente cultural da súa grata recordación? ¿Ignoran que se existe o Parlamento de Galicia, que o PP domina e desfruta neste momento, é porque Castelao o defendeu e o reclamou nas Cortes de Madrid durante a República? Deberían estarlle agradecidos no canto de o perseguir no nome desa quimérica España "una, grande y libre". Quizais se deba a ignorancia da nosa propia Historia e deveñen vítimas do adou- trinamento ideolóxico partidario. ¡Que pena!.

sábado, 5 de febreiro de 2011

Aniversarios de Rosalía e Castelao

por Manuel Dourado Deira, no Galicia Hoxe:


Que feliz e rara coincidencia que dúas figuras senlleiras da Cultura de Galicia cumpran este ano o 125 aniversario: Castelao, do seu nacemento; Rosalía, do seu pasamento. Xusto ao ano seguinte do pasamento de Rosalía (1885), vén ao mundo Daniel Castelao (30-8-1886). Por esta razón, 2011 foi declarado pola Xunta Ano de Castelao. Segundo lin na prensa, hai quen se lamenta que a Xunta o fixera "tarde, mal e arrastro". Polo menos, iso lle parece a Ana Pontón, responsable de Cultura do Grupo Parlamentario do BNG, quen reclamou que este 2011 fose declarado Ano de Castelao.
Todo isto proba o que xa escribín noutras ocasións: Que os nosos actuais gobernantes xunteiros, en especial os responsables da Cultura deste País, non son devotos das figuras de Castelao nin tampouco de Rosalía. O presidente Núñez Fejóo lamentouse de que o presidente de España non se dignara honrar o Xacobeo visitando Galicia. Non lle falta algo de razón; pero si enviou o seu segundo de abordo, porque Zapatero foi a Barcelona para despedir, xunto ás súas Maxestade os Reis, a Súa Santidade o Papa. Puido vir noutro día calquera durante todo o Ano Xacobeo. E non o fixo. Mandou tamén un dos segundos de a bordo. En fin, cuestión de sensibilidades, preferencias e prelacións. Por iso, os rianxeiros tamén poderiamos lamentarnos (incluso, deberiamos) respecto da ausencia da Xunta nos actos de Castelao, polo menos nas conmemoración máis significativas.
Respecto de Rosalía, teño noticias de desatencións semellantes e incluso máis graves, especialmente nas cuestións económicas referidas á súa Fundación. Unha vítima máis dos famosos recortes da Xunta por mor da crise? Polo que se vai vendo noutras institucións de tipo socio-cultural, parece máis unha cuestión de amor que de diñeiro. Ou, dito doutro xeito, aténdense ben aquelas institucións que lle son máis queridas por seren tamén máis afíns ideoloxicamente. Se son galegas, ben está. Pero, aqueloutras que, sendo máis galegas, non gozan desas afinidades, deben ser tratadas dun modo proporcionalmente equitativo. Iso, polo menos. Porque deber, ética e politicamente consideradas, as entidades socio-culturais galegas deberían ser tratadas dun modo preferente por un autenticamente galego e para os galegos. Isto sen prexuízo das e atencións que, como Comunidade Autónoma, nos correspondan respecto do Estado.
Outra das peticións importantes que fixo a Deputada Ana Pontón foi a de que a obra de Castealo sexa declara Ben de Interese Cultural (BIC). A casa da familia Castelao xa foi declarada BIC polo Goberno anterior. Pero, a súa obra, non. E penso que, ademais de moi conveniente, é absolutamente necesaria. E, neste punto, é preciso posuír un catálogo integral desa obra que ata non hai moito tempo estaba sen facer. Era necesaria unha exhaustiva investigación desa obra desperdigada por mans particulares. A Fundación Castelao encargoulle esta tarefa ao Sr. Seixas. Tería que dar conta dela. Fíxoo? A un servidor non chegou..

sábado, 7 de agosto de 2010

Feijóo e a Real Academia Galega

por Manuel Dourado Deira, no Galicia Hoxe:

É realmente triste e lamentable que un presidente de Galicia diga o que dixo da Real Academia Galega, unha institución cuxa primeira e principal obriga é velar pola promoción, renovación e conservación do idioma natural de Galicia; ten que sufriu a afronta que o Sr. presidente de Galicia deste malfadado momento da nosa xa milenaria Historia acusando o ilustre e actual presidente da RAG dunha rara contaminación ideolóxica. ¿Non será xustamente ao revés, Sr. presidente? ¿Non será a súa propia ideoloxía, os intereses partidarios e as súas propias cobizas postas no Goberno central as que o perturban? E, ¿como e por que lle anubou a cabeciña esta sombra de delirio? Pois porque a RAG, no cumprimento do seu deber de velar polo idioma de Galicia non lle gustou nadiña que interpuxese un recurso contra o chamado Decreto do Pluriligüismo. Está no seu deber, reitero, de o facer. Decepcionante e, incluso, punible, cando menos eticamente, sería o contrario: que non o interpuxese. Digo máis: quizais pecou por demasiado tardía porque xa antes o fixeran entidades CIG-Ensino, FETE-UXT e, por suposto, A Mesa pola Normalización Lingüística. E o Sr. Feijóo debe recordar que a RAG non e só o seu presidente, senón toda unha corporación do intelectualmente considerado o melloriño de Galicia. E a ideoloxía de cadaquén como en calquera outra institución é unha opción persoal á que todo cidadán ten dereito, pois na RAG concorre un amplo abano ideolóxico que se dilúe no deber institucional da salvagarda do noso idioma. Pensar cousa distinta é, repito, un delirio. Máis ben tería que ser vostede o que deba reflexionar moi a fondo sobre esa cousa espuria que é o Decreto do Plurilingüismo e retiralo da circulación, porque vostede sabe que ese plurilingüismo é unha artimaña legal para acabar de asfixiar o idioma galego. Sr. presidente, que se lle ve a pluma e o plumeiro da súa intencionalidade, esta si, fortisimamente ideolóxica. Talvez llo impón o autoodio que perturba ao Sr. Rajoy?