Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xerais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xerais. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de xullo de 2022

Entrevista con Miguel Rodríguez Carnota

 Daniel Seixo entrevista para Nueva Revolución TV a Miguel Rodríguez Carnota, autor do libro Lingua, poder e adolescencia (Xerais 2022) que trata sobre os mecanismos de represión da lingua galega na actualidade entre os adolescentes. Trátase dun estudo cualitativo, fundamentado en entrevistas con mozos que sofriron acoso e discriminación lingüística no ensino secundario nestes últimos anos. 

O poder infíltrase en todos os escenarios e todas as capas sociais. Controla e distribúe tempos e espazos. Os pares, os propios compañeiros, tragan o discurso do poder de discriminación das linguas e aplican ese discurso aos seus propios compañeiros forzándoos a que abandonen a lingua galega. 

venres, 17 de xuño de 2022

500 anos de represión do galego

Comezaron as presentacións do novo libro de Carlos Callón, O libro negro da lingua galega (Xerais 2022). Nesta reportaxe de Nós TV teremos ao propio autor, así como ao editor Fran Alonso e ao actual presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, ofrecendo o seu punto de vista sobre a publicación.

Ademais da anterior reportaxe recollemos algunhas intervencións da súa presentación na libraría Couceiro (Santiago de Compostela) roubadas do Twitter da Mesa: 

martes, 13 de outubro de 2020

TVG3, a canle do Xabarín


 por Manuel Bragado no Faro de Vigo:

No nadal de 1982, Xerais publicaba A chamada da selva, a noveliña de aventuras de Jack London traducida para o galego por un Gonzalo Navaza moi novo. Abríase así a colección «Xabarín», a primeira da edición galega destinada ao público infantil e xuvenil na que o editor Xulián Maure pretendía traducir boa parte dos títulos clásicos para crianzas de autores como Oscar Wilde, Herman Melville, Jules Verne, Lewis Carroll ou E.A. Poe, entre outros. Dende entón os inconfundibles volumes azuis de Xabarín, con cubertas deseñadas e ilustradas por M. Fragoso, comezaron a entrar en moitas casas, sendo para moitos mozos e mozas da década dos oitenta a súa primeira lectura en lingua galega. Títulos identificables, tamén, pola presenza na contra capa da icona da serie, unha cacheira frontal do xabaril cos cadanseus cairos ben afiados, unha imaxe moi divertida que hoxe identificamos cunha emoji que expresa ledicia

luns, 22 de abril de 2019

Mate-glifos, un libro para recomendar

https://www.xerais.gal/libro.php?id=5845473
Ano tras ano observaba con envexa como o profesorado de lingua galega recomendaba lecturas ao alumnado. Eu, non podía facer o mesmo se non era traizoando a miña lingua. Por fin, aínda que mínimamente, como lle corresponde a unha lingua minorizada, podo comenzar a facelo.
Ao contrario do que sucede coa contaminación luminosa, que está apagando as estrelas, a colección de Xerais Básicos Ciencia é a única luz nesta escuridade que afecta á normalización dentro divulgación científica.
Nesa colección vén de publicarse Mate-glifos (Xerais 2019), da autoría dos profesores do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo Nicanor Alonso e Miguel Mirás. O primeiro deles é o autor doutro libro publicado este ano, A lista de Hilbert (UVigo, 2019), un texto que na súa parte principal podía consultarse na Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego e que agora publicou a Universidade de Vigo con algunha engádega como os Problemas Clay. Nesta mesma biblioteca virtual atopamos unha tradución da que Nicanor Alonso é co-autor, a do Libro I dos Elmentos de Euclides. Por outra banda Miguel Mirás é un dos partícipes nun texto pensado para a docencia universitaria, Matemáticas á Boloñesa (UVigo, 2014) que tivo que ser ser reestruturado para adaptalo ás novas normas e esixencias, dando lugar a, Un mar de matemáticas (UVigo, 2016). Non é Mate-glifos a única colaboración destes dous autores pois xa se xuntaron para ofrecernos Arenarius, a tradución ao galego da obra de Arquímedes. Estamos, polo tanto, fronte a dous autores experimentados e cun aval no ámbito da escritura sobre o coñecemento matemático máis que certificado. Aínda máis, como demostran todas estas referencias anteriores ambos os dous están interesados e comprometidos coa normalización da lingua, valor que os fai merecedores de todo o noso agarimo.
Pero, que son os mate-glifos? Se como resposta ofrecésemos unha outra pregunta: "que son os petróglifos?", de certo que colleríamos o fío de por onde van as cousas. Un glifo, RAG dixit, é "un signo ou debuxo de carácter simbólico empregado en diferentes sistemas de escritura". Velaí que este libro está adicado á escritura dos algarismos (1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9 e 0), mais tamén doutros símbolos matemáticos como o punto ou a coma decimais, as parénteses, corchetes ou chaves como glifos de agrupamento,  +, ー, ✕ ou ⋅, ÷ ou a/b, √, ab, r s (r paralela a s), rs (r perpendicular a s), >, <, =, x como incógnita, as abreviaturas trigonométricas sen, cos e tan, log como abreviatura de logaritmo, ∑, Π,  f ', ∫, ou os números e, π, i.
Quen propuxo toda esta simboloxía?, cando? cales son as razóns da escolla actual? Nicanor Alonso e Miguel Mirás intentan responder a estas cuestións.Teñamos presente que a resposta nunca é inmediata. Todas as ideas que gardan estes glifos escribíronse de distintas maneiras dependendo da época e incluso do autor. Consideremos por exemplo o símbolo da igualdade (=). Escollino porque, segundo a miña experiencia,  o creativo alumnado de secundaria está empeñado en substituílo por frechas (➝). Cada vez que o fan preséntolles a Robert Recorde, quen no 1557 expresou o seu argumento para introducir o símbolo = e que viaña sendo que el non era que de imaxinar dúas cousas máis iguais que dúas paralelas. En Mate-glifos faise referencia a outras escrituras para representar a igualdade tales como Ч (copistas do III e IV), pha, aeq., ae, ...
Aínda hai outra característica deste libro que o fai máis atractivo. Tomando como desculpa os tópicos que vai tratando, introdúcense a modo de pílulas, cuestións de carácter divulgativo. Esta estratexia de elaboración do libro faino moito máis dinámico para o lector que busca algo máis que unha restra de explicacións sistemáticas sobre a escritura matemática. Ao falarnos dos símbolos da división explícase en que consiste a proba do 9 (teño que confesar que é a primeira vez que a vexo nun texto impreso). A carón do sistema de numeración binario detállase un truco de maxia que utiliza este sistema. Os logaritmos van acompañados do problema do coleccionista de cromos: cantos cromos se espera que teña que comprar para completar unha colección de 200? A resposta, que recollo do libro, é de 1176. Noutro capítulo, a raíz da demostración do teorema de Pitágoras coñecida como a cadeira da noiva, preséntasenos un quebracabezas de Henry Dudeney consistente en cortar un triángulo equilátero en 4 pezas de forma que ao volver a xuntalas poidamos formar un cadrado.
Velaquí o triángulo equilátero, recórtao e forma un cadrado


Como regalo final, ofrécesenos un pequeno dicionario etimolóxico dalgúns termos matemáticos e unha táboa (ou glifoteca) con símbolos, ano de aparición e autor.
Non sei que esperades para ler e, xa que logo, recomendar.