por Malores Villanueva en ProLingua:
Un lustro é o tempo que pasou dende que Xabier P. Docampo deixou de contarnos historias. Nestes cinco anos perdemos, de seguro, algunha narración que abrollaría do seu maxín para facer as delicias das persoas que agardabamos os seus libros coma, nestes días de tanta calor, anhelamos unha airexa. Sempre xeneroso, deixou dúas obras que se publicaron postumamente: O pintor cego, unha historia lendaria, de gusto clásico, que ofrece unha reflexión sobre a bondade e a xustiza; e os Contos de obxectos, que un imaxina na voz rotunda do autor, á vez que saca do peto as cousas das que fala, nunha posta en escena xa só soñada.


