Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Isidro Novo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Isidro Novo. Amosar todas as publicacións

luns, 27 de abril de 2015

Palabras náufragas

por Manuel Cabada Castro, no Faro de Vigo, dando a coñecer a iniciativa da AELG chamada "Palabras con memoria" elaborada Isidro  Novo e que comenzou a publicarse no semanario Sermos Galiza a partir do número 140.


A crise na que se atopa a lingua galega, creación e expresión de todo un pobo, merece desde logo a atención e preocupación de cantos se decatan, aínda que sexa minimamente, da transcendental importancia da súa conservación e utilización. Ámbolas dúas cousas -conservación e utilización- condiciónanse mutuamente. Pois de pouco vale, se non é para simple lecer de historiadores e eruditos, unha lingua que só se poida atopar en vellos libros ou na lembranza esmorecente da xente maior que vai morrendo. Conservaríase, mais como algo pasado, como algo morto. Unha lingua non utilizada é unha lingua morta, por moi fermosos que sexan os monumentos mortuorios que os estudosos poidan erguer sobre ela na súa lembranza. Pois ben, falando de xente maior (pertenzo a tal gremio), velaquí xustamente onde hai urxencias que atender.

mércores, 17 de agosto de 2011

Dignidade versus ignorancia

por Isidro Novo, no Galicia Hoxe do 4/08/2011:

Calquera que teña unha idade lembrará que houbo un tempo onde a nosa lingua, aínda sendo maioritaria, case estaba limitada ao rus, que diría Cunqueiro, á xente das nosas aldeas, que foron quen a preservaron e a fixeron chegar ata hoxe malia os embates que houbo de sufrir dende hai polo menos cinco séculos. Mais sendo incuestionábel este punto, cómpre dicir tamén que o seu esforzo non era recoñecido. Dada a clase humilde dos que a mantiñan, os habitantes dos núcleos urbanos, que a ignoraban en grande porcentaxe, , desprezábana e marcaban diferenza expresándose no idioma bendicido polos reis de Castela e Aragón. Os que falaban galego eran para estes pailáns e ignorantes, polo mero feito de falalo, malia que fosen eles os que ignoraban o significado de boa parte das súas palabras.
Na época actual, logo de constatado que a nosa lingua nai conta con todos os rexistros e de que habería grandes posibilidades para facela extensiva a toda a poboación, a resistencia a aceptala persiste e o inimigo segue a ser a ignorancia. Certamente houbo cambios sociais importantes, como o despoboamento do rural e unha invasión cada vez máis masiva e insistente de comunicación en lingua castelá. E podería engadirse ademais, que os esforzos a prol por parte dos gobernos que tivo a Xunta foron sempre raquíticos e ata que os que agora gobernan disimulan pouco que o seu esforzo vai no sentido oposto. Mais, a verdade sexa dita, ningún goberno podería erradicar – como non puido antes - o noso idioma sen a aquiescencia da poboación. E o certo é que o galego a día de hoxe deixou de ser maioritario e mesmo camiña cara ao declive. Da xente que quere xustificar o seu afastamento, están aqueles que din que o galego non é unha lingua útil, algo que, ademais de discutíbel, non é argumento suficiente, pois moito menos útil é ver televisión e non por iso esa mesma xente renega dela.
Hai outra xente, simple ou simplificada, do noso ámbito urbano que cando te escoita falar no idioma de aquí deseguida che pregunta se es nacionalista, algo que a min sempre me provoca a gargallada porque, segundo esa conclusión de alta idiocia, todo o que crese en Deus tería que ir a misa e todo o que andase en bicicleta tería que ser ecoloxista. Mísero clixé.

Se hai un inimigo do noso idioma, ese segue a ser a ignorancia, pero desta eiva que todos padecemos en maior ou menor medida, existen dúas clases: a curábel e a incurábel, a primeira é aquela que padece quen polo menos sabe que non sabe e quere saber, e a segunda, a do que non sabendo que non sabe, veta calquera posibilidade de conseguilo. Loitar contra esta é como predicar no deserto. E por iso, cando me toca a carón un renegado, adoito comportarme da seguinte maneira: contéstolle en galego e fágolle inmediata tradución. Nun mellor castelán que o deles. A reacción é sempre a mesma; dinme que non é necesaria a dupla, pero eu insisto. E algúns ata acaban tratando de falarme en galego.
De todos os xeitos, a día de hoxe, confeso que hai xente que prefiro que non o fale porque, á parte de facelo mal, na súa boca soa a oportunista e a hipócrita. Ata o punto de que incluso propoñería un slogan que dixese: Galego? Se non quere, non o fale; podemos amañarnos sen vostede. Créanme os que o aman, a mellor marca para o galego é a dignidade e, se me apuran un pouco, ata cunha miga de soberbia.