Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta audio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta audio. Amosar todas as publicacións

domingo, 24 de maio de 2015

Presumindo de galego

Cantas veces lle teremos que agradecer á Coordinadora galega de ENDL (CGENDL) as boas propostas que ceiban para que as aproveiten os Equipos dos centros escolares! A última proposta da CGENDL consistía en que graváramos a fala dos mozos dos nosos centros para que puideran Presumir de galego. Por que? Pois porque existimos os e as galegofalantes de menos de 60 anos, incluso de menos de 40, e de 30... ningún chegamos aos 18! Invitámosche a que entres na páxina da CGENDL e que busques os  podcasts que gravamos en Silleda:

 Gravacións> Provincia: Pontevedra> Concello: Silleda.

Tamén os podes escoitar aquí, nesta entrada.

Conversa informal
Co obxectivo de escoitarmos a un grupo de rapaces de 13-14 anos coa fala das terras de Silleda, grabamos esta conversa informal nun grupo formado por tres deles : Carlos Taín, Laura Diéguez e Marcos Caetano



A lenda do Pelapatacas
Laura Diéguez Troitiño cóntanos a lenda do Pelapatacas



A pesca
Juan José fálanos da súa afición: a pesca. Cóntanos con quen a practica e as técnicas que usa



A lenda do San Xoán

David Mato fálanos dunha lenda da noite de San Xoán



A lenda do casamento
Carlos Taín Gil fálalos dunha lenda sobre o que debían facer os homes cando casaban



A lenda do Carro de Ouro
Lucía Dapena Carracedo,  cóntanos a lenda do Carro de Ouro



Os Xenerais da Ulla
A dos Xenerais da Ulla é celebración tradicional do antroido típica das terras da beira do río Ulla. Marcos Caetano Vázquez, infórmanos das súa orixes


sábado, 9 de maio de 2015

Premios á publicidade en galego. XXII edición.

A CRTVG e o consello asesor de RTVE en Galicia entregaron os XXII  Premios de Publicidade en Galego, que teñen como obxectivo recoñecemento  de empresas e entidades que teñen o atrevemento (e a boa iniciativa) de publicitárense nos medios de comunicación en galego.
Os traballos premiados foron “Galeguesa, a diferenza"  na modalidade de Internet




"Hai cousas que canto menos cambien, mellor" (desenvolvido por BAP&Conde para Larsa), na modalidade de radio;



e "O noso é o noso" (dirixido pola axencia Imaxe para Estrella Galicia), na modalidade de televisión.

mércores, 24 de decembro de 2014

A Noitiña de Nadal



Moito me prestou escoitar esta panxoliña, un máis dos centos de elos que engastallan desde o ENDL do CEP Sequelo (Marín).
Esta gravación aprovétiase xa dun traballo de tres anos cos nenos nos Cantos de Reis. Para que a cousa lles quedara tan ben tiveron a axuda de Guillerme de Quempallou (recolleitador de cantos), Xandre da A.C. Trepia (zanfoneiro), á Quenlla (mestres en parte da letra) e aos pais "que se buscaron a vida para atoparnos os trebellos necesarios para facer unha gravación de calidade"

sábado, 28 de xuño de 2014

Entrevista a Xabier Docampo e Xosé Cobas

Tal e como comentou nesta mesma semana Agustín Fernández Paz na súa Laudatio a Xabier P. Docampo,
  "Xabier, que soubo ver sempre as posibilidades de cada medio, por iso  [o] atopamos  facendo radio en distintas emisoras" 
 facendo sempre promoción da lectura con esa voz profunda e engaioladora. Por isto escoitar esta entrevista que lle fixeron dúas alumnas do meu centro tráeme agradables recordos dun programa de da Radio Galega no que hai uns poucos anos interviña semanalmente invitando á lecura dun libro. A emisión cadrábame no coche, indo a traballar. Non volvín a dar cun programa radiofónico que me chegara tanto como aquel. Ademáis esta entrevista ten o valor engadido de que lle foi realizada paralelamente a Xabier Docampo e ao seu ilustrador de cabeceira Xosé Cobas.






P.S.: chamoume a atención que Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz se coñeceran impartindo matemáticas no ano 1973. 41 anos despois seguimos igual: coa prohibición de impartir esa materia en galego.

venres, 13 de xuño de 2014

Entrevistas aos comercios de Silleda

Hai aproximadamente un ano o ENDL do IES Pintor Colmeiro presentaba as súas conclusións sobre o traballo que realizara durante o curso pasado sobre a paisaxe lingüística da vila despois da recollida, estudo e clasificación de 768 fotografías de sinais dalgunhas das principais rúas do centro de Silleda.
Comentabamos que así como en liñas xerais as dministracións facían un uso preferente da lingua galega, o caso do comercio era ben distinto cun emprego que se situaba no entorno do 20%.
No presente curso pensamos que era unha boa iniciativa poñérmonos en contacto co Concello e con ECOS, a asociación local de comerciantes, para agradecer e facer máis visible aqueles establecementos que facían unha aposta pola lingua galega. Aproveitando outra iniciativa xurdida tamén no curso actual, a creación dunha radio dentro do proxecto de normalización do centro pensamos en realizar entrevistas a algúns comercios locais recollendo o ronsel daqueloutras que facía o desaparecido xornal A Nosa Terra. Finalmente temos tres entrevistas a outros tantos establecementos pero o cartafol das que están agardando para o vindeiro curso xa vai estando completiño.
Na imaxe aparece o modelo de factura da Carnicería Cuíña, a boa carne do Deza. Podemos comprobar que se preocupou de imprimilas na nosa lingua. Se pasades por Silleda, xa sabedes onde comprar a carne.

Entrevista Carmiña Moda:


Entrevista a Carnicería Cuíña:


Entrevista a Ferretería Valiño:

martes, 8 de outubro de 2013

Ponte en Galego

Comenzaron co programa de radio o 20 de decembro do 2012. E xa van 17 programas. Estamos a falar de "Ponte en Galego", o portal radiofónico do IES Bréamo (Pontedeume). O programa pódese escoitar a través da emisoria ferrolá Radio Felispín os xoves de 20:30 a 21:30, no 93.9 do dial.
Ademais do podcasts dos programas, no blogue do Equipo de Normalización podemos achar uns carteis dunha calidade fóra do común, e que nos anuncian os contidos principais de cada emisión. Non é para contalo, o mellor é velo.
Roubeilles o último programa que colgaron ata o día de hoxe. Nel temos unha entrevista a "Mofa e Befa" e o interesante diálogo con Katerina Hornikova, estudante checa galegofalante e que se anuncia con esta mensaxe: "tamén o checo foi unha lingua desprezada... e houbo que reinventalo". Todo un gozo escoitalo.

mércores, 13 de febreiro de 2013

Agustín Fernández Paz: "A loita pola lingua é a loita por unha sociedade mellor"

 Iago Martínez faille unha entrevista a Agustín Fernández Paz para Cuac FM que podemos escoitar aquí abaixo a partir do minuto 21
Iago comenza preguntándolle  sobre o seu nomeamento como doctor honoris causa pola Universidade de Vigo, e despois pasan tamén conversar sobre a lectura e a escritura.
A partir do minuto 35 trátase o tema da normalización. Agustín fala da hipocrisía dos que se manteñen no discruso da imposición e chama a continuar cun discurso ilusionante que están a desenvolver a CTNL e a CGENDL.
Tamén trataron sobre o ensino, do que como bo mestre, Fernández Paz bota en falta o trato cos rapaces, e no aspecto negativo comentou que a "lei Wert é a volta ao franquismo".
Ir a descargar

sábado, 2 de febreiro de 2013

Diálogo aberto con Valentín García


Onte, 01/02/2013, o secretario xeral de política lingüística, Valentín García,  foi entrevistado por Kiko Novoa no programa Galicia por Diante, na Radio Galega. O nível do discurso aportado por Valentín é realmente penoso e de baixa calidade. Confunde conceptos, ofrece ideas incompletas e completamente contraditorias. Así que aínda que, por afán de ser exhaustivo, engado a entrevista, non recomendo a ninguén que a escoite. Non aprenderá nada. Unha mágoa. O que si recomendo é o seguinte diálogo que establecín con algunha das xaculatorias que o actual secretario xeral dunha política lingüística absolutamente españolizadora ofreceu no programa das mañáns da Radio Galega.

 O diálogo
A lingua non depende tanto dun decreto que afecta a certas asignaturas 
Asumes que o grande problema para chegar a un pacto para a normalización é o decreto de plurilingüismo. Asume que no 2004 houbo ese gran pacto: o Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL). Pero calas o fundamental: que o decreto ataca directamente ás bases fundametais dese Plan e que se realmente quixeras establecer algún acordo sabes que deberías asumir todos os puntos alí sinalados.
A normalización da lingua non depende tanto dun decreto que afecta ao ámbito do ensino, nada máis, cando o ensino danos coñecementos e actitudes, cando quen nos dá o importante o uso, é a sociedade.
Valentín, esquéceste decote que de o ensino fornecénos de capacidades. A incapacidade para falar en galego é o maior atranco para a normalización nas novas xeneracións. Polo demais é un muro insalvable. Tampouco pareces decatarte de que as leis son fulcrais no establecemento das actitudes. Unha lei ou, como é o caso, todo un conxunto delas, que no canto de favorecelo e potencialo, minimizan e acoutan o uso do galego están educando a toda a sociedade na estigmatización do galego. Mantés un discurso de que o uso da lingua se establece fóra da escola polo que non importa para nada que se destroce o poder normalizador deste ámbito. Pero é que tampouco nos ofrece ningún exemplo de normalización fóra do ensino. Por exemplo, cal é o nível de uso na administración de xustiza? Por que a Lei de Comercio non ten ningunha referencia ao uso do galego? Por que se retirou a esixencia do coñecemento do galego nas probas de acceso ás administracións públicas? E que pasa co recorte para edición de libros en galego? E que pasa con.....? En definitiva, é imposible atopar ningunha medida de goberno fóra do ensino que supuxera unha mellora para o galego nestes tres últimos anos ( e dentro, tampouco, claro)
As matemáticas teñen que ser en castelán,... todo isto pode variar nos centros plurilingües que adopatan unha terceira lingua.
E tes razón, Valentín, nos centros plurilingües impártense as matemáticas en español e as outras materias en inglés. O galego é o que volve a perder. De todas formas non explica a razón dese afán de impoñer o galego nas aulas de matemáticas. Será polo prestixio secular que as esotéricas fórmulas matemáticas  poderían outorgar á nosa lingua no caso de impartirse en galego. Sobre a calidade da lingua utilizada polos políticos.... os debates, ao encenderse, ao querer contestar rápido fainos que utilicemos unha lingua, un rexistro, máis coloquial  Din por aí que eres licenciado en filoloxía. E será. Pero tamén eres o único que coñezo que confunde o rexistro lingüístico coa calidade lingüística.
Estamos traballando moito para as franxas de idade dos máis novos
Efectivamente, no funesto e nomeado decreto, exclúese ao alumnado de infantil da posibilidade do contacto co galego. Así o recoñeceu o TSXG. E agora parece ser que a Xunta, e polo que se ve, co firme apoio da SXPL, vai recorrer  as sentenzas do TSXG que así o ditaminan. Está claro en que dirección estades a traballar. Eu vou polo carril contrario.
Máis información: O secretario xeral de Política Lingüística di que non é “complicado” chegar a acordos con Queremos Galego, 01/02/2013, Sermos Galiza

mércores, 19 de decembro de 2012

Os prexuízos de Amalia



Pensando en ti é un programa da Radio Galega que se emite nas madrugadas. O seu condutor, Alberto Freire tivo que soportar a chamada dunha oínte de Ferrol que se reproduce aquí na emisión do 17/12/2012. A actitude de Alberto Freire foi firme, coherente e sumamente correcta. A de Amailia, a súa interlocutora,  pola contra, podemos cualificala de penosa, maleducada e cargada de prexuízos.

Conviña pararse a pensar un pouco nos prexuízos que reflicten as palabras de Amalia e as razóns polas que os adquiriu.


  • "usted por educación tiene que hablar el idioma que hablo yo, porque yo vivo en Galicia pero no soy gallega"  Ésta é a dialéctica do que desde a oficialide se lle chama bilingüismo cordial. Cando se apela á amabilidade lingüística, moitas veces de moi malas maneiras, como se ve neste caso, reivindícase a aniquilación do galego baixo a preponderancia do castelán  tan pronto como se enxerga o mínimo indicio da súa presencia. Ademais esta frase introduce o debate fundamental de fondo: cales son as delimitacións entre ser galego, estar en Galicia,  e falar en galego? Identidade, territorio e lingua, velahí a cuestión.
  • "o sea que yo, por escuchar la radio gallega, ¿tengo que saber el gallego?" O galego molesta, a súa presenza é imposición. A ignorancia ao poder. O poder da ignorancia refórzase co auto-odio: "Sé francés y sé el inglés pero el gallego no me interesa"
  • "no soy de izquierdas, soy española" Todo un proxecto político.Amalia decátase perfectamente de que a dereita en Galicia renunciou ao seu carácter galego. A política ten unha dimensión educativa da maior importancia. As consecuencias da renuncia do PP á reivindicación da normalización vense ben claras no exemplo de Amalia.
  • "Cuando viene Núñez Feijóo sabe que en Ferrol hablamos castellano.... en el teatro Jofre, donde vino hablar sabe que la gente que va, muchos no sabemos gallego, no tenemos interés". Por fin se declara, con nome e apelidos, quen sustenta a política de fomento dos prexuízos. Ter un referente político ao que anclar o sistema de prexuízos, é fundamental para poder sustentalos. Feióo non se pode declarar inocente de transmitir unha mensaxe sustentadora do auto-odio. Que sentido ten, senón, que un presidente da ¨Xunta se dirixa aos ferroláns en castelán?


mércores, 12 de decembro de 2012

Laying rente the sea

Celso Álvarez Cáccamo recitando a súa versión trilingüe do poema de Celso Emilio Ferreiro: Laying rente the sea

domingo, 4 de marzo de 2012

Isto é galego


Isto é Galego. Episodio 1 from Cuac FM on Vimeo.
Isto é Galego, unha produción de Cuac FM, é o resultado dun traballo feito por voluntarios, con ilusión e creatividade. Procuraron facer un produto radiofónico entretido e dinámico.
O curso completo ten 13 capítulos;  pódese escoitar (ou descargar) o audio,  ou hai alternativa de seguilo nunha serie de vídeos da emisora.

luns, 19 de decembro de 2011

Un programa de Efervesciencia sobre un estudo de linguas en competencia

Hai un programa semanal  de primeira na Radio Galega. Emítese ás 16:00 os sábados pola tarde, chámase Efervesciencia e está levado por Manuel Vicente. Dura unha horiña e vén sendo unha desas escasas xoias da divulgación científica en galego e que ademais está ao alcance de todos non só a través das ondas de radio senón por medio da lista de podcasts que podemos oir en calquer momento. No programa do pasado 17/12/2012 fixéronlle unha entrevista a Luís Seoane, un dos autores de varios artigos ([1], [2]) encol da supervivencia de dúas linguas en competencia xunto con Joge Mira e Ángel Paredes. Velaquí a entrevista (aproximadamente os 20 primeiros minutos do programa)



Aínda que as ecuación diferenciais que propoñen neste modelo son moi bonitas e  melloran outro estudo anterior eu sigo pensando que conviña revisar estes artigos coa contribución dun sociolingüista xa que, por exemplo, establecen a existencia dunha poboación de falantes bilingües ao mesmo nível que as outras de falantes dun par de linguas X e Y. Compría debullar moito máis o significado de "falante bilingüe" ou "poboación bilingüe" no caso de podermos atopar exemplos de tales conceptos. De todas formas o estudo realizado por estes tres investigadores galegos foi merecente de recoñecemento internacional, tal e como o desmostra a publicación dun artigo no Journal of Phisics.
Teño a impresión de que tanto á ciencia como á sociedade galega lle conviña seguir profundizando neste tema e que o mundo da cultura debería ter máis en conta as achegas que se fan desde o ámbito das ciencias. Claro que probablemente a falta de diálogo entre o mundo científico e o mundo das letras se deba fundamentalmente á falta de cultura científica do conxunto da poboación. Por iso cómpre espallar iniciativas de divulgación da ciencia do rigor, a vontade de entretenemento e a calidade con que cada semana o fan os membros de Efervesciencia.

sábado, 8 de outubro de 2011

Quen é María Wonenburger?

María Wonenburger Planells (A Coruña, 1927)  e Marie Curie (1867-1934) son as figuras homenaxeadas este ano no II día da ciencia en galego.
De entre todos os recursos que hai pola rede sobre María Wonenburger quero destacar este vídeo realizado por unha alumna do IES Otero Pedrayo, Gloria Arias Fraga . Nel inclúense anacos dunha entrevista que lle fixeron á matemática coruñesa no programa Efervescencia da Radio Galega o 16/09/2007. O vídeo é unha mostra excepcional da aplicación das novas tecnoloxías ao ensino, a ciencia e a divulgación. Fica ben claro que para a súa realización houbo que empregar moito tempo de estudo e esforzo, houbo que buscar e escoller información, fotografías, recompilar recursos,... O resultado final é preciso, ordenado e interesante.  Pero o máis sorprendente é que este traballo non é un caso aillado pois así son todos os que van colgando no edublogue Entérate, a ciencia tamén é cultura, dirixido pola profesora Carmen Cid Manzano.
Estou seguro de que se Otero Pedrayo tal cousa chegara a ver, estaría orgulloso.

martes, 8 de febreiro de 2011

A ecuación diferencial do bilingüismo

A ecuación diferencial do bilingüismo estaba chamada a que me pasara desapercibida. Foi o interese que mostrou A. C., un alumno meu, quen me falou das reportaxes que saían nos medios informando do caso , e foi polas cuestións que A. C. me avanzou polo que se me despertou o interese no traballo “Importancia da semellanza lingüística e do bilingüismo estable cando dúas linguas compiten”.
Efectivamente, o estido asinado polos profesores da USC Mira, Seoane e Nieto fíxose coñecido ao ser destacado nunha revista do prestixioso MIT (Instituto Tecnolóxico de Massaschussets). Ten unha gran significación simbólica o feito de que se recoñeza internacionalmente un traballo realizado en Galicia e no que se presenta un modelo de dúas linguas en conflito, sobre todo agora, nos tempos en que desde as altas instancias da política autonómica se pretenda disociar a lingua galega do mundo científico.
A orixinalidade do traballo reside na introdución de dúas medidas que poden axudarnos a comprender mellor a sangría de falantes que está sufrindo o galego. Unha delas é o estatus, que mide a percepción social das ventaxas que lle ofrece a un falante o uso dunha determinada lingua. Os autores acaban determinando un valor do 24% para o galego e, polo tanto, dun 76% restanto para o castelán. O outro parámetro co que xogan é o da semellanza lingüística e ao meu ver parte dunha percepción errónea do que pretenden modelizar. A semellanza lingüística pretende medir de que forma pasan os individuos de falaren nunha lingua a facelo na outra ou ben a converterse en bilingües. Do que se pode ler no adianto do modelo que construíron estes profesores da USC, o caso parece máis acaído para aplicarllo a unha sopa de dous tipos de moléculas que poden ter unha determinada afinidade para combinarse ou disociarse.Un non enxerga un substato sociolingüístico firme detrás do parámetro da semellanza lingüística. Así, fálase, por exemplo, dun panorama no que a lingua galega desaparece mentras que tanto o grupo bilingüe como da lingua española se equilibran baixo a consideración dun estatus constante da lingua galega sempre inferior ao da lingua de Castela. De chegarmos a este caso, entre outras cousas, o galego sofriría tal deturpación interna que se esvaería como dialecto do castelán. Trazos de ese proceso xa os podemos ver hoxe en día.
Por outra banda hai fenómenos que non aparecen reflectidos na ecuación diferencial.. No propio estudo, apuntando novas liñas de investigación, noméanse algún. Outros poderían achegarse da consideración de que por moi mala que fose a evolución do número de falantes dunha lingua, ésta podería resistir se hai un grupo de falantes irreductibles dispostos a lle manter fidelidade.
Non debemos perder de vista que o que aparece no artigo non nada máis (e nada menos) que un modelo da evolución do número de falantes de dúas linguas en competición. Así que aínda que a previsión do futuro da lingua galega segundo o modelo, que aparece na imaxe de arriba, é bastante desalentadora, este resultado non é nada definitivo, a sorte do galego non está decidida. Aínda así o traballo destes tres investigadores pode achegarnos nova luz sobre as análises sociolingüísticas realizadas ata o momento.
É de agradecer que estes profesores da USC focalizaran o seu interese nun fenómeno social próximo. Isto sérvenos para confiar máis na nosa universidade, para comprobarmos, que por moi esotéricos que nos parezan os estudos que se realizan nas unversidades, éstes acaban sendo útiles á sociedade que as mantén e apoia.
Finalmente creo que está claro, e considero que éste é o aspecto máis positivo deste traballo, que se abre toda unha nova forma de abordar o estudo do conflito lingüístico e isto é o mellor que lle pode pasar a unha teoría científica: que sexa fructífera, e que xenere todo un novo proxecto de investigación. Sería realmente marabilloso que a partir deste artigo se xurdira unha innovadora vía de colaboración entre matemáticos e sociolingüistas que nos axudaran nun futuro a comprender moito mellor  do que poidamos facelo hoxe, os procesos relaccionados co cambio de lingua despois de estableceren un modelo asentado no que puidera ser a ecuación diferencial da diglosia.

domingo, 24 de outubro de 2010

Fala Londres

Se un mira os centros apuntados para celebrar a xornada da ciencia en galego na web da CGENDL, verá que alí figuran algún de Lalín, da Laracha, da Coruña, Arteixo, Cuntis... e un de Londres!, o IE Cañada Blanch.
Os que, coma min teñan o vicio de visitar habitualmente a páxina da SXPL xa coñecerán o instituto londinense pois frecuentemente viaxan a Galicia onde complementan o estudo da nosa lingua e de paso sacan unha foto co secretario xeral de política lingüística. Para sabermos cal é a realidade que se oculta detrás da foto non hai nada como acudir aos membros do Cañada Blanch. Desde principios de curso manteñen un blogue, o Fala Londres, que é para ver e, no caso que presento hoxe aquí, para oir. Quen fala é Ana.

Ana é natural de Espasante e xa leva tempo en Londres. Estuda 4º da ESO onde un cambio na normativa das opcionais lle impide continuar co galego e ten que facer en español a materia de "Trabajo monográfico". Como vimos dicindo, abride as orellas, debuxade un sorriso nos beizos e pensemos que aínda hai esperanza e moitas Anas polo mundo.

domingo, 8 de agosto de 2010

O TSXG admite a trámite o recurso da Mesa contra o decreto

Enterámonos por Radiofusión que O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de comunicar á Mesa pola Normalización Lingüística a admisión a trámite do seu recurso para suspender o decreto do plurilingüismo.  O dato é interesante xa que a Mesa solicitou tamén a suspensión cautelar do decreto, polo que agora é posible que o TSXG se pronuncie en poucas semanas sobre este asunto, pois, en palabras de Carlos Callón "se tiveramos que agardar dous anos a que se dite sentenza, e durante este tempo non se toma ningunha medida cautelar para que os nenos e nenas tamén poidan aprender en galego, poderíase causar un enorme dano á formación lingüística dos estudantes".
Podedes escoitar a entrevista completa de Carlos Callón en Radiofusión:


P.S.: Ampliación da noticia no Xornal de Galicia